luns, 10 de marzo de 2025

MASETTI, O XORNALISTA-GUERRILLEIRO ARXENTINO DE ORIXE CAIONESA

  Continuando coa serie que iniciamos hai uns días co artigo que podedes ler nesta ligazón http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2025/03/maria-esclavitud-blanco-unha-caionesa.html, nas Crónicas da Laracha desta semana falamos dun dos fillos da caionesa María Esclavitud Blanco Verdía: Jorge José Ricardo Masetti Blanco, popular xornalista e guerrilleiro arxentino que nos anos 50-60 mantivo unha estreita relación de amizade co Che Guevara. Esta é a súa historia.

Jorge Ricardo Masetti co Che Guevara (https://es.wikipedia.org)

   'Coco', como así o alcumaba a súa familia, nace o 21 de maio de 1929 en Avellaneda, no cordón industrial formado arredor da cidade de Buenos Aires. Tras pasar por varios colexios, estuda na escola pública ata segundo grado antes de completar ata cuarto no colexio salesiano 'Nuestra Señora de la Guarda' da localidade de Bernal. Posteriormente finaliza a educación primaria na escola 46, continuando os seus estudos na 'Escuela de Artes Gráficas y Publicidad' n.° 15 no barrio de Barracas.

   Seareiro do Racing Club de Avellaneda, soñaba con ser o porteiro deste equipo no que seu avó José fora prezado directivo e seu tío Américo un destacado futbolista. Con 15 anos deixa de estudar e empeza a buscar traballo. Non tarda en ingresar no mundo das redaccións xornalísticas como 'cadete' no diario El Laborista e, ao pouco, tamén forma parte dos elencos de varios diarios próximos ao nacente peronismo, o réxime político instaurado na Arxentina por Juan Domingo Perón no ano 1945. A militancia do mozo de orixe larachesa na Alianza Libertadora Nacionalista íao achegar a medios como Cabildo e Tribuna, donde se ocupaba da sección de crónica social.

   Tras a aprobación das Actas de Chapultepec, que impuxo a posición estadounidense da Doctrina Monroe co fin de utilizala na Guerra Fría, Masetti foise afastando paulatinamente da ALN, orientándose dende aquel entón decididamente ao xornalismo e á escritura literaria. Como outros xornalistas da mesma orientación política, non sen oscilacións na súa caracterización e posicións con respecto ao peronismo, segue formando parte das redaccións oficialistas ao tempo que colabora tamén en La Epoca, Noticias Gráficas, Democracia e El Mundo, ligadas á Cadena A.L.E.A. Ademais, tamén chegaría a ter ao seu cargo a sección de política internacional do noticieiro de radio El Mundo e a ser redactor de noticias no Canal 7. Paralelamente, colaboraba con contos en diversos diarios porteños, entre eles o daquela filooficialista Clarín e o expropiado La Prensa.

Jorge Ricardo Masetti nunha redacción nos anos 50 (https://argentina.indymedia.org)

   En xaneiro de 1950 incorpórase ao servizo militar na Marina, valéndose do xornalismo para que lle asignaran un posto administrativo. En maio do ano seguinte, sempre cumprindo o servizo militar, zarpa no buque escola Pueyrredón e viaxa sete meses arredor do mundo.

   Rematadas as obrigas castrenses, en xullo de 1952 casa con Clelia Dora Jury, con quen ten dous fillos, Graciela e Jorge. Entre 1953 e 1954 dirixe un xornal da cidade de Tandil e, neste último ano, tamén dirixe a 'Revista de la Asociación de Docentes Argentinos' durante seis meses. Ademais, traballa en Radio Excelsior adaptando contos clásicos. Nese remuíño de creatividade, a súa produción máis importante é un monólogo para teatro chamado “La Noche se prolonga”, que se estrearía en Buenos Aires o 9 de xaneiro de 1959.

    Nos últimos tempos do peronismo tamén traballa na 'Agencia Latina de Noticias', empresa xornalística con vínculos co goberno que tiña por finalidade a transmisión de información ao resto de América Latina. Poucos meses antes do golpe militar de 1955, dirixe Cara y Ceca, Semanario Argentino Ilustrado, unha revista que é o seu primeiro emprendemento independente e na que tocaba a política (primeira parte) e cuestións de interese xeral vencelladas ao mundo do espectáculo e dos deportes.

     Na etapa da Revolución Libertadora, que é como se coñece á ditadura cívico-militar que gobernou a República Arxentina, tras dar un golpe de Estado liderado polo xeneral Eduardo Lonardi ao presidente constitucional Juan Domingo Perón en setembro de 1955, Masetti vivía en Adrogué, ao sur de Buenos Aires, coa súa muller e os dous fillos do matrimonio. Nesa época seguía traballando para El Mundo, medio da empresa privada Haynes que fora intervida tralo derrocamento de Perón. Desde Adrogué, Jorge Ricardo Masetti comeza a interesarse polos combates que se libraban en Cuba, interpretando en clave nacionalista o 'Movimiento 26 de Julio', a organización política e militar cubana creada en 1955 para combatir a ditadura de Fulgencio Batista. 

    Masetti ía conseguir o financiamento da radio El Mundo para viaxar en febreiro de 1958 á illa caribeña co obxectivo de entrevistar a Fidel e ao Che na Sierra Maestra, obxectivo que o reporteiro arxentino-caionés cumpriría. Ao longo do camiño cara ese lugar coñece a ducias de homes e mulleres que libraban a loita revolucionaria, e mesmo é testemuña de bombardeos con napalm. Aquela entrevista en Cuba cambiaría para sempre a súa vida, abofé!

Masetti entrevistando a Fidel Castro en Sierra Maestra o 15 de abril de 1958 (https://argentina.indymedia.org)

    No aeroporto, antes de partir cara Arxentina, recorda a esa xente que loitaba pola súa liberdade, unha xente que lle dixera: “Los orientales, por tradición, luchan, no lloran”.  E el, nese momento, tivo a sensación de que desertaba, de que retornaba ao mundo dos que choran. Produto das entrevistas na Sierra Maestra edita o libro “Los que luchan y los que lloran. El Fidel Castro que yo vi”, donde relata a loita do pobo cubano en contra da ditadura de Batista.

    O trato frecuente co seu compatriota Che Guevara ía fortalecer un vínculo de amistade entre ambos. De feito, o día que ingresaban os combatentes da Revolución na Habana, Maseti entrevistaba a Celia de la Serna, nai do Che, no Canal 7 de Buenos Aires. 

Masetti co Che Guevara (https://archivo.prensa-latina.cu)

   Días despois, en xaneiro del 1959, regresa a Cuba xunto a súa muller e os seus fillos, convidado polo Che e participa na organización da “Operación Verdad”, a conferencia de prensa ofrecida por Fidel Castro no Cabaret Copa Room do Hotel Habana Riviera aos xornalistas estranxeiros, conferencia na que se desbarata a campaña de calumnias contra a nacente Revolución Cubana. 

Masetti con Fidel Castro nos días iniciais da Revolución Cubana (http://www.cubadebate.cu)

  Jorge Ricardo Masetti Blanco funda e dirixe en xuño do mesmo ano Prensa Latina, primeira axencia independente de noticias que pretende romper co monopolio estadounidense da información. “Somos objetivos pero no imparciales, porque no se puede permanecer imparcial entre el bien y el mal…” decía Masetti, quen ía lograr que colaboraran na axencia o mellor da intelectualidade da época: Jean Paul Sartre, Simone de Beauvoir, Waldo Frank, Wright Mills, Rodolfo Walsh, Paco Urondo, Ernesto Giachetti, Juan Carlos Onetti ou, entre moitos outros, o colombiano Gabriel García Márquez, tamén de orixe galega por parte de súa avoa Tranquilina Iguarán Cotes. Andando no tempo García Márquez recibiría o Premio Nóbel de Literatura no ano 1982.

Masetti con Ernesto Giachetti e Gabriel García Márquez (Facebook Jorge Ricardo Masetti)

   Con Prensa Latina o fillo da caionesa María Esclavitud Blanco ía cubrir feitos acontecidos nos primeiros anos sesenta como a explosión do barco Coubre que estaba atracado no porto da Habana cargado de explosivos e armamento, sinistro no que morreron cen persoas; a rebelión en Venezuela do militar Jesús María Castro León; os terremotos de Chile de maio de 1960; ou o golpe militar contra o presidente arxentino Arturo Frondizi.

    A mediados de 1960 Jorge Ricardo rompe a relación coa súa muller e inicia unha nova etapa na súa vida coa súa secretaria cubana Concepción Dumois, con quen tería unha filla, Laura.

    A causa de loitas internas, a comezos do 61 renuncia á dirección de Prensa Latina aínda que, trala oportuna petición de Fidel Castro, regresaría momentáneamente ao cargo durante a invasión a Playa Girón, un dos puntos de desembarco para a invasión de Bahía de Cochinos de 1500 exiliados cubanos patrocinados polo goberno norteamericano. Unha das cancións do cantautor cubano Silvio Rodríguez trata, precisamente, deste episodio da historia cubana no que Masetti participaría nos interrogatorios posteriores aos mercenarios.

