mércores, 17 de abril de 2024

O PAZO DE PARADELA

 Na parte oriental da parroquia de Soandres, nos lindes co municipio de Cerceda, atopamos o lugar de Paradela que está asentado sobre un outeiro que mira cara as augas do Anllóns e cara unha das ladeiras da serra de Montemaior. Aquí, ata o remate da década dos anos setenta, podíase ver un pazo de recia construción en cantería que amosaba fachendoso unha pedra armeira1

Imaxe dos anos setenta do pazo de Paradela (Carlos Martínez Barbeito)

    É máis que probable que a primitiva fundación deste histórico edificio se fixera sobre terreos aforados polo poderoso mosteiro beneditino de Soandres, que posuía todas, ou case todas, as terras circundantes.

   O primeiro dono coñecido do pazo foi Martín do Corgo, fundador deste vínculo no ano 1604 xunto coa súa dona María Domínguez. Os dous foron tamén fundadores, nun soar próximo, dunha pequena capela con advocación do Espíritu Santo.

   A Martín e a María herdoulles en Paradela a súa filla María Domínguez do Corgo, que levou os seus bens e dereitos aos Ares da Barreira ao casar co Capitán Alonso Ares da Barreira. Deste matrimonio naceu Lope, chamado tamén Alonso Ares da Barreira. E ademais naceu Pedro Ares da Barreira y Montenegro, que non deixou descendencia. Polo que nos conta Carlos Martínez Barbeito no seu libro Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña ao chegar a este punto da árbore xenealóxica “se produce una reiteración de nombres que impide ver con claridad por donde sigue la línea sucesoria. Hay dos clérigos, don Pedro Ares da Barreira Montenegro, cura de Trasanquelos y Comisario del Santo Oficio, y don Pedro Ares da Barreira y Bermúdez, cura de Mandaio (Oza-Cesuras), que fundan sendas capellanías bajo la advocación de La Concepción, una en San Pedro de Quembre (Carral) donde radicaba la casa de Esperante, y otra en Mandaio de donde el fundador era párroco. Estos vínculos, más el que funda en 1705 doña María Montenegro, dueña de Esperante y de Paradela, en forma de patronato real de legos, recaen luego en alguien cuyo nombre hace suponer que, extinguida la línea primogénita, hubo que remontarse a los viejos patriarcas fundadores de la casa para que no saliese de la familia. Se llamaba esa persona que heredó las casas de los Corgo y de los Ares da Barreira, doña Mayor Domínguez do Corgo, cuyo consorte fue don Juan Romero del Río.2

    Deste matrimonio ía nacer Blas Romero del Río, que casou con Beatriz de Ulloa y Figueroa (que non sería allea ao pazo de Herves que posuían os Ulloa, enlazados cos descendentes dos antigos Basanta).

   De Blas e Beatriz foi fillo Antonio Romero de Ulloa, cónxuxe de Teodora Reymóndez de Figueroa, muller cuns apelidos que delatan relación coa casa de Armuño, e coa de Moruxo, nas Mariñas. Por carta executoria datada o 4 de decembro de 1710,  Antonio obtivo en posesión os maiorazgos, bens e regalías das casas de Esperante, Paradela e outras. Andando no tempo, herda o pazo de Paradela, con todos os seus agregados, a súa filla Antonia Romero Reymóndez, que casa con Juan Álvarez de Valdés ou Juan de Valdés.

    É aquí onde os Valdés entran a señorear Paradela, e quen coloca en este pazo o escudo de armas é o fillo destos señores, Nicolás Valdés Montenegro de Ulloa y Figueroa, nacido no pazo de Esperante o 29 de setembro de 1716. Nicolás, que posuía ademais a torre da Espenuca e, entre outros, os pazos de Bolaño e de Boimille, exerceu de Rexedor Perpetuo e Capitán de Milicias da Coruña, sendo tamén Intendente do Exército e Reino de Galicia e fundador da Real Academia de Agricultura de Galicia. Nicolás casou con Mariana de Lago y Moscoso, filla de Antonio de Lago e de María Moscoso e irmá de Bernardino de Lago y Moscoso, prreminente figura da vida coruñesa no século XVIII, que foi secretario da nomeada Real Academia de Agricultura de Galicia e marido de María Josefa Bermúdez de Castro.

 

Imaxe dos anos setenta do escudo de armas dos Valdés no pazo de Paradela (Carlos Martínez Barbeito)

    Nicolás e Mariana teñen dous fillos. O maior, Antonio, morre sen descendencia. O outro, Gregorio Valdés Lago y Montenegro pasa o ocupar o posto de seu irmán na liña sucesoria e enlaza con Juana Romero de Ulloa, que a xulgar polos apelidos todo a punta a que eran parentes.

    Froito desa unión é Manuel Valdés y Romero, que contrae nupcias con Orosia Salazar, da casa de Ribeira no val de Barcia (Carral), soar dos Salazar. Posteriormente herda o pazo de Paradela, con todo o que lle estaba agregado, o seu fillo Antonio Valdés y Salazar, que casaría con María Brea y Suárez nacendo da súa unión Evaristo Valdés y Brea.

    Casa este último con Matilde Pardo y Lage e ambos son pais de Eduardo Valdés Pardo, que contraería matrimonio con dona Ermelinda García Crespo. Fillo deles foi Eduardo Valdés García, quen en 1978 trasladou o escudo heráldico do pazo de Paradela a Carral, onde na actualidade pode verse adosado na fronte principal do pazo de Esperante, convertido hoxe nun exitoso complexo hoteleiro.

   O pazo de Paradela continuou en mans da familia Valdés ata finais do século pasado, mais ía botar anos en estado de abandono. Accedíase a esta casa fidalga por unha porta de arco de medio punto. “Na primeira planta abríase unha fiestra rectangular e contiguo adiviñábase un vano, cegado con barro e cachote, que mostraba sinais de ter un arco semirredondo. No esquinal dereito, ostentaba pretenciosa unha pedra armeira, de tosca labra, que reproducía o brasón dos Valdés. O escudo heráldico (que estaba situado debaixo da cornixa do esquinal da fachada principal) mostraba unha cimeira frontal adornada de plumas; e entre lambrequins, tres faixas, e no campo postas, tres, dúas, dúas e tres unhas figuras redondas que semellan roeles, con crucetas no seu interior3 ”.

   Na actualidade este histórico edificio está en fase de rehabilitación, polo que as súas paredes continuarán mantendo vivo o esplendoroso pasado do lugar de Paradela!

 

Imaxes actuais do que fora o pazo de Paradela


FONTES:

CABEZA QUILES, FERNANDO; DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO; FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X.; GARCÍA LOSADA, ANTÓN; GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, Instituto de Estudos Bergantiñáns.

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revista Festas Soandres 2015.

MARTÍNEZ BARBEITO, CARLOS (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest S.A., León.

_____________

1 Vid. Gumersindo García Gómez (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revista Festas Soandres 2015.

2 Vid. Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest S.A., León, pp-456-459.

3 Vid. Gumersindo García Gómez (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revista Festas Soandres 2015.

Ningún comentario:

Publicar un comentario