Na actualidade agosto é un dos meses do ano no que, moitas das persoas que estades lendo esta crónica, colledes vacacións para a tan necesaria "recarga das pilas". Mais antano, nos tempos nos que os nosos pais e avós eran mozos, abofé que o conto érache ben distinto xa que era un mes no que había que traballar de sol a sol, como nos lembra o refrán: “O agosto fártanos e o agosto mátanos”.
Tamén era, e aínda segue sendo, mes de vixiar as viñas: “ Agosto madura e setembro vendima as uvas”; mes de traballo na horta: no minguante de agosto arráncanse as cebolas, mesma lúa na que se sementa as escarolas e, en torno ao día 15, os nabos... o refraneiro lembra que “Por San Bartolo (24 de agosto) planta o repolo”; e mes da malla, un dos labores do conxunto de traballos que conforma a seitura ou colleita dos cereais, xunto coa sega da planta e o limpado dos grans...“Agosto pasou, quen mallou, mallou”.
Nas Crónicas da Laracha da semana pasada falamos da sega e comentamos que unha vez que os mulgheiros de monllos se retiraban da leira, transportábanse para a eira da casa para facer a meda, que era a morea grande de monllos de cereal colocados ordenadamente en redondo ao redor dun pau, que se confeccionaba no lugar onde despois se mallaban.
Pois ben, a meda permanecía na eira entre unha e dúas semanas, o tempo que se tardaba en iniciar a malla, a operación de bater os cerais, principalmente centeo e trigo, coa finalidade de separar o gran da palla.
Esta tarefa comunitaria fíxose durante séculos manualmente nas eiras cos "manlles", "manles" ou “manllos” que eran dous paus de madeira, habitualmente de castiñeiro, que estaban unidos cunha tira de coiro ou cun anaco de corda. O pau máis longo era o que facía de mango e o pequeno, lixeiramente curvo, o que mallaba o monllo do cereal.
Mallando cos manlles en 1932 (www.pinterest.es) |
Para facer a malla, primeiro limpábase ben a eira con vasoiras de xesta, xibardas ou de codeso, eliminando todas as pedras e terra solta que puidese ter. Se nas eiras había furados, estos enchíanse con terra ou mesmo cunha pasta feita con bosta de vaca e auga que se estendía cos varredoiros para alisar o chan. E se a eira estaba empedrada, pois íase cubrindo ano tras ano con terra. O caso é que unha vez preparado o terreo, facíanse as rogas á veciñanza que se podía emprestar á axuda da malla.
Limpando a eira para facer a malla |
Na eira, o primeiro que había que facer era sacar os monllos das medas, operación da que nos falou Suso Souto, veciño de Cumiáns (Montemaior) nado en 1958: “Os rapaces éramos os encargados de trepar a meda para tirar os monllos para mallar. Incluso faciamos carreiras en vertical de trepa similares as que fan agora nos rocódromos. Ao ir subindo pola meda, ao rozar coas canas da palla que estaba cortada en diagonal, había veces nas que faciamos cortes nas mans de consideración. A malla facíase en grupo arredor da morea que se ía renovando. Tamén se mallaba coas vacas pisando a palla.”
Os malladores empezaban a malla moi cedo formando dúas filas enfrontadas, cada unha delas de cinco ou seis homes armados do seu manlle. Cada fila mallaba alternativamente sobre o cereal a un tempo, acompasadamente e de xeito rítmico, desprazándose lateralmente para percorrer todo o eirado. Ao tempo, as mulleres colocaban lenzos para impedir que por efecto dos golpes o gran saltase fóra da eira. De cando en vez, os malladores paraban o mallado para que as mulleres ou nenos sacudiran a palla, para que acabase de separarse o gran, varrendo a eira e afastandoo da palla.
Co andar dos anos foron aparecendo as primeiras malladoras de fabricación industrial, pero eran poucos os labregos que dispoñían destos apeiros en propiedade e o que facían era comprar unha para utilizala en mancomunidade. Outras veces, algún dos veciños máis ricos adquiría unha malladora e, a cambio de certo pago, ía mallando casa por casa. A máquina de mallar tiña dúas partes: a desbulladora, que desfacía a espiga do cereal, e a limpadora, da que saían as canas coas que os máis pequenos enchían os cestos.
