A figura do legoeiro ou peón camiñeiro fora creada en España en 1759, durante o reinado de Fernando VI, para cuidar, a pé de camiño, a rede de estradas do Estado. A raíz dunha Real Orde de 1852, empezaríanse a construir as chamadas "casillas", uns pequenos edificios que tiñan pozo e, nalgúns casos, un pequeno horto que estos operarios utilizaban como vivenda e como lugar para gardar as ferramentas de traballo.
O cometido destos peóns, que nos primeiros tempos cobraban uns cinco reais diarios e vestían traxe de pana e gorro de prato, era o arranxo, limpeza e coidado das vías nun treito determinado: unha legua, equivalente a 5.572 metros, de aí que en toda a xeografía galega se chamaran popularmente legoeiros.
Panorámica actual da casilla dos legoeiros de Fofelle |
Segundo a Real Orde promulgada en Madrid o 30 de decembro de 1909, todo aquel home que quixera entrar no corpo de legoeiros para ter en propiedade unha praza de peón, tiña que saber ler, escribir e contar; estar licenciado do exército; ter un mínimo de vinte anos e un máximo de trinta e cinco; non ter impedimento algún persoal para o traballo; e acreditar boa conduta coa oportuna certificación do xefe ao que servira con anterioridade ou, en todo caso, do alcalde da súa vila de residencia. A devandita Real Orde tamén estipulaba que entre 15 e 30 quilómetros de estrada habería un xefe ou peón capataz formando unha sección. Os peóns de treitos consecutivos configuraban unha cuadrilla e debían vixiar se había posibles sospeitosos, delincuentes e, de ser así, trasladalos ao centro de postas1 máis próximo.
Durante moitas décadas os legoeiros serían esenciais para as comunicacións. Todos os días, desde o amencer ata o solpor, percorrían a súa legua correspondente coas súas ferramentas ao lombo para comprobar que as vías estaban nas mellores condicións posibles que permitían os medios da época. Limpaban e desbrozaban as gabias para que non se acumulara a auga ou, entre outras tarefas, arranxaban os furados que a choiva e o tránsito formaban na calzada parcheándoos con area, grava e unha mestura de auga con betume coa que conseguían unha masa semellante ao cimento.
No século XX, a medida que se ía incrementando o tráfico rodado, o número de peóns e de capataces tamén aumentaría. No que ao municipio da Laracha se refire, os legoeiros encargados do mantemento da estrada A Coruña-Fisterra tiñan "casilla" en Fofelle (parroquia de Lestón) e en Proame (parroquia de Lemaio), edificacións que aínda se manteñen en pé e das que falaremos nas vindeiras semanas.
Panorámica actual da casilla dos legoeiros de Proame |
(CONTINUARÁ...)
_____________________
1 As casas de postas eran lugares de parada situados nas estras e camiños, onde antigamente se efectuaba o cambio das dilixencias, correo, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario