xoves, 20 de xullo de 2023

O SANTUARIO E A FONTE DE SANTA MARGARIDA DE MONTEMAIOR

   Con máis de cincuenta lugares, Montemaior é unha das parroquias de toda a xeografía galega que conta cun maior número de entidades de poboación. A unha delas, Santa Margarida, acoden centos de romeiros cada 20 de xullo (e nos días posteriores) para honrar ao santo Antonio, ao Sacramento e á santa que lle dá nome ao lugar.

Romaría de Santa Margarida, 20 de xullo de 2023 (Brais M.B.)

 De Margarida di a copla popular:

Ao sol chámanlle Lourenzo

e a lúa Margarida;

Margarida anda de noite

e Lourenzo polo día.

   A peregrinación a este santuario, encadrado nun amplo espazo libre ao carón dunha fermosa carballeira, realízase dende tempos pretéritos e a súa romaría e verbenas tiñan, e seguen tendo, sona en toda a bisbarra. De feito, xa temos noticias da súa existencia desde principios do século XVII pola visita pastoral do cardeal Jerónimo del Hoyo, E tamén pola existencia dunha confraría dedicada á santa nesa mesma época.

 

Romaría de Santa Margarida, 20 de xullo de 2023 ( Brais M.B.)

    Un século máis tarde, no Catastro do Marqués de la Ensenada que ordenou realizar Fernando VI en 1752, tamén se fala deste lugar destacando que hay un hospital llamado de Santa Margarita, que sirve de Guarida para los Pobres, que por allí transitan, […] y junto del está una Hermita, donde se halla colocada la imagen de Santa Margarita”, o que nos indica que xa daquela era un importante punto de peregrinación e que xa existían tanto a ermida como o hospital de peregrinos, hoxe convertido en centro sociocultural. 

 

Hospital de peregrinos na actualidade (Xabier Maceiras)

    Hai agora exactamente cen anos, entre 1920 e 1923, tivo lugar a reconstrución íntegra de todo o conxunto antigo por mor da ruína da súa arquitectura, que levaba certo tempo ameazando con virse abaixo. Iniciadas as obras, que contaron co apoio caritativo e coa esmola dos devotos, refíxose o presbiterio, catro capelas laterais, a sancristía e levantáronse todos os arcos e as bóvedas.

   De estilo neorrománico, posúe planta irregular coas devanditas catro capelas laterais e a súa estrutura aérea é de bóvedas de cruzaría. A fachada principal, que provén da anterior ermida e que foi integrada no novo santuario, presenta un sistema pentagonal de eixe vertical, que vén marcado pola porta de entrada, a xanela abucinada e a espadana de dous ocos. Precisamente e segundo as informacións do historiador da arte Luis Ángel Bermúdez Fernández, a espadana que vemos na actualidade foi derrubada en dúas ocasións nun mesmo ano, a causa dunha terrible tormenta: a primeira vez foi o 31 de xullo de 1832, e a segunda, o 29 de decembro. Nesta última ocasión, o impacto do raio foi tan forte que tirou as pedras sobre o teito da capela, esnaquizando o artesoado, a tribuna e, do tremor ocorrido, caeron varias imaxes dos santos ao chan.

 

Fachada principal do templo ( Brais M.B.)

Santuario de Santa Margarida (Xabier Maceiras)

    O santuario está presidido por un retablo neoclásico (posiblemente de principios do século XIX) donde, á parte da antiga imaxe da santa, está representado un relevo co seu martirio, que tivo lugar o 20 de xullo do ano 304 en Antioquía de Pisidia (na actual Turquía).

   As poucas imaxes que quedaron da ermida anterior, efixies de pequeno tamaño como a Virxe do Carme, san Vicente Ferrer ou san Gregorio, conviven con outras novas de grandes dimensións que, segundo Luis Ángel Bermúdez Fernández, foron adquiridas en 1923 no taller de José Rivas, famoso escultor da cidade de Santiago de Compostela. Estas imaxes son a de san Gregorio, san Antonio de Padua, santa Ana e santa Minia.

