xoves, 29 de setembro de 2022

O CASTRO DA CONDESA DE LEMAIO E ALGUNHAS LENDAS DO LUGAR (2ª parte)

  Tal e como comentamos a semana pasada, o Castro da Condesa (a ver se algún día descubrimos quen era esta condesa) tamén se denomina Bico do Castro ou Castro de Xanzón. Este último nome vén por Antonio de Xanzón, caseiro dos Láncara e veciño do lugar da Fontaíña de Abaixo que, segundo nos contaron, foi quen comprou algúns dos terreos que esta ilustre estirpe tiña en Lemaio. 

   O asentamento está situado a unha altura de 215 metros sobre o nivel do mar. Trátase dun castro fronteirizo xa que a parte suroeste pertence á parroquia carballesa de Bértoa e, o resto do recinto, á larachesa de Lemaio, non moi lonxe do Rego Maior, afluente do Río Anllóns, e dos lugares de A Fraga, Villaviciosa e Quenxe, situados a poucos metros da AG-55.

 

O Castro da Condesa visto dende a autoestrada AG-55 (Xabier Maceiras)

   Hai uns días pateamos polo seu interior, mais os eucaliptos e a espesa vexetación pouco nos deixaron ver deste tesouriño do patrimonio bergantiñán. Sobre este castro a prezada arqueóloga Puri Soto contounos que “está encaramado nun picoto ao estilo dos castros antigos, da primeira Idade do Ferro, quizais, cun sistema defensivo sinxelo pero efectivo: dobre parapeto seguramente con foxo intermedio pero nun lugar xa de por si de difícil acceso (como seu nome indica, Bico). Para que facer máis? Só se complican defensivamente aqueles castros que baixan en altitude. Ten unha forma lixeiramente oval, é moi xeitosiño e como se ve no croquis que debuxou o profesor Rodríguez Casal, ten un reforzo dun pequeno parapeto ao norte, seguramente para dificultar máis a única entrada que se lle intúe por esa banda. O muro do parapeto exterior parece que o conserva completo. Dentro seguramente tamén. Das primeiras veces que o pateei descubrín unha interesante poza ou corgo, acaroado ao parapato xusto polo norte, cerca da entrada natural”.

 

Muro do parapeto do Castro da Condesa (Xabier Maceiras)

   Segundo a descrición que o admirado historiador Xosé Troiano realizou para patrimoniogalego.net (http://patrimoniogalego.net/index.php/44361/2013/05/castro-da-condesa/), este xacemento posúe unha forma elíptica cunhas medidas de NL-SO de 155 metros e NO-SE de 110 metros de lonxitude que acada unha superficie de máis menos 1,8 Ha. A súa croa ten unhas medidas de N-S de 65 metros por 70 metros de lonxitude de O-L. acadando unha superficie de máis menos 3100 metros cadrados.

    O profesor Antón Rodríguez Casal, na súa Carta arqueológica del partido judicial de Carballo de Bergantiños1, editada polo concello de Carballo en 1975, informa que o castro está rodeado por un muro de aparello irregular de 1 m. de altura por 0,40 de grosor e que, tras él, polo Norte, exténdese un foxo que culmina nun terraplén de 5 m. de altura. No seu estudo arqueolóxico, Rodríguez Casal tamén recolle unhas pinceladiñas do folclore popular que a veciñanza da contorna lle contara naqueles anos setenta ao devandito profesor: “No castro viviron naqueles tempos antigos os mouros, como tamén no Castro de Queo.”

 

O castro da Condena visto dende Proame, Lemaio (Xabier Maceiras)

    Sobre as lendas relacionadas co castro da Condesa falamos recentemente con varias persoas do lugar da Pedreira que prefiren manter o seu anonimato e que nos contaron algúns dos contos que lle escoitaban aos seus maiores cando eran rapaces: Os vellos contaban que desde o castro de Lendo ao castro da Condesa uns homes grandes tiraban as ferramentas para traballar. O castro de Lendo quedou debaixo da igrexa”.

   Estes veciños da Pedreira temén nos dixeron que moito despois, ao Castro da Condesa chamábanlle o de Xanzón porque era o nome dos propietarios e que “seica non se podía entrar nel porque no camiño había unha viga de ouro. A viga estaba antes de chegar ao castro. Había unha viga de ouro e outra de veleno e, por iso, non se podía sacar a de ouro, porque estaba a do veleno, que polo que contaban era de xofre, e se a tocabas morrías. Disque o demo tamén cheira a xofre.

    A lenda das dúas vigas, a de ouro e a do veleno, é unha das máis correntes do noso país que se repite con pequenas variantes en moitos lugares da xeografía galega.

    No lugar de Villaviciosa, nos lindes de A Laracha con Carballo, falamos con Belén, que nos atendeu coa maior das amabilidades recordando algunhas das historias que lle contaban súa avoa, súa tía Inés, e súa nai, Herminia Villares, cando era nena. “A avoa, que xa hai anos que morreu, dicía que cando era cativa, e ían coller no toxo ao castro, vía as pedras das casiñas. Mamá tamén falaba desas pedras do castro. Moito lle chamaban a atención pola feitura que tiñan. Seica desde Lendo tiraban ferramentas para o castro da Condesa e construían as casas dun día para outro. O lugar de Lendo desde o cal lanzaban estas ferramentas seica era un castro que quedou debaixo da igrexa, que, polo que dicían, fora edificada da noite para a mañán por uns homes grandes”.

