mércores, 13 de abril de 2022

UN ESPECTÁCULO CHAMADO 'REPI'

  O protagonismo das Crónicas da Laracha (http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/) desta semana é para Alberto Felípez VentureiraRepi’, un dos históricos do fútbol caionés que paseou con fachenda o nome da súa vila de nacemento por toda a xeografía española nas tempadas que disputou a Segunda B e a Segunda División, que non foron poucas.

   Fillo de Valentín Felípez Leal, antigo extremo do Paiosaco e do Club do Mar, e de Carmen Ventureira, Repi nace en Caión o 27 de febreiro de 1972. Dende moi cativo xa amosa a súa afección polo fútbol, cando coleccionaba os álbums da Liga e tiña todos os cromos “repitidos”, de aí o alcume de Repi. Aquela afección pola pelota íao levar a xogar nas categorías infantil e xuvenil do Club do Mar, entidade que seu pai presidiu durante moitos anos.

    O rapaz de Caión debuta con tan só 16 anos no equipo de modestos do Club do Mar, co que, posteriormente, xoga a final da Copa da Costa da tempada 1990/91 que o cadro mariñeiro, adestrado naquela hora por José Collazo, perde co Laxe. Malia a derrota, o seu destacado labor na liña ofensiva do once caionés lévao a fichar na campaña seguinte no Bergantiños, no que xa levaba algún tempo xogando o seu veciño Pea. Dirixido por Ramón Piña, o equipo de Carballo remata o campionato no cuarto posto da Terceira División, praza que lle daba dereito a disputar a promoción de ascenso á Segunda División B que os da camiseta vermella, finalmente, non ían conseguir. Na tempada 93-94, na que o Bergantiños se proclamou campión da Terceira División, Repi contribúe de xeito notable ao éxito do histórico campionato ligueiro do once de Carballo, éxito que estivo a piques de ser dobre xa que só a golaveraxe desfavorable co Fuenlabrada na fase de ascenso impediu, unha vez máis, alcanzar a Segunda División B.

    Tras dous anos xogando no Bergantiños a un altísimo nivel, o xogador de Caión ficha na campaña 94/95 no R.C. Deportivo da Coruña para disputar co Fabril a Terceira División. Alí, no equipo dirixido por José Manuel Corral, coincide co tamén larachés Javi Fuentes e ambos os dous son pezas importantes no ascenso do filial deportivista á Segunda B, categoría na que Repi debuta no partido Fabril-Mensajero correspondente á xornada 14ª da tempada 95-96 que os herculinos vencen na casa por 3-2. Aquela ía ser a súa última campaña como branquiazul, dando paso a unha curta estadía no Cerceda, club no que, baixo as ordes de Paco Zas e Vicente Mallo, consegue un meritorio sexto posto na Terceira División na tempada 1996/97.

    Na seguinte campaña, o futbolista de Caión xoga na Segunda B co Endesa As Pontes de Paco Melo, cadro no que fai uns números extraordinarios xogando de titular, no flanco dereito da liña defensiva, 31 partidos nos que anota dous goles. Estas boas cifras individuais non axudarían a impedir o descenso do equipo pontés, mais, pola contra, íano levar a recibir unha boa oferta dun dos históricos do fútbol español, o Burgos C.F., a onde chega na tempada 98/99 da man do técnico asturiano Vicente González-Villamil, que se fixara no noso protagonista cando estaba á fronte do Marino de Luanco. 

   Co equipo da capital burgalesa Repi disputa tres play offs consecutivos1, logra un ascenso e cumpre o soño de xogar na Segunda División, categoría na que o técnico Enrique Martín, o lendario ex-xogador do Osasuna, o fai debutar o 2 de febreiro do 2002 no partido da 25ª xornada Extremadura-Burgos, que os da zamarra branquinegra perden 2-0. Repi, un dos xogadores máis admirados entre os seareiros do Burgos por deixar a vida en cada partido como lateral dereito de gran percorrido, ía xogar un total de catorce partidos máis na categoría de prata do fútbol español co once castelán-leonés. O último deles foi o correspondente á xornada 42ª, disputado no estadio Vicente Calderón ante o Atlético de Madrid de Luís Aragonés, club no que xa destacaba un tal Fernando Torres. O partido, que rematou 1-1, serviu para que os colchoneiros celebrasen, ao final dos 90 minutos, a súa volta á Primeira e os burgaleses manterse un ano máis na Segunda ocupando finalmente o posto 16º da táboa clasificatoria

 

Formación do Burgos C.F. na tempada 2001/02 con Repi de capitán (Cortesía de Alberto Felípez 'Repi')

   Mais, unhas semanas despois daquelas celebracións, o Burgos C.F. era descendido á Segunda División B por non poder converterse en sociedade anónima deportiva, feito que ía levar a moitos xogadores do plantel a facer a maleta, entre eles Repi, quen, con todo, lembraba recentemente de xeito positivo a súa etapa na cidade burgalesa: Burgos deume todo como futbolista. Pese a que ao principio paseino mal e custoume adaptarme, agora é como a miña segunda casa e alí teño moitos dos meus mellores amigos. Logramos un ascenso marabilloso e para min foi un orgullo participar nel”.