    Suso Souto, veciño de Cumiáns (Montemaior) e infatigable investigador do patrimonio cultural e inmaterial da bisbarra, e Olimpia Puente, veciña precisamente de Santa Margarida e mestra da universidade da vida e da tradición popular á que acudiron importantes músicos do país, contáronnos que no santuario do que estamos a falar hai tres imaxes de diferentes tamaños da santa que alí se venera. A grande, a que preside o retablo, disque non se pode retirar do lugar no que repousa porque, entre outras cousas, parece ser que xera tormentas con tronos e lóstregos. “Seica hai moitos anos sacábana en procesión, pero nunha ocasión tronou e xa nunca máis saiu. A xente sospeitaba que atraía as tormentas, contaron Olimpia e Suso. Outra imaxe de Santa Margarida, de tamaño máis mediano, é a que se saca en procesión cada 20 de xullo, que está á esquerda do retablo se miramos cara o altar (a da dereita é a Virxe do Carme). Exposta ao alcance dos romeiros, esta imaxe é na que o sacristán pasa os panos polo manto ou outras partes da talla, a demanda dos devotos, para os que teñen males internos; os que os teñen externos van á fonte e mollan as zonas enfermas deixando os panos no campo ao carón da fonte. E a outra imaxe, a máis pequena das tres tallas e que non está exposta como as outras dúas, utilizaa o sacristán para facerlle unha bendición aos romeiros.

 

Imaxe do interior do santuario de Santa Margarida (www.turismo.gal)

    Outros elementos que destacan no interior do santuario, e que chaman poderosamente a atención, son os numerosos exvotos pendurados das paredes do templo en agradecemento a curacións de graves doenzas que se lle atribúen á santa. Ao xulgar polas grazas recibidas, o ano de 1862 debeu ser dunha enorme actividade milagreira. En algúns destos exvotos podemos ler os siguientes favores:

- “Carmen Cobas de San Jorge de La Coruña, niña de 8 años, enferma de piel y manos, imploraron sus padres el auxilio de la gloriosa Santa y desaparecieron los síntomas graves. 1862”.

- ”Magdalena Arcay, vecina de Carral, acometida de la sarna, se ofreció visitar la gloriosa Santa Margarita y desapareció repentinamente. Año 1862”.

- Ramona Blanco, de San Julián de Bastabales, enferma de gravedad de un pecho, se ofreció visitar la gloriosa Santa con limosna, y logró cuanto deseaba. Año 1862”.

   O interior do templo está revocado e pintado, e no exterior deixase ver a fábrica de pedra regular en case toda a construción. Hai claras deformacións nas pilastras que soportan o arco triunfal divisorio da ábsida co resto do templo. En 1994 levouse a cabo unha reforma da cuberta na que se renovou o tellado con tella do país. Nesta mesma reforma o coro cambiou a súa forma orixinal de madeira por unha estrutura de formigón armado.

   O templo tamén conta cun altar exterior, que seica se construiu a comezos do século XVIII para celebrar a misa solemne xa que o interior da antiga ermida quedaba pequeno cos centos de romeiros que alí se congregaban cada 20 de xullo, algo que segue acontecendo na actualidade.


Romaría de Santa Margarida, 20 de xullo de 2023. Ao Fondo, o altar exterior (Brais M.B.)

A FONTE

    A poucos metros do santuario hai, ao igual que acontece na maioría dos templos da xeografía galega, unha fonte milagreira. A nosa é a terra da auga, son moitas e abondosas as fontes, regatos, lagoas e ríos. No imaxinario popular persiste a crenza de que a auga é o elemento fundamental máis forte que o lume, a pedra e o ar, é un elemento que garda e outorga a vida. En fontes, lagoas e ríos agóchanse personaxes mitolóxicos populares, encantos e meigas. 

 

Fonte de Santa Margarida de Montemaior (Xabier Maceiras)

   As lendas, cantigas e romances, amosan a carga simbólica das fontes, con referencias a vellos cultos hídricos e ás súas propiedades beneficiosas e profilácticas, moitas veces curadoras e mesmo fecundantes.

    Segundo a crenza popular, as augas de Santa Margarida, protectora das mulleres en parto e patroa da fecundidade, curan as enfermidades da pel, as doenzas da gorxa, a esterilidade e “todos os males estraños”. 

 

Canos e pía da fonte de Santa Margarida de Montemaior (Xabier Maceiras)

    Como non podía ser doutro xeito, a importancia da devandita fonte quedou reflectida nas numerosas cantigas que ten dedicadas. Algunha tivemos a sorte de que nolas cantara Olimpia Puente, verdadeira universidade do folclore de Montemaior:

Miña Santa Margharita

ela é de Montemaiore,

dálle o sol e dálle a augha

dálle o vento de arredore.

Dálle o sol e dálle a augha

dálle o vento de arredore.

 

Miña Santa Margharita

miña Margharita santa,

a augha da túa fonte

sanoume a miña garghanta.

A augha da túa fonte

sanoume a miña garghanta.

 

Santa Margharita tiene

unha fuente con dos caños,

a donde se van curare

todos los males estraños.

A donde se van curare

todos los males estraños.

    É habitual ver acudir aos romeiros a esta fonte milagreira de dous canos, para recoller as súas reputadas augas sandables. Tamén hai devotos que mollan in situ os seus panos, que logo humedecen na parte afectada do corpo para obter o favor da Santa antes de penduralos nos campos ou nas silveiras que hai preto da fonte. Antigamente, disque dispoñía de portas para preservar a intimidade dos romeiros que se lavaban alí.

 

Imaxe da fonte  e dos panos dos romeiros (Brais M.B.)

   Situada á beira da estrada que vai ao Santuario de Santa Margarida, preto deste lugar, trátase dunha construción de planta rectangular con cuberta a dúas augas. O interior conta con bóveda de canón de pedra, recebada e pintada de branco, o mesmo que os muros exteriores, deixando á vista a cantería do zócolo e esquinais.

   O acceso á mesma realízase tras baixar tres chanzos que salvan o desnivel existente coa estrada. Dous canos verten a auga sobre unha pía de pedra granítica. Sobre ela obsérvase tapiada con cemento unha fornela, que debeu albergar algunha figura votiva no pasado. Unha cruz de ferro colocada sobre unha peza cúbica de pedra coroa o cumio desta fonte á que acudían, e seguen acudindo, centos de devotos na procura da saúde perdida.

 

Fonte de Santa Margarida, 20 de xullo de 2023 (Brais M.B.)

    A sona que ten a fonte de Santa Margarida desde tempos pretéritos, lévanos a pensar, como lle pasou a moitos manancias que están baixo o padroado de santos e virxes, que a súa orixe puido estar na cristianización dun antigo culto ás augas.


FONTES:

BERMÚDEZ FERNÁNDEZ, LUIS ÁNGEL (2022): La capilla de Santa Margarida de Montemaior, en A Laracha, cumple un siglo, La Voz de Galicia, 26 de marzo, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/a-laracha/2022/03/26/capilla-santa-margarida-montemaior-cumple-siglo/0003_202203C26C6991.htm

FERNÁNDEZ, CARRERA, XAN X. (2017): Lendas da Costa da Morte, Edicións Embora, Ferrol.

GARCÍA ROLDÁN, ALBERTO (2019): Santa Margarida de Montemaior, A Laracha, https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/04/santa-margarida-de-montemaior-laracha.html

GRAÑA, MANOLO (2016): Santa Margarida de Montemaior, A Laracha, http://mgfotoletrasgaliza.blogspot.com/2016/08/santa-margarida-de-montemaior-laracha.html

SORALUCE BLOND, JOSÉ RAMÓN & FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ, XOSÉ (1998): Arquitecturas da Provincia da Coruña, Vol. V, Comarca de Bergantiños: Cabana, Carballo Coristanco, Laracha, Laxe, Malpica e Ponteceso, Departamento de Composición da Universidade da Coruña, Deputación da Coruña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario