xoves, 13 de abril de 2023

O 'SEMINARIO' DE SAN ROMÁN DE D. MANUEL MATO TOJA

 Pois si, houbo un tempo no que en San Román existía unha especie de academia ou pequeno seminario no que iniciaron a súa formación varios mozos da Laracha que, co andar dos anos, acabaron exercendo o sacerdocio.

  O promotor daquel 'seminario' fora D. Manuel Mato Toja, nomeado ecónomo1 de San Román de Cabovilaño o 12 de abril de 1931 e, catro anos máis tarde, o 30 de agosto de 1935, párroco da mesma freguesía por presentación.

 

Igrexa de San Román de Cabovilaño

   Fillo de Francisco Mato e de Dolores Toja, Manuel nacera no ano 1897 en San Tirso de Cospindo, parroquia do municipio de Ponteceso, e era irmán de Prudencia, Concepción, Eduardo, Francisco, Juan, Leonardo e José María.

  Manuel segue os pasos de seu tío materno Manuel, cura en San Tirso de Vilanova (Malpica), e tras estudar no seminario de Santiago, ordénase sacerdote o 12 de marzo de 1921. Ao pouco da súa ordenación aparece nomeado como coadxutor da parroquia de San Fins de Anllóns (Ponteceso), converténdose ademais en pouco tempo no superior do Seminario Conciliar no que cursara os seus estudos. Seguíndolle o rastro na hemeroteca, unha información dos primeiros días de xuño de 1924 daba fe de que...En la Universidad Pontífica recibió con la más alta censura el grado de doctor en Derecho canónico el profesor de dicho centro don Manuel Mato Toja, quien desarrolló la tesis siguiente: “Confessio extraindicialis, omnibus requisitis munita, probat plena in civilibus, non autem in criminalibus”.2

   En 1927 seu irmán Eduardo tamén se ordena cura. Curiosamente, ao mes seguinte da súa ordenación, aparece nomeado como coadxutor de San Fins de Anllóns, onde Manuel seguía sendo ecónomo.

 

Imaxe de Eduardo Mato Toja (Foto do libro Arteixo durante la Segunda República y la Guerra Civil, Tomo II, Manuel Blanco Rey, páx. 982)

    Tres anos máis tarde, en outubro de 1930, D. Manuel Mato Toja é nomeado ecónomo de Ponte do Porto (Camariñas). En outubro dese mesmo ano seu irmán Eduardo toma posesión como párroco de Monteagudo (Arteixo).

   Tras unha breve estadía en Piloño (Vila de Cruces, Pontevedra), en marzo de 1931 D. Manuel chega a terras larachesas, onde exerce de ecónomo de Cabovilaño. A súa chegada a esta freguesía coincide coa morte de D. Ramón Casal Pérez, de 68 anos, natural de Leiloio (Malpica) que dende o ano 1924 era o párroco de Cabovilaño e de Vilaño.

    Despois da Guerra Civil os irmáns Mato Toja habíanse de converter en persoeiros de certo peso na política e na sociedade da época. Eduardo, párroco de Monteagudo, sería tamén Rexente de Caión. Precisamente, na visita que Franco realiza á vila mariñeira en xuño de 1939, ante a presenza do ditador, o crego sorprendeu aos alí presentes coas súas dotes musicais ao entonar unhas regueifas que dicían:

Nunca tal cousa se viu

na nosa hermosa nación

que o noso Caudillo Franco

viñese ver Caión”

   Meses despois, xa en 1940, D. Eduardo faríase cargo da parroquia de Bergondo. Pola súa banda, Leonardo foi fiscal municipal de Ponteceso, concello do que sería alcalde (a partir da segunda metade dos anos 50) José María; Juan, procurador dos tribunais de Carballo, contrae matrimonio con Jesusa Canedo González, filla dos propietarios de Montes Claros; e o noso protagonista D. Manuel, andando no tempo (en xaneiro de 1960) convertiríase no primeiro arcipreste do arciprestado de Laracha.3

    Anos antes deste nomeamento, ao longo da dura posguerra, foi cando tivo a iniciativa de activar unha especie de academia ou pequeno seminario no que iniciaron a súa formación varios mozos da Laracha que, como diciamos ao principio desta crónica, acabaron exercendo o sacerdocio. Sendo o antigo director da Universidade Pontificia de Compostela, como non ía montar o seu propio 'seminario' en Cabovilaño!

    Polo que nos contou a señora Maruja do Igrexario, as clases impartíaas na antiga casa reitoral, situada no mesmo lugar no que está a actual, e seica mesmo había alumnos internos. “Os de máis lonxe -recorda a señora Maruja- durmían alí. Había mozos da parte de Coristanco. Da Laracha había varios mozos de Vilaño, un deles era dos de Negreira. De Vilaño saíron tres ou catro curas. Aquí tamén estaba un sobriño de don Manuel que, se non recordo mal, creo que se chamaba Pepe e que despois foi para a parte de Betanzos. Un tío del, don Eduardo, era cura en Bergondo e viña moito a Montes Claros porque estaban emparentados”.

 

Imaxe actual da reitoral de Cabovilaño

    Ao fío do que nos contou a señora Maruja, parécenos de moito interese a información publicada en El Ideal Gallego en setembro de 1945, nun artigo que daba boa conta da relación que tiñan Cabovilaño e Vilaño con Bergondo, parroquias nas que exerceron o sacerdocio os irmáns Mato Toja ata o último dos seus días:

CABOVILAÑO (LARACHA)
El 31 de agosto, en esta parroquia y en la hermosa capilla de Montesclaros, se celebró la fiesta del Catecismo de esta zona de Laracha, resultando en extremo simpática y emocionante. Asistieron los niños de la zona de Soutullo, con sus respectivos párrocos de Golmar, Montemayor y Coiro y los niños del Catecismo de Bergondo, en número de setenta, con sus catequistas, que dieron realce a la fiesta. Después de la misa, que celebró el párroco de Bergondo y en la que comulgaron muchos niños y catequistas, pronunció una plática el párroco de Cabovilaño, don Manuel Mato Toja. A continuación, en la robleda del Brañón, alegre comida campestre y seguidamente los niños y niñas de Bergondo interpretaron las escenas catequísticas “El secuestro del hijo del millonario” y “La cieguecita”. Las niñas Jesusita y Florita Tasende, Julita Astray y Prudenciña Gromá de Laracha, vestiditas de pastoras, interpretaron maravillosamente “El Ángel de Fátima”. Seguidamente, Luís Guntiñas, Manolo Esmorís y Eliseo Montes, de Cabovilaño, pusieron en escena el cuadro titulado “El Divino Prisionero”. Y por último, las niñas Marinita Pérez Jaspe y Lolita Campos Ríos, de Bergondo, interpretaron el gracioso diálogo “La venta de anteojos”. Todos los actos fueron amenizados con canciones regionales por un afinado coro del Catecismo de Cabovilaño. Cerró el acto, con unas sentidas palabras, el señor Abad de la Colegiata.4

    Continuando cos recordos sobre o 'seminario' de Cabovilaño, don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e doutras parroquias) sempre disposto a colaborar con estas Crónicas da Laracha contounos que “efectivamente entre os anos 40 e 60 don Manuel Mato Toja preparaba aos rapaces para o ingreso no seminario, ou instituto, pois as academias para os que eramos do campo quedaban un pouco lonxe. O que non me explico eu, que sendo de Erboedo, a min me levaran a case 100 quilómetros para a preparación en Bugallido, no concello de Ames. Supoño que sería por influencia doutros párrocos da Laracha que tamén foran alí: Ramiro Amor Suárez, que faleceu sendo cóengo da Colexiata da Coruña; ou o seu parente José García Verdía, que foi párroco de Guísamo e que sabía moitos idiomas, mesmo ruso e chino, que estaba perfeccionando un ano antes de morrer. Dos rapaces que preparou don Manuel en Cabovilaño saíron polo menos catro párrocos. Eu recordo a José Mato Amado, que era sobriño de don Manuel, e a Santiago Varela Pet, Eliseo Negreira Pazos e a Fidel Fernández Bello, os tres naturais de Vilaño. Tamén houbo outros rapaces que foron ao seminario pero logo, ao terminar o bacharelato, estudaron outras carreiras.”

    De José Mato Amado sabemos que levou a parroquia de Requián (Betanzos); Santiago Varela Pet foi párroco de Buño e Cambre (Malpica); Eliseo Negreira Pazos levou Tabeaio (Carral) e Fidel Fernandez estivo en Allo e Pazos (Zas).

 

Entrevista a José Mato Amado (La Voz de Galicia, 24 de xullo de 1970)

    Don Manuel Mato Toja segue estando moi presente na Laracha. Hai quen o recorda polas súas pregarias e polo bo cantor que era, aínda que tamén hai quen non esquece o seu xenio. E mesmo hai quen o ten presente nos seus recordos da infancia, coma un veciño do lugar de Cardois que lembra unha visita que fixo co crego ao castro de Montes Claros cando era neno: “Tería eu oito ou nove anos, cando o párroco de San Román, Manuel Mato Toja, levounos aos nenos ao castro de Montes Claros, a ver o Petón da Mula, onde se ve o sinal do cu dela cando caeu, e o Petón da Ferradura, onde está a marca desta.”5

   Manuel Mato Toja faleceu en Cabovilaño o 24 de xaneiro de 1962 aos 64 anos de idade. Os seus restos están enterrados no panteón dos párrocos do cemiterio desta parroquia.

 

Lápida de D. Manuel Mato Toja

_______________

1 Eclesiástico que substitúe interinamente a outro nas súas funcións.

2 Vid. El Ideal Gallego, 5 de xuño de 1924, p. 5.

3 En 2009 houbo unha reorganización dos arciprestados, pola que desapareceron algúns arciprestados históricos, entre eles o de Laracha, repartido dende ese ano entre Bergantiños e Riazor.

4 Vid. El Ideal Gallego, 4 de setembro de 1945, páx. 6.

5 Vid. José Antonio Andrade Figueiras, Fernando Cabeza Quiles, Evaristo Domínguez Rial, Xan X. Fernández Carrera, Antón García Losada, Luís A. Giadás Álvarez (2016 ): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 39.


Ningún comentario:

Publicar un comentario