xoves, 21 de setembro de 2023

O MOSTEIRO DE SOANDRES

  O Mosteiro de Soandres é un dos elementos máis significativos da historia da Laracha e do que hoxe coñecemos como Bergantiños, onde este templo beneditino exerceu desde a súa fundación gran influencia en boa parte da comarca.

    Este cenobio aparece xa citado a finais do século X, a través dun documento de doazón que lle fai o conde Paio Pérez e a súa dona Aragonta, no que se incluían varias igrexas e lugares, todos eles dentro do actual municipio larachés. As doazóns continuarán durante os séculos XI e XII, entre as que cabe citar a dos Condes de Traba, familia que protexeu a moitos pequenos mosteiros que se fundaron nas terras que estaban baixo o seu dominio.

    Na súa orixe o mosteiro estaba baixo a protección de San Salvador, advocación habitual na Alta Idade Media, máis en 1351 o rei Pedro I de Castela demostrou a súa devoción polo templo eximíndoo de pagar as taxas de yantare e colleita. Os monxes, como mostra de agradecemento ao rei, trocaron a advocación a San Salvador pola de San Pedro.

   Durante os séculos XIII e XIV temos abundante documentación que nos aporta o investigador Manuel Lucas Álvarez, case toda ela referente a contratos de foro que asinaron os distintos abades do mosteiro. Esta época é tamén a orixe do esplendor arquitectónico do edificio, que chegaría ata nós coa feitura daqueles días, xa que a construción actual data de finais daquel século XIV, non correndo tanta sorte as dependencias monásticas. 

 

    A partir do século XIV, a nobreza local, sobre todo a familia dos Pardo das Mariñas, señores das desaparecidas Torres de Cillobre, na súa actuación de encomendeiros ou protectores do mosteiro, serán os que cometan os maiores abusos e tropelías contra as propiedades do Mosteiro e os monxes que nel habitaban. A pesar das reiteradas queixas que estes lle elevaron aos monarcas, as espoliacións non cesaron.

    Ao igual que hoxe, a causa da súa extensión (é a parroquia máis extensa e oriental da comarca de Bergantiños), Soandres estaba dividida en copias, unha distribución que se conserva dende a Idade Media. Nun primeiro momento esta división era de catro copias: Borreiros, Boimir, Bocixa e Golmar, onde precisamente os freires beneditinos construiran unha ermida dedicada ao fundador da súa orde, San Bieito, que na actualidade é a igrexa parroquial da freguesía de Golmar. No ano 1877 Golmar convértese en parroquia, e a partir de aquí Soandres segue conservando esta división, pero agora con tres copias: Bocixa, Boimir e Borreiros.

    A finais do século XV e comezos do XVI o mosteiro comezaría a perder os privilexios de antano debido á reforma dos Reis Católicos. O templo convértese nesta época nun priorado dependente do mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, unión confirmada polo Papa Alexandre VI o 1 de outubro do ano 1500. Durante o Antigo Réxime, a parroquia de Soandres formaba unha xurisdición xunto coa de Sorrizo (Arteixo), baixo o señorío de San Martiño Pinario, quen se encargaba de nomear o xuíz ordinario.

     En xullo de 1613 o Cardeal Jerónimo del Hoyo visita o mosteiro, no que habitaban dous ou tres monxes, pertencentes a San Martiño, encargados de administrar as súas rendas. Del Hoyo infórmanos tamén da existencia dentro da igrexa de Soandres dunha ara romana dedicada a Hércules, que mandou repicar por incitar ao culto pagán. No seu libro manuscrito Memorias del Arzobispado de Santiago, o cardeal narra así a súa visita pastoral a Soandres:

Esta iglesia es muy grande y es priorato de San Martín de Santiago en que hay de ordinario dos o tres flaires benitos. Es parrochial; tiene pila baptismal y Santísimo Sacramento y tiene ciento y setenta y seis fuegos. Hay en esta iglesia bicario perpetuo atitulado que adeministra y sirve al curato y por su trabaxo le dan cinquenta ducados el monasterio de San Martín y el pie de altar y lo demás se llevan los frailes del monasterio de San Martín. La fábrica tiene de renta seis ferrados de pan de unas heredades y de otras tiene más. El edificio muestra antigüedad y es lástima que todo está teja bana. Los feligreses biven (fol. 244, r.) algunos legua y media y para venir a misa atraviesan dos feligresías.
En un altar pequeño questá arrimado al poste principal de la capilla mayor del lado de la Epístola, que tiene una piedra grande sentada sobre una basa cuadrada; paresce que la dicha basa fué árula gentíleça porque tiene estas letras:
I O M
HERKVLI . IONICO
Mandóse por una visita picar las dichas letras, porque no quede rastro de cosa semejante”.

