xoves, 27 de xullo de 2023

A SEGA DO TRIGO

Sei cantare e sei bailare

todo se me da na man,

senón a sacha do millo

amais a sega do vran.

    Segundo o refrán, desde mediados de xullo os cereais, principalmente o trigo e o centeo, estaban en sazón e era o momento de chamar rogas de xente para facer a seitura, corta ou sega. Este traballo tradicional do agro galego consistía en segar as plantas destos cereais para despois, na malla, separar o gran da palla e almacenalo posteriormente nas huchas ou tullas para vendelo ou consumilo durante todo o ano, utilizandoo para facer pan, darlle de comer aos animais (a palla) e para sementar á volta do ano. 

 

Seitura a principios dos 70 (https://gl.wikipedia.org)

Por Santa Mariña,

pousar a eixada

e coller a fouciña.

    Este refrán indicaba que remataba o tempo de sachar o millo e empezaba a época de segar o trigo. Segundo nos recordou José Rodo, nado en 1956 na Carballa Redonda (Montemaior), no día que se facía a sega, veciñanza e familiares presentábanse na casa do dono das leiras nada máis saír o sol, provistos dos apeiros necesarios para o labor que ían realizar: “Axudabamosnos uns aos outros, aínda que tamén había casas, os de familias numerosas, que facían a sega eles sós porque xa tiñan xente dabondo e non precisaban axuda. Á parte de segar na Carballa Redonda, recordo de ir con meus pais e meus irmáns a botarlle unha man aos veciños de Vilariño, Adrán, Balvís, O Penedo, O Igrexario…”

    Antes do traballo duro había que ir co bandullo cheo, polo que en moitos lugares era costume que os propietarios dos terreos lles ofreceran aos segadores o almorzo, que ás veces era caldo requente, torresmos con pan ou leite mazado.

    Rematado o almorzo (se é que o había), afiábanse os fouciños na moa da casa e despois cada segador ía provisto dunha pequena pedriña que utilizaba para afiar o apeiro se este se cegaba. Unha vez na leira, había quen realizaba a sega “á presa” (o segador suxeitaba un puñado de palla coa man), “á man” ou “a eito” (cortábase a palla co fouciño, sen apresala, deixándoa caer directamente no chan). Dun xeito ou doutro, o caso é que por norma xeral os homes ían en ringleiras segando a palla e poñéndoa en feixes.

    Aínda que había algunha que o facía, era raro ver ás mulleres segando, xa que o traballo reservado para elas era coller os feixes de palla, sacudirlle os fentos ou outras herbas malas que levase, e atalos en monllos cunha especie de corda retorcida e corta, elaborada cunhas presas de palla, as chamadas ódegas ou vencellos.

 

Facendo os monllos (https://gl.wikipedia.org)

   Os nenos que ían ás leiras recollían, tras das mulleres, as espigas que ían quedando, uns cativos que tamén eran os encargados de ir á fonte máis próxima por auga fresca nuns porróns de barro para os xornaleiros, que poñían á sombra para que non se quentara.

    Cando a calor apertaba, o normal era retirarse, ben para comer nunha carballeira ou na casa do dono, que tiña a obriga de ofrecerlles a comida, que en moitas ocasións era o único pago para moitos deles. Unha vez segada unha leira, se non estaba moi lonxe e había tempo dabondo no mesmo día, trasladábanse a outra do mesmo propietario ou doutro veciño para seguir co labor.

    Realizada a sega, o trigo permanecía estirado na leira durante uns días para que secara.

Ségame louro

e sacarasme

un pan coma un ouro.

   Este refrán fai alusión á cor castaño claro que debería ter o cereal no momento da sega, e a calidade das fogazas que se obtiñan del.

   O último traballo era amorear os monllos en montóns perfectamente construídos que protexían o gran dos paxaros e posibles inclemencias do tempo. Polo que nos contou José Rodo, “a espiga escondíase no interior do montón e cara a fóra só quedaba a palla”. O conxunto de monllos colocados de pé na leira, despois de segar e antes de mallar, era o medeiro ou molgueiro (noutras zonas murgueiro), que en moitos lugares tiña o tamaño preciso para cargar un carro do país.  

   Suso Souto, veciño de Cumiáns nado en 1958, apuntounons que "na parroquia de Montemaior, a agrupación de monllos na leira denominábase mulgheiro e estaba construído en forma de cruz con cinco monllos por "brazo", e coas espigas no eixe da crus, de tal modo que aínda que chovese estas estaban protexidas da auga; co mesmo criterio construíanse as medas, pero en forma circular; é dicir, un mulgheiro igual a 20 monllos.  Ironicamente, a falecida María de Brumiáns, cesteira ela, cando lle preguntaban a idade dicía os anos que tiña co símil de mulgheiros e monllos. Na última que lle recordo, contestou:

 -catro mulgheiros e doce monllos (= 92 anos)". 

   Souto tamén recordou que na zona de Montemaior, nas leiras de labradío, o trigo "sementábase xeralmente de palla alta na "souma", resultante de sucar a leira. Esto facíase cun arado de pau con vertedeiras laterais (sucadoiro) coas que se acumulaba a terra nos laterais do rego. Esa terra nivelábase á man con rastrillos de madeira dotados con dentes de ferro. Os sucos (regos) tiñan unha separación variable de aproximadamente un metro entre eles. Para sucar necesitábase moita forza de tracción, polo que ante a falta de bois enganchábanse dúas e ata tres parellas de vacas. O obxecto dos sucos era a drenaxe do terreo para previr escorrentías que levasen a semente e, ademais, para colocar as "pobeas" de trigo segado transversalmente no rego de forma que airease a palla para facilitarlle o seu secado e, conseguintemente, a súa malla. Facilitaba tamén a labor do atado dos monllos, xa que a persoa que os facía camiñaba polo rego metendo un brazo por debaixo da segha e co de arriba acomodaba a palla para apretar ben o monllo no momento do atado. A man de abaixo era a que recibía a ódegha collida polo lado da espiga, mentres o brazado descansaba na cintura do paisano, pasándoa para a outra man, e entre as dúas volteábase o "brazado" rodeando posteriormente, e xa no chan, as espigas cunha lazada circular enchufando o resto da ódegha cun atador de madeira feito xeralmente de buxo por debaixo da ódegha".

    Normalmente na construción dos medeiros ou mulgheiro participaban os máis vellos do lugar, que dirixían este labor ou facíanos eles mesmos, namentres os rapaces lles levaban os monllos espallados pola leira. Era costume que as mulleres fosen provistas de medias gordas ou ben de pantalóns para evitar as feridas das canas que quedaban unha vez cortado o cereal, precaución que tamén tiñan que adoptar os nenos.

   Un días despois chegaba a hora de transportar os medeiros, ás costas ou en carros, ata a eira da casa para facer a meda, que era a morea grande de monllos de cereal colocados ordenadamente en redondo ao redor dun pau, que se confeccionaba no lugar onde despois se mallaban. Había outro tipo de meda, neste caso tamén chamado palleiro, que eran as moreas de herba seca ou de palla, das mesmas características ca a anterior, que se facían nas eiras para ter alimento para o gando no inverno. En todo caso, unha das máximas da aldea era “medar, non meda calquera”. E era ben certo, abofé! 

 

Veciños da Miñoteira diante dun palleiro (Foto do libro "Unha volta polo pasado. Parroquia de Torás" publicado pola A. V.  "A Cutareira")

    Así, resultaba imprescindible que dirixira a operación unha persona adulta especialmente habilidosa, mentres que os mais pequenos se encargaban de subir á meda para ir collendo todos os monllos. A meda permanecía na eira entre unha e dúas semanas, o tempo que se tardaba en iniciar a malla.

 

Facendo unha meda (aquamlatan.blogspot.com)

    Este xeito de facer a sega resistiu inalterable durante séculos, ata que a finais da década de 1960 e principios de 1970 apareceron as segadoras mecánicas, as clásicas "Bartollini", que substituíron aos fouciños, se ben as ódegas, os monllos, os medeiros e as medas seguíronse facendo igual durante algún tempo máis. E xa a mediados da década de 1980 chegaron as colleitadoras que facían a un tempo a sega e a malla, actividade da que falaremos nas Crónicas da Laracha da vindeira semana.

 

Fotografía de Ozores do ano 1969


FONTES:

Carme, a de "Cóntame un conto" (199?): A sega de verán. Boletín Informativo Municipal.

Lucía Rey Insua (2006): Las gentes. Labregos, gandeiros e feirantes. Reencuentro con la Galicia rural. Gran Biblioteca Temática de Galicia, n.º 2. Ea Editorial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario