É probable que ao falar das cidades soterradas ou asolagadas, o expoñente máis popular de Galicia sexa a Atlántida, unha illa sobre a que moito se ten escrito mais, iso si, sen facelo ninguén coa fantasía do escritor e pintor surrealista galego Urbano Lugrís, o pintor do noso mar, que sería quen de convertela en perla do universo mitolóxico occidental atlántico. Unha Atlántida que, segundo o filósofo grego Platón, tiña as dimensións dun continente e que desapareceu na Antigüidade baixo as augas do océano Atlántico porque os seus habitantes, os atlantes, foran castigados polos deuses por mor da súa soberbia, castigo divino que polo que conta a lenda, no tempo que transcorren un día e unha noite, sucumbiron por mor dun volcán ou dun gran terremoto.
A día de hoxe, no litoral das terras de Bergantiños, aínda sobrevive a memoria desta lendaria cidade asolagada e as súas xentes falan que fronte ás súas parroquias costeiras, a unhas doce millas mar adentro, hai unhas rochas que sobresaen do mar e que, cando baixa a marea, pódense ver os restos de muros e escaleiras que corresponden ás edificacións dalgunha vila ou cidade da desaparecida grande illa.
En Bergantiños tamén se conta que, antes de que esta cidade desaparecera para sempre, aqueles homes e mulleres que levaran unha vida dedicada a facer o ben, tiveron a oportunidade de salvarse e fuxir en barcas de pedra e, co tempo, algúns convertiríanse en santos e santas fundando santuarios na xeografía galega como o de Santa Comba, en Covas; Santo André, en Teixido; a Virxe da Barca, en Muxía; Santo Adrián, en Malpica…
Mais, á parte da Atlántida, hai outros contos populares que nos falan de ducias de cidades desaparecidas entre as nosas augas, cidades das que moitos historiadores, escritores e etnógrafos ían tratar nos seus respectivos traballos recompilando lendas de tradición oral sobre os seus afundimentos e asolagamentos. Un deles foi Manuel Murguía, quen dicía que apenas se atopa en Galicia unha lagoa ou lago de certa importancia que non teña a tradición dunha cidade sepultada, normalmente co nome de Vilaverde.
Entre as cidades lendarias, se cadra Duiu, na praia de Langosteira (Fisterra) é a máis popular. Trátase da antiga Dugium, mítica capital da tribo dos nerios, sita entre os cabos da Nave e Fisterra, da que o arqueólogo Luís Monteagudo di que é o mítico porto dos Ártabros, citado polos xeógrafos clásicos gregos Estrabón e Ptolomeo, lugar de embarque do ouro e estaño galegos. A lenda xacobea sobre esta cidade fala de que o delegado romano fixo prisioneiro aos discípulos do Apóstolo Santiago, que se liberarían milagrosamente despois de que o mar, como castigo divino polo seu apresamento, asolagara á lendaria Dugium.
Outras das cidades máis citadas son a de Beria ou Veria, afundida baixo a lagoa de Cospeito, pertencente ao territorio habitado polos míticos baluros, na Terra Cha lucense, comarca na que tamén, segundo as lendas populares, están asolagadas a de Buriz, en Vilalba, e as de Trasparga e Boedo en Guitiriz; a de Reirís, desaparecida na lagoa do Carregal en Corrubedo (Ribeira); as sumidas en Doniños (Ferrol); Pantín (Valdoviño); O Roxal (Neda); Brandomil (Zas); Estebañón (Viveiro); Lagoa Sacra (Forcarei); Portocelo (Xove); Lagoa de Alcaián (Coristanco); na praia do Orzán da Coruña, da que Lugrís di que tiña cen torres de ouro con campás de sal e unha praza porticada de tres días de andadura de largo pavimentada de ámbar; Carracedo (As Pontes); Os Curbeiros (Friol); Montouto (Mondoñedo); O Carballiño; Pozo de Lago (Maside, Ourense); a lagoa das Xarfas, tamén coñecida como lagoa de Louro (Muros); na lagoa da Antela, onde está a mítica Antioquia fundada polo lendario heroe grego da Ilíada Antíloco, emigrante da guerra de Troia, asolagada por Xesús por negárselle a esmola que pedía; Gomorra, na ría de Corcubión, que desapareceu mentres os seus habitantes celebraban unha gran comellada; Vilaverde, fronte á praia dese nome en Moraime (Muxía); a Fonte de Ricamonde (Carnota), onde seica quedou sepultada unha vila romana; as de Valverde, na praia de Corme e na lagoa de Traba, en Laxe; ou a de Galilea (diante do litoral de Arteixo, A Laracha, Carballo e Malpica. Outros versións sitúana na lagoa de Baldaio), cidade que, segundo estas lendas populares, fora asolagada porque a veciñanza se negara a darlle pousada a Xesús cando veu predicar por esta parte do mundo xunto con San Miro e Santa Mariña.
Non deixa de ser curioso que, gran parte das lendas referidas a todas estas cidades cubertas polas augas, repiten os tradicionais nomes de Valverde e Lucerna que, polo que nos conta Manuel Murguía, proceden dunha pasaxe da Vida de Carlomagno descrita na Crónica de Turpin, un dos libros que forma parte do Códice Calixtino, onde se conta a destrución da cidade de Lucerna, situada no Valle Verde (Valverde) e onde, por mor da difusión desta Crónica ou pola propagación dos romances, a lenda espallaríase máis tarde por numerosos lugares de Galicia.
Tratábase dun tema mítico, cristianizado no medievo, orixe dunha morea de lendas semellantes por todo o mundo cristián onde, un dos principais compoñentes que acompañan a estes contos ou lendas, é o inmediato castigo de Deus asolagando as cidades por mor dos pecados dos seus moradores, case sempre abandonados ao desenfreo e ao paganismo, e tamén por non auxiliar ao seu fillo, á Virxe, San Pedro, Santiago ou outro santo, ao tempo que procura a salvación das persoas caritativas, e queda como testemuño o son das campás emerxendo cara á superficie a través das augas, símbolo eterno do castigo divino ao pecador.
E como non podía ser doutro xeito, na Laracha, concretamente no lugar de Bragunde, na parroquia de Lendo, tamén temos a nosa propia lenda sobre unha cidade asolagada ou soterrada, unha lenda que recolle o profesor malpicán Xelucho Abella Chouciño no seu marabilloso libro Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte, onde nos conta que... “Na braña O campo da fraga de Bragunde, topónimo que parece incorporar o brag- (castro, cidade) céltico, no camiño que vai de Lendo (A Laracha) ó Rapadoiro (Noicela, Carballo), hai unha cidade soterrada na que vivían os mouros ou os xentís, e que garda un tesouro fabuloso. Estes xentís habitaban dúas covas debaixo do Picoto da Veiga, na lindante parroquia de Monteagudo (Arteixo). Os xentís non tiñan a onde ir á misa, polo que ordearon levantar unhas igrexas. Fixeron nunha soa noite a de Monteagudo, a de Lañas (Arteixo) e o convento de Soandres (A Laracha). Para daren servizo uns ós outros arrebolaban polo aire dunha igrexa á outra as pedras e outros materiais. Outra variante desta lenda di que as igrexas construídas nesa noite de tan alta produtividade laboral foron as ermidas da Virxe da Estrela (Monteagudo), Santa Marta (hoxe a imaxe está na parroquial de Soandres) e San Roque de Larín (Arteixo)”1.
Panorámica do lugar de Bragunde. Ao fondo as Illas Sisargas |
Bragunde abofé que é un lugar cun encanto especial. Quen sabe? Se cadra está enfeitizado por algunha que outra moura da época dos xentís. Non deixa de ser curioso, aí o deixamos caer, que algúns dos terreos existentes entre o Cruceiro Novo e Bragunde sexan coñecidos co nome das Mouras.
https://www1.sedecatastro.gob.es |
O certo é que algo máxico hai nese lugar. Un servidor cando pasa por alí co seu coche, nos días clarexados nos que o sol ilumina as augas dos Baixos de Baldaio, dende alí, dende Bragunde, dá a impresión que se poden tocar as Illas Sisargas coa punta dos dedos, e mesmo parece que se poden ver os chanzos da escalinata principal da casa grande de Galilea, a cidade asolagada que unhas versións sitúan na lagoa de Baldaio e outras diante do litoral de Malpica, Carballo, A Laracha e Arteixo.
Baixo o impulso do Concello da Laracha, hai uns días o equipo que dirixe a prezada arqueóloga Puri Soto comezou a segunda escavación do castro de Montes Claros, un xacemento dende o cal os seus antigos habitantes contemplaban a inmensidade oceánica e, con certeza, as cidades de Galilea e de Bragunde. Como a lenda conta a que os xentís tamén habitaron Montes Claros, a ver se nas devanditas escavacións que se están a realizar alí encontran algún túnel que comunique coa cidade soterrada de Bragunde, a mesma que disque garda un tesouro fabuloso. Escavade Puri, escavade!
Á dereita o lugar de Bragunde e, ao fondo, as Illas Sisargas |
FONTES:
-Abella Chouciño, Xermán Roxelio 'Xelucho' (2019): Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte. Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña.
-Alonso Otero, M.ª Leonor & Giadás Álvarez, Luís Antonio (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña.
-Fernández Carrera, Xan X. (2017): Lendas da Costa da Morte, Edicións Embora, Ferrol.
-Maceiras Rodríguez, Xabier (2017): Contos mariños de Carballo, Concello de Carballo.
1 Vid. Xermán Roxelio 'Xelucho' Abella Chouciño(2019): Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte. Editorial Toxosoutos, Noia, A Coruña, p. 266.
Ningún comentario:
Publicar un comentario