    No verán de 1745, cento trinta e dous anos despois de aquela visita pastoral do cardeal Jerónimo del Hoyo, o Padre Sarmiento hospédase no mosteiro e, no seu caderno de viaxe, escribe:

Ó lado da epístola (lado S.) da igrexa de Soandres, había esta inscripción: “I.O.M. Herkuli Ionico”. E que por visita (arcebispal do cardeal Jerónimo del Hoyo) mandárase picar por ser de xentís. Rexistrei o dito lado e aínda recoñécese a picadura, que se cubrira de cal e se embarrara. Notei que moitas pedras da igrexa teñen unha ou dúas letras, góticas ou romanas1

     Durante o século XVII, coincidindo cun novo esplendor dos mosteiros galegos e das rendas parroquiais, acometeranse en Soandres varias reformas. Será cando se constrúa a actual fachada barroca que conserva a igrexa, e o edificio adosado á mesma que na actualidade fai de casa reitoral. 

 

    En novembro de 1805, con motivo das obras que se estaban realizando na igrexa, a ara nomeada anteriormente foi soterrada no presbiterio, onde ía permanecer esquecida durante un século, ata que a localizou Rafael Balsa de la Vega en xuño de 1909. Nese mesmo ano formou parte dunha exposición arqueolóxica celebrada en Santiago, lugar do que nunca regresou. Na actualidade encóntrase no museo da Catedral de Santiago. Trátase dun pequeno altar conmemorativo da época politeísta romana, unha ara votiva de granito, perimétrica, con base e cornixa e con focus triangular coa presenza dunha pátera con asas. O actual texto que ten escrito suponse que foi gravado despois de que se borrara a inscrición orixinal, que diría... “Xúpiter Óptimo Máximo. Hércules Jónico presentou a ofrenda”.

    Antigamente, os cristiáns recibían sepultura dentro do mesmo recinto da igrexa. O último enterramento efectuado dentro da igrexa data de agosto de 1833. A vida monacal finaliza pouco despois, o 6 de decembro do ano 1835. O mosteiro, coas desamortizacións de Mendizábal, perde as súas propiedades e a súa función limítase, desde entón, á de igrexa parroquial. O último frade beneditino de Soandres foi don Justo Barrio Castroviejo, que recibiu sepultura nun nicho de cantaría que el mesmo mandou construír pegado aos muros da parte dereita da porta principal da igrexa. Actualmente, xa non queda vestixio algún desta sepultura, tan só unhas marcas entrantes na parede da igrexa, á dereita da porta principal, que delatan os curiosos restos da súa localización.

    Hoxe en día consérvase o conxunto arquitectónico que conforman a igrexa, de planta basilical, e a casa reitoral. As reformas posteriores, especialmente durante os séculos XVII e XVIII, ían dotar ao cenobio beneditino con elementos de diferentes estilos arquitectónicos para que na actualidade combine con natural harmonía o gótico da cabeceira, o barroco das naves e restos do primitivo templo románico en elementos do muro norte. 

 

    No interior, nas ábsidas laterais posúe baldaquinos do século XVIII que albergan as imaxes de Santa Lucía e Santa Marta, esta procedente da antiga capela do mesmo nome, que se encontra no Coto de Santa Marta. O altar maior e a imaxe do titular, San Pedro, son de factura neoclásica e están datados a principios do séxulo XIX.

     Os altares das capelas absidais do lado da epístola e do evanxeo, atopáronse durante os traballos realizados para cambiar a pavimentación das capelas laterais, unha vez desmontados os sobancos dos retablos. Son dúas mesas de altar con cinco soportes cada unha, catro en posición angular e un en posición central, que suxeitan a táboa da mesa do altar. A atribución destas mesas como altares susténtase en que os soportes centrais que sosteñen a táboa, conteñen uns depósitos relicarios, situados nos ocos existentes no interior do propio soporte central. Na mesa do lado do evanxeo atopouse unha caixa de madeira de sección circular, na que se custodiaban envoltas nun pano vermello dúas lipsanotecas. Sen embargo, na da epístola non apareceu ningún relicario, senón que este espazo albergaba unhas cinzas. Por último, crese que estes altares serían unha obra da segunda metade do século XIV, e son unhas estruturas pétreas de cronoloxía gótica únicas en Galicia.

 

    A parte correspondente á parroquial foi rehabilitada na década de 1990, restaurándose tamén o seu adro convertido nunha atractiva praza pública que permite apreciar como é debido o templo. Ademais fai uns anos construíuse unha segunda praza no entorno, que á súa vez serve de aparcadoiro. Hoxe, aínda que a parroquial non sempre se atopa visitable e moito menos os espazos privados, o lugar segue sendo unha das visitas obrigadas do Concello de Laracha. Alí agarda por vós o párroco don Manuel Mallo Mallo, a quen lle quero agradecer, unha vez máis, a atención e amabilidade coa que sempre trata a quen escribe.

    Rematamos esta pequena historia do Mosteiro de Soandres cunha cronoloxía da autoría do historiador da parroquia Gumersindo García Gómez:

956, 30 de agosto.- É a data máis antiga na que se menciona o noso Mosteiro nunha doazón que fixo o conde Paio e a súa dona Aragonta.

969, 24 de febreiro.- O Bispo de Santiago, Nuño, confirma a doazón do conde Paio engadíndolle as parroquias de Queixas, Cerceda, Montemaior, Golmar, Soutullo e Larín.

1.193, 30 de xullo.- Dona Urraca Fernández de Trava lega a “Suandres” cinco moios de trigo.

1.282.- Pedro Pérez de Coiro renuncia ante Frai Martín Pérez, abade de Soandres, aos dereitos que poida ter no lugar da Ferrería.

1.351.- O Rei de Castela, Pedro I, exime ao mosteiro de pagar os trabucos de “yantar e colleita”

1.392, 12 de xaneiro.- Alonso García de Cerceda dona unha leira ao mosteiro para que, á súa morte, o enterren na igrexa de Soandres.

1.404, 30 de xuño.- O Rei Enrique III firma unha carta de Emprazamento contra Martín Sánchez das Mariñas para que restituia ao mosteiro certas propiedades.

1.416, 16 de setembro.- A Raíña Rexente de Castela, Dona Catalina de Lancaster firma unhas cartas executorias contra certos cabaleiros da bisbarra, que en moitas ocasións cercaron o mosteiro con homes armados de a pé e a cabalo, e feriron gravemente ao abade, monxes e servintes.

1.420, 27 de decembro.- O notario Pedro Vidal, a pedimento do abade Fernán García, “copia fielmente” as doazóns do conde Paio e do bispo Nuño.

1.424, 20 de xaneiro.- O Rei Juan II de Castela firma en Alcalá de Henares unha real provisión pola que acolle baixo a súa real garda e amparo ao abade, monxes e vasallos do mosteiro.

1.459, 11 de maio.- O Papa Pío II expide en Roma unha Bula Apostólica na que prové á abadía de Soandres na persoa do Cardeal Juan do título de Santa Prisca.

1.499, 13 de xullo.- Frai Rodrigo de Valencia procede á reforma do mosteiro.

1.500, 1 de outubro.- O Papa Alejandro VI confirma a unión do mosteiro de Soandres co de San Martín de Santiago.

1.518, 21 de xuño.- O Abade de San Martín toma posesión do Priorado de Soandres.

1.573, 15 de maio.- Martiño do Corgo, dono do pazo de Paradela, dona dúas leiras en Encián á fábrica da igrexa por dúas sepulturas.

1.595, 15 de outubro.- O Arcebispo de Santiago, don Juan de San Clemente y Torquemada, fai a Visita Canónica.

1.613, 3 de xullo.- O Cardeal Jerónimo del Hoyo executa a Visita Pastoral a Soandres e, ao mesmo tempo, recolle datos para o seu libro manuscrito titulado “Memorias del Arzobispado de Santiago”.

1.722, 13 de febreiro.- O Arcebispo de Santiago, don Luis de Salcedo y Azcona, visita o Priorado de Soandres.

1.745, 12 de agosto.- Frai Martín Sarmiento hospédase un día coa súa noite no Priorado e anota no seu caderno de viaxe todo canto lle chama a atención.

1.752, 12 de agosto.- O Padre Prior de Soandres, Frai Benito Pizarro, colabora cos funcionarios da Real Facenda na elaboración do “Catastro de Ensenada”.

1.761.- O Mosteiro de San Martín Pinario de Santiago percibe do Priorado de Soandres máis de 30.000 reás de vellón en rendas.

1.798, 17 de marzo.- Unha gavilla de bandoleiros capitaneada por Juan Manuel Varela “El Tuno” asaltan a man armada o Priorado e rouban 9.300 reás de vellón de diversos obxectos de moito valor.

1.805.- Ao longo do verán execútanse na igrexa diversas obras como a remodelación do coro, o enlousado dos presbiterios e a talla dos baldaquinos.

1.835, 4 de novembro.- Co obxecto de dar cumprimento á Lei de Desamortización, o intendente da provincia da Coruña concede pasaporte a don Andrés Castro Barbeito, Delegado de Arbitrios de Amortización, para que efectúe o inventario do Priorado de Soandres. O día 6 de decembro rematou o reconto e con el a vida monástica.

1.982, 11 de maio.- No Boletín Oficial do Estado publícase unha resolución datada o 9 de marzo pola que se adorna ter por incoado expediente de declaración de Monumento Histórico Artístico o Mosteiro de San Pedro de Soandres.

 


FONTES:

Alonso Otero, Mª Leonor & Giadás Álvarez, Luís Antonio (1998): Itinerario bergantián do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña, páx. 49.

Fernández Carrera, Xan (2000): Viaxe pola historia de Soandres, La Voz de Galicia, 26 de maio.

García Gómez, Gumersindo (2008): Cronoloxía do Monasterio de San Pedro de Soandres, Revistas das Festas de Soandres 2008.

García Gómez, Gumersindo (2015): A memoria de tres testemuñas de pedra en Soandres, Revistas das Festas de Soandres 2015.

Mouzo Riobóo, Íñigo (2018): San Pedro de Soandres, a xoia gótica descoñecida de Bergantiños, Historia de Galicia.

Patrimonio Galego (http://patrimoniogalego.net)

Turismo A Laracha (https://www.alaracha.gal/turismo)

_______________

1 Vid. María Leonor Alonso Otero & Luís Antonio Giadás Álvarez (1998): Itinerario bergantián do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña, páx. 49.

Ningún comentario:

Publicar un comentario