xoves, 29 de febreiro de 2024

A TELLEIRA 'DOS DE SADA'

  Segundo diversas fontes da Barreira e de Estramil, a chamada telleira 'dos de Sada' fundárona a finais dos anos corenta, ou principios dos cincuenta, dous socios sadenses que xa tiñan certa experiencia no sector da cerámica no municipio no que residían.

Fotografía do voo americano do ano 1956 do lugar da Barreira. O nº 1  corresponde á telleira 'dos de Sada'; nº 2, telleira de Ferreira; nº 3, telleira de Patiño; nº 4, telleira de Daniel 'O Xastre', e nº 5, telleira de Antonio 'Cachafeiro' (https://mapas.xunta.gal)

    Un dos socios era Florencio Brandariz Canle, que era fillo de Andrés Brandaríz Doldán e de Josefa Canle Lourido. Este matrimonio vivía en Sadadarriba, cerca da igrexa de Santa María, nunha casa na que criaron aos seus dous fillos, Eduardo e Florencio Brandariz Canle. Precisamente, nesa vivenda pasaba os veráns o pintor Francisco Lloréns (1874-1948) e a súa filla Eva, que tamén pintaba. Era frecuente ver a Lloréns na praia de Sada coa marea baixa sentado na súa cadeira de madeira pintando as paisaxes mariñas da contorna. Naquela época aínda non existía ningún hotel nesta vila mariñeira e, por iso, había a costume de alugar habitacións nos domicilios das xentes de Sada. Deste xeito os forasteiros conseguían un aloxamento barato e os propietarios obtiñan diñeiro extra. Florencio Brandaríz, que naceu nesa casa en 1923, de seguro que pasou boa parte dos veráns da súa adolescencia entre os pinceis do artista e vendo os esbozos nos que Lloréns deseñaba os trazos esenciais das obras de arte alí pintadas. Na fachada deste edificio, coñecido como a casa de Pepa Canle, o Concello de Sada colocou unha placa que recorda a estancia de Lloréns e a súa familia na vila1

 

Casa de Sada na que naceu Florencio Brandariz e na que veraneaba o pintor Francisco Lloréns

    O outro socio era Antonio Andrade Verdía, nacido en Sada en 1924 e amigo de Florencio dende a infancia. Antonio era un dos dezaoito fillos do matrimonio formado por Manuel Andrade, coñecido polo alcume do “Parrulo”, e Paulina Verdía, que vivían coa súa numerosa prole na rúa República Arxentina. Polo que conta a súa neta Lina2 no espazo Memoria de Sada, Manuel fora un dos mariñeiros que formara unha comisión para pedir o porto pesqueiro para Sada, algo tan necesario naquela época e que daría tanta vida a este pobo e á súa xente. Antonio foi medrando naqueles tempos puxantes e difíciles, onde o que quería romper o corpo traballando tiña onde facelo. Casou con Carmen Temprano Prado, filla do señor José e da señora Pepita, coa que tería tres fillos. José Temprano era natural de Santa Cruz (Oleiros) e, xunto a seus irmáns Manuel e Ignacio, estableceuse en Sada, vila na que casaron os tres e na que cada un deles montou a súa propia telleira. Unha das nosas fontes orais, o señor Jesús Castro Vidal, nacido en Sada en 1927 e sogro do amigo bergantiñán (de Ponteceso) José Mato, recorda que “a telleira de José Temprano estaba nas Brañas, detrás do campo de fútbol da Chaburra.”

    Supoñemos que sería na telleira de José Temprano onde o seu xenro Antonio Andrade adquiriu os coñecementos necesarios da fabricación da cerámica, un Andrade que non tardou en facer sociedade co seu amigo Florencio Brandariz. Malia as numerosas horas de investigación dedicadas a este particular, non fomos quen de desvelar o motivo polo que decidiron apostar pola Laracha (se alguén o sabe que nolo comunique por favor), mais o caso é que unha vez que foron coñecedores da excelencia bo barro deste concello, os dous socios alugaron un terreo no lugar da Barreira, na parroquia de Torás, que lindaba coa telleira de Ferreira e alí empezaron a construír a súa fábrica nos duros anos da posguerra.

