mércores, 19 de xuño de 2024

EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (1ª parte)

  Na procura dunha mellor vida, na década dos 50 moitos laracheses facían a maleta da emigración cara a América, destino que posteriormente se ía cambiar cara a unha Europa moi necesitada de man de obra, nun tempo no que os emigrantes da Laracha apostaban maioritariamente por Suíza. O sustento das economías domésticas das persoas que decidiran quedar aquí viña dado, ao igual que en tempos pretéritos, pola gandería, a agricultura de subsistencia e o autoconsumo, algo de madeira e a pesca, sector do que vivían ducias de familias de Caión. Por aquel entón, a chegada de Epifanio Campo Núñez á Laracha foi como un agasallo caído do ceo para máis de 200 persoas do municipio e da bisbarra, moitas delas mulleres, que tiñan por primeira vez na súa vida salarios decentes, pagas extra e seguridade social.

Mapa a escala 1/25.000  no que figura a fábrica de Cerámica Campo

    Epifanio Campo Núñez nacera no ano 1915 en Puente de Domingo Flores, municipio da comarca leonesa de La Cabrera, integrado no Consello Comarcal do Bierzo. Situado nos lindes coa provincia de Ourense e atravesado pola estrada N-536 que une Ponferrada co Barco de Valdeorras, das entrañas das súas terras sae a lousa que dispara o produto interior bruto da comunidade de Castela e León. O noso protagonista era o maior dos cinco fillos (Epifanio, Carmita, África, Juanita e Antonio) de Demetrio Campo e de María Núñez, matrimonio que se dedicaba ao viño e que tiña unha tenda de comestibles.

    O futuro empresario pasa a súa infancia e xuventude alí, sendo testemuña directa do poderío económico que xeraba a cunca mineira berciana, sector no que Epifanio empeza a traballar de mozo, como así nolo confirma unha información publicada en La Región en 1935:

SUCESOS
UNA CARTERA QUE DESAPARACE
En Comisaría se presentó en la mañana de ayer Epifanio Campo Núñez, soltero de 20 años de edad, chófer.
Denunció que había llegado a Orense, conduciendo un camión con cargamento de carbón.
Procedió a realizar las operaciones de descarga y seguidamente se fué a comer a un bar en compañía de otras personas.
Poco después tomó el camino de regreso al punto de procedencia, pero cuando llevaba andado algunos kilómetros, observó que del bolsillo del mono le había desaparecido la cartera, en la que llevaba 300 pesetas y su documentación personal y la del coche1.

    Pouco despois deste incidente, cando soaban os tambores da guerra, cumpre coas obrigas castrenses e realiza o servizo militar en Pontevedra. Na cidade do Lérez coñece a Amalia Méndez Tacón, moza de Vilalonga (Sanxenxo), que era filla de José Mª Méndez y Méndez, industrial e correspondente do Faro de Vigo, e Peregrina Tacón Fernández.

    Despois de darse o “si quero”, Epifanio e Amalia establecen o seu domicilio en Vilalonga, unha zona cunha importante tradición de industria cerámica desde o século XIX, na que o emprendedor do Bierzo adquire varias concesións mineiras para a explotación de arxilas, caolíns e feldespatos, que comercializaría como materias primas para o sector cerámico.

    En Vilalonga, no lugar da Fianteira, xa levaba anos traballando a fábrica do enxeñeiro asturiano Justo Guisasola Vigil. Nomeada como Cerámica de Dena, esta industria xa estaba dotada con forno semicontinuo tipo Hoffmann e producía dende 1911 tella (rústica e alacantina), ladrillo refractario, tubaxe de gres, louza policromada e material sanitario, e daba ocupación no complexo mineiro industrial a máis dun centenar de homes e mulleres. Outro dos empresarios do sector asentado dende había tempo nesta parte do Salnés era o vilagarcián Eduardo Viqueira Cores. Con permiso de exploración mineira outorgado xa en 1912, en 1927 concedéraselle licenza para a construción dunha fábrica de ladrillo e tella na praia de Vilalonga, máis coñecida como A Sequiña. Dotada tamén con forno semicontinuo tipo Hoffmann, a prensa da época informaba que producía tella e ladrillos de construción, tipos Borgoña, perforado, rasilla etc., “fabricados con materia prima excelente de las renombradas arcillas de Dena”2.

