Con máis de cincuenta lugares, Montemaior é unha das parroquias de toda a xeografía galega que conta cun maior número de entidades de poboación. A unha delas, Santa Margarida, acoden centos de romeiros cada 20 de xullo para honrar, na capela que se atopa encadrada nunha fermosa carballeira, ao santo Antonio, ao Sacramento e á santa que lle dá nome ao lugar. De Margarida di a copla popular:
Ao sol chámanlle Lourenzo
e a lúa Margarida;
Margarida anda de noite
e Lourenzo polo día.
A peregrinación a esta capela realízase dende tempos pretéritos e as súas festas tiñan, e seguen tendo, sona en toda a bisbarra. Unhas festas que en Montemaior e na contorna adoitaban recibir o nome de foliadas, mais, porén, eran tamén chamadas ruadas. Non debemos esquecer que Carlos Díaz Gestal, ‘O Xestal’, músico, humorista e, sobre todo, “contador de contos” moi querido en Bergantiños e en toda Galicia, foi quen popularizou a mítica Foliada de Montemaior.
Contan os amigos de Maghua, grupo de cantareiros da Coruña que leva repenicando dende o ano 2006, que en Montemaior “as pandeiretas calaban unicamente cando viñan tocar as bandas (ollo, que non orquestras!) vestidas de branco impoluto para a ocasión… A diferenza doutras zonas próximas, o maneo non é tocado como xota de cinco, senón abaneando a man, maneándoa. De aí, probabelmente, o nome que reciben na zona tanto o ritmo como o baile que o acompaña. Tamén botan muiñeiras, tocadas co puño, así como distintos tipos de agharrados, entre os que destaca a muiñeira corrida, que une pasodobre e muiñeira. Nunha boa ruada das de Montemaior, as pezas que botan non levan unha orde determinada, como noutros lugares do país, senón que van botadas ao chou... Para mostra, un agharrado (pasodobre) e un maneo1”.
A poucos metros do santuario hai, ao igual que acontece na maioría dos templos da xeografía galega, unha fonte milagreira. Segundo a crenza popular, as augas de Santa Margarida, protectora das mulleres en parto e patroa da fecundidade, curan as enfermidades da pel, as doenzas da garganta, a esterilidade e “todos os males estraños”.
Como non podía ser doutro xeito, a devandita fonte ten dedicadas numerosas cantigas. Algunhas tivemos a sorte de que nolas cantara Olimpia Puente, verdadeira universidade do folclore de Montemaior:
Olimpia Puente cantando en Montemaior en 2012 (Luneda Producións) |
Miña Santa Margharita
ela é de Montemaiore,
dálle o sol e dálle a augha
dálle o vento de arredore.
Dálle o sol e dálle a augha
dálle o vento de arredore.
Miña Santa Margharita
miña Margharita santa,
a augha da túa fonte
sanoume a miña garghanta.
A augha da túa fonte
sanoume a miña garghanta.
Santa Margharita tiene
unha fuente con dos caños,
a donde se van curare
todos los males estraños.
A donde se van curare
todos los males estraños.
Olimpia, nacida na Santa en 1942, garda na súa memoria moitas das cantigas que cantaba súa nai, María Prieto, e outras veciñas do lugar cando fiaban o liño nos duros tempos da posguerra. “De nena, aquí dos poucos divertimentos que había era nas fías nos pallotes e as tascas do liño. As mulleres cantaban, si, pero non vaias pensar que había moitas pandeiretas. De feito, eu aprendín a tocar cun prato”.
As penurias que lle tocou vivir na súa infancia tamén estiveron presentes na conversa que mantivemos con Olimpia, quen, rememorando aqueles tempos, contounos que “con 9 anos, aínda non tiña os 10 cumpridos, marchaba unha semana da casa pola necesidade que había naquela hora! Mandábannos a recoller a semente do toxo á zona de Pastoriza e A Grela. Marchabamos os luns e viñamos os sábados. Recordo que levaba unha broa e un cachiño de touciño para comer un anaquiño cada día. Durmiamos nunha palleira enriba do saco da semente do toxo”.
Entre pasaxe e pasaxe da súa vida, Olimpia tamén quixo compartir con nós algúns dos cantares que garda na súa memoria, caso do que transcribimos deseguido:
O lughariño da Santa
de lonxe parece vila,
ten un caravel na entrada,
unha rosa na saída.
Ten un caravel na entrada,
unha rosa na saída.
Mi amor me tiene dicho
mi amor dicho me tiene,
mi amor me tiene dicho
eso a mi no me conviene.
Mi amor me tiene dicho
eso a mi no me conviene.
Eu cantar cantaba ben (e)
e a gracia non era moita,
quedoume no lavadoiro
cando fun lavar a roupa.
Quedoume no lavadoiro
cando fun lavar a roupa.
Santa Margarita tiene
una fuente con dos caños
a donde se van curare
todos los males estraños.
A donde se van curare
todos los males estraños.
Santa Margarita tiene
encima de su corona
un letrerito que dice:
mi niña guarda tu honra.
Un letrerito que dice:
mi niña guarda tu honra.
O lughariño da Santa
de lonxe parece vila,
ten un caravel na entrada,
unha rosa na saída.
Ten un caravel na entrada,
unha rosa na saída.
Despois daqueles duros tempos recollendo a semente do toxo por terras arteixás, Olimpia Puente aprendeu a coser. Naquela época “tiña que andar de casa en casa. Ía a Buzarelos, a Casaslongas, a Baldomir… e a moitos sitios saltando nos valos e polas corredoiras coa máquina de coser na cabeza. Gañaba unha peseta ao día”.
A vida da nosa protagonista vén sendo a mesma que a de moitas mozas e mozos laracheses daquela xeración, quen, ante a falla de oportunidades na terriña decidiu facer a maleta da emigración. “Con 22 anos, aínda non os tiña, marchei cun contrato para Suíza, para Basel (Basilea). Nunca estivera na Coruña ata o día que asinei o pasaporte”. Unha vez rematado o seu primeiro contrato, a veciña da Santa foi para Xenebra, onde xa tiña un irmán traballando. Alí coñeceu a Agustín López, un emigrante de Sarandóns, concello de Abegondo, co que non tardou en casar. “En Suíza pasei os mellores anos da miña xuventude. Botei alí 15 anos, ata que enfermaron meus pais. Tiñan sete fillos e os sete estabamos en Suíza. Eu volvín para coidalos”.
Así pois, a finais dos setenta Olimpia establécese co seu marido e os seus dous fillos na Santa para coidar os seus pais Generoso e María. Aínda que as cousas melloraran algo dende que emigrara a principios dos sesenta, a situación económica aquí non era a panacea de Suíza, polo que o seu home, electricista de profesión, viuse na obriga de marchar outra vez para o país helvético.
“A miña vida foi así, daquela maneira, pasando moitos traballos, pero estou moi contenta por todo o que tiven que pasar”, recordaba Olimpia, quen, co transcorrer do tempo, habíase de converter nun verdadeiro referente do noso folclore. Foi unha mestra da universidade da vida e da tradición popular á que acudiron importantes músicos do país, profesores de baile e pandeireta para nutrirse da súa sabedoría e recoller algunha das pezas que Olimpia, memoria viva da Laracha, garda na súa memoria. Unha desas pezas é a Muiñeira de Montemaior que Xabier Díaz, un dos grandes persoeiros da nosa música, canta de cando en vez nalgunha das súas actuacións:
Hei de facer unha ponte
da tona dunha mazán
para pasear os mozos
de Rodís para Sofán.
Sei tocar a pandeireta,
moito se me dá na man,
moito máis se me daría
se bailara meu irmán.
De onde somos ben o vedes,
de onde somos ben o vedes:
somos do campo da Santa
entre os ramalliños verdes.
Como as da Santa non hai,
como as da Santa non hai:
pasean por donde queren
e rinse de cantos hai.
Fonte de Santa Margarida |
Finalizamos esta crónica cun recordo para toda a xente que formou parte da Asociación Cultural de Montemaior. Constituída en outubro de 1995, no seu momento a entidade traballou arreo a prol da recuperación da tradición popular da parroquia e da bisbarra. Os desfiles e a voda do Entroido, as cantareiras, os grupos de baile e de pandeireta baixo a denominación de Devandoira e unha chea de actividades seguen estando moi presentes na memoria da veciñanza larachesa. Olimpia Puente, unha das persoas integrantes deste colectivo, facendo honor ao seu apelido, exerceu de ponte entre dúas xeracións e foi capaz, na compaña das outras persoas que colaboraron durante moitos anos nesta asociación, de transmitirlle á xente moza o amor pola música tradicional. Vaia dende aquí o noso agradecemento por ese importante labor que fixestes durante tanto anos. A semente está botada!
Terra de Montemaior-e
terra mellor non a fan-e
se lle botan o abono
inda dá o azafran-e
Capela de Santa Margarida de Montemaior |
FONTES:
https://galiciapuebloapueblo.blogspot.com/2019/04/santa-margarida-de-montemaior-laracha.html
______________________
Ningún comentario:
Publicar un comentario