   O veciño de Estramil Antonio Fuentes Varela contounos que “os de Sada deberon vir no ano 1950. Eu creo que eles, ou a familia dalgún dos dous, xa tiñan telleiras aló nas que seguramente traballarían operarios de Pontevedra. Tanto Florencio Brandariz como Andrade eran homes que foran á escola. Naquela hora estaban moito mellor preparados que ninguén de aquí. Eles eran máis ben señores e iso notábase a leguas. Na Barreira estaban de aluguer. O terreo era dun tal Nogareda que era do lugar do Campo, cerca de Vilasuso, e que estivera en Cuba anos antes. Andrade era un tipo moi intelixente e redactara un contrato de aluguer por dez anos prorrogables. Os dous socios e Nogareda asinaran un acordo cunha renda anual que creo que era de 2.000 pesetas.”

    Andrade e Brandariz ían implantar na Laracha un xeito de traballar innovador, moi diferente de como se facía no resto das telleiras artesanais que existían no municipio naquela hora. Pódese dicir que os alicerces do proceso industrial da zona asentáronse no seu negocio. Despois de solicitar e custear a oportuna liña, a compañía eléctrica (seguramente Hidroelectrica Laracha) púxolles alí un transformador e foron os primeiros empresarios da zona en ter corrente. Ademais, tamén foron os primeiros en montar uns raís para carrexar o barro nunha vagoneta. Con eles A Barreira e Estramil entraron noutra dimensión, abofé!

    No marco do proceso de modernización, tamén ían cocer dun xeito diferente a como se facía na contorna ata aquel momento nos fornos cadrados, deseño maioritario na Laracha, ou nos de botella, chamados así por analoxía da súa forma cilíndrica rematada en cheminea. Os dous socios de Sada montaron nas súas instalacións un forno túnel continuo, un modelo disposto en sentido horizontal e con maior capacidade de cocción. Nos primeiros anos desta telleira chegaron a traballar alí unhas quince ou vinte persoas de Estramil, da Barreira e de Freón, entre elas algunha muller, caso de Maruja do Ferrador e a súa irmá Julia.

    Segundo o testemuño de varias persoas da zona, parece ser que, despois de certo tempo de poñer en marcha a empresa, Antonio Andrade e Florencio Brandariz romperon a sociedade. A xente entrevistada comentounos que ultimamente soamente vían na telleira a Florencio, que naquela altura xa casara con Florentina Parga Suárez, matrimonio do que nacerían tres fillos. De Antonio Andrade sabemos que anos despois da súa etapa na Laracha foi secretario da Confraría de Pescadores de Sada e, posteriormente, director do Instituto Social da Marina desta localidade.

    Antonio Fuentes recorda que seu pai Antonio 'Cachafeiro' traballou durante algún tempo con Florencio, cando Andrade xa pouco ou nada se vía pola Barreira. “Meu pai traballaba con Florencio a cambio dun tanto por cento da produción. Florencio facía vida aquí e vivía en Paiosaco. Alí, no Bico do Campo, onde hoxe está o almacén dos pensos, tiñan taberna o tío Manuel e a tía Aurelia. Era desas tabernas das de antes, na que podías comprar un pouco de todo, e tamén funcionaba como bar e como casa de comidas. Os domingos de Feira alí comían os tratantes de gando, os feirantes, os telleiros… Agora a feira acaba a unha ou ás dúas, pero naquel tempo acababa pola noite. A tía Aurelia, a muller do tío Manuel, facía moi ben a carne asada e os callos. Que recordos! Aquelas mesas… aquelas bandexas de carne… aquelas xerras de viño… Pola semana Florencio Brandariz comía e durmía alí. Tiña unha moto e algún día do fin de semana ía a Sada a ver a súa familia”.

 

A tía Aurelia do Bico do Campo saíndo pola porta da cociña (Foto do libro Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta)

Marisa, filla do tío Manuel e da tía Aurelia, saíndo do patio onde tiñan a lixivia, a sosa, e os almacéns para sal, viño, etc ( Foto do libro Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta

   Sobre o ano 1960 Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro', que naquel momento tamén era propietario dunha pequena telleira na Barreira, xusto en fronte da taberna dos “Cuatro Vientos”, comprou a industria dos dous socios3 de Sada por 150.000 pesetas da época. O seu fillo Antonio lembra que “cando meu pai comprou alí xa había unha nave, que aínda era ben grande, construida con ladrillo fabricado alí polos de Sada e con tellado de madeira con tella feita tamén alí. Había un forno que era bastante longo. Eu daquela era un home feito e dereito con 11 ou 12 anos (risas) e quedábame cocendo toda a noite. Nesa época na de Ferreira, que sempre me levei moi ben con el e cos fillos, xa estaban máis mecanizados e nós dependiamos moito deles. Eu pasaba toda a noite cocendo na nosa e os de Ferreira xa tiñan cocedores a quendas de 12 horas”.