     Con este panorama de competitividade e partindo de cero, Epifanio Campo iniciaba nos duros anos da posguerra unha tarefa que andando no tempo cristalizaría na firma máis importante da cerámica industrial de toda a xeografía galega. O grupo Cerámica Campo acababa de nacer. 

 En 1942 Epifanio instala na marisma da Arnosa, ao poñente da Fianteira, unha fábrica de produtos cerámicos destinados principalmente ao sector da construción baseada, como as fábricas de Guisasola e Viqueira, na calidade das arxilas locais. Nos seus inicios, a industria de Campo contaba cunha capacidade de produción dunhas 30.000 toneladas anuais e daba emprego a unhas 150 persoas, liberadas así da emigración.

 

Publicidade dos anos 40 da fábrica que Epifanio Campo Núñez posuía en Vilalonga (La Noche, 26 de maio de 1948, p. 3)

    En todo momento Amalia foi intelixente conselleira, eficaz colaboradora e muller sacrificada á tarefa emprendida polo seu marido. Sen o seu consello e apoio nos momentos difíciles, Epifanio probablemente non acadaría as cimas que conseguiría co transcurso dos anos. O novo empresario daquel entón decide percorrer países para observar e aproveitar experiencias de grandes factorías da rama que cultivaba. Aquela aprendizaxe levaríao, anos máis tarde, a apostar polo futuro e a innovar con grandes tecnoloxías importadas como o forno Hoffmann e a introdución de secadoiros nas súas instalacións da Arnosa que permitían unha cocción máis uniforme e obter un material de maior calidade.

    Epifanio era un home cunha gran visión comercial. Un día dixo:

    - Queredes barro? Pois nada, ides ter barro!

     E así foi como se empezou a cocer en Vilalonga o que lle chamaban chamota, un barro que se cocía ata que non lle quedase ningún tipo de propiedade orgánica e que se utilizaba en diferentes mesturas arxilosas. Tamén se moía para darlle unha maior estrutura ao refractario, outorgándolle a capacidade de soportar altas temperaturas. Unha vez preparada, a chamota cargábase posteriormente nos barcos que transportaban o material a destinos como Valencia, onde o único que tiñan que facer era descompoñer nos muíños o material novamente para fabricar unha louza de calidade.

     A mediados dos anos 50 íalle xurdir unha oportunidade de negocio na Laracha, onde comeza a realizar unha actividade extractiva nos xacementos de arxilas de Lendo. Primeiramente compra a mina de caolín da que xa falamos a semana pasada nestas Crónicas da Laracha, situada nas proximidades da zona da encrucillada que vai para Baldaio, nunha leira denominada Cabeceira, da cal Pedro Esmorís Rodríguez recorda que “cando Epifanio veu para aquí, ao principio vendía no barro para A Coruña. Tiña varios carreteiros que lle carretaban durante o verán o material desde Lendo, desde o barreiro que hai para alá da nave do ferro. O barro dese barreiro era blanco e dicían que era moi especial, que valía para facer louza. Ese barro non servía para facer tellas e ladrillo, era para mezclar como o que lle bota leite ás papas. Mezclábano con outros barros, porque senón rebentaba. Traíano ata O Cancelo, ata onde está o estanco, e aí facían unha morea. Despois cargábase en camións e levábano para o porto da Coruña, e desde alí dicían que o levaban para Alemaña. Ao pouco de vir xa empezou a arreglar a carretera, que hoxe aínda hai xente que lle chama ‘a carretera de Epifanio’. Era moi querido por aquí porque dou moito traballo. Era bo home. Eu creo que botou seis ou sete anos vendendo dese barro branco antes de montar a fábrica”. Un dos carreteiros dos que nos fixo alusión Pedro Esmorís era José Aldao, veciño do Campo da Porta (Lendo) nacido en 1936 que nos dixo que “Epifanio pagaba cada carro a cinco pesos”.

(CONTINUARÁ...)

___________

1 Vid. La Región, Ourense, 9 de xuño de 1935, p. 7.

2 https://www.asociacionbuxa.com/patrimonio/detalle/714


2 comentarios: