xoves, 22 de setembro de 2022

O CASTRO DA CONDESA DE LEMAIO E ALGUNHAS LENDAS DO LUGAR (1ª PARTE)

  A alta densidade de poboación de A Laracha coñécese na época dos castros polo importante número deles que aínda se poden localizar e estudar. Actualmente consérvanse case unha vintena de recintos castrexos distribuidos polas trece parroquias do municipio larachés: castro da Lagarteira e castro de Riotorto (ou Os Castros, ou o Petón do Castro, os dous en Cabovilaño); castro de A Medoña (Coiro); A Castreira (ou As Castreiras, en Erboedo); castro de Erboedo (ou Os Castros, ou As Croas, no lugar da Fontenla, Erboedo); castro de O Petón (Golmar); castro da Condesa (ou Bico do Castro, ou Xanzón, en Lemaio); castro de Lestón (ou Os Castros, ou Agra do Castro), castro do Retorno e castro de Fofelle, os tres recintos na parroquia de Lestón; castro da Pena ou O Petón (Montemaior); castro de Condesuso (ou O Castriño), castro de Santa Baia (ou Croa de Santa Baia), castro da Cerqueira (ou de Refoxo), castro de Revirente e O Castro (ou Os Castros), todos estos en Soandres; castro de Gabenlle (ou Castro das Croas, ou Os Castros, en Torás); castro de Montes Claros (ou Os Castros, en Vilaño) e castro Pequeno (ou castro das Motas, ou a Mota) en Pereiro, Vilaño. 

  Territorio habitado, vivido e traballado desde hai miles de anos, case todas as parroquias larachesas son confín dun verde castro. Eran as aldeas dos nosos antepasados e poboaron o noso territorio na Idade de Ferro eis alá, entre o século VIII antes de Cristo e o III despois de Cristo.

   Moitos destes recintos castrexos xa son soamente recordos. Dos outros, de nós depende que sexan presente, como é o caso de Montes Claros, que o Concello da Laracha decidiu nos últimos tempos apostar fortemente pola súa posta en valor.

   Ao longo dos vindeiros meses, de todos e cada un destos recintos iremos falando polo miúdo nestas Crónicas da Laracha para coñecer as súas localizacións e mesmo algunhas lendas que aínda se manteñen vivas na contorna. Comezamos esta xeira en Lemaio, co castro da Condesa.

 

Ao fondo, o Castro da Condesa

QUEN ERA A CONDESA?

    Se consultamos a cartografía da páxina web da Sede Electrónica do Catastro, á altura dos quilómetros 26 e 27 da autoestrada AG-55, na zona que atravesa a parroquia larachesa de Lemaio e a carballesa de Bértoa, podemos ver unha serie de topónimos que nos informan sobre un asentamento castrexo que houbo alí no pasado. Na parte pertencente a Lemaio, no devandito Catastro aparecen leiras e montes con nomes tan suxestivos como Castro da Condesa, Tenza da Condesa, Castro, Castro de Arriba, Castro de Abaixo, Castro da Cova ou mesmo Chousa da Santa. O mesmo pasa nos lindes con Bértoa, onde podemos atopar nomes como Castro, Chousa de Castro Lamoso (moi cerca da Fonte do Cuco), Castro de Arriba, O Petón ou o Outeiro. Máis abaixo, e tamén na parroquia carballesa de Bértoa, entre o lugar de Queo de Arriba e Guilfonxe está o Castro de Queo, non moi lonxe da Agra de San Martiño e mesmo do Castro da Condesa. Pois ben, chegados a este punto, a pregunta é: ¿Quen era esta condesa? ¿De que que condado estamos a falar e dende cando?

 

Castro da Condesa (Cortesía de Puri Soto)

    Unha das posibilidades pode ser a condesa de Torre Penela, tan vencellada á comarca de Bergantiños desde tempos pretéritos. Nas súas Crónicas de Carballo, Xan Fraga faise a mesma pregunta e tamén apunta que “O Campo da Condesa, Casa da Condesa, etc, xa non existe no vocabulario oficial carballés”1.

   O condado de Torre Penela é un título nobiliario outorgado polo Rei Carlos II en 1689 ao cabaleiro da Orde de Santiago Pedro Tomás de Ojea Ulloa y Enríquez, quen casou con Luisa Antonia de Ayala y Rojas e tiveron por fillos a Juan Antonio (II Conde); María Ignacia (III Condesa) e Catalina Nicolasa, que casou con Fernando Bérmúdez de Castro y Riobóo, señor de Montemaior e Torres do Viso (A Laracha)2.

