martes, 12 de setembro de 2023

A TELLEIRA QUE TIÑA JESÚS RÍOS NA BARREIRA NO ANO 1939 (4ª parte e fin)

 CONTINUACIÓN DO TEXTO DE JOSÉ DE LA SANTÍSIMA TRINIDAD:

(...) Acabouse de fabricar; o pieiro sobou a última pía, o carretilleiro sacou a última mudada, o oficial non se decatou de cando fixo a última tella porque media mudada quedou na eira. Secou o material, encañamos o forno, coceuse, recollemos todo: as tellas dos regales, bancos, carretillas... Todo o que era de gardar metémolo no cabanón e cerrouse con táboas. As aixadas, pas e toda a ferramenta miúda gardámola na chabola. Gustaríame volver. Deixaba aquela xente con pena porque o comportamento connosco fora coma se foramos coñecidos de toda a vida. Pero tampouco me saían do pensamento aqueles días longos de maio co cunco do barro na cabeza e as zamancas nos pés sacando barro. E algunhas cousas do noso oficial tampouco se me esquecían. Desencañamos o forno; puxémonos de acordo cos da outra telleira. O último día fomos cear á casa de Ríos. Pagounos, falouse de moitas cousas e díxonos que quedara moi contento con nós... pero que se atopaba a quen arrendarlle a telleira ou venderlla que o faría porque el tiña outras cousas ás que atender.  


María Mosquera e o seu home Jesús Ríos, propietario da telleira na que traballou o autor do texto en 1939 (Cortesía da familia Ríos Mosquera)

No outro día pola mañá saímos nun camión da Laracha a Carballo, e logo nun autobús de Feiras e Mercardos de Carballo a Santiago. Segundo nos dicía Carballosa, aínda estaríamos na feira en Santiago. Pero non puido ser porque, ao pouco de saírmos de Carballo, avariouse o coche e cada dous ou tres quilómetros tiñamos que parar, polo que chegamos a Santiago co tempo moi xusto de coller o tren a Guillarei.

Non lembro de xantar nin se xantamos; sei que o tren vírao de lonxe. Nunca viaxara en tren. Ía coñecer unha cousa máis na vida. Cando viñamos por Pontevedra ou Redondela chovía, e a min parecíame que o tren andaba polo medio das viñas porque estaban ao mesmo carón da vía. Miraba para elas e xa estaban vendimadas. Chegamos a Guillarei e collemos un coche de aluguer a Buxán. Non lembro o que nos custou. Deixamos os dous compañeiros en Tabagón, levounos a nós a Novás e seguiu cos catro ata Buxán. De Novás fun a pé ata a casa e, no outro día, fun co cabalo buscar a maleta. Os cartos xa os levara comigo, non fixen coma o ano antes cando viña de Xinzo. Na casa todos estaban ben. Meu irmán aínda non viñera, aquel verán fora para Huesca.

Da miña conversa cos da casa cando lles contaba aquelas anécdotas da nosa estancia naquela telleira, o que máis se me acordaba eran aqueles días de maio coas zamancas nos pés e o cunco na cabeza. Faláballes daqueles veciños que eran tan boa xente... de boa gana volvería!

Ao longo do inverno xa souben de que Ríos lle vendera a telleira a Ferreira. Xa fun matinando e metendo na cabeza que había que buscar, que había que coñecer mundo. Pero sempre tiven metido no pensamento de que se un verán me cadraba traballar por cerca iría, aínda que só fora de visita. Ese día chegou, pero tardou anos. Foi no ano 1983 cando collín as vacacións da empresa e decidín facer unha viaxe por sitios que xa estivera había moitos anos. 

 

José de la Santísima Trinidad no ano 2003 (Cortesía de Ana Trinidad)

Fomos a Ourense, onde fixera a mili, e paramos dous días. Dende alí fomos a Lugo con motivo das festas de San Froilán. Paramos en Guitiriz, onde visitei a uns amigos de había moitos anos. Por outros motivos tiñamos que ir a Ferrol. De Ferrol viñemos á Coruña para, dende alí, coller o Castromil a Vigo. Como o coche para Vigo non saía ata as tres da tarde, non perdín o tempo e trouxéronme á Laracha. Que cambiado estaba todo! Aqueles camiños de terra e pedras eran pistas de asfalto: a estrada a Caión, a estrada de Estramil a Paiosaco... Onde era a telleira de Ríos había unha fábrica grande de ladrillo. Xa me supuxen que era a de Ferreira. ¿Ferreira coñeceríame? Xa pasaran tantos anos! A súa muller Flora era moi amiga de miña nai. No medio daquelas estradas e daqueles chalés, quería orientarme ¿Onde estaba a casa de Fontes? ¿E a casa do ferrador? De seguro que Fontes xa non estaba con nós, pero ¿e Aurelia?

