luns, 2 de setembro de 2024

O SANTUARIO E A ROMARÍA DOS MILAGRES DE CAIÓN

Miña Virxe dos Milagros

dos Milagros de Caión,

miña Virxe dos Milagros

lévoa no corazón.

   O Santuario dos Milagres de Caión convértese nos primeiros días de setembro no lugar de peregrinación ao que acuden miles de romeiros para rendir devoción á Virxe. O 8 dese último mes do verán, onomástica da Natividade da Nosa Señora, é o día propio da Romaría dos Milagres, unha festa declarada no 2008 de Interese Turístico de Galicia e que está consolidada como unha das celebracións relixiosas de referencia da provincia da Coruña

 

Panorámica de hai uns anos do santuario dos Milagres de Caión (Raúl Lorenzo)

    O domingo anterior ao 8 de setembro, a imaxe da Virxe, acompañada dunha multitude de xente, trasládase en procesión desde a igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro, no centro da vila mariñeira, ata o Santuario dos Milagres que está situado no lugar do Outeiro, na parte alta da parroquia de Santa María do Socorro de Caión, nun promontorio de magnas vistas sobre a península caionesa dende o que podemos contemplar a inmensidade oceánica.

 

Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro (Brais Maceiras)

    A partir da tradicional subida da Virxe, ata o domingo seguiente no que se fai a procesión de regreso para levar a santa imaxe á igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro1, as estradas que nos levan ata O Outeiro énchense de peregrinos procedentes de moi diversos puntos da xeografía galega. Ademais das vías principais, moitos destos visitantes tamén utilizan antigos camiños, como o recentemente recuperado Camiño da Gorita (no Concello de Arteixo) ou o que discorre pola costa a través do Espazo Natural Razo-Baldaio, punto de interese paisaxístico e ecolóxico hoxe pertencente ao Concello de Carballo e antigamente aos agostiños de Caión:

Todo el arenal de Baldaio era del convento por fuero que al mismo le había hecho el Señor Conde de Grajal; dicho fuero se conservaba en el Archivo del convento y había pasado por ante el escribano Juan da Ponte, debiendo pagar por él el convento diecisiete maravedís. Nadie podía echar la red en dicho arenal sin expresa licencia del convento, y una vez obtenida ésta, los que pescaren en él, tenían obligación de dar al convento la cuarta parte de todo el pescado que pescaren. Si alguien tuviera el valor de echar la red sin la debida licencia del convento, cometía pecado, perdía las redes y podía estar muchos días en prisión, caso que había sucedido en una ocasión a unos marineros de Caión”.2

     Segundo afirman algúns estudosos, parece ser que o Santuario dos Milagres asentouse sobre unha primitiva igrexa con funcións de parroquia. A existencia deste pequeno templo quedou rexistrada por Jerónimo del Hoyo a principios do século XVII, época na que os cultos trasladáronse á igrexa dos agostiños, situada no centro da propia vila:

Santa María de Cayón. Esta iglesia es anexo de Nuestra Señora del Socorro de Cayón, de la Orden de San Agustín. No hay Santísimo Sacramento porque se bajó al monasterio que está allí junto y de allí se sirve esta parroquia. Hay pila bautismal, dícese aquí misa no más de las fiestas de Nuestra Señora”.3

    Nos fondos da parroquia de Caión custodiados no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela, á parte dos libros sacramentais e de administración parroquial, na serie “Cofradías e Instituciones Parroquiales”, tamén podemos consultar as “Tipologías” onde hai abondosa documentación sobre a congregación do Santísimo Sacramento do Gremio dos Mareantes (con libros que abranguen dende 1665 ata 1780); Santísimo Sacramento Gremio dos Mareantes dos Labradores (1768-1921); Santísimo Sacramento Gremio dos Labradores (1694-1946); Ánimas (1645-1844); San Roque (1686-1869); e, coa sinatura P005359, a do Santuario da Nosa Señora dos Milagres dende o ano 1786 ata o 1860. Polo tanto, a devoción por esta virxe bergantiñá xa vén de tempos remotos nos que, con certeza, xa se pregoaba a popular cantiga:

Miña Virxe dos Milagros,

dos Milagros de Caión,

unha vela che ofrecín

heiche levar un velón”.

    As obras de construción do actual santuario iniciáronse entre os anos 17954 e 18015 cun importante apoio das xentes da zona e de devotos como don José María Bermúdez de Mandiá y Pardiñas Villardefrancos, Señor dos coutos xurisdicionais de Xuvia, Caranza e Santa Cecilia de Trasancos que, tralo falecemento sen descendencia do seu curmán don Antonio de Pardiñas Villardefrancos na década de 1760, entrara a posuír e gobernar o morgado da antiga e nobre casa de Vilardefrancos que fundaran en 1525 o capitán García de Pardiñas Villardefrancos e a súa esposa María Fernández, natural de Caión.

    Así pois, sendo párroco de Caión Frei Manuel Mata y Flores, o templo empeza a levantarse baixo a dirección do mestre canteiro Xoán Antonio Castro. As obras íanse prolongar durante máis de trinta anos, tempo no que se realizaron tallas “no monte de Vilar de Francos6” para obter a madeira necesaria para construír tanto o teitume como os andamios do Santuario.

    Boa parte desta madeira parece ser que chegou a Caión dende o porto de Malpica. Como dato curioso sobre a actividade comercial local e as antigas vías de comunicación daqueles tempos, dicir que nesa altura tamén chegaban ao porto de Caión barcos cargados con bocois de viño que posteriormente eran transportados, por eses camiños de Deus, en carros de bois ás tabernas da bisbarra nos actuais municipios de Carballo, Arteixo e A Laracha.

   Ao longo das más de tres décadas que se tardou en finalizar o edificio sábese que na súa construción tamén traballaron, entre outros, os canteiros Pascual Fariña, Agustín Camiño, Simón Sayanes ou Miguel Rosendo. Naqueles tempos o santuario gastou das súas arcas uns 8.451 reais en soldos e 1.200 reais na colocación de todo o madeirame7.

 

Imaxe do santuario tomada en agosto de 2024 (Brais Maceiras)

   En 1835 o mestre canteiro Manuel María Neto fixo, por un prezo de 5.900 reais, a torre da igrexa, de estilo neoclásico. Nos dous anos seguientes íanse colocar as campás, fabricadas en Santiago por Dámaso Dopazo. Catro anos is tarde constrúese a sancristía e, con ela, poñíase fin á estrutura do santuario que os peregrinos ateigaban en cada romaxe dos Milagros, uns romeiros que por aqueles días tiñan a costume (xa hai anos que está perdida) de transportar pedras que despois depositaban no alto do monte, no lugar coñecido como O Milladoiro. O templo é de planta rectangular, unha soa nave e cuberta a duás augas. Na fachada, que segundo indica unha inscrición que podemos ver no fornelo central finalizouse no ano 1836, concéntrase a maior creatividade do edificio, ornamentada con dúas pilastras laterais e con algunha moldura no campanario.

    O interior do santuario está presidido polo retablo do Altar Maior, que é de estilo neoclásico. A súa construción, realizada en madeira de castiñeiro, adxudicárase en 1871 a Manuel Fernández8.

    Alí permanece durante os día da romaxe a imaxe da Virxe dos Milagres, unha sinxela talla de vulto redondo creada para ser vestida que, como non podía ser doutro xeito, ten a súa propia lenda. “Dise que o culto a esta Virxe iniciouse a finais do século XVIII, cando un matrimonio de Erboedo levou para alí unha imaxe desa virxe”9

Procesión da Virxe dos Milagres desde a igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro ata o santuario dos Milagres (Raúl Lorenzo)

    Non deixa de ser curioso que en Erboedo aínda se manteña moi vivo este conto na actualidade. En outubro de 2021 falamos con Visitación, veciña do Igrexario que nos recordaba que súa sogra “sempre dicía que a Virxe dos Milagros antes de que a levaran para Caión estaba aquí, na igrexa de Erboedo. Hai que pensar na importancia que tivo a nosa parroquia hai moitos anos, cando era a xurisdición de Erboedo! Aí, cerca da igrexa hai unha fonte, que antigamente chamábanlle a Fonte dos Milagros. Miña sogra contaba que aquí celebrouse durante moito tempo a romaría dos Milagros de Erboedo e dicía que a xente deixaba panos nos campos despois de lavarse coa auga desa fonte, como fan na romaría de Santa Margarita de Montemaior e na dos Milagros de Caión”. Na mesma conversa tamén estaba presente Dolores, veciña da Fontenla que nos dixo que “cando supostamente levaron a Virxe de aquí para Caión, os veciños de Erboedo compraron outra talla e volveron a celebrar a Festa dos Milagros de Erboedo pero sen romaría, só como festa da parroquia que a celebraban o 8 de setembro. Eu esos contos escoitáballos a miña avoa cando era nena e tamén nos contaba que nas noites cordiñas de primavera escoitábase caer a auga dos dous canos da fonte dos Milagros de Erboedo”. 

 

A Virxe dos Milagres na igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro (Brais Maceiras)

   Outra lenda marabillosa é a que nos conta a malpicá Olga Rodríguez no seu fabuloso libro As crebas da memoria10. Sen pretensión algunha de fusilar un ápice da súa obra, só comentar que nun dos capítulos do devandito libro a autora describe o motivo polo cal, segundo o seu porqué lendario, en Malpica teñen a Virxe do Carme e en Caión a dos Milagres.

 

A FONTE

Nosa Virghen dos Milagros

que lle dás aos teus romeiros

augha da túa fontiña

sombra dos teus castiñeiros”.11

    Ademais de ver e tocar a imaxe da Virxe dos Milagres durante a novena12 e de deixar candeas aos pés da santa (no interior), tamén é característico que os romeiros movidos pola fe se acheguen á Fonte Santa. Situada á saída do santuario, á man dereita, os peregrinos empapan os seus males nas augas que brotan alí, coñecidas como milagreiras.

 

Imaxe da Fonte Santa (Brais Maceiras)

Panorámica de Caión dende a Fonte Santa (Brais Maceiras)

    Construída no ano 1828, a crenza popular atribúelle propiedades curativas. A tradición di que coa súa auga, ademais de bebela, hai que lavar a parte do corpo que se queira sandar e acto seguido, despois de secarse un chisco, deixar secar o pano nos arredores da fonte. Tamén hai quen deixa secar a auga ao sol ao considerar que, o tempo que emprega Lourenzo en secar o seu corpo, é o tempo que tarda a enfermidade en desaparecer. E mesmo hai quen leva a auga para continuar os ofrecementos no seu domicilio.


MÚSICA e BAILE

Ten un campo a nosa Santa

todo cheíño de herba

onde os romeiros descansan

deitados por riba dela13

    Outra das tradicións que seguen mantendo os devotos no día principal da romaría é quedar a xantar nos campos situados a carón do templo -a xuventude opta pola praia- ou ben baixar ata algún dos establecementos hostaleiros da vila. 

 

Vista do santuario e dos campos situados a carón do templo (Brais Maceiras)

Panorámica de Caión. Ao fondo, o santuario dos Milagres (Xabier Maceiras)

    En paralelo ao apartado relixioso, do que se ocupou durante algo máis de corenta anos o párroco Luis Pastoriza Abelenda14, a romaría dos Milagres de Caión tamén ten o seu programa lúdico, con música e bailes que se organizan cada ano na Praza Eduardo Vila Fano. Dende hai tempo a organización do programa corre a cargo da Peña Royal, que conta coa implicación veciñal, especialmente coa colaboración da Asociación Cultural tradicional galega Arume, e co apoio do Concello e das casas comerciais da zona. Ademais, habitualmente tamén se realizan outros eventos paralelos aos Milagres, caso da andaina solidaria que organizan as xuntas de Arteixo e A Laracha da Asociación Española Contra o Cancro.

    Dando unha voltiña pola hemeroteca para saber como eran as festas de antano, atopamos tesouriños como este:

(...) La festividad de la Virgen se celebra todos los años el día 8 de Septiembre y concurren a visitar la venerada imagen, tan grande número de fieles, que para que éstos tengan albergue, se han construído frente al Santuario dos amplios cobertizos.

(...) A la salida de la procesión, las mozas campesinas, disputábanse el honor de llevar á hombros la venerable imagen de la Reina de los Cielos.

Es tan grande la fe que aquellas buenas gentes sienten por la Virgen de los Milagros que hasta la musa popular ha compuesto coplas como las siguientes:

Santa Virxe dos Milagros,

non hai Virxe como ela,

nunca favor lle pedín

que ela non me concedera”.

 

Miña Virxe dos Milagros,

dos Milagros de Caión,

coa túa man dereita

bótanos a bendición.”15


    Tamén é de destacar que neste 2024 cúmprense exactamente cen anos da inauguración do Pósito de Pescadores de Caión, inaugurada nos Milagros de 1924 (ver apéndice documental).

    Nos Milagres de 1935, El Ideal Gallego informaba que “fueron muchos los millares de romeros que los días 7 y 8 se postraron ante la Virgen para darle gracias por los beneficios recibidos. El pirotécnico de Golmar y las notables agrupaciones “Lira de Corme” y “Orquesta Mallo” se afanaron en complacer a la multitud que les aplaudió merecida e incesantemente16. Pois ben, precisamente, con relación á orquestra dos irmáns Mallo de Feáns, o prezado e admirado Xurxo Souto, no seu libro Contos da Coruña, agasállanos con esta xoia sobre unha actuación da popular banda en Caión:

"Antonio Mallo sempre foi un home con iniciativa. A principios dos corenta cansou de cargar cos instrumentos por estacións e apeadeiros e decidiu motorizarse. “Iamos a Caión no Pombo, o coche de liña. Nós aínda viaxabamos cómodos. O peor era o batería. Tiña que ir arriba cos tambores. Se chovían dúas pingueiras chegaba molladiño coma un pito”.17

 

Actuación da Orquesta Mallo nos anos 50 (Facebook Orquestas 1900)

   Poñémoslle o ramo a esta crónica co cartel das festas e cos horarios das celebracións relixiosas:

 


HORARIOS CELEBRACIÓNS RELIXIOSAS 2024:

O sábado día 31 de agosto, ás 20:30h, comeza a Novena na igrexa parroquial.

Domingo día 1 de setembro: Misas na igrexa parroquial ás 10h, 11h, 12h. A continuación, subida en procesión da Virxe ao Santuario e Misa solemne ás 13:30h. Pola tarde, misa ás 17h, 18h, 19h e 20h.

Días 2 a 7 de setembro: Misas ás 10h, 11h, 12h, 17h, 18h, 19h e 20h.

Domingo 8 de setembro: Misas no Santuario ás 9h, 10h, 11h, 12h. Misa solemne ás 13h e procesión 17h, 18h, 19h, 20h e procesión despois da última Misa.

Días 9 a 14 de setembro: Misas ás 10h, 11h, 12h, 17h, 18h, 19h e 20h.

Domingo 15: Misas no Santuario ás 10h, 11h, 12h. Procesión da baixada da Virxe e Misa ás 13:30h. Pola tarde, Misas ás 17h, 18h, 19h e 20h.

 



APÉNDICE DOCUMENTAL :

El Ideal Gallego, 16 de setembro de 1924, páx. 3.


Cayón

Coincidiendo con las fiestas en honor a la Virgen de los Milagros, tuvo lugar la inauguración del Pósito de Pescadores, el cuarto de los que, merced al celo y extraordinaria actividad que en favor de la creación de esta clase de instituciones viene demostrando el señor ayudante de Marina del distrito D. Antonio Núñez, van establecidos en los puertos que comprende su jurisdicción.

El acto fue presidido por la autoridad de Marina, con asistencia de la Junta de gobierno en pleno y varios vocales de la inspectora, entre ellos el señor cura párroco de Cayón, del señor delegado gubernativo del partido de Carballo D. Juan Soto Acosta, alcalde de Laracha D. Pedro García y el ilustre canónigo de Santiago doctor don Emilio González Vila, que fué el encargado de predicar el sermón de la Virgen en estas fiestas, y dió comienzo con la bendición del local y bandera.

Hecha la presentación de rúbrica por el citado señor presidente y ante numerosa concurrencia de socios, se pronunciaron discursos alusivos al acto, y analteciendo las ventajas y beneficios que pueden reportar los Pósitos a la sufrida clase de pescadores, los señores ayudante de Marina y delegado gubernativo, que prometió apoyar cerca del Directorio las justas aspiraciones de este pueblo.

También habló muy elocuentemente el señor González Vila, pronunciando un breve y atinado discurso.

Terminó el acto dándose vivas a los Pósitos de pescadores y al creador de los mismos D. Alfredo Caralegui, siendo obsequiados espléndidamente los invitados por los señores de la Junta de gobierno.

Por último, en el amplio salón de actos del Pósito, se celebró una animada fiesta de sociedad.

Reina gran entusiasmo por el progreso de la naciente institución.

 _______

 

FONTES:

 

BERMÚDEZ FERNÁNDEZ, LUIS ÁNGEL (2022): La devoción popular levantó la ermita de los Milagros de Caión, La Voz de Galicia, Edición Bergantiños, 10 de decembro.

BLANCO, PATRICIA (2018): Siglos de historia en una romería, La Voz de Galicia, Edición Bergantiños, 6 de setembro.

DAVIÑA SÁINZ, SANTIAGO (2005): Los Agustinos de Caión, Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia , Nalgures, Tomo II.

DEL HOYO, JERÓNIMO (1950): Memorias del arzobispado de Santiago, Porto y Cía. Editores.

FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X. (2017): Lendas da Costa da Morte, Edicións Embora, Ferrol.

RODRÍGUEZ, OLGA (2023): As crebas da memoria, “A lenda do reparto das virxes”, O bidueiro de viro-xestión editorial.

SOUTO, XURXO (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais de Galicia, Vigo.

https://santuariomilagrosdecaion.com/


________

1 A Virxe dos Milagres permanece ata o ano siguiente na Igrexa parroquial da Nosa Señora do Socorro. Ao longo do ano non se celebran máis cultos no Santuario dos Milagres.

2 Vid. Santiago Daviña Sáinz (2005): Los Agustinos de Caión, Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia , Nalgures, Tomo II, páx. 198.

3 Vid. Jerónimo del Hoyo (1950): Memorias del arzobispado de Santiago, Porto y Cía. Editores, páx. 244.

4 Luis Ángel Bermúdez Fernández fala desta data no seu artigo La devoción popular levantó la ermita de los Milagros de Caión, publicado o 10 de decembro de 2022 en La Voz de Galicia, edición Bergantiños.

5 Ano que aparece na páxina web do santuario, https://santuariomilagrosdecaion.com/

6 Vid. https://santuariomilagrosdecaion.com/

7 Vid. Luis Ángel Bermúdez Fernández (2022): La devoción popular levantó la ermita de los Milagros de Caión, La Voz de Galicia, Edición Bergantiños, 10 de decembro.

8 Vid. https://santuariomilagrosdecaion.com/

9 Vid. Xan X. Fernández Carrera (2017): Lendas da Costa da Morte, Edicións Embora, Ferrol, páx.. 130

10 Vid. Olga Rodríguez (2023): As crebas da memoria, “A lenda do reparto das virxes”, O bidueiro de viro-xestión editorial, páx. 31.

11 Cortesía da Asociación Cultural Arume de Caión.

12 Serie de actos relixiosos que se fan durante nove días seguidos.

13 Cortesía da Asociación Cultural Arume de Caión.

14 Natural de Valenza (Coristanco) chegou a Caión en 1978 , onde faleceu en 2020. No seu día tamén levara as parroquias arteixás de Armentón e Monteagudo.

15 Vid. P. S. (1913):El Eco” en Cayón, El Eco de Galicia, 19 de setembro, páx. 1.

16 Vid. El Ideal Gallego, 19 de setembro de 1935, páx. 5.

17 Vid. Xurxo Souto (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, páx. 108.

Ningún comentario:

Publicar un comentario