martes, 14 de decembro de 2021

QUICO E PEA: DOUS LARACHESES NA SEGUNDA B CO BERGANTIÑOS F.C.

 Un dos partidos máis lembrados na nosa bisbarra é o que disputaron en Carballo, a finais de 1987, o Bergantiños e o Rayo Vallecano na cuarta rolda da Copa do Rei. O conxunto carballés, que naquel entón xogaba a súa primeira tempada na 2ª B, viña de eliminar ao Pontevedra, ao Arousa e ao Baskonia cando lle tocara en sorte o equipo madrileño na competición copeira, unha rolda na que o once da camiseta vermella realizou un gran partido de ida en Vallecas. Alí, os goles de Lerio e José Ramiro puxeron contra as cordas ao cadro adestrado por Felines, mais finalmente os carballeses terminaron acusando o esforzo na recta final do choque1 e caeron por 3-2, resultado que enchía de ilusión aos seareiros bergantiñáns de cara ao encontro de volta. 

   Cunha afluencia de máis 3.500 persoas que deixaran unha recadación de máis de dous millóns de pesetas da época nas arcas locais, o abarrotado Campo do Chorís fora o escenario do partido de volta disputado na noite do 5 de novembro de 1987, un recinto que estreaba iluminación para a ocasión e no que había xente de todos os puntos da Costa da Morte, da Laracha, de Arteixo... e ata estaba na bancada parte do plantel do R.C. Deportivo que na seguinte xornada ligueira da Segunda División tiña que enfrontarse en Riazor ao Rayo. No partido máis importante da súa longa historia, aquel día o Bergantiños era o equipo de todos. Moitos dos alí presentes aínda lembran o ambiente especial vivido naquel vello campo no que, cando quedaban uns cinco minutos para que os xogadores saltasen ao céspede, se apagaron os focos repentinamente. O xornalista de La Voz José Manuel Ferreiro contaba na súa crónica que aquel apagón, que ía durar máis de media hora, engadíralle aínda máis épica a un partido xa de por si inesquecible. Arranxada a iluminación, o Bergantiños, naqueles tempos adestrado polo lucense Xulio Díaz, saía ao campo cunha aliñación que algúns aínda recitan hoxe de memoria: Paco, Juan, Fariña, Quico, Miguel; Lito, Lerio, Cao, Lucho, Solé e José Ramiro. Para cambios; Agustín, Costa, Murias, Antelo, Ortiz e Gorri.

  Con Lucho á batuta e amparados nunha gran defensa, o cadro de Carballo íase facer co control do xogo dende os primeiros intres, mostrándose, durante toda a primeira parte, moi superior ao Rayo Vallecano, mais, con todo, foron os visitantes quen golpearon primeiro co gol de Javi Rey, pouco antes do descanso. Un minuto despois, José Ramiro facía o empate e devolvía a esperanza aos afeccionados bergantiñáns. Os setenta e cinco minutos que se disputaron posteriormente xustifican a paixón que esperta o fútbol. Á volta do descanso, un espectacular remate de cabeza de Lito puxo o 2-1 no marcador e igualaba a eliminatoria. E co partido a piques de rematar, ía chegar a loucura. No minuto 83, José Ramiro anotaba o 3-1, resultado que clasificaba ao Bergantiños para a seguinte rolda copeira. Acto seguido, o árbitro sinalaba un penalti que podería significar o 4-1. Todo estaba preparado para entrar na historia. O Bergantiños atopábase a uns minutos de culminar a proeza de eliminar a un equipo de moito aquel e enfrontarse na Copa do Rei cos conxuntos punteiros do Estado. Mais Lucho, a referencia daquel equipo, que apenas tocara a pelota por mor da dura marcaxe dos vallecanos, lanzou o balón ás nubes. Nun minuto íase pasar da gloria ao fracaso, xa que ao pouco o Rayo igualaba a eliminatoria por medio de Jesús, que anotaba no minuto 89. A festa íase converter en funeral e, inescusablemente, volverían cumprirse as leis da natureza: o peixe grande acabaría comendo ao pequeno. Xa na prórroga, e presa dos nervios, Lucho cruzou unhas palabras co árbitro Villacampa Duque, quen lle ía amosar o vermello directo. Aquel foi o principio da fin, xa que o Rayo non ía tardar en anotar os dous goles que poñían no marcador o definitivo 3-4, un cadro vallecano que na seguinte rolda copeira ía quedar eliminado co Las Palmas. 