Mallando con malladora (pradaweb.blogspot.com) |
Segundo nos recordou Suso Souto, cando apareceron as primeiras máquinas malladoras pola zona de Montemaior “eran transportadas en carro ata a eira. Tratábase dun motor e dunha trilladora aos que se lle acoplaban unhas rodas eixadas e unha cabezalla, ambas tiradas por parexas de vacas. O motor, independente da trilladora, transmitía a súa forza a través dunha correa de varios metros. Cando esta correa non se aliñaba perfectamente coas poleas das dúas máquinas, desmontábase e resultaba perigoso causando algúns accidentes graves”.
Mallando con malladora (Jesús Frailde Oro) |
Coa utilización destas máquinas malladoras, os veciños xuntábanse como o facían antigamente, só que agora os máis novos situábanse na meda tirando os monllos á máquina, donde tres ou catro persoas desatábanos e poñíanos no taboleiro. Outras dúas, a relevos, espelíanos para poder meter o cereal na máquina malladora. Polo lado que saía a palla, recollíana as espalladoras coidando de que non levase gran. Neste punto esperaban os carretadores, normalmente os máis novos, para que lles enchesen as cordas co brazado, que levaban ao lugar onde dúas persoas, normalmente as máis veteranas e curiosas, a colocaban e facían o palleiro, que posteriormente se cubría cunha rede da que colgaban tres ou catro pedras por cada lado. Nesta época da que estamos a falar en cada casa había como mínimo un palleiro e, grazas a esta reserva de palla, a xente da aldea alimentaba ao gando durante todo o inverno. Deste xeito, ás vacas dábaselles unha gavela ou feixe ao día.
Facendo o palleiro (tinoetome.blogspot.com) |
Mozas
da Laracha diante dun palleiro (Foto do libro "Unha volta polo pasado.
Parroquia de Torás" publicado pola A.V. "A Cutareira") |
Ao tempo que uns levantaban o palleiro, outros arrastraban o gran cun rodo para unha pila. Este limpábase cunha máquina limpadora e a continuación era medido co ferrado (especie de caixón trapezoide con esa capacidade). Logo había que despoxar as derradeiras rabeiras que levase... po, restos de palla, areas, etc, tarefa que se realizaba en lugares aireados coas peneiras, cribas, pandeiros ou zarandos.
Peneirando o trigo (www.pinterest.es) |
Posteriormente aparecen os tractores, que xa movían as trilladoras de maneira autónoma polos donos do equipo. Aínda que, iso si, mantiñan a correa de transmisión fabricada cunha lona grosa moi resistente. Esta desapareceu cando xa se puido conectar o tractor á trilladora mediante a toma de forza do tractor. Esto simplificaba aínda máis o tempo de "asentar" a maquinaria na eira”.
O cereal pasaba logo a ser gardado en arcas, huchas ou tullas, desde as que se ían retirando durante todo o ano en sacos para o muíño, onde o gran se moía nos muíños para facer pan.
Ao rematar a malla, tralos oportunos tóspiros de augardente e outros licores para limpar a gorxa do po, comíase na casa que tocara facer o traballo. Carmen Pallas Míguez, nada no lugar de A Riba (Coiro) en 1931 recorda que a toda esa xente que botaba unha man “dábaselle o que se podía naqueles tempos... caldo, uns cachelos, follazo (filloa máis grosa), guiso, pan... o que non faltaba era a caña (augardente) ou o anís. Logo a xente cantaba e bailaba ata cansar.”
Comida despois da malla (tinoetome.blogspot.com) |
E ao día seguinte, as vacas levaban as máquinas malladoras para outra casa, repetindo esta operación ata finais do oitavo mes do ano!
“Agosto pasou,
quen mallou, mallou”.
FONTES:
Carme, a de "Cóntame un conto" (199?): A sega de verán. Boletín Informativo Municipal.
Lucía Rey Insua (2006): Las gentes. Labregos, gandeiros e feirantes. Reencuentro con la Galicia rural. Gran Biblioteca Temática de Galicia, n.º 2. Ea Editorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario