Nas Crónicas da Laracha desta semana falamos dos inicios do fútbol en Paiosaco, onde sempre se pensou que os primeiros pasos déraos o Apache, como así o contan Alfonso Pazos Barros, Alfonso de Folgar, e Ricardo Pallas Labrador ‘Quecho’ no libro da autoría de Manolo Rodríguez e Coque Pazos, Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta.
Segundo Alfonso1, o primeiro equipo que houbo en Paiosaco fundárao Ramiro do Alto: "Non sei se non sería algo antes de 1956 porque nós temos xa trofeos anteriores; aínda estivemos facendo reconto deles o outro día, e hai un Trofeo das Cereixas de 1955. O nome de Apache foi certo que se falou, pero non chegou tan sequera a formalizarse e a poñerse por escrito. Precisamente fun eu quen pensou ese nome e Ramiro do Alto o que nolo desaconsellara porque podía ser comprometedor. Tamén me acordo de ir moito á de Che de Andrés para ver que nome se lle poñía ao equipo; eu daquela era un rapaz, tería catorce ou quince anos, o que nos leva a falar do ano 1951 ou 1952”2.
No mesmo libro, Ricardo Pallas ‘Quecho’3 fala de como chegaron as primeiras camisetas a Paiosaco: ”Daquela non había balón nin había botas, nin había nada. Estaban no servizo militar comigo Pepe da tía Mercedes e Moncho de Suares, e, xa se sabe, na mili se alguén che collía a gorra, ti pillábaslla a outro e se alguén che pillaba unha camisa, ti collías outra… Pero nunha ocasión démonos conta que no faiado do cuartel estaba o almacén da roupa vella con dúas portas batentes sen pasador; non había máis que empuxala un pouco e xa abría; para volver pechala tirabas polas dúas follas xuntas e xa quedaba como estaba antes. Así, cos pantalóns de deporte e camisetas que levamos de alí, foi como fixemos a primeira equipación do equipo porque antes non a había”4.
Pois ben, hai unhas semanas, na procura de informacións para un tema sobre o que levamos meses traballando, localizamos na hemeroteca un once anterior: un equipo peisaqués que xogou no verán de 1930 en Meicende co nome de “O Arrollador”.
Nun artigo no que aparece publicado o programa das festas desta localidade arteixá, o xornal La Voz de Galicia, na súa edición do 14 de agosto de 1930, dá cumprida información sobre os festexos que se ían a levar a cabo os días 15, 16, 17 e 18. Deseguido transcribimos os actos do día 17, que é cando cobra protagonismo “O Arrollador” de Paiosaco:
“Día 17.— Por la mañana, hará el recorrido el celebre gaitero “El Rey chiquito" y se quemara mucho fuego por el célebre pirotécnico “El Lluco”. A las diez, saldrá el Ramo con la banda y todo el pueblo hasta el campo y terminado esto, el célebre barítono Augusto, cantará al aire libre el “Adiós a la vida”. A las cinco de la tarde, partido de fútbol, entre los equipo “Los invencibles" de Meicende, y “El Arrollador” de Payosaco. A las siete, merendiñas al aire libre bajo los castiñeiros, amenizadas por la banda de los “Afamados . A las nueve, bailes de verbena. A las once, fuegos artificiales, bombas de palenque, luces de bengala y globos”5.
La Voz de Galicia, 14 de agosto de 1930, p. 2 |
Sería este “Arrollador” o primeiro equipo de fútbol de Paiosaco? Todo parece indicar que si, mais a hemeroteca é unha verdadeira caixa de sorpresas!
____________
1 Nado no ano 1937.
2 Vid. Rodríguez López, Manuel & Pazos Crespo, Manuel ‘Coque’ (2011): Paiosaco en Imaxes: dos corenta aos setenta. Concello da Laracha, pp, 30-31.
3 Nado no ano 1932.
4 Vid. Rodríguez López, Manuel & Pazos Crespo, Manuel ‘Coque’ (2011): Paiosaco en Imaxes: dos corenta aos setenta. Concello da Laracha, pp. 34-35.
5 Vid. Va Voz de Galicia, 14 de agosto de 1930, páx. 2.
Ningún comentario:
Publicar un comentario