    A partir do abandono definitivo de Prensa Latina, as súas conviccións ideolóxicas van estar íntimamente relacionados aos plans revolucionarios do Che Guevara. A experiencia vivida en Sierra Maestra no 58 deixáralle unha profunda pegada que o ía marcar ata o último dos seus días e dende aquel momento, sendo testemuña da causa revolucionaria cubana, empezara a xermolar na súa mente a idea de levar a loita armada a Arxentina.

   Deste xeito, co coñecemento e a colaboración do Che Guevara, Masetti inicia en Cuba o reclutamento de quenes quixeran acompañalo para construír un foco rebelde na provincia de Salta, no noroeste arxentino, en Orán, unha zona selvática limítrofe con Bolivia, onde consideraba que se daban as condicións para que o foco tivera éxito. Os militantes comezan a recibir instrución militar na illa e posteriormente, previo paso por Praga e por París, viaxan a Arxelia para colaborar, desde finais de 1961 ata os primeiros meses do 62, co Frente de Liberación Nacional Arxelino.

    As experiencias acumuladas no país africano vano formando como futuro xefe guerrilleiro. Eran seis homes que debían ser o núcleo inicial do 'Ejército Guerrillero del Pueblo' que comanda o propio Masetti, coñecido dende aquela co seu nome de guerra: Comandante Segundo. Obviamente, o Comandante Primeiro era o Che Guevara.

    O grupo chega a Bolivia en 1963 e posteriormente cruzan á provincia arxentina de Salta. Alí difunden a “Carta al Dr. Illia”, mandatario que chegara á presidencia de Arxentina nunhas eleccións controladas polas forzas armadas e a quen o 'Ejército Guerrillero del Pueblo' consideraba como un “gobierno fraudulento”. 

Masetti co EGP en Salta (Facebook Jorge Ricardo Masetti)

    Pouco a pouco van recibindo o apoio de grupos chegados de Buenos Aires, Córdoba e Rosario. Con eles empezan a ter voz algúns representantes campesiños e indíxenas da zona que reflexaban como un espello unha historia escondida e esquecida desos pobos. En Orán o grupo encabezado por Masetti encontrara unha Arxentina encuberta e profundamente latinoamericana en rostros, en paisaxes e en artesanías, en pasado e presente. Ensinaron e compartiron temas sobre a loita contra a impunidade, o abuso policial, o exilio, o xenocidio, o poder popular, a contrainsurxencia, a biodiversidade e a loita pola terra e, sobre todo, o dereito a reclamar xustiza.

   Mais, con todo, o 'Ejército Guerrillero del Pueblo' nunca chegaría a ter o apoio maioritario da poboación local e sería desmantelado en pouco máis de un ano. Nos primeros meses de 1964, os ataques sobre os seus campamentos aceleran o seu final entre marzo e abril, que foi cando a 'Gendarmería Nacional' desarticula e captura a maioría dos miembros do EGP. Masetti, entre o fogo cruzado, internouse na selva cun avanzado estado de inanición e gravemente enfermo. Parece ser que na fuxida caeu por un barranco poñendo fin así, naquela terra hostil e salvaxe, ao último dos seus días. O seu corpo nunca apareceu. Tómase como data da súa desaparición o 21 de abril de 1964, cando ta 34 anos. Como di a canción de Silvio Rodríguez, "yo me muero como vivi"... e Masetti morreu na súa lei. Véxase aquí unha pequena reportaxe con motivo do cincuenta aniversario da súa desaparición:

  O seu libro, Los que luchan y los que lloran, ía ser reeditado en 1969 con prólogo de Rodolfo Walsh.

   Segundo nos contou a súa sobriña segunda Florencia Masetti, cando desapareceu na selva de Salta súa bisavoa caionesa María Esclavitud Blanco, de profundas convincións relexiosas, rezaba acotío na igrexa do Inmaculado Corazón de María de Buenos Aires suplicando e rogando pola aparición do corpo do seu fillo. A pobre muller de seguro que tamén lle suplicou á virxe da súa infancia, a súa querida Virxe dos Milagres de Caión.

Igrexa do Inmaculado Corazón de María en Buenos Aires (https://www.freepik.es)

FONTES:

-Luna, Jorge (2020): La pandemia y el recuerdo de Masetti, Prensa Latina, La Habana 21 de abril

-Vaca Narvaja, Hernán (2017): Masetti: El periodista de la revolución, Cap. 1, “Los Orígenes”. Editorial Sudamericana.

-https://es.wikipedia.org/wiki/Jorge_Ricardo_Masetti

-https://diccionarioperonismo55-69.ar/masetti-jorge/