xoves, 6 de xullo de 2023

O HISTÓRICO VOO DO DIRIXIBLE 'GRAF ZEPPELIN' E O SEU PASO POR CAIÓN EN 1929

  Nas primeiras horas do xoves 15 de agosto de 1929, o enorme dirixible LZ 127 Graf Zeppelin soltaba amarras na súa base de Friedrichshafen, en Alemaña, para iniciar a primeira circunnavegación da Terra por aire, anticipándose doce anos ao primeiro servizo comercial por avión. Vinte pasaxeiros emprendían a viaxe acompañados de corenta e un tripulantes baixo o mando do seu constructor, o enxeñeiro Hugo Eckener.

   Nese mesmo día o ABC informaba do comezo da aventura contando nas súas páxinas o seguinte: “(…) diez de los veinte pasajeros, que irán a bordo del Conde Zeppelin en su viaje alrededor del mundo son periodistas. Uno, español, el representante de ABC, que tiene la exclusiva para toda España (Joaquín D. Rickard); M. Gervilie, de Le Matin; dos japoneses, el doctor Euti y el Sr. Kitgno; tres representantes más de la American Newspaper Syndicate: lady Grace Drumond (única muller da viaxe), Carl von Wiegaud y sir Hubert Wilkins, el famoso explorador australiano. También los comandantes Charles Rosendahl y J.C. Richardson, americanos, y el bayor japonés Fujiyoshi. Asimismo forman parte del pasaje los profesores W.B. Seilkopf, alemán, y Johann Karklin, ruso, ambos meteorólogos; el doctor Jerónimo Mejías, español (era o médico de Alfonso XIII); Christoph Iselin, suizo, y el joven millonario de Nueva York, William Leeds (...)1

    Parecía o comezo dunha novela de Xulio Verne -ou de Agatha Christie-, cun grupo heteroxéneo de personaxes, no que non faltaba ningún dos tipos habituais nas novelas de aventuras. Seis horas despois da súa partida, o Graf Zeppelin2 sobrevoaba os ceos dunha alegre Berlín e continuaba a súa singradura cara aos Urais, Siberia e Xapón, a onde chegaría o luns 19 de agosto, amarrando á primeira hora da noite nun Tokio engalanado para a ocasión. Tras completar a primeira etapa, catro días máis tarde, este "trasatlántico dos aires" abandonaba o país nipón poñendo proa ao continente americano; ao pasar por San Francisco ás cinco da tarde do 25 de agosto, era a primeira vez que se cruzaba o Pacífico polo aire. Á unha da mañán do día 26 a nave chegaba a Los Angeles, completando así a segunda etapa do seu periplo aéreo. Na cidade californiana abasteceríase de hidróxeno antes de elevarse de novo con rumbo ao aeroporto de Lakehurst, en New Jersey, ao que arribou o 29 de agosto. O domingo 1 de setembro a aeronave volvía a levantar o voo, en presencia de milleiros de persoas que a despediron para a etapa final de regreso a Friedrichshafen, en Alemaña, despois de viaxar por tres continentes. 

 

Imaxe do ano 1929 do Gref Zeppelin en Los Ángeles

    O Graf Zeppelin atravesaría o Atlántico polas Azores e, ás catro da tarde do martes 3 de setembro, xa se podía ver dende Fisterra a gran altura e marchando a bastante velocidade. A emisora daquel punto xeográfico comunicaría de contado a nova, que sería recollida na Coruña pola estación radiotelegráfica do Banco Pastor. Naqueles precisos momentos a Casa Consignataria Hervada tamén recibiría unha mensaxe do capitán do vapor inglés Batna na cal informaba de que o dirixible tiña unha situación de 42´21 latitude norte, 9´35 lonxitude oeste. Uns intres despois, o vapor British Count daba un novo posicionamento de 42´27 latitude norte e 9´41 lonxitude oeste. Corenta minutos máis tarde, navegando maxestuosamente pola costa galega, a aeronave pasaba sobre o Cabo Vilán e, dende Camariñas, recoñecíase perfectamente a súa silueta mentres se alonxaba. 

