venres, 5 de abril de 2024

O MOSTEIRO DE SANTO AGOSTIÑO DA VILA DE CAIÓN

   Fernando Bermúdez de Castro II, señor da Casa de Montaos, Dubra, Penaflor e Caión, foi quen fundou en 1548 xunto a Orde de Santo Agostiño, o mosteiro de Santo Agostiño da vila de Caión. Este persoeiro tiña a súa residencia no pazo1 que preside a praza Eduardo Vila Fano caionesa e que fora construído a finais do século XV polo seu avó, home de brillante carreira como dignidade eclesiástica tamén chamado Fernando Bermúdez de Castro I2. O edificio foi, en tempos dos seus fundadores e descendentes, o centro xuridiscional da vila mariñeira.

Praza de Eduardo Vila Fano de Caión. Ao fondo, o pazo dos Bermúdez de Castro, Señores de Montaos. Á esquerda, a igrexa de Santa María do Socorro

    A vocación relixiosa do fundador do devandito pazo ía ser herdada polo seu neto Fernando II3, que foi quen mandou levantar a igrexa de Santa María do Socorro como capela maior do mosteiro, situada tamén na praza Eduardo Vila Fano, e sufragou as obras do convento de Santo Agostiño nunha época na que Caión era potencia baleeira. Inaugurado en 1578, case unha década despois do falecemento do seu fundador, o convento estaba xusto ao carón da igrexa e chegou a albergar a máis de vinte freires agostiños que administraron durante décadas “as tres parroquias con cura de almas (Caión, Noicela, Rebordelos, con partes do beneficio dos próximos Vilaño e Cabovilaño), e tres sinecuras en terras de Perbes, Boebre e Vilarmaior. A partir de 1621 cando xa levaba anos terminada a igrexa, os seus Libros de Gastos e Ingresos mostran o retorno das obras do mosteiro, que finalizaron en 1639”4. Mentres non se construíu o novo templo do Socorro, o culto oficiábase nunha igrexa con advocación a Santa María, situada entre a ermida de San Roque e a igrexa que se estaba edificando.

    Ao interior do pazo dos Señores de Montaos accedían os veciños que pagaban as rendas dos foros. Segundo as informacións do historiador caionés Marcos Emilio Amado Casdelo, a antiga torre situada á esquerda do edificio serviu de cárcere, do que herdou o nome o areal máis próximo, a praia do Cárcere Vello. Conta a lenda que un túnel subterráneo unía o pazo coa igrexa parroquial de Santa María do Socorro, e seica tiña saída nunha das furnas que dan á praia. 

 

Imaxe actual da fachada do antigo convento da Orde de Santo Agostiño

   Desta época, grazas a un litixio do convento de Santo Agostiño de Caión contra un tal Juan Calvete e a súa muller “por una poca teja” que consultamos no Arquivo do Reino de Galicia, soubemos que os agostiños fixeron algún que outro encargo de tella en Monteagudo (Arteixo) nas proximidades do que hoxe é a Área Recreativa de Barreiros: “(…) llegaron a la telleira de los Barreiros a buscar una poca de teja con unos carreteros”5. Seguramente tamén farían o propio nalgunha das telleiras existentes no municipio da Laracha, mais non localizamos ningún dato ao respecto.

    Pegado á igrexa do Socorro, pola parte sur, vese a fachada exterior do antigo convento dos Agostiños que, tras ser restaurado en 2006 polo Concello da Laracha, hoxe alberga un centro social e a oficina de información turística da vila caionesa.

    Ao longo dos séculos XVII e XVIII, o convento disfrutou de gran prosperidade, cobrando os diezmos das colleitas e da pesca e administrando tamén as parroquias próximas ata a marcha definitiva dos freires no ano 1772 ao barrio coruñés da Pescadería. A día de hoxe a Praza e o Mercado Municipal de San Agustín da cidade herculina seguen mantendo viva a memoria desta orde relixiosa.

_____________

1 Este edificio é coñecido como o Pazo dos Condes de Graxal, mais antes disto a súa denominación era Pazo dos Señores de Montaos. O título de condesa obtivérao Beatriz Bermúdez de Castro, sobriña neta do fundador do convento dos Agostiños, ao casar con Juan Álvarez de Vega, conde de Grajal de Campos (León). 

2 Fernando Bermúdez de Castro I, avó, faleceu en Caión en 1515. Os seus restos consérvanse nun sepulcro existente na capela maior da colexiata de Santa María do Campo da Coruña, da que foi o seu primeiro abade.

3 Fernando Bermúdez de Castro II, neto, morreu en 1570 en Ourense e foi enterrado na Igrexa de Santo Domingo da Coruña. El quería enterrarse na igrexa do convento de Santo Agostiño de Caión, onde tiña a súa residencia, pero a peste que asolaba aquela vila impediuno.

4 Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, Señores de Montaos, Autoedición, pp. 246-247.

5 Vid. Arquivo do Reino de Galicia. Sinatura 1511-14.

Ningún comentario:

Publicar un comentario