 

Imaxe tomada nos anos 60-70 en Estramil na que vemos a Antonio Fuentes Varela, fillo de Antonio 'Cachafeiro', con súa tía Aurelia (Cortesía de Josito Fuentes)

   Con todo, 'Cachafeiro' tamén tiña maquinaria, e chegou un momento no que xa non fabricaban nada á man, unicamente un pouco ladrillo macizo que facía falta para a reparación do forno, que polo que nos contou Antonio Fuentes “tiña unha capacidade para cocer 40.000 ladrillos. Era un forno túnel, dous túneles, tizabas con serrín e con casca por arriba e viña en volta continua. Cada dez días ou así faciamos unha fornada.”

   'Cachafeiro' tivo máis dunha ducia de empregados traballando con el nesta pequena industria, entre eles Eladio Sobrino Iglesias, un baixomiñoto do lugar do Castro, parroquia de Salcidos (A Guarda) que trouxera de Pontevedra o cuñado de Ferreira, Manuel Álvarez Vicente, para traballar con el na Barreira, na telleira que lle alugara 'Cachafeiro' diante da taberna dos “Cuatro Vientos”. Alí tamén traballaban homes da zona con algunha experiencia no oficio e mozas da bisbarra que tiñan a oportunidade de axudar na economía familiar co traballo desempeñado na telleira da que estamos a falar. Algunhas daquelas mozas foron Celia do Canteiro, Chucha do Peiluco e súa irmá Maruja, Fina de Aurelia, Oliva da Barreira, dúas curmás da Perillona (Armentón) que se chamaban Celia e Pilar, ou, entre outras Herminia e Clarisa, veciñas de Monteagudo.

 

Eladio Sobrino Iglesias (Cortesía da súa sobriña Amparo Sobrino)

    Sobre o ano 1965 Antonio 'Cachafeiro' véndelle as instalacións aos irmáns José e Manuel Alonso, que tiñan un almacén de materiais de construción en Carballo, na estrada de Santiago. Co cambio de propietarios, o guardés Eladio Sobrino Iglesias marchou para Cambre, a traballar cuns de Pontevedra que tiñan telleira alí. Antonio Fuentes recordaba con humor que “este Eladio vivía con nós. Era un home solteiro e tivera algún problema laboral con meu pai, que incluso foi a Maxistratura de Traballo, pero acabaron ben. Era moi traballador, moito, moito… todo o mundo lle chamaba Noi”.

    Antonio Fuentes tamén nos contou que “cando os Alonso lle compraron a meus pais eu quedei alí unha temporada. O trato xa era que eu quedara con eles para ensinarlles como se facía a mestura de barro, o asunto da cocción e outros traballos. O caso é que, claro, a xente que sabía traballar e que valía xa estaba na de Ferreira e, por iso os Alonso tiveran que contratar man de obra pouco especializada, do que ían encontrando por aí. Eu tiña 16 anos e había empregados que pasaban dos 40. Xa podes imaxinar como era o conto… se na hora de comer había que reparar unha máquina para poder traballar despois de xantar, pois eu quedábame como facía con meu pai. Pero aquí a ignorancia era a que era. Non me tragaban. Dicían que era un “pelotas” e que a telleira agora non era nosa. Claro que non era nosa, pero eu quería que funcionara polo ben de todos. Aburrinme e marchei.”

 

Panorámica das instalacións nos anos 60-70 (Arquivo do Reino de Galicia)

    Os irmáns Alonso ían reformar a nave con muros de bloque e tellado de uralita. Rematada a obra algúns dos albaneis quedaron alí de empregados. Cos Alonso a man de obra feminina foi máis ben escasa. As mulleres que traballaran con 'Cachafeiro' gañaban agora o pan na de Ferreira ou mesmo en Cerámica Campo.

    Transcorrido certo tempo, José Alonso íase quedar coa industria da Barreira e seu irmán Manuel continou co almacén de materiais de construcción de Carballo. O veciño de Estramil Pepe López Caamaño, 'O Labrador', recorda que “cando José Alonso lle comprou a parte da telleira a seu irmán Manuel empezou a meter aí maquinaria. Tiña unha paleadora, unha de oruga. Con José traballou Chucho 'O Pistón' e, entre outros, Che de Rabuñal”.

    Naquela altura a competencia con Cerámica Campo e con Cerámica “La Perfección”, as fábricas de Epifanio e de Ferreira, era moi grande. Competir con eles non era tarefa doada e a produción foi minguando ata que, finalmente, a mediados dos anos 70 José Alonso decidiu poñer o punto e final da actividade.

     As instalacións ían permanecer abandonadas durante algo máis de dúas décadas, ata que a empresa madereira “Añón y Esmorís S.L”, que se dedica á venda de produtos serrados e a preparación industrial da madeira, lle comprou a fábrica á viúva de José Alonso e ao seu fillo José Antonio 'Josecho', o empresario carballés propietario, xunto a súa familia, do Grupo San Juan4. Nunha fría mañán de febreiro de 2024 visitamos as instalacións para charlar con José Esmorís, larachés natural de Vilaño que nos recordaba que “eu montei sociedade con meu cuñado Francisco Añón, que era o que tiña a parrillada da Pedra do Sal, en Baldaio (negocio que agora leva o fillo). Nós empezamos aquí fará vinte anos, ou se cadra algún máis. Cando viñemos estaba todo abandonado e ata había salgueiros medrando no interior da nave. Aínda se podían ver restos da actividade anterior. Desa época hoxe soamente quedan un par de entradas nun dos muros, que eu penso que eran do forno. Nós comprámoslle a nave e a parcela a Josecho Alonso, que daquela era taxista e despois creou un pequeno imperio, pero quen firmara a venda fora súa nai. E aquí seguimos dende aquela”.

 

Imaxe dunha das entradas das que nos fixo referencia José Esmorís

    Antonio Andrade e Florencio Brandariz nos 50; Antonio Fuentes 'Cachafeiro' nos 60; os irmáns José e Manuel Alonso, nos 60-70; e Francisco Añón e José Esmorís no século XXI son os principais protagonistas desta historia de barro e madeira sobre “a telleira dos de Sada”, que é como os maiores da Barreira e de Estramil seguen chamando, despois de tanto tempo, a estas instalacións que xa superan os 70 anos de vida.

 

Panorámica actual das instalacións

____________

1 Vid. https://memoriadesada.com

2 Lina é filla de Pepe Andrade Verdía, 'Pepe O Inglés'.

3 Florencio Brandariz Canle morreu o 22 de maio de 1993 aos 70 anos de idade. Antonio Andrade Verdía finou o 12 de outubro de 2013 aos 89 anos de idade,

4 José Antonio Alonso, Josecho, era un dos empresarios máis destacados de Carballo e da comarca. Propietario, coa súa muller e o seu fillo, do grupo 'San Juan', criouse nun ambiente comercial, foi taxista en Suíza e a finais dos anos 90 montou, xunto a tres socios, 'San Juan Aislamientos y Embalajes', a gran fábrica de poliestireno expandido que non parou de medrar nas súas instalacións de Bértoa, con produtos vinculados á construción e ás caixas de pescado. Posteriormente diversificaría a súa actividade empresarial coa compra da histórica canteira Lista de Arteixo, a planta de Inosa tamén no municipio arteixán, en Sabón (tamén dedicada ao poliestireno), ou a construción do edificio comercial das rúas carballesas Vázquez de Parga, Concepción Arenal e Colón, con aparcamentos subterráneos, gran supermercado e unha terraza xa ampliada para futuros negocios comerciais. Ademais ta en marcha importantes proxectos inmobiliarios na rúa Perú e sobre todo na Praza de Galicia que, por razón dunha grave enfermidade houbo que paralizar. Josecho faleceu en outubro de 2022 aos 64 anos (“Falleció a los 64 años el empresario carballés José Antonio Alonso”,  La Voz de Galicia, Edición Bergantiños, 5 de outubro de 2022).

xoves, 22 de febreiro de 2024

UN PASEO POLO ONTE E HOXE DE... FOFELLE

Nas Crónicas da Laracha desta semana facemos unha viaxe no tempo, unha viaxe na que podemos ver varios puntos do lugar de Fofelle nos anos 60/70 e na actualidade. O noso agradacemento a Miguel 'de Fofelle' pola cesión das imaxes antigas.



 

luns, 12 de febreiro de 2024

O ENTROIDO DE MONTEMAIOR (2ª PARTE E FIN)

   Nunha viaxe carnavalesca que iniciamos nos anos 50 no lugar de Vilariño e que rematamos nos 80 no Xestal, a semana pasada recordabamos nestas Crónicas da Laracha como se celebraba o Entroido en Montemaior… unha viaxe na que homenaxeamos a aquel grupo de mozos e mozas da parroquia que durante unha década causou gran sensación entre as xentes da comarca coas carrozas-comparsas que deseñaban cada ano. Se aínda non lestes a crónica da semana pasada, tédela ao voso dispor aquí: http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2024/02/o-entroido-de-montemaior-1-parte.html 

  Pois ben, despois de que aquel grupo de rapaces do Xestal, A Ferreira, O Batalo e doutros puntos da contorna abandonara a actividade entroideira a finais dos anos 80, outro grupo de mozos de Montemaior non tardou en coller o testemuño, como si dun equipo de atletismo se tratara, e con eles ía volver a alegría á parroquia nesta época do ano levándose a palma, como xa fixeran os seus “pais artísticos”, na creatividade, organización, deseño de carrozas, coreografías, etc., en moitos dos Entroidos que se celebraban na comarca de Bergantiños.

   O novo grupo do que estamos a falar era a Asociación de Veciños de Montemaior, que se constituiu como tal en outubro de 1995 co obxectivo de traballar arreo a prol da recuperación da tradición popular da parroquia e da bisbarra.

   A actividade deste colectivo ía arrancar cunha pequena festa organizada o día de Reis do 96, mais pódese dicir que o inicio oficial da agrupación foron os actos desenvolvidos o martes de Entroido dese ano, o 20 de febreiro de 1996. A neve dese día non arredou aos centenares de persoas que asistiron en Santa Margarida, convenientemente disfrazados para a ocasión, a unha voda de Entroido no que casaban, como se facía no pasado, dúas persoas maiores da parroquia. Neste caso, a parella estaba formada por Ulpiano Landrade Carrodeguas e Dolores Fuertes de Barriga, os dous maiores de 60 anos. A cerimonia culminara cun gran banquete no que participaron cerca de cincocentos veciños da freguesía. Os platos do devandito banquete, no que non faltara o tradicional pastel, foran aportados pola veciñanza e por comerciantes das localidades próximas. Naquel inesquecible día tampouco faltara a actuación dos grupos de baile e gaitas da entidade formados principalmente por mozos e mozas baixo a denominación de Devandoira.

 

Ulpiano Landrade Carrodeguas e Dolores Fuertes de Barriga na voda de Entroido de 1996

Voda de Entroido celebrada en Santa Margarida en 1996 (La Voz de Galicia, 31 de xaneiro de 1997)

(La Voz de Galicia, 22 de febreiro de 1996)

  A asociación veciñal estaba formada naquel momento por 130 socios. No Entroido de 1997 ían parodiar, coa comparsa “Carrada de leite”, as manifestacións que os gandeiros galegos realizaban naquela época para combatir a supertasa leiteira, un espectáculo que recibiu na Coruña o premio especial na categoría de carrozas. 

 

Membros da asociación veciñal desfilando na Coruña (La Voz de Galicia, 9 de febreiro de 1997)

  Uns días despois de desfilar na capital herculina o escenario da parodia fora Santa Margarida, aínda que os participantes, subidos en carros e acompañados por vacas de considerables dimensións, realizaran previamente un percorrido por outros lugares. Na representación, as reinvidicacións dos gandeiros, recreadas desde o humor e a retranca, exhibían uns argumentos capaces de convencer a calquera ministro español ou comunitario. No recinto rezaban pancartas que deixaban de manifesto a calidade do leite de Montemaior:

En calidade e sabor,

a leite de Montemaior

sempre foi a mellor”

   Mais a representación principal estaba por chegar. Coas vacas no chan, unha vez reprimidos os seus impulsos polas numerosas vareadas que recibiron dos seus coidadores, varios membros do grupo de teatro da asociación cultural representaron no palco unha comedia sobre as cuotas dun gandeiro da parroquia coa ministra de Agricultura e os ministros comunitarios no seu intento de convencelos da calidade da leite de Montemaior. Xusto de Ribadela, o afanoso labrego da parroquia, recibe a noticia de que a Unión Europea pretende poñer límites á produción. Nun intento de solucionar o problema, primeiro ponse en contacto co Sindicato Pobre Galego e o seu representante, Lidia Sembra, mándao a Madrid como portavoz da asociación de produtores de Montemaior para entrevistarse coa ministra de Agricultura, Pirola del Palacio. Antes, Lidia Sembra, recoméndalle que vaia vestido axeitadamente ás Cortes e que lle leve un regaliño á ministra. Xusto non ten problemas para cumprir coa recomendación, porque «toda miña vida traballei nas cortes». Aquela lendaria representación ía rematar cos actores lanzando leite e bolsas de auga a un público entregado que, segundo algunha persoa alí presente, moito disfrutou coa parodia. O colofón da xornada chegaba coa lectura do Testamento.

   No Entroido de 1998 o grupo continuou distinguíndose pola súa orixinalidade na organización de comparsas e escenificacións carnavaleiras, como a parodia realizada no campo de Santa Margarida sobre o programa televisivo “Supermartes”, outro enorme éxito no que actuaran quince persoas da asociación que fixeron chorar de risa ao numeroso público alí congregado. 

 

(La Voz de Galicia, 19 de febreiro de 1998)

  Días despois a asociación tamén desfilaba, con máis de corenta membros, coa comparsa “O Fertimón de Montemaior”, carroza coa que gañaron diversos premios na bisbarra, entre eles o premio na categoría de máis de oito compoñentes do desfile celebrado na Laracha.

  En 1999 optaron por recuperar de novo escenas tradicionais de Galicia e construíron e «carretaron» polos desfiles da comarca cun hórreo que formaba parte da súa comparsa “A Esfolla de Montemaior”, co que un ano máis gañaron na Laracha o primeiro premio na categoría de máis de oito compoñentes. 

 

"A esfolla de Montemaior" foi a comparsa do grupo veciñal en 1999

(La Voz de Galicia, 16 de febreiro de 1999)

  Coa chegada do novo século a tradición entroideira de Montemaior foi esvaecendo ata que chegou un momento no que se deixou de celebrar. Agardando que a xuventude actual da parroquia retome algún día esa tradición, vaia dende aquí o noso agradecemento por ese importante labor que fixeron seus pais e seus avós durante tanto anos!

mércores, 7 de febreiro de 2024

O ENTROIDO DE MONTEMAIOR (1ª PARTE)

  Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido.

  Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E na Laracha? Nestas Crónicas da Laracha abrimos hoxe esta cancela carnavalesca para recordar algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das freguesías larachesas

   Iniciamos esta viaxe carnavalesca en Montemaior, onde a veciñanza dos lugares de máis poboación da parroquia sempre estivo unida para determinados traballos do agro como as sementeiras, a sega, as colleitas... Como non podía ser doutro xeito, acontecía o mesmo no aspecto lúdico e nos tempos de lecer, de xeito moi especial na época do ano da que estamos a falar.

   E falando do Entroido de Montemaior, no lugar de Vilariño seica se celebraron bos entroidos ao longo dos anos corenta e cincuenta, unha época na que Patiño, enterrador da parroquia, rexentaba alí, en Vilariño, unha das tabernas máis concorridas da zona.

   Outro dos que se celebraban na parroquia era o que organizaban no Viso, que no seu momento tivo moita sona, igual que o que se facían no Sopé, en Santa Margarida ou no Xestal. Neste lugar, na segunda metade da década dos cincuenta, cada ano había catro días de baile nun alpendre que tiñan Edelmiro Pallas e a súa muller Jesusa García ao carón da taberna que rexentaban no Xestal. “Case sempre era música de pandeireta, aínda que ás veces viñan tocar uns ghaiteiros da parte de Erboedo e de Soandres. Tamén viña un acordeonista de Vilaño, Genariño de Vilaño, que o pobre tocaba sempre a mesma canción e a xente dicíalle que tiña que aprender outra”, recordaba a señora Jesusa, que tamén mencionou un gran Entroido celebrado no lugar no ano 1965.

   Malia que a rapazada continuou facendo choqueiradas polas casas, a tradición carnavalesca de Montemaior ía decaer notablemente coa partida masiva de boa parte da xuventude da parroquia cara a emigración, especialmente a Suíza, e non sería ata os anos 80 cando se volveu a retomar, e de que xeito, a actividade polo Entroido.

