xoves, 13 de xuño de 2024

O CAOLÍN BERGANTIÑÁN DE LAXE E A LARACHA

  As rocas que son ricas en caolinita son coñecidas como caolín, palabra que deriva do nome chinés da montaña Kao-Ling Shan, situada a 50 quilómetros ao sueste de Jingdezhen (provincia de Jiangxi, China), dende a cal se embarcou por primeira vez este mineral a Europa para usos cerámicos. 

  O caolín é un mineral arxiloso de alta plasticidade, brancura e baixa condutividade térmica. As súas propiedades únicas convérteno nun material valioso en diversas aplicacións polo que é amplamente utilizado na fabricación de pinturas, produtos farmacéuticos, cosméticos, papel ou cerámica, onde desempeña un papel destacado na elaboración de porcelana e dunha gran variedade de obxectos como vaixelas, porcelana eléctrica, sanitarios, tellas de alto grado ou ladrillos refractarios. Cando se mestura con outros materiais cerámicos e se coce, o caolín proporciona plasticidade ao proceso, permitindo a manipulación e modelado da arxila. Ademais, confire unha resistencia excepcional tanto durante a cocción como no resultado final pola súa capacidade de soportar altas temperaturas durante todo o proceso de fabricación.

 

Caolín (Foto: Shutterstock)

   Historicamente, hai dúas zonas de extracción de caolíns en Galicia. Unha na contorna da Mariña lucense, con explotacións en Cervo, Burela e Foz; e outra na Costa da Morte, nos municipios de Vimianzo e Laxe, onde as minas alí establecidas adquiriron especial importancia a raíz da Segunda Guerra Mundial. 

 

Caolín calcinado (Foto: iStock)

    O caolín de Laxe destacaba polo súa excelente calidade, o que permitía o seu uso tanto para cerámica fina como para carga na industria do papel. O grande impulsor da explotación laxense fora o enxeñeiro de minas inglés John James Rosewarne, natural do condado de Cornualles, que chegara a Galicia en 1878. Tras un breve paso por Ferrol e A Coruña, o británico centra a súa atención na mina de ouro de Corcoesto, desenvolvendo nos primeiros anos do século XX un intenso traballo na procura de explotacións mineiras ao longo de toda a xeografía galega. Nesa época tiña establecido o seu domicilio en Zas, onde casara con Juana Vidal García, veciña da parroquia de Muíño1. Visionario coma poucos, entre 1900 e 1920 percorre toda a Costa da Morte e realiza traballos de prospección en antigas minas abandonadas procurando calquera mineral que se puidese comercializar nos mercados internacionais: ouro, estaño, volframio, caolín… Rosewarne traballa as minas de ouro de Corcoesto, en Cabana, as minas de ouro de Vila e Meanos, no municipio de Zas, as minas de Grixoa, en Santa Comba, as de Mazaricos, a do Rapadoiro, en Noicela (Carballo), e, ademais, é un dos primeiros descubridores do potencial mineiro de Monte Neme, aínda que no momento de realizar as catas o volframio non é un mineral especialmente valioso e non lle dá demasiada importancia.

   En 1923 John James Rosewarne funda con varios socios a empresa Kaolines de Lage, dedicada á explotación de caolín e constituída en Laxe por escritura pública outorgada o 30 de xullo dese ano, a fe do notario de Tella (Ponteceso) Modesto Vázquez Amarelle. Integran a sociedade o propio Rosewarne, Víctor Landesa Doménech, Enrique Ferreiro Pondal e Plácido Vidal Díaz, e nomease administrador ao irmán dun dos socios, Celestino Vidal Díaz. A constitución da empresa no ano 1923 non faiis que ratificar algo que xa era unha realidade desde antes de 1920: a existencia dun grupo empresarial radicado en Laxe que tiña como obxecto a explotación da mina de caolín situada na vila.

    Unha vez formada a sociedade, por unha banda John James Rosewarne e Plácido Vidal Díaz2 son os que realizan o traballo de campo, a produción e loxística da empresa: contratación, explotación e transporte do material ata o seu destino. E polo outro lado, Enrique Ferreiro e Víctor Landesa empregan os seus contactos e relacións sociais para conseguir compradores de caolín.

   Rosewarne está en contacto cos ingleses que traballan a mina de San Finx, en Lousame, e mantén lazos estreitos con xente importante da época no sector mineiro. É amigo e socio en varios negocios de Sergio Rivera Chao, natural das Pontes e un dos precursores da industria mineira en Galicia, con quen amplía horizontes desprazándose a Lugo e a Ourense na procura de antigas minas de ouro xa traballadas polos romanos. Negocia con compañías francesas, británicas e alemás e con empresarios locais tanto a explotación das súas concesións mineiras como a súa venda. Actúa, ademais, como delegado de empresas inglesas como a Dome Mining Corporation, Limited, Tyne Side Alloys Co. ltd e Jones Picken & Brown, ao mesmo tempo que realiza negocios pola súa conta e risco3

 

Retrato de J.J. Rosewarne na súa vellez, cando residía en Zas. Cedida pola bisneta Cristina Rosewarne e incluída no traballo publicado na revista De Re Metallica por Santiago Tuñas (La Voz de Galicia)

    Inicialmente, son varios os problemas a superar polos socios de Kaolines de Lage. Ois grave era a falta de liquidez para dotar as instalacións de toda a maquinaria necesaria que lles permitise optimizar a extracción de caolín, con obxecto de mellorar o rendemento e de rebaixar os custes de produción. A instalación dun lavadoiro convértese nunha das prioridades, mais este proxecto ía ser difícil de asumir a causa dos custes e da inseguridade que representaba o feito de non ter uns pedidos mínimos asegurados.

    Posteriormente, grazas ás xestións de Víctor Landesa, a sociedade chega a un acordo coa fábrica de louza de San Claudio, en Asturias, para utilizar os seus lavadoiros. Naqueles tempos pretéritos o transporte do material realizábase por mar e dependía moito das circunstancias meteorolóxicas, así como da dispoñibilidade dos barcos de cabotaxe da época.

    Paseniño, ao tempo que Enrique Ferreiro e Víctor Landesa seguían buscando mercados onde colocar o caolín de Laxe, a empresa empeza a consolidarse tras conseguir pedidos regulares da fábrica asturiana de louza de San Claudio. Nesa mesma época tamén se envían mostras de caolín bergantiñán ás empresas Benguria y Figuerola (Xixón), Altos Hornos (Bilbao), La Cartuja (Sevilla), Cerámica de San Juan de Aznalfarache (Sevilla), Papelera de Pasaia (Guipúzcoa) ou, entre outras compañías, á Sociedad General de Productos Cerámicos (Bilbao).

    O aumento dos pedidos ía facer que as instalacións de Laxe logo quedasen obsoletas. Tras certos vaivéns da sociedade, en febreiro de 1925 chégase a un acordo en virtude do cal Enrique Ferreiro e Víctor Landesa fanse co 50% de Kaolines de Lage. Dous anos despois falece John James Rosewarne e realízase unha liquidación, a partes iguais entre os socios, das propiedades comúns.

    A empresa refúndase en 1930, decidíndose naquel entón a instalación dunha planta de tratamento nas instalacións, co obxecto de evitar os custes que supoñía o transporte de estériles (areas e micas). Isidro Parga Pondal, natural de Laxe, faise cargo en 1938 da dirección, levando a cabo importantes investigacións sobre os xacementos galegos, desta e outras substancias, a través do Laboratorio Xeolóxico de Laxe, que creou na propia vila en 1940. Con Parga Pondal Kaolines de Lage comezaría a vivir os seus grandes momentos de gloria. 

 

Instalacións das minas de caolín de Laxe (José Mª Vidal García)

    Nesa época Víctor Landesa Doménech, militar de carreira que en 1926 era comandante de artillería, tivo unha grande importancia na procura de empresas compradoras de caolín en toda a cornixa cantábrica. Este home, que estivera destinado na fábrica de armas de Trubia en Asturias, tiña unha tupida rede de amigos e coñecidos que se estendía desde Asturias, pasando por Santander ata os Altos Hornos de Bilbao. Debido ás súas múltiples ocupacións viaxaba moito por todo o territorio estatal. Entre 1937 e 1939 foi coronel director da fábrica de armas da Coruña en substitución doutro importante personaxe moi relacionado coa empresa Kaolines de Lage, José María Fernández Ladreda4, quen sería ministro de Obras Públicas entre 1945 e 1951.

    Temos constancia de que por aqueles días na Laracha tamén se extraía caolín na parroquia de Lendo, algo que xa se viña realizando desde certo tempo atrás. Faría algunha cata John James Rosewarne cando explotou en Noicela a próxima mina do Rapadoiro? Sería algún dos empresarios nomeados anteriormente o impulsor das primeiras extraccións en Lendo? Son preguntas ás que se cadra nunca obteremos resposta, mais, con todo, queremos deixar enriba da mesa as informacións que nos contaron varias das nosas fontes orais sobre este particular.

    José Aldao, veciño do Campo da Porta (Lendo) nacido en 1936, afirma que “cando eu era rapaz un señor da Coruña, que non sei como se chamaba, levaba o barro blanco deste burato de aí (sinala cara o actual barreiro de Cerámica Campo) para o porto da Coruña. Daquela os camiños eran os que eran e aínda non había a carretera que hai hoxe. Primeiramente o barro transportábase en carros ata O Cancelo e despois, desde alí, levábano en camións ata muelle. Pagábano ben, se non recordo mal, creo que a 25 pesetas cada carro”.

    Antonio Fuentes Varela, que xa vos adianto que é un dos grandes protagonistas do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño (no que levamos traballando case en dous anos en colaboración co Concello da Laracha), contounos que “o caolín de Lendo ía para o País Vasco. Mandábao para aló, por medio dun intermediario, miña tía Carmen Queijeiro Lista, a quen todo o mundo coñecía como Carmela do Campo da Porta. Esta muller era media irmá de miña nai, María Varela Lista. Carmela e o seu home Abelardo vendían ovos, galos, criaban ovellas, cochos… non tiñan problemas económicos. Para aqueles tempos, ela era moi espabilada e estaba ben asesorada porque xa che tiña o seu avogado. Non sei se sería por medio deste home ou doutro intermediario, pero o caso é que o caolín do seu monte, que estaba cerca do que hoxe é o cruce de Baldaio, levábano para o País Vasco. Eu este conto téñollo escoitado moitas veces a miña tía, porque eles non tiñan fillos e, cando era neno, pasaba moito tempo na súa casa”.

    Aqueles primeiros pasos da extracción da arxila branca en Lendo ían dar pé á aparición en escena dun empresario do sector da cerámica de Pontevedra que xa levaba varios anos traballando con éxito na comarca do Salnés. Falamos de Epifanio Campo Núñez, que chegou á Laracha a mediados dos 50 para comprar o xacemento de caolín a carón do cal construiría, andando no tempo, as instalacións de Cerámica Campo. Unha empresa coa que A Laracha tivo un pasado ben distinto ao futuro que agora se lle presentaba.  

  De Epifanio Campo Núñez falaremos ao longo das próximas semanas.

 

Imaxes do voo americano de 1956-57 e PNOA de 2020 nas que podemos observar a metamorfose dos últimos sesenta anos do xacemento de caolín de Lendo -nº 1- e do barreiro que tiña José Manuel Ferreira na zona da Rega -nº 2-, actualmente convertido en lagoa (https://mapas.xunta.gal/visores/basico)

__________

1 Garrido Rial, Santiago (2023): “John Rosewarne, el minero inglés que desde Zas siguió los pasos de Plinio”, La Voz de Galicia, Carballo, 12 de marzo, p. L3.

2 Pai do famoso fotógrafo José M.ª Vidal García.

3 https://savonarolamiscelanea.wordpress.com/2012/11/11/sociedad-minera-kaolines-de-lage-s-l/

4 O fillo de José María Fernández Ladreda, Victoriano Fernández Ladreda, era afillado de Carmen Polo.

2 comentarios:

  1. Se este é un adianto (ben documentado, fiado e ameno) xa me podo imaxinar o que nos poderemos atopar no libro definitivo. Parabéns

    ResponderEliminar