luns, 27 de decembro de 2021

A FEIRA DE GOLMAR

    A Laracha foi durante moitos anos un dos municipios da provincia da Coruña máis ricos en produtos agrícolas, gandeiros e pesqueiros e, por tal motivo, houbo un tempo no que contou con tres feiras moi concorridas e populares: a de Paiosaco, a de Vista Alegre e a de Golmar, da cal falamos deseguido. 

   Accedendo ao solicitado por Manuel García Rodríguez, adiñeirado comerciante desta parroquia, e respondendo ao propósito de beneficiar os intereses xerais do concello, a corporación municipal da Laracha, presidida naquela altura polo alcalde José Castiñeiras, acordaba na sesión plenaria celebrada o día 10 de outubro de 1916 a creación dunha feira pública os mércores 1º e 3º de cada mes, que se ía realizar nuns terreos existentes entre os lugares de Lamas e O Igrexario.

 

Panorámica do lugar onde se celebraba a feira de Golmar

   A feira de Golmar, que se inaugurou o 1 de novembro dese mesmo ano, nacía co obxectivo de beneficiar… “ganados vacunos y de cerda, gallinas, huevos, quesos, caza, trigo, centeno, habas y demás productos del país, siendo las transacciones libres de todo impuesto y gravamen”1. 

   Naquela hora ir á feira era unha actividade festiva, un día no que os labregos deixaban o duro traballo cotián no campo para comprar, vender, soamente mirar ou mesmo para ter coñecemento das últimas novas acontecidas na comarca. Segundo fose a época do ano prevalecía un tipo de gando sobre outro. En setembro e outubro abundaban bois, vacas e touras que a veciñanza da bisbarra compraba para manter durante o inverno e vender na primavera despois de labrados os campos e cando empezaba a escasear a herba. A partir de xaneiro aparecían os porcos para criar; no verán, años e cabritos. Na Laracha e nos concellos limítrofes as feiras que se celebraban na época na que se inaugurou a de Golmar eran as seguintes: 

   En Carballo había a “feira de Cances”, que se realizaba no lugar de Cances da Vila, o terceiro domingo de cada mes e era de gando vacún e porcino; a “do Rapadoiro”, no lugar do Rapadoiro, na parroquia de Noicela, o primeiro xoves de cada mes e o venres seguinte ao terceiro domingo, de gando vacún e porcino; a “de Rus”, no sitio de Campo das Calviñas, o primeiro martes e o terceiro domingo de cada mes, de gando vacún e porcino; a “de Verdillo”, no sitio de Campo de Verdillo, o cuarto domingo de cada mes, e o quinto, se o houbera, de gando vacún, cabalar, mular e porcino; e a de Carballo”, que se celebraba na capital do municipio no sitio denominado Campo de Carballo, o segundo domingo de cada mes, de contratación de gando vacún, cabalar, mular e porcino. Ademais, na vila de Carballo tamén se celebraba todos os xoves mercado de aves, ovos, froitas, hortalizas, etc. 

   En Cerceda había a “feira de Cerceda”, na capital do municipio, os sábados anteriores ao segundo e último domingo de cada mes; e a de “San Amaro da Silva”, no lugar da Silva, parroquia de Rodís, o primeiro sábado e o terceiro domingo de cada mes. 

   Naquela altura en Arteixo non había ningunha feira, algo que si acontecía en Culleredo, que se celebraba o segundo e últimos domingos de cada mes, no lugar de Peiro de Arriba, parroquia de Celas, e era de gando vacún e porcino.

   E xa no municipio da Laracha había feira o primeiro e terceiro domingos de cada mes no lugar de Paiosaco; o segundo e terceiro sábados, en Vista Alegre, parroquia de Soandres (das feiras de Paiosaco e Vista Alegre falaremos máis polo miúdo no futuro); e o primeiro e terceiro mércores, en Lamas, parroquia de Golmar. Todas de contratación xeral.

   Cando os avós dos nosos avós precisaban mercar ou vender gando, ferramentas ou sementes acudían a estas feiras que se realizaban pola bisbarra, nas que se desenvolvía un comercio a pequena escala relacionado coa actividade agraria, coma era o caso da de Golmar.

 

Camiño da feira para vender gando porcino (Ruth Matilda Anderson)

   Naqueles intercambios comerciais de produtos diversos, os nosos devanceiros sufrían non poucas veces os abusos da práctica do “fiado” ou “cautela”, pola que o labrego non cobraba o importe da res vendida ata unha feira posterior á que se realizara o trato, dándose numerosos casos de desaparición do feirante co correspondente prexuízo para o labrego. Tamén era habitual a presenza dos “plantóns” ou “estacas”, falsos feirantes que lle ofrecían uns baixos prezos aos labregos polas súas reses. Estas prácticas e costumes eran denunciadas polos sindicatos e sociedades agrarias, que reclamaban ás autoridades para que vixiaran a presenza destes “plantóns” ou “estacas” e que impuxesen a obriga de realizar os pagos de reses ao contado, evitando os abusos cometidos por tratantes sen escrúpulos que se aproveitaban da necesidade do labrego2. 

   Ao fío destos feitos, os medios da época opinaban que… “Si esta comarca tuviese las vías de comunicación necesarias, y un matadero rural en Carballo, produciría el 50 por 100 más de lo que ahora produce y desaparecerían esos intermediarios que se lucran indebidamente”3. 

   A feira de Golmar tamén ía dar pulo á creación na parroquia de “abacerías, barberías, carpinterías, un colegio particular, fábricas de curtidos, estanco, exportadores de ganado, panaderías, sindicatos agrario católico, tabernas y zapaterías”4. 

 

Imaxe tomada desde o lugar de Lamas na que se observa O Igrexario e o campo no que se facía a feira de Golmar

   Mais a actividade comercial e as transacción gandeiras irían decaendo paulatinamente e, despois de algo máis dunha década de vida, sobre o ano 1927 ou 1928, Golmar quedaba sen a súa feira, feito do que daba conta o xornal El Ideal Gallego en 1930: “en esta feligresía se inauguró en noviembre de 1916 una feria que fue muy concurrida y que siendo el 1º de cada mes, hubo necesidad de que se celebrase dos veces al mes, trasladándola para el primero y tercer miércoles; era de contratación general y se verificaba en Lamas; pero luego decayó y hubo que suprimirla; su campo se destina ahora al cultivo como se hacía anteriormente”5.

______________

1 Boletín Oficial da Provincia da Coruña, n.º 241, 17 de outubro de 1919, páx. 3.

3 El Correo Gallego. Órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, 15.7.1928, páx 10.

4 El Ideal Gallego, 12.3.1930, páx 4.

5 Ibídem.

Ningún comentario:

Publicar un comentario