martes, 25 de marzo de 2025

O CRIME EN MONTEMAIOR DO LATOEIRO ASTURIANO EULOGIO SUÁREZ EN 1915

   Eulogio Suárez Rodríguez era un asturiano natural de Miranda (Avilés) que se gañaba a vida como latoeiro (persoa que fai ou vende obxectos de latón) e como mestre, daqueles mestres que ensinaban as primeiras letras, os números e o máis básico.

    Como artesán ambulante que era, o noso protagonista viña con certa regularidade a Galicia a vender os seus produtos de caldeirería. Facía a ruta do vello Camiño de Santiago establecéndose nas casas de xente coñecida, ata que o amor fixo acto de presenza. Enamorouse de Josefa Garda, unha moza do lugar da Ramiscosa (Sofán, Carballo) que quedou embarazada. Vendidos os obxectos, Eulogio regresa a Asturias. Meses despois aparece de novo pola nosa bisbarra e, ao saber que ía ser pai, na primavera de 1892 decide casarse con Josefa e asentarse definitivamente aquí xunto coa súa familia asturiana. Alugan unha taberna en Montemaior, Eulogio tivo un almacén, imparte escola na zona, un irmán seu empezou coa chamada Casa Juanito de Sofán... familia emprendedora, abofé!

    Eulogio e Josefa tiveron dez fillos, dos que tres morreron sendo moi cativos. Unhas semanas despois de finar Basilisa, a filla máis nova do matrimonio, o caldeireiro queda viúvo logo de que a tuberculose lle arrebatara a vida a Josefa aos 36 anos. Trala perda da súa muller, e cunha ampla prole que alimentar, Eulogio segue adiante cos seus negocios.

    Nesa época chega desde Asturias un primo seu, Pepe, que tamén era latoeiro-caldeireiro. Os dous curmáns acudían a feira de Paiosaco a abastecerse de provisións e a levar artigos de caldeirería para Montemaior. Pepe estaba casado, pero facíalle as beiras á filla do propietario do colmado. Este feito pouco lle agradaba a Eulogio, quen avisou ao pai da moza, e esta cortou todo trato con ese pretendente deixando a Pepe moi disgustado.

     Á semana seguinte de cortarse esa incipiente relación, cando regresaba doutra feira cun carro tirado por unha mula xunto ao seu fiel can Blas, Eulogio foi asasinado en Casás Longos (hoxe Casas Longas) o 28 de marzo de 1915. Tiña 43 anos, levaba pouco máis de seis anos viúvo e deixaba aos seus sete fillos desamparados.

    Nas semanas posteriores o crime foi noticia de interese na prensa da época, mesmo en medios da outra parte do Atlántico. Mais, con todo, non quedou constancia escrita do resultado das investigacións xudiciais.

    No lugar do crime a súa familia erixiu un cruceiro que lembra o macabro suceso, que ao longo de máis dun século perviviu na memoria de xeracións de veciños e dos descendentes do latoeiro asturiano.

    Chegados a este punto, seguro que vos preguntades quen matou a Eulogio Suárez, non si? Pois as respostas están en "La ruta de Eulogio", libro da autoría da profesora e investigadora deste caso, Sandra Aldao Pereira, que indagou exhaustivamente sobre a vida e morte neste arduo traballo ao que lle dedicou máis dun ano.

     No seu libro, Sandra non só desvela co máximo detalle posible todo o relacionado co suceso, senón que, nun exercicio de contextualización, explica polo miúdo como era a vida dos caldeireiros de Miranda e a súa xerga (o bron); cóntanos a lenda dos cravos de Cristo, tan vinculada a este gremio; a biografía de Eulogio; que pasaba no mundo por aqueles días de 1915; ofrécenos a versión do caso; comenta a evolución de Casás Longos a Casas Longas; comenta diversos aspectos do cruceiro; e finalmente fala da última ruta de Eulogio e as que sempre percorría recomendando a visita de diversos lugares da bisbarra. O libro pódese adquirir, en prevenda, na web da Editorial Cuatro Hojas.

   Por certo que para o venres, 28 de marzo, está prevista unha ofrenda floral no cruceiro (17:00 h.) e un funeral de 110 aniversario (18:00 h.) na capela de Santa Margarida de Montemaior, xusto antes (19:00 h.) da presentación do libro, a cargo de Sandra Aldao, no Mesón A Taberna de Montemaior. Como ben di o xornalista Santi Garrido, “será un momento de recuperar un feito lutuoso e, de paso, de fomentar o seu coñecemento a través de paseos polos seus espazos e camiños, que tanta vida (e morte) tuvieron”.


FONTES:

ALDAO PEREIRA, SANDRA (2025): La ruta de Eulogio, Editorial Cuatro Hojas.

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2025): ¿Quién mató a Eulogio Suárez?, La Voz de Galicia, Edición Carballo, 16 de febreiro.


Ningún comentario:

Publicar un comentario