   Viaxamos uns anos na máquina no tempo e chegamos á época da IX Condesa de Torre Penela, Clotilde Flórez de Losada, que casou con Pedro Sanjurjo y Pérez (Ourense, 1812-A Coruña, 1879). Pedro estudou dereito e foi xuíz ata que se dedicou á política e aos negocios. Membro do Partido Moderado, chegou a ser oidor da Real Audiencia da Habana así como maxistrado da de Manila. Foi deputado en diversas lexislaturas e Alcalde da Coruña en 1875. Era fillo do médico Pedro Sanjurjo y Mosquera, que estivera de director do Balneario de Carballo entre 1835 e 1837. Fíxose con esta propiedade no ano 1851 por 4.965 reás, reformando o recinto termal notablemente.

   Pedro Sanjurjo e Clotilde Flórez (que faleceu en 1923) tiveron tres fillos: Pedro; María Asunción (X Condesa), casada con Eduardo Torres Taboada; e Clotilde Sanjurjo Flórez Quiroga, casada con Antonio del Moral (deputado e senador pola provincia da Coruña en varias lexislaturas), que tiñan a casa da condesa en Carballo, baños de catro pozos, fonda e amplo xardín contiguo3. Sería algunha das Señoras nomeadas anteriormente a nosa condesa, a condesa do castro situado na parroquia de Lemaio? En Carballo aínda hai quen fala de “a Condesa” e da súa casa na que estaban os Baños Vellos, xunto á capela da Estrela, que hoxe da nome a unha das rúas da capital de Bergantiños.

 

Casa da Condesa de Torre Penela en Carballo en 1925 ( https://www.carballonamemoria.org/?fbclid=IwAR3-oQWv2F07DqHgvCGEC3A49YbZZE-Zok5VH6uvICRPYYdacGkU97onUls )

    Séculos atrás, o conde de Traba, Pedro Froilaz, que tivo unha numerosa descendencia, casaba por primeira vez con Urraca Froilaz (filla do Conde Frolia Arias), coa que tivo cinco fillos, un deles Fernando Pérez de Traba. Os dominios da parella incluían un extenso territorio entre Noia e Ortigueira, básicamente, a parte da provincia da Coruña entre o río Tambre e o mar. Uns anos despois da morte de Urraca, Pedro Froilaz casou en segundas nupcias con Mayor Rodríguez, filla do conde Rodrigo Muñoz e coa que tivo oito fillos. O 31 de maio de 1158, a condesa dona Sancha González, esposa de don Fernando Pérez de Traba, viúva, doou a Santiago pola alma do se defunto marido o conde don Fernando, boa parte das súas herdades. ¿Sería algunha destas mulleres a “nosa” condesa?

   Outra das posibilidades pode vir pola liñaxe dos Moscoso, que posuían moitas das terras que conforman boa parte do que hoxe é o municipio da Laracha. Lopo Sánchez de Moscoso y Ulloa4, primeiro Conde de Altamira, casou en primeras nupcias con Constanza das Mariñas, señora de Oseiro, Miraflores, Bergondo, Faro, Cillobre (con xuros sobre alcabalas reais en San Román de Cabovilaño, San Xián de Coiro, Santa María de Erboedo, San Xián de Lendo, San Martiño de Lestón, Santa María de Soutullo, Santa María de Torás e Santiago de Vilaño) e Parada. Constanza das Mariñas, unha das catro fillas herdeiras do gran Gómez Pérez da Mariñas, non tivo sucesión co I Conde de Altamira e non tardou en repudiado. Segundo o cronista medieval Vasco da Ponte “este conde no era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”. ¿Sería dona Constanza das Mariñas a “nosa” condesa?

   Sobre a estirpe das Mariñas sabemos, grazas ás investigacións de Marcos Amado que en Martín (Xordo) das Mariñas (+1515) recaerían por herdanza nun primeiro grupo de bens, o groso de posesións de Roi Xordo II das Mariñas, “pois á súa morte xa faleceran todos os nomeados en tales vontades. Neste bloque tamén obtería os bens maternos e do seu avó homónimo, isto é, o señorío do coto de Cecebre cos seus casares, herdades, viñas e co pazo de Pravío. Á súa vez unimos aquí as propiedades da liñaxe no arciprestado de Bergantiños, onde sabemos a posteriori que dispoñería do señorío, vasalaxe e xurisdición do porto e parroquia de Santa María de Caión, Santa Mariña de Lemaio; parte de San Lourenzo de Berdillo cos seus casares, de San Cristovo de Lema con Castelo, de Santa María de Noicela cos casares da Vespilleira, e coas súas casas, viñas e pazo de Nandufe, cabeza destes dominios”5.

 

Situación do Castro da Condesa (mapasxunta.gal)

   Numerosos títulos de avoengo están ligados á Costa da Morte, algúns xa desaparecidos ou insertados en Casas de maior lustre como a de Alba. Hai apelidos moi ilustres, con gran peso histórico, que forman parte do ADN comarcal, como os Mariño, os Bermúdez de Castro os Moscoso, os Riobóo, os Caamaño ou os Oca. No caso concreto de Lemaio, seica o primeiro señor do Pazo alí situado foi o Capitán Fernán Álvarez de Carantoña, escudeiro de Lopo Sánchez de Moscoso, I Conde de Altamira. O Pazo tamén pertenceu aos Varela e aos Bermúdez de Castro, deixando nela o seu escudo, aos Moscoso, Rodríguez de Arijón, García de Pardiñas, e aos Romay. ¿Poden vir por aquí as posibilidades da “nosa” condesa?

   Deixamos tamén enriba da mesa outras opcións de quen puido ser esa nobre, esa condesa do castro. No Catastro do Marqués de Ensenada de 1752, na segunda pregunta sobre a parroquia de Lemaio… ¿Si es de realengo o de señorío, a quien pertenece, que derechos percibe y cuanto produce?, a resposta foi “(…) la expresada feligresía es de señorío, que pertenece a Don Diego de Oca y Cadórniga, vecino de la ciudad de Betanzos(...)6. E na pregunta décimo quinta¿Que derechos se hallan impuestos sobe las tierras del término, como diezmo, primicia, tercio-diezmo u otros; y a quien pertenecen?, a contestación foi “(…) de todos los que producen las tierras que cultivan diez labradores, percibe dicho cura im solidum los diezmos de ellas, y la mitad de las de otros siete; la restante, por iguales partes al excelente señor Conde de Altamira y a la Marquesa de Parga; de los restantes diez y siete casares o vecinos, corresponden enteramente a don Diego de Oca, vecino de Betanzos7.

   A morte en 1796 de Dona Joaquina Josefa de Oca, filla de don Diego de Oca, ía marcar o final da liñaxe dos Oca. Joaquina, coñecida como "a marquesa", casara con Benito Bernardo Correa de Sotomayor y Yebra (IV Marqués de Mos) e non tiveron fillos, pasando os seus morgados á descendencia doutra liña sucesoria: á aberta con María Josefa, unha irmá de Don Diego de Oca. Esta María Josefa de Oca casou en 1723 con Don Pedro Isidro de Yebra, Pimentel  y Suárez de Deza, Señor da luguesa casa de Láncara. Os Láncara ían señorear boa parte da nosa contorna dende esta época ata 1936, ano no que faleceu Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, coñecido polas súas amizades como Gerardo Láncara en alusión ao seu señorío que ía morrer solteiro só e sen descendencia.

   Descubrir quen era a condesa que da nome ao castro existente na parroquia larachesa de Lemaio e na carballesa de Bértoa non ha de ser doado (un servidor aposta pola condesa de Torre Penela). Promete ser un arduo traballo, mais, dende a confianza e a amistade que nos une con varios membros do Instituto de Estudos Bergantiñáns, aproveitamos a ocasión para deixarlles esta tarefa de investigación e, tamén, para animalos a publicar un novo número da súa exitosa colección “Andando por Bergantiños” no que teña protagonismo a parroquia de Lemaio que, no seu momento, cando no Trienio Liberal (1820-1823) se levara a cabo a división territorial en provincias e concellos constitucionais, formara parte do desaparecido Concello de Sísamo. 

   Non deixa de ser curioso que unha porcentaxe importante da superficie da parroquia de Lemaio pertencera aos Láncara, incluido o castro, un asentamento que, á parte de ser coñecido como o Castro da Condesa, tamén se denomina Bico do Castro ou Castro de Xanzón. Este último nome vén por Antonio de Xanzón, caseiro dos Láncara que, segundo nos contaron, foi quen comprou parte dos terreos que esta estirpe ilustre tiña en Lemaio.

   A vindeira semana seguiremos falando do Castro da Condesa e das súas lendas.

 

(CONTINUARÁ...)

___________________________

1 Vid. Xan M. Fraga Rodíguez (2004): Crónicas de Carballo II, A. C. Lumieira, páx. 232.

2 Ibídem.

3 Ibídem

4 D. Lope Sanchez de Moscoso e Ulloa non tivo descendencia lexítima, e por iso deixou os bens da súa casa e o Condado a seu curmán D. Rodrigo de Moscoso e Ossorio, fillo de sua tía Dª Urraca Sánchez de Moscoso, e de D Pedro Alvarez Ossorio, conde de Trastamara.

5 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, Señores de Montaos, Autoedición, páx. 67.

6 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, páx. 89.

7 Ibídem, páx. 93.


Ningún comentario:

Publicar un comentario