venres, 1 de abril de 2022

A DISCOTECA PAZOS

  Tras varios meses de percorrido polos antigos salóns de baile que houbo nas trece parroquias da Laracha nos tempos mozos dos nosos avós, o protagonismo das Crónicas da Laracha (http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/) desta semana é para unha sala que significou o inicio dunha nova era e o fin doutra, co adeus definitivo dos devanditos salóns de baile. Falamos da Discoteca Pazos, que, a partir da segunda metade dos anos sesenta, empezou a colorear aquelas vidas en branco e negro da xuventude da época grazas á iniciativa de Manuel María Pazos Bello, artífice desta transformación e fundador do que hoxe é a discoteca máis antiga de Galicia (e unha das máis lonxevas da Península Ibérica) aínda en funcionamento.

   Con pouco máis de 21 anos, Manolo Pazos, nado na parroquia de Torás en 1944, decide comprar a casa e os terreos que seu tío paterno, Jesús Pazos Verdía, posuía na Avenida de Fisterra da capital do municipio, a poucos metros das propiedades da familia Astray e do campo de fútbol da Brea, o primeiro terreo de xogo que tivo o Laracha C.F. tras converterse en equipo federado en 1966. O piso inferior da casa estaba adicado a taberna, negocio no que tamén se daban comidas e que despois do traspaso ían rexentar Perfecto e Balbina, os pais de Manolo. Á esquerda desta taberna había unha horta na que seica había bos pexegos e, ao carón, tiña a súa forxa Pepe da Torre. Algúns clientes da taberna aínda recordan o “contrasinal” que utilizaban Perfecto e Balbina para o xeito de facer café en función de se o señor Pazos perdía ou gañaba a partida. Se a sorte lle sorría:

-Fago café, Perfecto?

-Fai café Balbina, fai!

  E se perdía a partida:

-Fago café, Perfecto?

-Claro, Balbina, claro!

   Nesa altura Manolo Pazos decide construír un parque-pista a ceo aberto na horta dos pexegueiros, unha pista que determina cubrir tras as inclemencias do inverno cunha obra que se inaugura en maio de 1966 coa actuación da popular “Orquestra X”. A Discoteca Pazos acababa de nacer.

 

A Laracha, anos 60. No centro da imaxe, a taberna e a Discoteca Pazos

   Ao ano seguinte, en 1967, Manolo casa con Fina Varela e, ao pouco, para afrontar as débedas acumuladas por mor da compra dos terreos e da taberna, ademais dos gastos de investimento e das obras efectuadas na discoteca, o noso protagonista decide facer a maleta da emigración para traballar de camioneiro en Quimper, na Bretaña francesa. Manolo Pazos, que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio de Leborís, recordaba que “levaba o cargamento que lle cadraba. Nunha ocasión os xefes dixéranme que tiña que ir ao porto de Marsella e que iría escoltado. Íamos oito camións con motoristas diante e detrás do convoi. A carga que transportamos eran... foguetes para a Guerra dos 6 Días”.

   Tras unha breve estadía de tres meses en Quimper, o mozo da Laracha chega a París, onde vive nun piso da Avenida do Xeneral Leclerc, ao carón de Saint Michel, o barrio dos estudantes. Aquel era o París do 68 no que o mundo ía cambiar cunha serie de acontecementos que constituiron un punto de inflexión en medio planeta.

   Na capital francesa, Manolo gaña a vida como camioneiro nunha empresa de transportes propiedade dun matrimonio que tamén posuía viñedos en Lyon. Viaxa por toda Europa transportando mercadorías de todo tipo a Italia, Albania, Polonia, Iugoslavia, onde aproveitaba para comprar pantalóns e chalecos de coiro xa que en Francia custaban un ollo da cara, Alemaña, Hungría, España…

   O tempo de lecer de aquelas viaxes aproveitao para visitar salas e gardar no maxín algunhas ideas para o seu local da Laracha, un local que seguían rexentando con éxito seu pai Perfecto e seu irmán Julio ao tempo que el percorría as estradas de media Europa: “Antes de emigrar a Francia contratara aos Tamara, que tocaron no ano que me casei, e a Manolo Escobar que, cando veu á Laracha eu xa non estaba aquí; foi nese momento que emigrei, pero quedara contratado. Manolo Escobar actuou aquí no 69. Papá e meu irmán Julio tamén contrataron naquela época a Karina e a Luciana Wolf.”

 

Manolo e súa irmá Carmiña na Discoteca Pazos nos anos 60

   Tras varios anos na emigración, Manolo volta definitivamente a súa terra a principios de 1973, época na que decide dárlle un novo impulso á Pazos, acometendo unha gran reforma que inaugura antes do Nadal do 73 cunha actuación de Los Españoles e Los Príncipes. Nesa época a Discoteca Pazos abría os domingos e tiña a dura competencia da Sala de Festas Eva de Arteixo. O noso protagonista recorda que “naquel tempo Manolo de Eva tiña unha sala mellor ca miña. Manolo soubera adiantarse aos tempos. A sala de Arteixo estaba moi ben”. A competencia tamén ía aumentar en 1975, ano no que abriu en Carballo, na parroquia de Bértoa, a discoteca As Airas.

   Mais con traballo e continuas innovacións técnicas, como o equipo de son que monta no 75, Manolo Pazos ía ser quen de converter a súa discoteca na sala de referencia da comarca con actuacións de orquestras cada domingo e cos mellores artistas do momento. “Por aquí pasaron todas as orquestras de Galicia… traballei moito coa Sintonía de Vigo, Os Satélites, Os Key, a antiga Orquesta Radio… Aquí estivo Sito Sedes, que veu á sala coa Sintonía da Coruña e despois marchou para Os Satélites, artistas internacionais como a inglesa Julia Clerck, o italiano Paolo Salvatore, o francés Sacha Distel… que era o que cantaba “¿donde está la escalera? ¿la escalera donde está?”. Na sala tamén actuaron Camilo Sesto, Peret, Rumba 3, Os Chichos ou Massiel. Julio Iglesias tamén estivera na Laracha. Viñera un día con Ricardo Ardévol, un empresario catalán que creo que era o seu axente en Barcelona. Falamos nas escaleiras da sala. Queríanme cobrar 55.000 pesetas pola actuación pero ao final non chegamos a acordo.”

   Os setenta, década na que Manolo pincha na sala dende 1975 ata 1978 cando non tocaban as orquestras (despois de Manolo tamén pinchou o larachés Julio Varela, veciño de San Román), foron dando paso aos anos oitenta ao tempo que a Pazos se mantiña á última en innovacións tecnolóxicas, esenciais para triunfar no sector. A sala foi acometendo estas innovacións tras as viaxes que Manolo realizaba a Barcelona, Madrid, onde estivo presente cando a discoteca Joy Eslava abriu as súas portas o 24 de febreiro de 1981, un día despois do intento de golpe de estado de Tejero; Frankfurt; Milan; Londres, onde alucinou co espectáculo de son e iluminación da discoteca Hippodrome; ou París, a súa querida París da emigración á que agora voltaba como empresario de éxito e na que aproveitaba para comprar vinilos “nunha casa de discos moi boa que había cerca da estación de tren de Montparnasse. Tamén ía moito a Portugal a comprar discos de importación a Oporto. E aquí compráballe a Gelasa e a Portobello, a Jaime Manso, que traía bos discos de Inglaterra”.

 

   Coas boas ideas do seu paso polas principais salas europeas, no ano 1984 Manolo Pazos decide acometer na súa discoteca outra gran reforma dando paso a unha nova era na que, ademais, tamén abre o pub Pazitos. Coa nova transformación da sala, as actuacións das orquestras, que tocaron ininterrompidamente na Pazos dende 1966 ata 1984 ían dar paso a unha forte aposta polos equipos de son e por pinchadiscos como “tu amiguete Doli”, naquela hora locutor de “Los 40 Principales”, ou Carlos García, que era o que movía vinilo cando o que escribe pisou a Pazos por primeira vez… que tempos!

 

Imaxe dos anos 80 da Discoteca Pazos

   E así foron pasando os anos na Sala Pazos e na Laracha, onde a discoteca da que estamos a falar tamén tivera certa competencia nos tempos de esplendor da desaparecida Calle de Cristal, que estaba situada a poucos metros do centro de saúde da capital municipal e que a finais dos oitenta foi un dos referentes de ocio da comarca coas cafeterías, pubs e a sala de festas que había no seu bulevar. Mais a vida da Calle de Cristal ía ser efémera e, coincidindo co peche paulatino dos seus negocios, ao longo dos anos noventa foron abrindo numerosos pubs por toda A Laracha.

   Nesa altura a discoteca Pazos seguía sendo o lugar no que moitos mozos e mozas da bisbarra bailaban nas noites do sábados. Sei de moitos matrimonios que se forxaron aquí; e de moitos fillos deses matrimonios que tamén coñeceron ás súas parellas neste local”, recordaba Manolo Pazos. Naquela época Manuel José e Alberto, os dous fillos do fundador, xa traballaban con seu pai na sala e cos case 40 empregados que chegou a ter a discoteca, entre eles Paco e Concha, matrimonio que tiña familia na miña aldea do Rañal e que recordo con moito cariño. Na conversa mantida con Manolo no seu domicilio de Leborís, o larachés manifestou con orgullo que  “tiven o mellor equipo de traballo que un empresario pode ter. Un saúdo e un recordo para todos e todas, de xeito moi especial para Elvira Loureiro e miña irmá María del Carmen, que traballaron comigo 30 anos”.

   Naqueles anos 90, nos que a Discoteca Vértigo de Paiosaco tamén vivía os seus mellores tempos (os sábados era o día da Pazos e os domingos da Vértigo), Manolo Pazos decide ampliar horizontes pola provincia: “No ano 1990 collín con outra xente a LP-45 de Ordes; alí botei tres anos. Despois levei a discoteca de Negreira, na que só estiven 3 meses, máis ou menos o mesmo tempo que botei ao fronte da sala de Melide. Anos máis tarde collín a de Cee, a Discoteca Xunqueira, que a rebauticei como “Woman”. Con esta sala botei sobre catro anos. Tamén estivemos en Arteixo, nun local que primeiramente se chamou Pazos e despois o meu fillo Manolo púxolle “Mambo”.

   O cambio de século traería unha nova reforma á sala, cristalizando a parte exterior do edificio e dividindo os perímetros dos dous pisos da interior: o piso superior quedou para música salsa e o inferior para chunda-chunda. 

 

Imaxe actual da Discoteca Pazos

   Tras outras series de reformas e reconversións, a Discoteca Pazos pasaou a destinarse esencialmente ás ceas baile, que se suspenderon coa chegada da COVID e que, pouco a pouco, volven a celebrarse na actualidade.

1 comentario:

  1. Qué tempos aqueles!! Recordo ir ca miña amiga os sábados, gardo moi bós recordos de ese sitio. Despois a deixamos por LP45 en Ordes.

    ResponderEliminar