   Acto seguido o Graf Zeppelin sobrevoaría o litoral bergantiñán, feito que lembraría moitos anos máis tarde un dos fillos do contramestre de Malpica, o cativiño de sete anos Xosé González Reyes.Andando no tempo, tras xubilarse en 1987, Xosé ía decidir rememorar a súa curta estadía na vila mariñeira, na que residiu desde os cinco ata os doce anos, coa publicación dunhas crónicas coas que inauguraba a sección “Terra e Xente” da edición de Carballo do xornal La Voz de Galicia; crónicas que, despois do enorme traballo de Adrián Abella, Xurxo Alfeirán, Xoán González e Xosé Manuel Varela, rescatou Edicións Embora no libro Lembranzas de Malpica: “(…) Só me lembro de ver o dirixible Zeppelin como unha vexiga longa enorme, de cor gris, cunha galería moi longa na parte de abaixo, donde ía a xente, según me dixo o meu irmán. Voaba paseniño e sen facer ruído. Semellábame o globo que botaran nunhas festas de Corpus, aínda que moito máis pequeniño en comparanza co Zeppelin3

 

Postal da volta ao mundo do Gref Zeppelin en 1929

   O xigantesco dirixible navegaría sobre Caión entre as 17:15 e as 17:20 daquel 3 de setembro de 1929, data na que a veciñanza caionesa estaba sendo, probablemente sen sabelo, testemuña da primeira volta ao mundo da historia que completaba unha aeronave. Antonio Sanjurjo, nado en abril de 1920 na aldea arteixá do Rañal e falecido no mesmo lugar en 2018, foi das persoas da bisbarra que tiveron a fortuna de ver o Zeppelin, e tamén dos que se decatou dalgúns detalles do colosal aparato… “eu debería ser un mexericas de 9 ou 10 anos cando vin, dende o Monte do Paiolo4, aquel ghlobo que parecía que levaba peghada unha caixa de zapatos na que ía xente”.

    Minutos despois o Zeppelin facía a súa aparición na Coruña voando por enriba do monte de San Pedro, con dirección á torre de Hércules, permanecendo visible uns sete minutos. Pese á expectación que creara na cidade, a veciñanza herculina descoñecía o seu itinerario, polo que foron poucas as persoas que se percataron da presencia da nave, que voaba a uns 200 metros de altura. O dirixible ía desaparecer da vista dos coruñeses e das coruñesas polos montes da ría de Ferrol, cara o Cabo Ortegal, proseguindo viaxe polo Cantábrico para chegar finalmente ao seu destino de Friedrichshafen, en Alemaña, o 4 de setembro de 1929. A viaxe durara vinte días, catro horas e catorce minutos, dos cales pasara no aire doce días, doce horas e vinte minutos, un par deles polos ceos do municipio da Laracha.

    Aquela incrible aventura, contada diariamente desde o lugar dos feitos polo enviado especial do xornal ABC, é un delicioso relato que nos trae recordos daquelas novelas e películas de aventuras ambientadas nos felices anos vinte do século pasado, xusto antes da chegada da crise dos anos trinta e das guerras que azoutarían o mundo en pouco tempo.

   O Graf Zeppelin, que tiña unha lonxitude de 236 m., un diámetro de 30,5 m., unha capacidade de 112.000 m3 de hidróxeno e un peso total de 59 t., contaba con cinco motores Maybach que lle daban unha velocidade de cruceiro de 110 qm/h, mais que podían acadar unha máxima de 128 qm/h. O dirixible estivo nove anos en servizo, facendo 1.700.000 qm. e transportando 13.000 pasaxeiros e 120 t. de flete. En 1940 foi desmantelado e vendido como chatarra.


FONTES:

-Díaz Pardeiro, José Ricardo; Fernández Fernández, Xosé e Reiriz Rey, Jesús María (1994): Crónicas coruñesas. Biblioteca gallega. La Coruña: La Voz de Galicia.

-González Reyes, Xosé (2016): Lembranzas de Malpica. Edicións Embora, Ferrol.
-Reiriz Rey, Jesús María
(1999): La Coruña: Hechos y Figuras. Reiriz Rey.

-Roland, Eduardo (2010):  Setenta años de Galicia en la era Zeppelin. La Voz de Galicia, 21 de marzo.

-GCIENCIA, o portal da ciencia galega.

__________________

1 Vid. ABC, 15 de agosto de 1929, páx. 15.

2 O dirixible nomeouse así en homenaxe ao pioneiro alemán da aeronavegación Ferdinand von Zappelin, quen acadaría o rango de “Graf” ou “Conde” na nobreza alemá.

3 Xosé González Reyes (2016): Lembranzas de Malpica, Edicións Embora, Ferrol, páx. 86.

4 Lugar de Arteixo desde o que hai moi boa vista do litoral bergantiñán.

2 comentarios:

  1. Muchas gracias por esta tan amena historia.
    Mi mamá nació en Lendo (Laracha) en el año 1913 y ella me ha contado que vió pasar el graft Zeppelin y yo pensaba que era que había escuchado hablar porque en 1930 ella emigró a Montevideo.

    ResponderEliminar