mércores, 2 de febreiro de 2022

OS IRMÁNS COLLAZO DE CAIÓN

   Nados na vila de Caión o 11 de novembro de 1950, dende moi nenos os xemelgos Manuel e José García Collazo ían sentir verdadeira devoción polo fútbol, un deporte que practicaban no areal das Salseiras nos momentos libres que lles deixaban as faenas da pesca nas que empezaran a traballar con tan só doce anos.

  Andando no tempo, as casualidades da vida fan que Paco Rabuñal, presidente do Atlético Arteixo dende 1963 ata 1976, descubrise aos dous rapaces, dous diamantes en bruto aos que Rabuñal acabaría fichando para o seu equipo xuvenil, co que se proclaman campións de Liga na tempada 1966/67. No Atlético, onde José aparece nas aliñacións como Collazo I e Manuel como Collazo II, os xemelgos de Caión amosan o seu enorme potencial en cada partido e non tardan en demostrar, coas súas extraordinarias actuacións, que o equipo arteixán lles quedaba pequeno para a calidade técnica que atesouraban.

   É nesa altura, na campaña 67/68, cando fichan no cadro xuvenil do R.C. Deportivo da Coruña, onde, ao facer os dezaoito anos, son cedidos por unha tempada á Sociedade Deportiva Club Ordes para disputar o Campionato Rexional de Primeira Categoría. No equipo ordense, que daquela tiña no seu plantel varios xogadores procedentes da canteira herculina por ter un convenio de colaboración co Deportivo, os irmáns Collazo iríanse fogueando antes de recalar de novo na disciplina deportivista na campaña 70/71, na que xogan co Fabril na Serie A Rexional baixo as ordes de Arsenio Iglesias. 

 

Os irmáns Collazo coa camiseta do Fabril (La Voz de Galicia 3-2-1971)

    ‘O Raposo’, que se fai cargo do primeiro equipo en xaneiro de 1971 tras a destitución de Roque Olsen, ía ser fundamental na carreira dos futbolistas de Caión, especialmente na de Manuel, xa que o adestrador da Baiuca faino debutar na Segunda División na xornada trixésima, nun partido no que o conxunto deportivista vence por 4-1 ao Hércules en Riazor con esta aliñación: Aguilar; Belló, Luís, Collazo II; Manolete, Bordoy; Juanito, Loureda, Vales, Cervera e Beci. Nesa tempada 70/71, na que o Deportivo acabaría ascendendo á Primeira División, os Collazo foron dúas pezas fundamentais para que o Fabril tamén conseguise o ascenso de categoría, neste caso á Terceira División. O filial deportivista permanece un ano na división de bronce do fútbol estatal, baixando de novo á Serie A Rexional ao remate da campaña 71/72.

    Con dous descensos consecutivos, aqueles primeiros anos setenta foran tempos moi duros para o deportivismo pois o primeiro equipo herculino, que descendera da Primeira División ao remate da tempada 72/73, baixa á Terceira na 73/74, unha nefasta campaña na que pasan polo banco ata un total de catro adestradores: o chileno Fernando Riera, Carlos Torres, Enrique Orizaola e José Antonio Irulegui. Precisamente un destes técnicos, Carlos Torres, íalle dar a oportunidade a José de debutar na Segunda División, curiosamente contra o mesmo equipo que o fixera dous anos e medio antes seu irmán Manuel: o Hércules de Alacante. Naquel debut, producido o 28 de outubro de 1973 en partido correspondente á oitava xornada, o Deportivo formara con Aguilar; Belló, Piña, Collazo I; Luís, Cobas (Juan Carlos); Piño, Seijas, Muñoz, Plaza e Pardo (Carreras). José xoga nesa tempada 73/74 un total de dezanove partidos coa camiseta deportivista, dezasete de Liga e dous de Copa.

    Un dos reforzos do Deportivo para saír do pozo da Terceira fora o dianteiro do Racing de Ferrol Alfonso Castro(1), un goleador nato polo que o conxunto departamental recibe 3.250.000 pesetas das da época e mais a cesión dos irmáns Collazo. Os futbolistas de Caión chegaban a Ferrol nunha época moi complicada para o Racing. O descenso da Segunda á Terceira á conclusión da tempada 1971/72 dera paso a restricións e miras diferentes, que conduciron á entidade a un calvario de cinco longos anos de “vacas fracas” competindo na Terceira, período no que os nosos protagonistas ían deixar unha profunda pegada que aínda se mantén viva na actualidade na cidade ferrolá, na que, por certo, José e Manuel fixeran uns anos antes o extinguido servizo militar na Mariña.

   De cara á tempada 1977/78, na que a Federación realizara unha nova reestruturación de categorías configurando unha Primeira División con 20 equipos, un grupo de Segunda "A", dous grupos de Segunda "B" e seis grupos de Terceira División(2), o equipo da camiseta verde queda encadrado no Grupo I da Segunda "B". Baixo a dirección técnica de Luís Rodríguez Vaz e a presidencia de Manuel Rico Dopico, os ferroláns realizan unha excelente campaña, proclamándose campións do seu grupo e ascendendo directamente á Segunda División "A". Aquel plantel que logrou o ascenso estaba integrado por Millán, Jolo, Pereira, Otero, Silvano, Richard(3), Corral, Arteche, Torres, Rivera, Juan Carlos, Marcelo, Nando, Argüeso, Garrido, Luly, Méndez, Segundo, Vidal e os xemelgos de Caión, Collazo I e Collazo II, que, naquela altura, xa eran futbolistas en propiedade da entidade racinguista.

   Pouco lles durou a alegría aos seareiros ferroláns, xa que o equipo dos seus amores soamente xogou na Segunda División a tempada 78/79, unha das peores da súa longa historia, na que totalizou catro vitorias; unha campaña na que pasaran polo banco ata catro adestradores(4) e que rematou coa dimisión do presidente Rico Dopico. No que respecta aos caioneses, titulares indiscutibles durante boa parte daquel ano na división de prata, Manolo disputa un total de trinta e dous partidos e seu irmán José trinta.

 

Formación do Racing de Ferrol na tempada 78/79. Arriba, de esquerda a dereita: Rus, Silvano, Vidal, Jolo, Rivas e Juan Carlos. Abaixo, de esquerda a dereita: Aneiros, José Collazo, Alfonso, Manolo Collazo, Luís Pereria e  Antonio Vázquez (fundacionracingferrol.net)

    Consumado o novo descenso de categoría, en Ferrol iníciase un desesperado intento de retornar á Segunda División, mais a débil economía da entidade daría paso a unha longa época de frouxas clasificacións na que os Collazo xogan, despois daquel decepcionante descenso, dúas tempadas máis no equipo racinguista: a 79/80, na que coinciden no plantel con Suso García, futbolista de Paiosaco que hoxe é coñecido en toda a bisbarra polas súas panaderías, e a 80/81, campaña na que tamén estiveran na Segunda B o Deportivo e o Celta e na que os xemelgos de Caión poñían, despois de sete tempadas consecutivas vestindo a camiseta verde, punto e final á súa etapa racinguista.

   A José e a Manolo aínda lles quedaba corda, e ían xogar na Terceira co Viveiro a campaña 1981/82, facéndoo a seguinte na Rexional Preferente Norte co Galicia de Mugardos. Na 83/84 disputan a Primeira Rexional co Piñeiros, un equipo que, tras a fusión en 1996 co Narón Balompé, acaba converténdose no Narón Balompé Piñeiros(5), que, despois de varios ascensos consecutivos, daría o salto á Terceira División en 2003.

     Tras dezaoito anos xogando xuntos, os irmáns Collazo collen camiños diferentes na tempada 1984/85, na que Manolo xoga na Rexional Preferente Norte co Galicia de Mugardos e José na Primeira Rexional co Val, onde fai de adestrador-xogador. Mais a separación dos xemelgos ía ser efémera, xa que volven coincidir no equipo da súa vila natal, o Club do Mar de Caión, no que curiosamente nunca xogaran como federados. Íano facer xa pola volta dos 40 anos, nunha época na que o equipo caionés disputa a Liga da Costa e alí Manolo e José, que tamén fixera de xogador-adestrador, retíranse do mundo do fútbol na década dos noventa. 

 

Formación do Club do Mar de Caión cos irmáns Collazo. Arriba, de esquerda a dereita: Vituco, Jhan, Repi, Paco, Valentín, Santi, Chino, Xaquín e Loureiro. Abaixo, de esquerda a dereita: Mariño, Chiscas, Jorge, Marcelino, José Collazo, Manolo Collazo e Manolo (Paco Viñas)

   Por se é do voso interese, a biografía dos irmáns Collazo, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos.

 

_____________

1.- Castro sería o máximo goleador estatal da Segunda División na tempada 77/78 cun total de 24 goles.

2.- Cada un deles con 20 equipos.

3.- Pai de Nacho Novo, ex-xogador do Somozas, Huesca, Dundee F.C, Glasgow Rangers, Sporting Xixón ou, entre outros, do Legia de Varsovia.

4.- José López, Moreno Manzaneque, Gerardo Molina e Otto Bumbell.

5.- Este equipo ía desaparecer en 2015, ano no que se creou o Club Deportivo Narón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario