mércores, 5 de outubro de 2022

FRANCISCO IGLESIAS SILVEIRA, 'EL NIÑO DE SOANDRES'

   O noso protagonista nace en Vista Alegre, parroquia de Soandres, o 15 de maio de 1931, e parece ser que xa de moi pequerrecho deixaba pasmadas a todas as persoas que o escoitaban nas festas e nos convites. Víñalle de familia. Todos os irmáns cantaban francamente ben, especialmente Pilara, que tivo salón de baile no lugar do Barreiro (Erboedo), e Pepe, que acabaría de vocalista na Orquesta Mallorca. 

   Francisco cantaba cunha voz idéntica á de Juanito Valderrama e cun mesmo repertorio. Xa mociño marcha para A Coruña e reside no domicilio de Elvira, unha irmá casada, na rúa do Orzán. Na cidade herculina asiste ás clases de solfexo que naquela hora impartía o mestre Luís Brage nunha academia da rúa San Andrés, a mesma na que tamén estudara o músico de Gabenlle Segismundo Regueiro e, moi probablemente, a saxofonista de Erboedo Carmen Mallo.

    Anos antes, a proximidade ao bando republicano e aos ideais rexionalistas e galeguistas fixeron que Brage fose condenado ao cárcere cando chegou a Guerra Civil. Durante a súa estancia no centro penitenciario da Coruña creou unha academia na que lles ensinaba música aos reclusos. Tras a triste etapa no cárcere e xa establecido na urbe coruñesa, continuou dando fe da calidade das súas leccións e dotes pedagóxicos a alumnos como Francisco Iglesias Silveira, a quen animou a presentarse a Su Oportunidad, concurso radiofónico que emitía Radio Nacional de España, que foi precursor dois célebre e posterior Desfile de estrellas.

     En setembro de 1948, cando tiña 17 anos, Francisco é un dos finalistas do devandito concurso que se celebraba no Teatro Rosalía de Castro, e como non podía ser doutro xeito acada o primeiro premio na modalidade de canto flamenco. Foi precisamente o locutor do programa radiofónico, Emilio Díaz Fernández, o que lle puxo a Francisco o alias de 'El Niño de Soandres', nome artístico que o cantante de Vista Alegre ía adoptar para sempre.

    Malia aquel enorme éxito, o mozo larachés, con vehemencia e humildade, continuou coa súa formación musical, pasando daquelas primeiras referencias co mestre Brage a posteriormente aprender a tocar a guitarra -para poder actuar el só nas actuacións- con Pastor Asensi Rey, director da Orquesta Radio, e mesmo no Hogar Musical da Coruña.

    Naqueles últimos anos corenta, cando gozaba dunha enorme popularidade en boa parte da xeografía galega, viaxa a Madrid. Alí compaxina as clases de solfexo na prestixiosa academia de música Monreal con actuacións no teatro Fuencarral e noutras salas da cidade madrileña.

    A comezos dos anos 50 fai o servizo militar en Bilbao, onde canta en teatros e emisoras de radio vascas cando as obrigas castrenses llo permiten. E mesmo obtén un premio nun festival de flamenco celebrado nesta cidade.

 

Francisco Iglesias Silveira, 'El Niño de Soandres' (Revista das Festas Parroquiais de Soandres, 2008)

   Casa con Áurea Cousillas Fernández, unha moza de Cances (Carballo), de pai de Cerqueda e familia de Malpica, coa que ten un fillo, César Francisco. En 1969 emigra ao Reino Unido e durante varios anos gaña a vida no sector hostaleiro ao tempo que dá concertos de flamenco no Centro Galego. “En Londres había que traballar duro para sacar o indispensable para vivir. Nos ratos libres dedicábame a cantar. Afortunadamente foime bastante ben. Alí coñecín a unha artista española, Tani Morena, que me axudou moito. Actuei en varias ocasións con ela e quíxome levar a facer unha xira por diversos países de Europa, pero eu tiña un contrato cunhas salas de festas e desistín da idea”1.

    A mediados dos 70 volve da emigración e establece o seu domicilio na Coruña, cidade na que se dedica a dar clases de guitarra e de solfexo, que compaxina con frecuentes actuacións en diversas salas herculinas ata uns cinco anos antes de morrer, caso de Los Porches, coa voz sempre a gran nivel, ata que enfermou.

    Francisco Iglesias Silveira, 'El Niño de Soandres', que tamén pasou por orquestras como a Bergantiños, faleceu o 6 de xullo do 2011 aos 80 anos de idade. Os seus restos descansan do cemiterio de Erboedo.


FONTES:

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2008): “Francisco Iglesias Silveira”, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2021): “El Niño de Soandres, cantaor de flamenco de A Laracha”, La Voz de Galicia, Carballo, 5 de xullo, p. L5. 

 ___________

1 Vid. La Voz de Galicia, A Coruña, 2 de xaneiro de 1976, p. 23.

Ningún comentario:

Publicar un comentario