   Nesta época, o lugar do Xestal era un dos que se levaba a palma na creatividade, organización, deseño de carrozas, coreografías, etc., de todos os Entroidos que se celebraban na comarca de Bergantiños. Todo empezara cando se xuntaron os mozos e as mozas do Xestal, A Ferreira, O Batalo e doutros puntos da contorna para retomar a actividade entroideira de antano. Dous de aqueles mozos eran José e Manolo Tuset Lodeiro, irmáns do Xestal cos que falamos estos días e que recordaban que “no ano 1982 dous rapaces do noso grupo disfrazáronse de becerreiros e presentáronse en algunha sala de festas na que tiveron bastante éxito. Ao ano seguinte xa empezamos como grupo organizado. A dicir verdade, empezamos porque estaba nevando. Algúns dos rapaces disfrutaban das vacacións dos seus traballos en Suíza e outros estabamos no paro. E como non tiñamos nada que facer a causa da neve, decidimos preparar unha actuación para concursar nos entroidos da volta e tamén nos desfiles que se organizaban nas discotecas e salas de festas da zona. Todo o que levabamos era artesanal. Non compramos nin traxes nin nada prefabricado porque nós o Antroido entendiamolo como diversión para facer rir a xente, e sempre cun tema de fondo.”

  “O parideiro dunha aldeana no hospital” foi a primeira actuación deste grupo de mozos e mozas, que en 1983 estaba conformado por máis de vinte persoas da parroquia. Tiveran moito éxito polas salas de festas e discotecas da bisbarra e o domingo de Entroido pequeno dese ano organizaron unha actuación no Xestal con comida e música.

 

Comparsa "O parideiro dunha aldeana no hospital"

   As perspectivas do grupo de choqueiros íanse ampliar nos anos seguintes coa construción de carrozas aínda hoxe lembradas, carrozas que requirían dous ou tres meses de arduo traballo á parte dos oportunos ensaios para preparar a representación da comparsa de cada ano. Como todo bo antroideiro que se prece, a sátira era unha das ferramentas de traballo destes mozos de Montemaior, que sempre facían unha actuación diante do palco do xurado, tanto nos locais como na rúa. En 1984 o tema elexido foi “A máquina de facer chourizos” e na carroza obviamente non faltaba a propia máquina e algúns cochos vivos, porquiños que nalgunha actuación nas discotecas escapaban e andaban polo medio da xente.

 

Grupo de mozos de Montemaior no Entroido de 1983

   Cado ano o grupo xeraba maior expectativa na comarca. O seu, máis que un desfile era unha obra de teatro con maiúsculas e as dotes interpretativas dos integrantes non deixaban indiferente a ninguén, como así aconteceu en 1985 co tema “A Guerra Civil”. Dese ano hai unha anécdota que os irmáns Tuset Lodeiro non quixeron pasar por alto. “Un mes antes do Antroido fomos medir a entrada da Discoteca Josfer, no Mesón do Vento. Despois da medición caeron uns cantos cubatas. O día do desfile chegamos á discoteca con tanques, un avión, carro de soldados… e non entraban pola porta. O dono acababa de poñerlle cristais laterais a toda a entrada polas escaleiras que ían á pista. Entrar, entramos... pero rebentamos toda a escaleira porque entramos a presión. Iso si, levamos o primeiro premio”.

 

Mozos do grupo colocando o avión da "Guerra Civil" na plataforma da carroza que fixeron en 1985

  Nese mesmo ano tamén participaron en Tordoia baixo o tema "Acrobacias aéreas" cun avión reciclado da carroza da "Guerra Civil".

  En 1986 o tema elexido foi “O descubrimento de América”. Por fin quedou ben clariño que a orixe de Cristobal Colón non estaba en Poio (Pontevedra) e nin moito menos en Xénova (Italia) como segue afirmando actualmente algún repugnante. Non, non, a orixe do ilustre navegante estaba en Montemaior, parroquia bañada polas augas do Océano Atlántico durante aquel mes de febreiro do 86. Unhas semanas antes, dende o 1 de xaneiro, España integrábase de xeito definitivo na Comunidade Económica Europea. Con relación ao Entroido dese ano os irmáns Tuset quixeron lembrar un conto ben curioso, abofé. “Cando fomos co “Descubrimento de América” á discoteca Flor de Montouto resulta que ao final, despois de desfilar e de actuar, sacamos as barcas para fóra e cargámolas nos remolques dos coches. Fomos tomar uns tóspiros e, cando saímos, a Garda Civil de Tráfico estaba multándonos. O cómico do asunto foi o que puxeron na denuncia: “Embarcaciones mal estacionadas. Lugar Flor de Montouto”. O de “embarcaciones”, e ademais en Montouto, a 30 quilómetros do mar, tiña o seu aquel. Aquilo foi de chiste, pero a multas houbo que pagalas”.

  Ao tempo que participaban en desfiles pola bisbarra, no que obtiveron premios na Coruña, en Compostela, Carballo, A Laracha, Montouto, Betanzos… o grupo seguía organizando eventos no Xestal como a chamada “I Gran Antroidada” celebrada en 1986 no que houbo grandes premios por categorías, por grupos, parellas, individuais e uns premios especiais ao antroideiro máis vello e outro ao máis novo. Durante aquela inesquecible xornada o grupo folclórico “Santa María de Torás” puxera a pincelada enxebre ao tempo que os asistentes ao acto comían sardiñas e chourizos.

  No Entroido de 1987 o tema elexido foi o “Asalto ao castelo de San Antón” co que o grupo obtería o primeiro premio do apartado de carrozas no desfile da Coruña. La Voz de Galicia, na súa edición do martes 3 de marzo de 1987, informaba que…

La Carroza de Montemaior primer premio en La Coruña. Las salas de fiestas y discotecas de la comarca, por su parte, reparten entre ayer y hoy cientos de miles de pesetas en premios para los mejores disfraces. Y de doscientas mil pesetas fue el que consiguieron los jóvenes de Montemaior en el desfile que el pasado domingo tuvo lugar en La Coruña, al quedar de primeros clasificados en el apartado de carrozas con el “Asalto al Castillo de San Antón”, que hoy llevarán por algunas salas de Bergantiños1”.
Foto tomada no lugar da Ferreira, onde se ve ao grupo ensaiando "O asalto ao castelo de San Antón"

   Naquel ano de 1987 o grupo xuntou máis de 400.000 pesetas en premios, éxito que moito se festexou na “II Gran Antroidada” celebrada no Xestal durante toda a xornada do domingo 8 de marzo coa animación de música de gaitas e outros atractivos, entre os que non faltaron os premios como os do ano anterior.

 

El Ideal Gallego, Entroido de 1987

   En 1988 o tema que preparou o grupo foi “A Xupa de Galicia”, que era unha sátira sobre o xeito de actuar dalgúns políticos da época.

   Aqueles eran tempos nos que os anuncios publicitarios da televisión funcionaban coma un faro nun mar de descoñecemento, discriminación e temor ¿Recordades a campaña de prevención da SIDA? Si, reférímonos a aquel “Póntelo, pónselo”, un dos slogans máis famosos da historia da publicidade. Directa, concisa, imperativa, tan clara que non necesitaba incluír a palabra “preservativo”, tiña algo de lírica á vez que demoledora. E como nos podía ser doutro xeito, aquel grupo de rapaces de Montemaior tamén quixo contribuír naquela campaña, obviamente coa retranca carnavalesca, e aportaron o seu gran de area na prevención desfilando nos entroidos organizados na bisbarra en 1989.

   Mais, lei de vida, aqueles mozos foron casando e creando as súas propias familias e as enerxías xa non eran as mesmas.

-Machiños, ata aquí chegamos-, dixeron! 

  As vidas cambiaron si,  mais a amizade entre eles continuo ata o día de hoxe xa que o último sábado de febreiro de cada ano organizan, dende aquel entón, un xantar entroidoiro no que recordan aqueles tempos co bo humor de sempre. O Entroido deste 2024 será moi especial para os membros do grupo pois, cada un deles, campará no xantar cunha camiseta conmemorativa na que se recordan os temas das carrozas-comparsas coas que participaron pola bisbarra naqueles entroidos dos anos oitenta.

Camiseta conmemorativa do grupo

   Nos anos noventa, íase formar outro grupo de xente máis nova que tamén organizaría bos entroidos en Montemaior... un grupo do que falaremos a vindeira semana!

 

(...CONTINUARÁ)

____________________

1 Vid. La Voz de Galicia, martes 3 de marzo de 1987, Bergantiños, pax. 28.