   Rematada de xeito surrealista a súa estadía no Burgos C.F., na tempada 2002/03 o futbolista de Caión xoga uns meses na Terceira División co Atlético Arteixo ata que ficha no mercado invernal no Orihuela. Repi disputa un total de 20 partidos neste equipo valenciano, que finalmente, e despois de pasar catro adestradores polo banco, entre eles o ex-xogador do F.C. Barcelona Juan Manuel Asensi, acabaría perdendo a categoría quedando de pechacancelas do Grupo III da Segunda División B.

   Na 2003/04 volve de novo ao Atlético Arteixo que, naquela altura, adestraba Carlos Brizzola. Dende o lateral dereito, subindo a banda con rapidez e centrando sempre con perigo, Repi achega calidade e experiencia e é peza fundamental na consecución do subcampionato ligueiro da Terceira e no posterior play-off contra o Pinto e o Oviedo no que os da camiseta branca e vermella ían lograr o histórico ascenso á Segunda División B. Mais o paso do Atlético por esta categoría sería unha verdadeira decepción para os seareiros arteixáns, xa que o equipo acabou descendendo á Terceira División ocupando o derradeiro posto da clasificación, descenso ao que lle hai que sumar outro máis, neste caso administrativo, por falta de pagamento aos seus xogadores. Repi, que disputara 20 partidos na Segunda B co Arteixo, tras o seu paso polo equipo da vila do Bolaños, xoga a tempada 2005/06 na Terceira co Cerceda e nas dúas seguintes faino no Racing de Ferrol, a 2006/07 na Segunda B, na que tivo minutos en 19 partidos e anotou un gol, e a 2007/08 na Segunda, categoría na que o xogador de Caión non chegou a vestir a camiseta do cadro departamental por mor dunha lesión.

 

Repi na súa etapa no Racing de Ferrol (www.lapreferente.com)

   Na campaña 2008/09 xoga na Terceira co Montañeros baixo as ordes de José Ramón, o ex-futbolista do Deportivo. Repi comparte alí vestiario con Rivera -que chegara a debutar na Primeira co Deportivo-, Aless, Miguel, Madrigal, Herbert, Pablo Fernández… futbolistas que conseguen o subcampionato na categoría, e que, tras o descenso administrativo do Ciudad de Santiago por non pagar os salarios dos seus xogadores, acaban ocupando a praza do cadro compostelán na Segunda División B. Na seguinte tempada, a 2009/10, o futbolista de Caión era un dos integrantes do cadro de xogadores do Montañeros que iniciara a pretempada, mais, unha lesión de nocello, xunto á impaciencia dos dirixentes do club, provocaron que o lateral dereito quedase sen ficha cando xa non tiña marxe de manobra para ir a outro equipo. Ao pouco, recibe ofertas para xogar na Preferente co Estradense e co Laracha mais, finalmente, decide pechar o círculo e xogar na Terceira Autonómica no equipo da súa vila natal, o Club do Mar, onde compaxina a súa actividade co fútbol Indoor, no que xa viña formando parte do plantel do Deportivo dende 2008. Xunto aos Songo´o, Donato, Naybet, Andrade, Fran, José Ramón, Djalminha, Manjarín e compañía, o caionés disputa varias edicións do campionato de veteranos de España, a chamada Liga Placo Fútbol Indoor, na que os deportivistas se ían facer co dobrete de Liga e Copa nas edicións de 2008 e 2010.

   Co Club do Mar, no que exerce un tempo de futbolista-adestrador, Repi consegue dous ascensos e o título ligueiro da Costa da tempada 2011/12, ata que outra inoportuna lesión na campaña 2013-14, xogando na Laracha ante o Sofán na pretempada, obrigouno a colgar definitivamente as botas despois dunha traxectoria de 30 anos de fútbol federado. A partir de aquí, empezaría a levar á práctica a súa filosofía do fútbol unicamente como adestrador, ocupándose da dirección técnica do equipo da súa vila natal, con quen ía lograr o subcampionato da Copa da Coruña de 2016 que o cadro mariñeiro perdeu, no estadio de Riazor, co Betanzos por 1-0. José Manuel Ferreiro, xornalista de La Voz de Galicia da edición de Bergantiños, escribía naquela altura un artigo que titulou Un espectáculo chamado Repi, en clara alusión á forma de vivir os partidos do caionés, que posteriormente dirixiu ao Malpica durante un ano antes de abandonar de maneira definitiva o mundo do fútbol e dedicarse á súa actividade profesional.

   Por se é do voso interese, a biografía de Alberto Felípez Ventureira 'Repi', e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos. 

 

________________ 

1 No Grupo II da Segunda B, o Burgos ocupara a 4ª praza na tempada 1998/99; a 3ª na 99/00 e a 1ª na 00/01.

Ningún comentario:

Publicar un comentario