mércores, 7 de febreiro de 2024

O ENTROIDO DE MONTEMAIOR (1ª PARTE)

  Carnaval, de carne e levare. «Quitar a carne». O carnaval é época de excesos. De celebración. O culto ás carnes antes da Coresma. Celébrase en todos os países de tradición católica, aínda que en cada recuncho do planeta coas súas particularidades. Hai puntos en común como a carne e a época do ano, mais sobre todo hai diferenzas: rituais, nomes ou aceptación... En pouco se parecen os corpos esculturais de Río de Janeiro, ou de Tenerife, ás ácidas chirigotas de Cádiz ou ás formigas rabiosas de Laza. Mais todo é carnaval. Bueno, na realidade case todo, porque en Galicia é Entroido.

  Galicia é un mundo aparte, un pequeno cosmos, e cada comarca, coas súas peculiaridades. Entroido ou Antroido, segundo a zona. Desde os urbanitas de instituto que visten unha funda azul da obra na que traballaba seu pai, unha careta e, armados con petardos de mecha gorda, alborotan as rúas parando os corazóns do persoal ou dalgún asustadizo can, ata o oso de Salcedo, en A Pobra de Brollón (Lugo), que baixa da montaña para aterrorizar á veciñanza tras hibernar a gusto. Decídelle a un de Xinzo que o seu Entroido se parece ao de Verín. ¿É o mesmo un peliqueiro que un cigarrón? Existen puntos en común, como o culto á carne e ao viño en todas as celebracións. Pero moitas diferenzas.

   E na Laracha? Nestas Crónicas da Laracha abrimos hoxe esta cancela carnavalesca para recordar algúns aspectos dos entroidos que se celebraban no pasado nas nosas parroquias cos seus respectivos mascaritos e mascaritas, choqueiros de varredoiro, touros, burros… aspectos e pinceladas que prometemos ampliar no futuro ao resto das freguesías larachesas

   Iniciamos esta viaxe carnavalesca en Montemaior, onde a veciñanza dos lugares de máis poboación da parroquia sempre estivo unida para determinados traballos do agro como as sementeiras, a sega, as colleitas... Como non podía ser doutro xeito, acontecía o mesmo no aspecto lúdico e nos tempos de lecer, de xeito moi especial na época do ano da que estamos a falar.

   E falando do Entroido de Montemaior, no lugar de Vilariño seica se celebraron bos entroidos ao longo dos anos corenta e cincuenta, unha época na que Patiño, enterrador da parroquia, rexentaba alí, en Vilariño, unha das tabernas máis concorridas da zona.

   Outro dos que se celebraban na parroquia era o que organizaban no Viso, que no seu momento tivo moita sona, igual que o que se facían no Sopé, en Santa Margarida ou no Xestal. Neste lugar, na segunda metade da década dos cincuenta, cada ano había catro días de baile nun alpendre que tiñan Edelmiro Pallas e a súa muller Jesusa García ao carón da taberna que rexentaban no Xestal. “Case sempre era música de pandeireta, aínda que ás veces viñan tocar uns ghaiteiros da parte de Erboedo e de Soandres. Tamén viña un acordeonista de Vilaño, Genariño de Vilaño, que o pobre tocaba sempre a mesma canción e a xente dicíalle que tiña que aprender outra”, recordaba a señora Jesusa, que tamén mencionou un gran Entroido celebrado no lugar no ano 1965.

   Malia que a rapazada continuou facendo choqueiradas polas casas, a tradición carnavalesca de Montemaior ía decaer notablemente coa partida masiva de boa parte da xuventude da parroquia cara a emigración, especialmente a Suíza, e non sería ata os anos 80 cando se volveu a retomar, e de que xeito, a actividade polo Entroido.

   Nesta época, o lugar do Xestal era un dos que se levaba a palma na creatividade, organización, deseño de carrozas, coreografías, etc., de todos os Entroidos que se celebraban na comarca de Bergantiños. Todo empezara cando se xuntaron os mozos e as mozas do Xestal, A Ferreira, O Batalo e doutros puntos da contorna para retomar a actividade entroideira de antano. Dous de aqueles mozos eran José e Manolo Tuset Lodeiro, irmáns do Xestal cos que falamos estos días e que recordaban que “no ano 1982 dous rapaces do noso grupo disfrazáronse de becerreiros e presentáronse en algunha sala de festas na que tiveron bastante éxito. Ao ano seguinte xa empezamos como grupo organizado. A dicir verdade, empezamos porque estaba nevando. Algúns dos rapaces disfrutaban das vacacións dos seus traballos en Suíza e outros estabamos no paro. E como non tiñamos nada que facer a causa da neve, decidimos preparar unha actuación para concursar nos entroidos da volta e tamén nos desfiles que se organizaban nas discotecas e salas de festas da zona. Todo o que levabamos era artesanal. Non compramos nin traxes nin nada prefabricado porque nós o Antroido entendiamolo como diversión para facer rir a xente, e sempre cun tema de fondo.”

  “O parideiro dunha aldeana no hospital” foi a primeira actuación deste grupo de mozos e mozas, que en 1983 estaba conformado por máis de vinte persoas da parroquia. Tiveran moito éxito polas salas de festas e discotecas da bisbarra e o domingo de Entroido pequeno dese ano organizaron unha actuación no Xestal con comida e música.

 

Comparsa "O parideiro dunha aldeana no hospital"

   As perspectivas do grupo de choqueiros íanse ampliar nos anos seguintes coa construción de carrozas aínda hoxe lembradas, carrozas que requirían dous ou tres meses de arduo traballo á parte dos oportunos ensaios para preparar a representación da comparsa de cada ano. Como todo bo antroideiro que se prece, a sátira era unha das ferramentas de traballo destes mozos de Montemaior, que sempre facían unha actuación diante do palco do xurado, tanto nos locais como na rúa. En 1984 o tema elexido foi “A máquina de facer chourizos” e na carroza obviamente non faltaba a propia máquina e algúns cochos vivos, porquiños que nalgunha actuación nas discotecas escapaban e andaban polo medio da xente.

 

Grupo de mozos de Montemaior no Entroido de 1983

   Cado ano o grupo xeraba maior expectativa na comarca. O seu, máis que un desfile era unha obra de teatro con maiúsculas e as dotes interpretativas dos integrantes non deixaban indiferente a ninguén, como así aconteceu en 1985 co tema “A Guerra Civil”. Dese ano hai unha anécdota que os irmáns Tuset Lodeiro non quixeron pasar por alto. “Un mes antes do Antroido fomos medir a entrada da Discoteca Josfer, no Mesón do Vento. Despois da medición caeron uns cantos cubatas. O día do desfile chegamos á discoteca con tanques, un avión, carro de soldados… e non entraban pola porta. O dono acababa de poñerlle cristais laterais a toda a entrada polas escaleiras que ían á pista. Entrar, entramos... pero rebentamos toda a escaleira porque entramos a presión. Iso si, levamos o primeiro premio”.

 

Mozos do grupo colocando o avión da "Guerra Civil" na plataforma da carroza que fixeron en 1985

  Nese mesmo ano tamén participaron en Tordoia baixo o tema "Acrobacias aéreas" cun avión reciclado da carroza da "Guerra Civil".

  En 1986 o tema elexido foi “O descubrimento de América”. Por fin quedou ben clariño que a orixe de Cristobal Colón non estaba en Poio (Pontevedra) e nin moito menos en Xénova (Italia) como segue afirmando actualmente algún repugnante. Non, non, a orixe do ilustre navegante estaba en Montemaior, parroquia bañada polas augas do Océano Atlántico durante aquel mes de febreiro do 86. Unhas semanas antes, dende o 1 de xaneiro, España integrábase de xeito definitivo na Comunidade Económica Europea. Con relación ao Entroido dese ano os irmáns Tuset quixeron lembrar un conto ben curioso, abofé. “Cando fomos co “Descubrimento de América” á discoteca Flor de Montouto resulta que ao final, despois de desfilar e de actuar, sacamos as barcas para fóra e cargámolas nos remolques dos coches. Fomos tomar uns tóspiros e, cando saímos, a Garda Civil de Tráfico estaba multándonos. O cómico do asunto foi o que puxeron na denuncia: “Embarcaciones mal estacionadas. Lugar Flor de Montouto”. O de “embarcaciones”, e ademais en Montouto, a 30 quilómetros do mar, tiña o seu aquel. Aquilo foi de chiste, pero a multas houbo que pagalas”.