Tiñamos pouco tempo, había que apurar. Fun xunto de Ferreira, deime a coñecer e recoñeceume deseguida. Flora convidounos a café, ensinoume a fábrica e falamos de moitas cousas daquel tempo. Pregunteilles por toda aquela xente. Tanto Flora como Ferreira quedaban abraiados da xente que eu lembraba. 

 

Ferreira e Flora coa súa neta Nuria (Cortesía de Nuria Ferreira)

Preguntaba onde quedaba a fonte na que colliamos a auga para beber. Preguntaba por Aurelia, resultando que casara e xa tiña netos. A súa casa era alí ao carón da fábrica, unha casa nova tipo chalé coma moitas que había por alí. Flora chama por Aurelia. Dinlle que ía na escola a buscar os netos. Na casa de Ferreira, tomando café e falando, avisan de que chegara Aurelia. Saio a visitala. Encóntroa moi boa moza a pesar de ser avoa. Saúdoa, pero non me coñece. Nada estraño xa que pasaran corenta e catro anos. Lembreille cousas daquel ano (1939), dándolle as grazas de cando me arranxou o pantalón. Xa non se lembraba. Despois de contarlle todo, díxonos que nos quedaramos para pola tarde, que merendabamos xuntos despois de levar os netos á escola.

-Non poder ser. Ás tres temos que saír da Coruña para Vigo, pero prométoche que un día volveremos! 

 

Aurelia con Antonio Fuentes (Cortesía de Josito Fuentes)

Quería ir a Torás á casa de Ríos e ver aquela xente. De seguro que o señor Ríos e a súa dona, a señora María, xa non estarían. Pero as fillas, Remedios, Carmiña, Teresa, Maruja (que era do meu tempo) e o fillo, Manolo, que estaba no exército (era da quinta do 40) e era chofer. Segundo nos dicía seu pai, fora un dos primeiros camións que entraron en Barcelona cando a guerra. Souben que unha das rapazas morrera. O tempo de ir velos a todos aínda non chegou. 

Casa de Ríos na actualidade

Resumindo, pasouse un bo verán. Con motivo das comidas puido ser ben mellor sen estragar. Os barreiros eran malos, pero non se botaba “cojulo”. Ao meu entender, o oficial quería facer máis traballo e menos gasto. Para iso desobedeceu as ordes do xefe (o señor Ríos), cando lle dicía que non traballaramos os domingos. E a pobre da Generosa, neste verán non gañou moito cos telleiros de Ríos. Este home (o oficial) no ano seguinte tivo que buscar vida coma os demais, e quedou mal connosco. Era un puxasacos! Que Deus lle perdoe!

FIN1

_________

1 Despois de narrar a súa estadía na Laracha no ano 1939, José de la Santísima Trinidad segue recordando no seu libro autobiográfico as temporadas nas que traballou como telleiro en Salvaterra do Miño (1940); Guitiriz (1941, 1942, 1943); Ribadavia (1944); Guitiriz (1945, 1946, 1947); Muimenta, Cospeito (1948, 1949, 1950, 1951, 1952); La Cabrera, Madrid (1953), e Muimenta, Cospeito (1954). En maio de 1955 empregouse nun almacén de materiais de construción (José Riego Lomba S.L.) no que traballou ata xuño de 1987, ano no que se xubilou. José de la Santísima Trinidad, o autor deste marabilloso relato, faleceu en 2018 aos 94 anos de idade. O noso agradecemento á súa familia por permitirnos reproducir este texto da súa autoría.

2 comentarios:

  1. Mágoa que rematase. Un documento histórico de primeira man. Dá testemuño de todo o referente a organización dos cabaqueiros, das súas saídas, da formación das cuadrillas, dos seus integrantes, do seu establecemento nos lugares de traballo, das súas relacións cos paisanos… e, sobre todo, da presenza do neno nas cuadrillas, da súa iniciación neste arduo oficio. Non en van, como neno, e tamén como adulto, lembrará eses “días longos de maio” cando extraía o barro, mais non se esquecerá da bondade dos paisanos e, sobre todo, dese detalle, aparentemente tan banal, de cando a moza lle arranxou o seu pantalón, xesto enormemente tenro. Parabéns Xabier. A ver cando poderemos desfrutar dese libro. Xa estás tardando!!!!

    ResponderEliminar
  2. Moitas grazas polo teu comentario e polos folgos!

    ResponderEliminar