   Tras o gran papel realizado na Copa do Rei, o Bergantiños ía ser quen de manter a categoría sen apuros no seu primeiro ano naDivisión B, rematando a tempada nun máis que digno décimo primeiro posto. Baixo a dirección técnica de Xulio Díaz, aquel bloque aínda é lembrado hoxe en día pola gran disciplina táctica e pola calidade do grupo:Eu o que pretendía era non restar, porque tiña un grupo humano fóra do común, era unha marabilla. Currantes que miraban polo equipo e que ademais se levaban todos moi ben, lembraba anos máis tarde o ex-técnico vermello. Un daqueles currantesdos que facía mención Díaz, protagonista na eliminatoria copeira contra o Rayo e tamén durante todo o ano da competición ligueira na 2ª B fora Francisco Vilanova Fraga ‘Quico’, un futbolista nado na Laracha o 25 de marzo de 1960 que empezara a xogar nas categorías inferiores do R.C. Deportivo da Coruña, nas que ía permanecer ata fichar, con 17 anos, no equipo da súa vila natal. 

Formación do Bergantiños no estadio de Vallecas. Quico é o terceiro pola esquerda da fila superior (xan Fraga. Bergantiños F.C. 75 anos de historia. Bergantiños F.C. 1998)

   Quico non tardou en facerse un oco no once titular do primeiro equipo larachés, sendo un dos asiduos da liña defensiva durante toda a tempada 1977/78, mais, rematada a campaña, ía cambiar de aires ao asinar co desaparecido Deportivo Carballo, cadro co que o noso protagonista disputa a Rexional Preferente durante dúas tempadas. Francisco Vilanova regresa ao Laracha na campaña 80/81 e consegue chegar cos seus compañeiros á final do Campionato Galego de Afeccionados, final que perden en Padrón co equipo vigués do Castrelos por 1-0. Logo, unha estadía de dous anos no Ponteceso, club co que gaña a Copa da Costa na tempada 81/82, ía dar paso á súa fichaxe polo Bergantiños, onde chega na campaña 1983/84 para disputar a Rexional Preferente cos vermellos. No seu segundo ano alí, o futbolista da Laracha consegue co equipo carballés a Copa Galicia 1984/85 tras vencer na final ao Meirás C.F., ao que venceron en Carballo por 3-0 con goles do arteixán Pibe, Toni Pérez e Alfredo, e co que perderon por 1-0 no campo “Misael Prieto” de Meirás. Foi precisamente nesta tempada 1984-85 cando o Bergantiños tivera de novo a oportunidade de loitar polo ascenso á Terceira División; pasaran 32 anos dende o segundo e último intento errado. Tras unha loita tenaz e sen cuartel, chegárase ao final da competición cun triplo empate entre o Flavia, o Sp. Sada e o Bergantiños: 59 puntos e 21 positivos. Mais a mellor golaveraxe de Flavia e Sp. Sada convertéraos, respectivamente, en acredores do título e do dereito a disputar a promoción. Os de Carballo quedaban, de novo, ás portas.

   O ascenso á Terceira División chega na tempada 1985-86, na que Quico tivo tanto protagonismo como na seguinte, a 86/87, que foi cando o cadro bergantiñán ocupou a cuarta praza da táboa clasificatoria que lle daba dereito a disputar a fase de ascenso á Segunda B, unha promoción que os carballeses ían superar e que daría paso a entrar, por vez primeira na súa historia, na categoría de bronce do fútbol estatal. O Bergantiños vivía naquela hora os mellores momentos dos seus 63 anos de vida e o larachés Francisco Vilanova ‘Quico’ estaba alí presente. O debut na Segunda B producíase o día 30 de agosto de 1987 en Santander contra o Rayo Cantabria, equipo ao que venceran por 1-2 coa seguinte aliñación: Paco; Juan, Miguel, Quico, Cao, Lerio, Lucho, Costa (Solé, 55´), Lito, José Ramiro e Murias (Fariña, 78´). Sete días máis tarde os vermellos xogaban o seu primeiro partido en Carballo, choque que perden por 0-1 co Arenteiro. Despois do empate a un gol en Arousa na terceira xornada, na seguinte chegaba a contundente vitoria por 3-0 diante da Cultural Leonesa, a primeira que o once carballés conseguía na categoría como local. Logo, sempre co notable protagonismo de Quico no eixe da liña defensiva, virían outras moi lembradas como o 1-0 ante o Eibar, o futuro campión da categoría, o 0-2 en Pontevedra, o 0-1 en León ante a Cultural, ou o xa mencionado bo papel na Copa do Rei. A estes éxitos tamén ía contribuír o futbolista da Laracha naquela inesquecible tempada 87/88, que foi a primeira e a última que Quico ía disputar na 2ª B xa que, ao seu remate, abandonou o cadro carballés para converterse na primeira fichaxe do Compostela presidido por José María Caneda e adestrado por Fernando Castro Santos, un equipo santiagués que naquela hora xogaba na Terceira, mais que, logo de varios ascensos consecutivos, non tardou en alcanzar a Primeira División.