  Ao tempo que participaban en desfiles pola bisbarra, no que obtiveron premios na Coruña, en Compostela, Carballo, A Laracha, Montouto, Betanzos… o grupo seguía organizando eventos no Xestal como a chamada “I Gran Antroidada” celebrada en 1986 no que houbo grandes premios por categorías, por grupos, parellas, individuais e uns premios especiais ao antroideiro máis vello e outro ao máis novo. Durante aquela inesquecible xornada o grupo folclórico “Santa María de Torás” puxera a pincelada enxebre ao tempo que os asistentes ao acto comían sardiñas e chourizos.

  No Entroido de 1987 o tema elexido foi o “Asalto ao castelo de San Antón” co que o grupo obtería o primeiro premio do apartado de carrozas no desfile da Coruña. La Voz de Galicia, na súa edición do martes 3 de marzo de 1987, informaba que…

La Carroza de Montemaior primer premio en La Coruña. Las salas de fiestas y discotecas de la comarca, por su parte, reparten entre ayer y hoy cientos de miles de pesetas en premios para los mejores disfraces. Y de doscientas mil pesetas fue el que consiguieron los jóvenes de Montemaior en el desfile que el pasado domingo tuvo lugar en La Coruña, al quedar de primeros clasificados en el apartado de carrozas con el “Asalto al Castillo de San Antón”, que hoy llevarán por algunas salas de Bergantiños1”.
Foto tomada no lugar da Ferreira, onde se ve ao grupo ensaiando "O asalto ao castelo de San Antón"

   Naquel ano de 1987 o grupo xuntou máis de 400.000 pesetas en premios, éxito que moito se festexou na “II Gran Antroidada” celebrada no Xestal durante toda a xornada do domingo 8 de marzo coa animación de música de gaitas e outros atractivos, entre os que non faltaron os premios como os do ano anterior.

 

El Ideal Gallego, Entroido de 1987

   En 1988 o tema que preparou o grupo foi “A Xupa de Galicia”, que era unha sátira sobre o xeito de actuar dalgúns políticos da época.

   Aqueles eran tempos nos que os anuncios publicitarios da televisión funcionaban coma un faro nun mar de descoñecemento, discriminación e temor ¿Recordades a campaña de prevención da SIDA? Si, reférímonos a aquel “Póntelo, pónselo”, un dos slogans máis famosos da historia da publicidade. Directa, concisa, imperativa, tan clara que non necesitaba incluír a palabra “preservativo”, tiña algo de lírica á vez que demoledora. E como nos podía ser doutro xeito, aquel grupo de rapaces de Montemaior tamén quixo contribuír naquela campaña, obviamente coa retranca carnavalesca, e aportaron o seu gran de area na prevención desfilando nos entroidos organizados na bisbarra en 1989.

   Mais, lei de vida, aqueles mozos foron casando e creando as súas propias familias e as enerxías xa non eran as mesmas.

-Machiños, ata aquí chegamos-, dixeron! 

  As vidas cambiaron si,  mais a amizade entre eles continuo ata o día de hoxe xa que o último sábado de febreiro de cada ano organizan, dende aquel entón, un xantar entroidoiro no que recordan aqueles tempos co bo humor de sempre. O Entroido deste 2024 será moi especial para os membros do grupo pois, cada un deles, campará no xantar cunha camiseta conmemorativa na que se recordan os temas das carrozas-comparsas coas que participaron pola bisbarra naqueles entroidos dos anos oitenta.

Camiseta conmemorativa do grupo

   Nos anos noventa, íase formar outro grupo de xente máis nova que tamén organizaría bos entroidos en Montemaior... un grupo do que falaremos a vindeira semana!

 

(...CONTINUARÁ)

____________________

1 Vid. La Voz de Galicia, martes 3 de marzo de 1987, Bergantiños, pax. 28.

Ningún comentario:

Publicar un comentario