venres, 20 de setembro de 2024

A TELLEIRA DOS DE MARCELO (O CANCELO, CABOVILAÑO)

  Nas Crónicas da Laracha da semana pasada contamos que o guardés Anselmo Álvarez Vicente estivera traballando durante varios anos con seu pai e seus irmáns Manuel e Ramón na Matosa e que, tras a xubilación do proxenitor, pasou a ser el o patrón desta telleira. Mais as cousas alí non lle saíron excesivamente ben, se cadra pola súa inexperiencia como buxa, e decidiu probar fortuna no lugar do Cancelo, onde se asociou con Marcelino Esmorís Cambre. 

   Nacido en Arén (Cabovilaño) en decembro de 1900, Marcelino, máis coñecido entre as súas amizades polo nome de Marcelo, emigrara aos 15 anos a Cuba, onde permaneceu case un lustro cortando cana de azucre. Tempo despois volve ao país para realizar o servizo militar e, cumpridas as obrigas castrenses, casa en 1926 con Jesusa Rodríguez Cambón, natural da Panela (Vilaño). Tras darse o “si quero”, o matrimonio monta unha taberna na mesma casa na que virían ao mundo os seus nove fillos (oito homes: Pepe, Pedro, Manolo, Eliseo 'Liso', Marcelino 'Maíno', Moncho, Paco e Chucho, e unha muller: Julia). E así foron tirando durante oito longos anos.

 

Jesusa Rodríguez e Marcelino Esmorís (Cortesía da familia)

    Marcelo desfíxose máis tarde da taberna e comprou dous bois para transportar madeira de piñeiro para a fábrica de Pedro Iglesias, adquirindo posteriormente, xusto detrás do seu domicilio, un forno de cocción de ladrillo e tella por 150 pesetas do cal tivemos coñecemento grazas a unha entrevista que lle realizou o xornalista Guillermo Pardo ao noso protagonista, entrevista publicada en La Voz de Galicia o 26 de febreiro de 1984 (Podes ver a entrevista aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2023/11/charla-con-marcelino-esmoris-nun-dia-do.html)

     Para obter máis información sobre o devandito forno e da telleira en cuestión, contactamos cun dos nove fillos de Marcelo e de Jesusa, con Pedro Esmorís Rodríguez. Nacido no Cancelo en 1929, Pedro apuntaba que “cando papá emigrou a Cuba seus pais, que tiveran tres fillos (unha muller e dous homes), estaban de caseiros en Arén e el mandaba cartos desde aló para ir comprando o lugar. Ao mellor, aí detrás da casa, xa había algunha telleira antes de que el comprara, pero eu eso non o sei. O que si che podo dicir é que na nosa telleira, antes de fabricar nós nela, traballaron uns que eran da Guarda ou desa parte. O terreo era de papá a mais do abuelo e os de Pontevedra viñan contratados. Papá ía alá a contratar ao oficial e este home encargábase despois de buscar ao resto da cuadrilla. Durante os cinco meses que botaban aquí vivían nunha chaboliña que tiñamos nós aí na telleira. Papá estivo traballando con eses telleiros varios anos. Levábase moi ben con eles, pero despois, non sei moi ben o motivo, deixaron de vir. Esto creo que foi na época da Guerra porque aínda se decía que, algúns dos operarios que traballaran aquí, andaban escapados e disque marcharan para Portugal para non ir á Guerra. Eran as lerias que se falaban naquel tempo”.

   Debeu ser nos primeiros anos da posguerra cando Marcelino Esmorís Cambre se asociou con Anselmo Álvarez Vicente. O primeiro posuía a materia prima e o segundo a experiencia para fabricar tella e ladrillo macizo. A sociedade ía durar varios anos e mesmo traballara con eles durante algún tempo Ramón Álvarez, irmán de Anselmo que seica era moi bo tendedor.

    Mais un día, logo de haber certas discrepancias, cada unha das partes colleu o seu propio camiño, iso si, non moi lonxe o un do outro, xa que Anselmo montou a súa propia telleira xusto ao carón da de Marcelo, que continuou fabricando tella e ladrillo coa súa numerosa prole.

 

Fotografía do voo americano do ano 1956 do lugar do Cancelo. O nº 1 corresponde á telleira de Machado; nº 2, telleira dos irmáns García Marta; nº 3, telleira de Anselmo; e nº 4, telleira dos de Marcelo (https://mapas.xunta.gal)

    Foi nesa mesma época cando Marcelo soubo, por un anuncio, que se vendía en Xaén unha máquina de fabricar ladrillo oco, que entre as xentes do sector da cerámica eran coñecidas como churreras” por ter un proceso de fabricación semellante ao empregado para facer churros. Marcelo pensou que era unha boa oportunidade para incrementar a produtividade do seu negocio. Julia Esmorís Rodríguez recorda que “a churrera era moi cara e os cartos pedírallos prestados ao banco do Castro, que era unha casa bastante podente de aí do Castro na que nunca faltaba papel. Se non o tiñan no momento mandábanche ir aos dous días”. E así, cos cartos no peto alá foi Marcelo a Xaén comprar a devandita churrera”, que, polo que recorda o baixomiñoto Pepe 'O Buraco', “era moi moderna para aqueles tempos porque tiña dúas bocas e podías traballar mellor e fabricar o doble. Metías barro por un lado e, cando se acababa nese lado, xa podías ir metendo polo outro. A que tiña Anselmo era dunha soa boca”.

    A familia Esmorís Rodríguez facía ladrillos a moreas coa “churrera” e mesmo pensaron na posibilidade de seguir modernizando a súa pequena industria con outros inventos como estaba facendo nese momento José Manuel Ferreira na súa telleira. O empresario portugués ía visitar con frecuencia o seu amigo Marcelo Esmorís e seica lle dicía:

- Marcelo, pon uns motores, ho! Cos fillos que tes ti, man de obra xa a tes!

    Pero Marcelo non quixo poñer máis modernidades na telleira, xa lle parecía dabondo a churrera, e seguiu traballando de xeito tradicional. Era un home de prestixio social, adquirido en gran medida polo feito de estar en Cuba e tamén na guerra de Marrocos. Nos duros anos da posguerra Marcelo, que tiña moito peso naquela sociedade, era o que se encargaba do racionamento en Cabovilaño, feito que seguramente axudaba a colocar ou vender a cerámica que se fabricaba na súa telleira. Ademais, no seu domicilio cargábanse acotío camións de patacas e fabas para os cuarteis da Coruña, cidade na que tamén vendían algún material, como así nolo recordou Pedro Esmorís. “Naqueles tempos na Coruña aínda se retellaba moito con tella. Había un señor que tiña un almacén de materiais de construción e todos os anos nos levaba un camión de tella”.

    Home de gran temperamento e moi forte fisicamente, o traballo duro da telleira era cousa de Marcelo. Cavaba no barreiro, pisaba o barro na pía… e tamén facía de oficial, sen chegar a ter nunca a man e a rapidez dos oficiais de Pontevedra que contratara anos antes. A súa muller Jesusa, traballadora como poucas, disque tendía na tella que daba gusto vela.

    A medida que cada un dos nove fillos ían tendo idade suficiente para botar unha man na telleira, non lles quedaba outra que traballar alí para contribuír á subsistencia da familia. Os máis novos realizaban as tarefas máis liviás e os maiores extraían a arxila do barreiro, amasaban o barro na pía ou traballaban con seus pais na churrera fabricando ladrillo oco. Julia, a única muller dos nove irmáns, era a que atendía a casa e a que coidaba dos irmáns máis pequenos para que súa nai Jesusa puidese ir á telleira. Nunha conversa mantida con ela no verán do 2023 recordaba que “ás veces ía axudar a virar o serrín que se utilizaba para cocer o material no forno. Había que viralo para que secara ben. Tamén axudaba cando se nublaba o tempo e empezaba a chover e había que recoller a tella tendida ou o ladrillo, aí si que teño botado unha man. Se cadra chovía e veña, todos a correr, todos a avisar os uns aos outros, como fora, que daquela non había teléfonos, e correndo para alí. Cantas veces se ten perdido a produción pola choiva… e claro, Marcelo botaba pestes! Eu era a única muller de todos os irmáns e a min tocábame facer o traballo da casa porque miña nai traballaba coma un home na telleira. Mamá prefería traballar nas leiras e na telleira que nas labores da casa e por iso eu, desde que tiña 4 ou 5 anos, tiven que facer as tarefas domésticas e encargábame de cociñar. A telleira estaba xusto detrás da casa e cando tiña o xantar listo saía por aí, pola horta, e berráballes:

- Vide comer!”.

 

Imaxe dos anos 70 da casa dos de Marcelo (Arquivo do Reino de Galicia)

    O tempo vai pasando e, lei de vida, algún dos paxariños foron abandonando o niño familiar, caso de Pepe, que casou de moi novo na Teixoeira (Cabovilaño) e xa non quixo saber nada da telleira dende que empezou a traballar no serradoiro do Regado, na de Pallas.

    Os que non abandonaron o niño continuaron traballando na telleira baixo o mando de seu pai Marcelo, xenio e figura, como así o recorda o seu fillo Pedro con certa retranca: Papá dirixindo non había outro coma el. E sabía mandar de marabilla. O día que había festa dicíame:

- Pedro, queres ir á festa, non?

- Home claro! A todas, papá!

- Pois mira, cando fagades 3.000 tellas, marchades!

Me cago en… e facíamolas, eh… e ás seis da tarde xa estabamos camiño da festa”.

    Acabada a temporada de verán na telleira, os de Marcelo tiñan sempre unha pilastra de material feito que ían vendendo durante o inverno polas casas adiante e nas feiras da bisbarra. Volvendo a vista atrás, Pedro contounos que naquela época vendíase o que quixeras. Ao acabar a Guerra, vendíanse ata cachos de ladrillo porque se construían moitas casas. Eu ía á feira de Meirama a mais á de Vista Alegre cunha tella e un ladrillo de mostra. Os albaneis xa me coñecían e, claro, convidábalos a un vaso para que che compraran. Á feira de Carballo pouco íamos. Non era necesario porque eramos coñecidos por meu pai. O seu nome era largo na comarca porque era un tipo que estaba metido en todo tipo de historias. Papá tamén vendía material en Cerceda e ocasionalmente ten ido ata a Agualada”.

    E así foron pasando os duros anos da posguerra. Durante os invernos traballaban as terras, atendían o gando, vendían algún cuxo, fabas, patacas... Todos ían sachar nas leiras; ou a dicir verdade, uns ían máis que outros porque o tío Marcelo, grande afeccionado á caza, era raro o día que non tivese algunha ocupación na Laracha, onde era concelleiro da corporación municipal. E nos veráns os Esmorís Rodríguez volvían facer tella, ladrillo macizo e ladrillo oco na churrera”. Marcelo fabricaba no banco, os fillos tendían e facían un pouco de todo e Jesusa tanto traballaba na cortadora da churrera” como de carretilleira para levar os ladrillos feitos para secar nos regales, e mesmo tamén facía de oficial no banco, como así nolo contou súa filla Julia: “Mamá facía na tella que daba gusto vela, dáballe que facer aos que poñían a tella a secar. Era a número un”.

   Sobre o ano 1946 Pedro dille a seu pai que se quere poñer el á fronte da telleira, pagándolle unha retribución ao proxenitor polo arrendamento do terreo. Nesa altura Anselmo Álvarez, que lle compraba o barro a Marcelo malia as diferenzas existentes entrambos os dous, quería que Pedro traballase para el. “A min -recordaba Pedro- naquela época empezárame a picar moito o verme do barro e díxenlle a Anselmo que non, porque eu xa tiña na mente poñerme pola miña conta. E faleille desta idea a meu pai:

- Papá, quero levar eu a telleira.

- Pero Pedro, ti es un rapaz e es moi novo.

- Bueno, ti déixame, papá!

    E deixoume. O primeiro ano que collín eu a telleira traballei cun rapaz que era de aquí do Cancelo e que lle chamabamos 'O Coxo'. Era moi amigo meu. Pagáballe o que me ía parecendo. Este 'Coxo' era primo de Machado e era moi bo traballador. Empezamos aí os dous dándolle duro, que eu daquela facía no banco 3.500 ou 4.000 tellas e ao ano seguinte xa traballamos con cinco ou seis personas... e xa lle facíamos competencia a Anselmo”.

     Pedro era naquela hora o encargado, o que mandaba, e se había que botarlles un berro aos máis novos pois tamén se lles botaba. Ás veces nin era necesario berrar, un simple xesto abondaba. O da telleira era un traballo bastante duro. Eramos unha pila deles na casa e había que estar a todo. Unha vez estabamos na festa de Vilaño, caeron dúas pingueiras e xa non tiña falta de berrarlles aos obreiros e a meus irmáns. Corríamos todos para a a telleira a recoller”.

    Con el á fronte, seu pai Marcelo pisaba pouco a telleira (excepto no tempo que Pedro realizou o servizo militar), ao contrario de súa nai Jesusa, que laboralmente estaba á altura dos experimentados telleiros do Baixo Miño. E por suposto tamén contaba coa axuda dos irmáns que aínda non abandonaran o niño familiar. Ademais, ocasionalmente, algúns rapaces da parroquia ían gañar unha peseta arando no serrín para que estivese ben seco antes de utilizalo no forno no que cocían dúas ou tres veces durante todo o verán. Pedro Esmorís díxonos que “primeiro cocíase con leña de toxo e despois pasouse ao serrín, que estaba tirando dous días para cocer. Nós tiñamos un forno grande que levaba 40.000 pezas e outro máis pequeno con capacidade para 25.000. No grande botabas dous días e unha noite cocendo. O material íase recollendo cando estaba seco e logo almacenábase. Cando tiñamos material dabondo encañabamos e despois… lume! O forno había que tapalo por riba”.

 

Pedro Esmorís Rodríguez na época na que realizou o servizo militar. Na parte superior da imaxe vemos a seus pais Marcelo e Jesusa (Cortesía da familia)

    As cousas íanlle ben a Pedro, e ata houbo un momento no que estivo a piques de acometer unha innovación poñendo dous motores na telleira como tiña Ferreira na súa. “Menos mal que non o fixen porque ao pouco veu Epifanio e daquela iso sería a ruína”. Pedro estivo á fronte da telleira ata 1954, ano no que emigrou a Venezuela. “Cando marchei, Virxe do Carme, deixei tella e ladrillo aí para facer non sei cantas casas. Ese material quedoulle a papá e despois el foino vendendo”.

    Precisamente, na época na que Pedro marchou a Venezuela foi cando pisou A Laracha por vez primeira un dos grandes protagonistas do libro "As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño", o rosalés Pepe 'O Buraco', que nos contou que “non cheguei a ver a Pedro no Cancelo porque el marchou no 54 e eu estiven alí no 55 e no 56. Recordo que o que facía de oficial na telleira deles era o señor Marcelo, que era algo lento facendo na tella, e quen lle tendía era un dos fillos. A súa muller, a señora Jesusa, era quen lle cortaba o ladrillo na churrera. Pepe Machado tamén traballou con eles cando eu estaba alí, non recordo se no 55 ou no 56”.

    Pouco despois Marcelino Esmorís Rodríguez 'Maíno', asociouse con Pepe Machado durante un verán, posiblemente en 1957, sendo esta a última ocasión na que se fabricou nesta telleira. O lugar non ía tardar en ser escenario de grandes partidos de fútbol do Cabovilaño, que precisamente xogou durante algún tempo no chamado Campo da Telleira cun once integrado por algúns rapaces que primeiro foran telleiros e agora soñaban con seren futbolistas.

 

Equipo do Cabovilaño a finais dos anos 50 no Campo da Telleira. Segundo diversos testemuños, as instalacións que se ven ao fondo corresponden á telleira dos de Marcelo (Cortesía de Manolo López)

    O Campo da Telleira, a antiga telleira dos de Marcelo, tamén foi o lugar no que se celebraron as festas parroquiais ata mediados dos anos 70, ata que se empezaron a facer detrás do Estanco, nos terreos da antiga telleira de Machado.

    O terreo dos de Marcelo foi quedando a campo. Nalgunhas zonas da leira, nos buratos dos barreiros feitos durante décadas, as ras puxeron durante as noites de verán a banda sonora a varias xeracións de veciños do lugar, entre eles Marcelino Esmorís Rey, neto e afillado do tío Marcelo, que moito nos axudou na procura de información sobre o pasado da súa familia e que aínda se acordados buratos que había de cando fora a telleira de meu avó e que tivemos que tapar nós”.

   Na actualidade na casa dos de Marcelo aínda queda algunha ferramenta daqueles tempos de fabricación de cerámica e abofé que manteñen ben vivos os recordos da telleira e da lendaria “churrera”. Josefa Rey Añón, viúva dun dos fillos de Marcelo e Jesusa, de Paco Esmorís Rodríguez, recordaba que “a churrera botou moitos anos na casa e acabou na chatarra. Miña sogra Jesusa dicía sempre que criaran aos fillos a conta da telleira. O barro de aquí do Cancelo seica era moi bo, eso dicíamo a min o meu home Paco, que na telleira traballaba como tendedor. Na casa aínda se conservan tellas feitas por eles na súa telleira e un molde para fabricalas”.

 

Gradilla que se utilizou durante moitos anos na telleira dos de Marcelo e que conserva no seu domicilio Marcelino Esmorís Rey

2 comentarios:

  1. Fermosa historia, contextualizada a maior parte na posguerra, na que as telleiras intensifican a súa produción para as novas vivendas e arranxos das existentes, e xa anuncia o "boom" da construción da década de 1960 onde telleiras artesanais e mecánicas traballan arreo para fornecelos de materiais de construción de terra cocida. Parabéns Xabier.

    ResponderEliminar