As orquestras na Laracha contan dunha moi antiga tradición, especialmente en Soandres. Quen sabe? Se cadra teñen que ver no asunto os cantos da vida monástica de antano do templo beneditino, tan presente no ADN dos fregueses desta parroquia.
O caso é que xa temos noticia da existencia dunha banda de música en Soandres nos primeiros anos 20 do século pasado, e mesmo sabemos que algúns dos instrumentos da formación viñeran de América.
Co gallo da visita que o popular actor arxentino Enrique Muíño realizou á súa terra de nacemento en abril de 1923, a prensa da colectividade galega en Bos Aires publicaba:
“A eso de las diez de la mañana llegaba el insigne actor frente a la Casa Consistorial de Laracha, donde le esperaban el alcalde Sr. Iglesias, varios concejales de aquel Ayuntamiento, el secretario Sr. Astray, el juez municipal, el secretario del juzgado Sr. Racedo, el médico don Ramón Astray, varios profesionales, algunos parientes del señor Muíño y una compacta multitud de campesinos que prorrumpió en vivas y aclamaciones, al mismo tiempo que atronaba el espacio el estampido de las bombas y que la música de Soandres daba al aire los acordes de un bullicioso pasodoble (…)
(…) La despedida de Muíño es todavía más brillante que el recibimiento, porque el ilustre actor es de los que fácilmente se adentran en el corazón, y de aquellos cuyo talento también tiene que admirar fuera de la escena.
Las bombas de palenque estallan con mayor estrépito, los acordes de la música de Soandres suenan más intensos, los vivas y aclamaciones parecen arrancar de más adentro y Muíño llora más tiernas lágrimas (…)1
Velaí está a banda de Soandres no recibimento e na despedida a Enrique Muíño, un larachés nado en 1881 no lugar da Torre, na parroquia de Lendo, que, á parte de pertencer á pléiade de intérpretes fundacionais do teatro e da historia de ouro do cinema da Arxentina, tamén cultivou de xeito notable a pintura.(De Enrique Muiño xa escribimos nesta bitácora no seu momento. Aquí tedes a ligazón: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2021/11/o-laraches-enrique-muino-unha-das.html).
A devandita banda ía continuar, coa súa mellor vontade e bo facer, dando alegría á veciñanza da bisbarra enchendo, durante algúns anos máis, os campos das festas de ledicia e diversión coa interpretación das súas melodías. Nunha descrición sobre as festas parroquiais de Soandres de 1927, El Ideal Gallego daba cumprida información comentando, entre outras cousas, que...
(…) La fiesta campestre estuvo animadísima; siendo amenizada por la afinada banda de música de Soandres y disparándose, durante el día, multitud de bombas de palenque (...)2
Temos noticias de que posteriormente, durante algunhas festas celebradas en Soandres antes da proclamación da II República, era a banda carballesa da Ardaña a que amenizaba os bailes que alí se facían, polo que é de supoñer que a agrupación musical da parroquia xa desaparecera nesa altura.
Tal e como contamos hai unhas semanas neste blogue, na década dos corenta ía xurdir a orquestra da Ameixeira que, tras uns anos de actuacións baixo ese nome, nos cincuenta reconverteuse na Orquestra de Soandres.
Nesta época, en toda agrupación musical era imprescindible a figura do acordeonista dominando o escenario. Na Orquestra de Soandres os virtuosos deste instrumento eran Luciano 'de Silvoso'3, tamén coñecido como Luciano 'de Manxarín', e Eduardo 'do Cabaleiro'4. Gumersindo 'de Erboedo de Abaixo' co clarinete; Celso 'de Compañeiro''5 co trombón de varas; Ramón 'de Matías de Soutullo' coa batería; Juan Iglesias Borrazás, 'Juan de Picardel'6 coa trompeta; e Luciano Iglesias Borrazás, 'Luciano 'da Ameixeira' co saxofón, eran os outros músicos que conformaban a banda, unha formación na que tamén ían tocar ocasionalmente outros músicos, entre eles Domingo Silveira, de quen falamos neste espazo hai un par de semanas
Segundo o testemuño de Sindo Amor Martí, fillo de Domingo 'do Niño', “ás veces tamén tiñan un animador, que era como se lle chamaba aos cantantes antigamente. Recordo ver coa Orquestra de Soandres a Manolo 'da Pontalba', que anos atrás xa cantara coa Orquestra da Ameixeira, e a 'Lencho', un vocalista do Corgo7.
Naquela hora, os desprazamentos das orquestras non eran doados. Os camiños non eran os de hoxe e moitas veces facíanse a pé, coa dificultade que supoñía cargar coa pesada maleta de ferro na que carrexaban a batería. Noutras ocasións facíanse en cabalerías ou mesmo en carro de bois. Se por unha sorte había a posibilidade de desprazarse en autobús, o batería era o que levaba a peor parte, como así llo contou Antonio Mallo, un dos fundadores da Orquestra Mallo de Feáns, a Xurxo Souto. “Iamos a Caión no Pombo, o coche de liña. Nós aínda viaxabamos cómodos. O peor era o batería. Tiña que ir arriba cos tambores. Se chovían dúas pingueiras chegaba molladiño coma un pito”8.
Desprazamento dunha orquestra nos anos 50 (Facebook Orquestas 1900) |
Nos seus primeiros tempos os músicos da Orquestra de Soandres tocaban a pleno pulmón, do mesmo xeito que o fixeran anos anos os seus predecesores da Orquestra da Ameixeira. Mais, co paso do tempo, empezaron a utilizar altofalantes de batería que, segundo as informacións do historiador de Soandres Gumersindo García, seica lle alugaban a Manolo, o taberneiro de Meirama.
As actuacións desta agrupación eran frecuentes en Carballo; Cerceda, de xeito especial en Rodís e A Tablilla; nas romarías de Santo Adrián e Santa Margarida; e en boa parte dos salóns de baile da bisbarra. “Cando contrataban ben as actuacións chegaban a cobrar duascentas pesetas cada músico, e se a xente quedaba contenta aínda lles daban propina”9.
No repertorio da Orquestra de Soandres non faltaban aqueles románticos tangos e boleros tan de moda entre a xuventude de aquela época, mozos e mozas que sempre demandaban vellas pezas musicais como María de la O, Islas Canarias, Gato Montés ou Siboney, a canción cubana composta en 1929 por Ernesto Lecuona, que serviu como inspiración para a longametraxe mexicano-cubana de título homónimo. Siboney, rodada en 1938, foi dirixida por Juan Orol e protagonizada por María Antonieta Pons.
Siboney...
Yo
te quiero, yo me muero
por tu amor.
Siboney…
En
tu boca
la miel puso su dulzor.
Ven a mí,
que
te quiero
y que todo tesoro,
eres tú para
mí.
Siboney...
al arrullo de las palmas,
pienso
en ti.
Siboney de mis sueños
si no oyes la queja de
mi voz.
Siboney, si no vienes
me moriré de amor.
Siboney
de mis sueños
te espero con ansia en mi caney.
Porque tú
eres dueño
de mi amor, Siboney.
Oye el eco
de
mi canto de cristal.
No se pierda por entre el rudo
manigual.
__________________
1 Vid. El Correo de Galicia: órgano de la colectividad gallega en la República Argentina, 13 de maio de 1923, páx. 11.
2 Vid. El Ideal gallego : diario católico, regionalista e independiente, 5 de agosto de 1927, páx. 7.
3 Silvoso é un lugar da parroquia de Soandres.
4 O Cabaleiro é un lugar da parroquia de Coiro.
5 Compañeiro é un lugar da parroquia de Soandres.
6 Picardel é un lugar da parroquia de Meirama.
7 O Corgo é un lugar da parroquia de Soandres.
8 Vid. XURXO SOUTO EIROA (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, páx. 108.
9 Vid. GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2006): Aquela orquesta de Soandres de mediados do século pasado, Revista das festas parroquias de Soandres, páx. 27.
Ningún comentario:
Publicar un comentario