   Na segunda tempada do Bergantiños en 2ª B, a 88/89, tamén ía debutar na categoría coa entidade de Carballo outro futbolista do concello da Laracha: o caionés José Manuel Lema Prieto, coñecido futbolisticamente co alcume de Pea. 

   Nado en Caión o 5 de novembro de 1968, Pea empezaría a darlle as primeiras patadas a un balón no equipo da súa vila natal, o Club do Mar, onde con tan só 18 anos ía ser un dos artífices de que o cadro mariñeiro disputase na tempada 1985/86 por vez primeira na súa historia a final da Copa da Costa, título que os caioneses ían perder ante o Carnota por 1-1 e 1-2. Tras seguir despuntando durante dous anos no ataque do Club do Mar, José Manuel chega a Carballo na tempada 88/89 para reforzar ao Bergantiños “B”, que fora creado nesa mesma campaña para xogar no Grupo VI da Segunda Rexional e que estaba adestrado polo ex-deportivista Ramón Piña. As boas actuacións do futbolista de Caión no filial, onde habitualmente xogaba de mediapunta, non ían pasar desapercibidas para o técnico do primeiro equipo, o pontevedrés José Ramón Segura, que faría debutar na 2ª B ao noso protagonista o 6 de novembro de 1988, curiosamente un día despois de facer os 20 anos. Naquel partido2, xogado contra o Baskonia en Basauri (Biscaia), o Bergantiños acadaría un meritorio empate a un gol e Pea, saíndo de inicio, deixaba a súa carta de presentación disputando os seus primeiros 45 minutos na categoría.

   Durante o resto daquela tempada 88/89, o futbolista de Caión ía alternar as súas actuacións entre o Bergantiños “B” e o primeiro equipo, co que ía acabar xogando ata un total de oito partidos máis na Segunda División B3, o último deles disputado no Carballiño contra o Arenteiro, enfrontamento que o once de Carballo, xa matematicamente descendido á Terceira División, ía perder por 2-0.

   Despois dun ano vestindo a camiseta do Compostela, Quico regresa a Carballo para xogar na Terceira División co Bergantiños, onde permanece ata o remate da tempada 1990/91, que foi cando fichou no Laracha para facer de xogador-adestrador, conseguindo en 1992 a primeira Copa da Coruña para o equipo da súa localidade natal. Tras o periplo no Laracha, Quico íase facer cargo da dirección técnica do Compostela “B” na campaña 93/94, que foi a derradeira na que estivo vinculado ao mundo do fútbol para dedicarse única e exclusivamente á súa actividade profesional no mundo da medicina, actividade que o levaría a converterse en xerente do CHUAC4. 

Imaxe da tempada 1989/90 do Bergantiños. Quico é o primeiro pola dereita da fila superior e Pea o segundo pola esquerda da inferior (Xan Fraga. Bergantiños F.C. 75 anos de historia. Bergantiños F.C., 1998)

   Pola súa banda, Pea continuou xogando no Bergantiños ata finalizar a campaña 94/95, na cal o cadro de Carballo puxo fin, despois de formar parte durante sete tempadas da Terceira División e dúas da Segunda B, á súa etapa máis exitosa ao descender á Rexional Preferente, categoría que o futbolista de Caión disputou co Laracha baixo as ordes do adestrador Pedro Vila. Na tempada 2000/01 volve xogar na Terceira División formando parte do plantel do Malpica. Posteriormente, unha curta etapa de catro meses no Camariñas daría paso á súa fichaxe no Racing Vilalbés, que foi o club onde José Manuel Lema Prieto, coñecido durante a súa traxectoria futbolística co alcume de Pea, colgou as botas aos 33 anos. 

   Por se é do voso interese, as biografías de Quico e Pea, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos.

 

______

1 Con José M. Ferreiro como enviado especial, o encontro transmitiuse en directo pola que naquel entón era Antena 3 Bergantiños e hoxe Radio Voz.

2 Partido correspondente á 10ª xornada de Liga do Grupo I da 2ª B da tempada 1988/89.

3 Xornada 16ª, Bergantiños-Lugo: 0-5; 19ª, Lalín-Bergantiños: 0-0; 21ª, Bergantiños-Santoña: 0-0; 22ª, Pontevedra-Bergantiños: 2-0; 23ª, Bergantiños-Ponferradina: 1-2; 25ª, Bergantiños-Baracaldo: 0-1; 36ª, Bergantiños-Lemona: 0-0; e 37ª, Arenteiro-Bergantiños: 2-0.

4 Complexo Hospitalario Universitario A Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario