xoves, 12 de setembro de 2024

A TELLEIRA DA MATOSA (COIRO)

  A Matosa é unha pequena entidade de poboación da parroquia de Coiro que, en tempos remotos, debeu ser un gran terreo con maleza e sen cultivar como así nolo indica o significado do vocábulo “mato”. Situada entre os lugares da Lamalonga e A Tenda, os tres na marxe dereita da DP-1913, a principal vía de acceso das freguesías de Coiro, Soandres e Erboedo que enlaza A Laracha con Canteras El Pozo, no Corgo, parece ser que antigamente A Matosa era propiedade dos García Varela, señores do pazo da Casanova, situado tamén na parroquia de Coiro.

 Para recordar o esplendoroso pasado deste lugar entrevistamos a Manuel Seijas López, actual propietario do devandito pazo, no que naceu en 1937. Mentres tomabamos un café con el en Arteixo, vila na que reside dende que se xubilou despois de botar corenta anos en Suíza (boa parte deles conducindo un taxi), Manuel contounos que “esa casa ten moita historia, era o pazo dunha familia podente de Santiago que eran donos de cinco lugares da parroquia de Coiro: A Ameixeira, A Ferraría, A Lourenceira, O Pereiro e A Casanova. O brasón que aínda se conserva na fachada era o escudo de armas desta familia, os García Varela, que disque eran avogados ou escribáns. A poucos metros da casa hai unha capela que se construíu no 1600. Chámase a capela de San Marcos e San Xosé, aínda que se coñecía máis ben como a de San Marcos. Precisamente, diante dela, hai alí uns terreos, que son propiedade dun veciño noso, que figura nas escrituras co nome de “leira de San Marcos”. Nós tamén temos alí un terreo que se chama a “leira da capilla”.

    Poucos días despois de entrevistar a Manuel Seijas desprazámonos ata A Casanova, onde comprobamos a grandeza e a importancia desta casería, co seu brasón e as súas dependencias. Posteriormente, co temor inicial da música de fondo do voo das vespas velutinas, entramos no interior da capela, difícil de ver xa que estaba camuflada entre a espesa vexetación dominada polas hedras. No interior, onde aínda se conserva o altar e algunhas imaxes santorais, chamounos a atención unha placa de madeira que conmemora a fundación do modesto edificio:

Esta capilla fue fundada por D. Domingo Varela de Carracedo en 1609, y reedificada por D. Angel G. Varela, último varón de la línea directa del fundador, en el año de 1900.

    Andando no tempo e logo da oportuna compra, o pazo, a capela e unha extensión duns 40 ferrados de terreo situados na zona, acabaron sendo propiedade dos avós maternos de Manuel Seijas, José López Matos e María Capelán Domínguez, labradores fortes que se preocuparon de darlles estudos aos seus fillos. Manuel Seijas recordaba que “un de meus tíos maternos foi empregado do Banco Pastor en Pontevedra; outro era radiotelegrafista na Marina, que estaba no cruceiro Cervantes; e tamén tiña outros dous tíos, Ramón e Campio López Capelán, que eran freires franciscanos igual que o seu amigo Lino Gómez Canedo, un historiador franciscano que nacera en Coiro, na Tenda, e que ten rúa dedicada na Laracha1. Estes dous tíos estudaran en Herbón (Padrón). Un deles era comandante do exército e republicano acérrimo, co perigo que isto supoñía naqueles tempos. De feito, na nosa casa da Casanova conservouse durante moitos anos unha bandeira republicana que era del. Este tío meu era capelán castrense e estivo por África adiante. Cando viñan de vacacións, Ramón e Campio celebraban misa na capela”.

   Á parte das propiedades que posuían na Casanova, compradas todas elas á familia García Varela de Santiago, os avós maternos de Manuel, José López Matos e María Capelán Domínguez, tamén tiñan terreos na Matosa. Esas leiras están partidas na actualidade pola estrada DP-1913, vindo da Laracha á man esquerda, entre a perigosa rasante e os campos de fútbol que hai antes de chegar ao Café Bar Raio de Sol.

    Pois ben, sabemos que nos anos 20 ou nos primeiros 30 do século pasado o señor José, que contaba cun segundo apelido ben suxestivo á hora de pensar na orixe do lugar da Matosa, arrendáballe unha daquelas leiras que tiña alí, ao carón do río Anllóns, a Generoso Álvarez, telleiro do Baixo Miño que estivera algún tempo no Brasil fabricando cerámica cos seus fillos Anselmo (un dos grandes protagonistas do libro "As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño") e Ramón. Antes de explotar unha barreira por primeira vez, os buxas baixomiñotos inspeccionaban previamente o terreo cunha cala ou calador, unha variña metálica duns 3 metros de longo, para saber se había barro no lugar que pretendían explotar. Descoñecemos cales foron os motivos que impulsaron a Generoso a inspeccionar na Matosa, mais o certo é que cando soubo que nos terreos de José López e María Capelán había arxila, a súa presenza en Coiro e a dos operarios da súa cuadrilla foi habitual durante varios veráns.

 

José López Matos e María Capelán Domínguez (Cortesía do seu neto Manuel Seijas López)

     Para obter algunha información sobre os tempos nos que o buxa baixomiñoto Generoso Álvarez fabricaba tella na Matosa contactamos telefonicamente cun dos seus netos, con José Manuel Álvarez Martínez, con domicilio na Proba, na parroquia de Salcidos (A Guarda). “O da Matosa foi antes da Guerra Civil. Naquel tempo facían o percorrido a pé dende A Guarda ata A Laracha. Meu avó levaba a traballar con el a meus tíos Anselmo e Ramón e a meu pai Manuel, que nacera en 1916. Papá con once anos xa traballaba en Estramil na telleira de José María Fernández. Penso que isto debeu ser cando o avó Generoso estaba no Brasil cos seus fillos máis vellos.

 

Generoso Álvarez (Cortesía do seu  neto José Manuel Álvarez Martínez)

     Outro dos integrantes da cuadrilla do tío Generoso foi o portugués José Manuel Ferreira, que andando no tempo establecería o seu domicilio na Laracha e mesmo chegaría a ser o propietario dunha das empresas máis importantes do municipio: Cerámicas La Perfección. Mais disto xa falaremos noutra ocasión. Polo que recorda a súa nora Carmiña Peniza, guardesa que leva máis de cincuenta anos vivindo no lugar da Barreira, “meu sogro empezou a vir á Laracha con José María Fernández, que era da miña aldea, de Pintán, e tiña unha telleira na Barreira, ao carón da nosa. Nalgunha ocasión, meu sogro tamén nos ten contado que antes de casarse estivo un ano, ou algo máis, traballando de criado dos Puga no Pazo de Anzobre”. Todo parece indicar que, despois de formar parte da cuadrilla de José María de Pintán, e logo de traballar durante un tempo en Arteixo para os Puga, José Manuel Ferreira empezou na Matosa como cuadrilleiro de Generoso Álvarez, quen, cousas do destino e dos camiños do amor, non ía tardar en se converter no seu sogro xa que nesa época a súa filla Flora Álvarez Vicente daríalle o “si quero” a Ferreira.

    Da telleira da Matosa tamén nos falou José Álvarez Alonso 'Buraco', que recordaba que “o buxa era Generoso Álvarez, que era da parroquia de Salcidos. O lugar no que vivía chámase A Pobra, e eran coñecidos pola familia ‘dos da Caseta’ porque diante do seu domicilio había unha caseta onde se cobraba o fielato. O tío Generoso levou a telleira da Matosa antes da Guerra. Nesa época traballou con el de rapaz meu padriño Luís Lorenzo Lorenzo, que era curmán de miña nai. O pobre estaba sen pais e por iso o criaran meus avós. Era máis ou menos da idade de miña nai, que nacera no ano 1911. Meu padriño foi á guerra, que incluso estivo preso, e anos despois volveu á Matosa pero xa formando parte da cuadrilla de Anselmo, que collera o relevo de seu pai. O tío Generoso ía vello e xa non podía traballar e por iso Anselmo fora de buxa para A Matosa. Non sei o motivo, se cadra foi a inexperiencia, pero a Anselmo non lle foron ben as cousas alí e por iso meu padriño, que ultimamente era oficial pero en Coiro creo foi tendedor, colleu e marchou para As Pontes de García Rodríguez a traballar nunha telleira duns de Santa María de Oia”.

    Ese tamén ía ser o ultimo ano de Anselmo á fronte da Matosa pois, na temporada seguinte, faría sociedade con Marcelino Rodríguez, veciño do Cancelo e propietario dunha telleira neste lugar. Corren os anos corenta. Ao tempo que Anselmo traballaba con Marcelino no Cancelo, seus irmáns Ramón e Manuel Álvarez Vicente facían o propio en Coiro nos terreos de José López Matos e María Capelán Domínguez. Na actualidade esas terras pertencen a un neto deste matrimonio, José López Montes, a quen entrevistamos en setembro de 2023 na Coruña, onde reside dende hai décadas coa súa familia. José naceu en 1931, precisamente na Matosa, nunha casa onde seus pais, Ángel López Capelán e Isolina Montes Suárez, rexentaban unha modesta taberna na que os sábados á noite e os domingos os homes da contorna xogaban alí a partida ao tempo que lle botaban un chanqueiro e leriaban un pouco sobre as colleitas ou do que se terzara. Dende esa taberna, unha especie de punto de encontro da aldea, o noso protagonista, nada máis saír pola porta, vía traballar aos telleiros do Baixo Miño durante as temporadas de verán.Nós de rapaces íamos axudarlles aos de Pontevedra a meter leña no forno. Un que se chamaba Ramón díxome un día:

- Heite levar a unha voda dun cuñado meu que se vai casar!

   E efectivamente levoume a esa voda e tamén estiven na súa casa. Os telleiros eran da Guarda e do Rosal e eu fun alí, aproximadamente sobre o ano 1945, a esa voda que se celebrou nunha casa dun lugar que se chama Tabagón. Os telleiros que eu recordo de ver traballar na Matosa son Manuel, Ramón e Enrique. Os dous primeiros eran irmáns de Anselmo, que eu xa non me acordo de velo na Matosa, e o outro, Enrique, era da familia, creo que era cuñado dun deles. E tamén recordo de ver alí a Ferreira, un tipo emprendedor que anos despois marchou para Estramil, onde montaría unha telleira moderna ampliando horizontes”.

 

Fotografía tomada na telleira da Matosa. Arriba, de esquerda á dereita, un telleiro do Baixo Miño que parece ser que se trata dun tal Enrique, Manuel Álvarez Vicente, seu irmán Ramón, Ángel López Capelán e Isolina Montes Suárez. Abaixo, na mesma orde, un operario da cuadrilla, ?, ?, Jesusa Montes Suárez e José López Montes, que é o rapaciño que aparece co can e o actual propietario dos terreos onde estaba a telleira da Matosa (Cortesía de José Manuel Álvarez Martínez)

   Cunha memoria envexable, José López Montes contounos outros detalles de interese sobre a telleira da Matosa e dos operarios baixomiñotos que alí traballaban: “Meus avós arrendábanlle o terreo aos de Pontevedra. En toda a época do negocio da cerámica sempre foron eles os propietarios dos terreos. Meus pais aí nunca interviron para nada. Os telleiros dedicaban máis ou menos a metade da finca a eira, que era onde estendían o material para que secara ao sol. Pola parte de abaixo o terreo, que é algo costento, chega ata a beira do Anllóns. O barro sacábano moi cerca do río e amasábano cunha besta dando voltas continuamente. Na outra metade tiñan un alpendre no que gardaban a tella antes de cocer no forno, que case lindaba co camiño á de García. Alí era onde os carros deixaban toxo para cocer o material. Os telleiros cociñaban, comían e durmían nunha caseta de madeira, unha chabola de mala maneira que era de pena que construíran cerca do forno. A verdade é que era unha pobreza! Non che podo dicir os anos que botaron alí os telleiros de Pontevedra, creo que marcharon porque se acabou o barro, pero durante o tempo que fabricaron tella fixeron moito negocio. Dígocho porque naquela hora na Matosa había moito movemento. A tella, unha vez cocida, arrimábana ao desnivel que hai na carretera e tapábana cun toldo ata que lla vendían aos labradores que precisaban tellar unha casa ou un alpendre. Os labradores íana buscar nos seus carros”.

    Un daqueles labradores era Manuel Mallo Sánchez, veciño de Paredes e pai dun rapaciño que andando no tempo acabaríase convertendo no párroco de Soandres (e doutras parroquias). Falamos de don Manuel Mallo Mallo, quen, coa amabilidade coa que sempre nos trata, contounos que cando era rapaz, polos anos corenta, ía precisamente co seu proxenitor buscar material no carro á Matosa. Ademais, de cando en vez, os rapaces tamén íamos alí a ver como facían a tella e como o cabalo daba voltas darredor para amasar o barro”.

    Naquela hora tamén había carreteiros que se dedicaban a realizar o servizo de transporte do material. Un deles era Domingo Ramilo, veciño de Villamir (Soandres) e propietario de catro bois e dous carros. Tiña un carro para unha parella e unha zorra2 para a outra parella, esta semellante a un remolque dun tractor co seu canizo3 adaptado para transportar varias dagas de tella. O carro do país xa está practicamente desaparecido mais, durante séculos, cumpriu unha función fundamental para o desenvolvemento da vida nos nosos devanceiros, que o utilizaban de medio de transporte para diversas tarefas movéndose co seu característico chío cando ía moi cargado ou o terreo era moi dificultoso. Coa chegada da mecanización do agro, os carros, que practicamente non variaran nada desde que os inventaran os romanos, empezaron a abandonarse nos currais ou nas eiras e, con eles, o seu léxico. Vaia dende aquí esta pequena homenaxe aos transportistas daqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María.

     Antigamente o señor Domingo Ramilo, máis coñecido por Domingo de Estanislao, era o carreteiro que transportaba ata A Coruña o material que se fabricaba na Matosa. Segundo nos contou o veciño de Estramil Pepe López Caamaño (1942), ao igual que todos os carreteiros da época, “leváballe a comida á parella de bois e dáballa antes de entrar na cidade na fonte da Choupana de Pastoriza (Arteixo)”. O señor Domingo tanto ía á Coruña, como á parte de Cerceda, ía onde demandaran os seus servizos. O seu fillo Severino, nacido en 1943, contounos que ten ido con el no carro por eses camiños de Deus cando era moi cativo. Un cuñado de Domingo de Estanislao parece ser que tamén traballou na telleira da Matosa. “Chamábase Eladio Pazos e vivía en Villamir, de feito eu estou vivindo na casa que era del”, recordaba Carlos Ramilo, coñecido nas RR.SS. como O Bisneto de Estanislao.

    Descoñecemos o ano no que os telleiros de Pontevedra deixaron de explotar o barro da Matosa, un barro do que por certo mesmo houbo quen nos dixo que nalgún momento se levou para Santiago para fabricar olaría, información que non podemos acreditar. O que si sabemos é que o terreo no que tantos anos estivera a telleira da Matosa dedicouse posteriormente a pasto. Polo que recordan as persoas entrevistadas, as vacas pacían alí entre o croar das numerosas ras que tiñan o seu particular hábitat nas charcas das barreiras que abriran os telleiros baixomiñotos.

    Na actualidade xa non queda ningún resto daquela telleira e comprobamos que xa poucos recordos se conservan na memoria dos máis vellos da parroquia de Coiro. Agardamos e desexamos que este gran de area axude a mantela viva.

 

Ortofoto da Matosa e da vía DP-1913 que enlaza A Laracha con Canteras El Pozo, no Corgo. O número 1 que vemos na imaxe corresponde ao lugar onde tiñan a súa taberna Ángel López Capelán e Isolina Montes Suárez. O número 2 é o terreo onde estaba a telleira (https://mapas.xunta.gal)

_______

1 Para máis información sobre Lino Gómez Canedo, pódese consultar https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/12/lino-gomez-canedo-o-gran-historiador.html 

2 Unha zorra é un carro baixo de catro rodas pequenas usado para transportar pesos grandes.

3 Estrutura de táboas que se pon en cada un dos lados do carro ou do remolque para que non caia a carga.

2 comentarios:

  1. Estamos todos moi contentos de que por fin saia á luz ese libro tan esperado. Parabéns Xabier.

    ResponderEliminar