    Belén continuou compartindo con nós os recordos da súa infancia lembrando que mamá non quería que nos achegaramos ata os muros ou arredores do castro da Condesa porque alí había dúas vigas, unha seica era de ouro e outra de veleno. Dicían que estaban cerca do muíño da Gándara. Ante a curiosidade, nós, cando eramos nenos, preguntabamos: 

 

Muíño da Gándara (Xabier Maceiras)

   -Pero vamos a ver, ¿porque non escavastes no castro?

   -Vaia ho, porque hai unha viga de ouro e outra de veleno, dicían!

   E claro, todo o mundo lle tiña medo ao veleno e por iso non escavaron.

   De noite ían moer a ese muíño e seica saían os encantos do castro. Vían luces. Eu penso que debían ser lucecús ou vagalumes, pero bueno... Alí, no muíño da Gándara, tamén lavaban a roupa e deixábana estendida. E nós, os rapaces, iamos de día a ver esas luces, pero ao demo cousa vimos!

   O caso é que máis para aló do muíño da Gándara, entre A Fraga e A Pedreira, hai ou outro muíño que lle chaman o de Areosa, que é da casa grande que está fronte a igrexa de Lemaio, e contaban que un dos fillos dos desa casa estudara para cura grazas a un anaco de ouro que encontraran alí, nese muíño, que disque era da viga de ouro”. 

 

Muíño de Areosa (Xabier Maceiras)

   O cura que mencionou Belén imaxinamos que sería don Manuel Areosa Castro, crego de Lemaio falecido en xullo de 1949 que era un dos fillos de Bonifacio Areosa, natural do Igrexario de Lemaio, e de Josefa (Pepa) Castro Doldán, nacida no lugar da Braña, parroquia de Oza (Carballo). Neste caso pensamos que, ao longo dos anos, a lenda foise mesturando coa realidade, ou a realidade coa lenda, pois, nunha información publicada en La Voz de Galicia en setembro de 1910, o xornal herculino daba conta da seguinte información:

HALLAZGO ARQUEOLÓGICO
En la parroquia de Lemayo, Ayuntamiento de Laracha, al hacer una excavación en un riachuelo para establecer un molino apareció un trozo de cadena de oro, formado por cuatro eslabones de unos dos centímetros de diámetro. Está labrada con suma tosquedad, al parecer á golpe de piedra. El oro es pálido, sin mezcla ni aleación alguna. Pesan los cuatro eslabones, 88 gramos.
Presúmese que serviría para llevar suspendida un arma; pero es difícil asignarle uso, mientras no se encuentren otros trozos que den alguna indicación segura.
El labrador propietario del terreno, excitado por personas entendidas, va á emprender excavaciones en el lugar en donde apareció la cadena. Con ella se desenterraron dos trozos de madera de roble, al parecer fosilizados.
Es de esperar que el hallazgo no llegue a desaparecer por fusión en el crisol de algún joyero. Lo procedente sería cederlo o venderlo á coleccionista del país que lo conserve como se merece.2

   Grazas a inestimable colaboración de Marisa Lema, veciña de Proame, tivemos a ocasión de poñernos en contacto con José Tasende Areosa e con seu curmán Francisco Arcos Areosa, sobriños netos do crego don Manuel Areosa Castro. Ningún dos dous sabía nada dese conto da casa da súa familia, que, segundo nos contou Francisco, mestre xubilado de Xeografía e Historia en Málaga, tamén é coñecida como “a dos cinco médicos”. Sobre esta casa, construída en 1923, prometo falar máis polo miúdo no futuro.

   ¿En cal dos muíños de Lemaio apareceu ese ouro en 1910? ¿De quen serían os elos da cadea de ouro? ¿Da Condesa? ¿Da Santa que da nome a unha das leiras do castro? ¿Dos mouros? ¿Da viga de ouro? As lendas, lendas son, si, mais hai que mantelas vivas porque forman parte da nosa identidade e do noso patrimonio inmaterial.

E que, como a cobiza dos homes é tan desvariada, o mouro quere coutar o que lle rouben os tesouros que alí ten: cousas de ouro e de pedrería, e moita prata en xerros e pratos e cuncas, e que sei eu... E daquela fixo unha trabe de ouro e outra de alcatrán, e o que entrar no grande estrado da cova, en vendo a trabe relucente de ouro quererá arrincala para levala e se facer rico para toda a vida; mais, se tal fixer, un enxeño que ten nos dous cabos rebentará e poñerá lume á trabe de alcatrán e daquela todo se afundirá derrubándose enriba do que quixer facer o roubo e alí morrerá sen que ninguén lle poida valer”.3
Castro da Condesa (Cortesía de Puri Soto)

______________________________

1 Vid. Antón A. Rodríguez Casal (1975): Carta Arqueológica del partido judicial de Carballo de Bergantiños (Coruña), Departamento de Prehistoria y Arqueología Facultad de Geografía e Historia Universidad Santiago de Compostela; Departamento de Prehistoria y Arqueología Facultad de Filosofía y Letras. Edición patrocinada por el Ilmo. Ayuntamiento de Carballo de Bergantiños.

2 Vid. La Voz de Galicia, 21 de setembro de 1910, páx. 1.

3 Vid. Xosé Manuel González Reboredo (2007): Lendas galegas de tradición oral (9ª edición), Editorial Galaxia, páx. 89.

Ningún comentario:

Publicar un comentario