Segundo diversas fontes da Barreira e de Estramil, a chamada telleira 'dos de Sada' fundárona a finais dos anos corenta, ou principios dos cincuenta, dous socios sadenses que xa tiñan certa experiencia no sector da cerámica no municipio no que residían.
Un dos socios era Florencio Brandariz Canle, que era fillo de Andrés Brandaríz Doldán e de Josefa Canle Lourido. Este matrimonio vivía en Sadadarriba, cerca da igrexa de Santa María, nunha casa na que criaron aos seus dous fillos, Eduardo e Florencio Brandariz Canle. Precisamente, nesa vivenda pasaba os veráns o pintor Francisco Lloréns (1874-1948) e a súa filla Eva, que tamén pintaba. Era frecuente ver a Lloréns na praia de Sada coa marea baixa sentado na súa cadeira de madeira pintando as paisaxes mariñas da contorna. Naquela época aínda non existía ningún hotel nesta vila mariñeira e, por iso, había a costume de alugar habitacións nos domicilios das xentes de Sada. Deste xeito os forasteiros conseguían un aloxamento barato e os propietarios obtiñan diñeiro extra. Florencio Brandaríz, que naceu nesa casa en 1923, de seguro que pasou boa parte dos veráns da súa adolescencia entre os pinceis do artista e vendo os esbozos nos que Lloréns deseñaba os trazos esenciais das obras de arte alí pintadas. Na fachada deste edificio, coñecido como a casa de Pepa Canle, o Concello de Sada colocou unha placa que recorda a estancia de Lloréns e a súa familia na vila1.
Casa de Sada na que naceu Florencio Brandariz e na que veraneaba o pintor Francisco Lloréns |
O outro socio era Antonio Andrade Verdía, nacido en Sada en 1924 e amigo de Florencio dende a infancia. Antonio era un dos dezaoito fillos do matrimonio formado por Manuel Andrade, coñecido polo alcume do “Parrulo”, e Paulina Verdía, que vivían coa súa numerosa prole na rúa República Arxentina. Polo que conta a súa neta Lina2 no espazo Memoria de Sada, Manuel fora un dos mariñeiros que formara unha comisión para pedir o porto pesqueiro para Sada, algo tan necesario naquela época e que daría tanta vida a este pobo e á súa xente. Antonio foi medrando naqueles tempos puxantes e difíciles, onde o que quería romper o corpo traballando tiña onde facelo. Casou con Carmen Temprano Prado, filla do señor José e da señora Pepita, coa que tería tres fillos. José Temprano era natural de Santa Cruz (Oleiros) e, xunto a seus irmáns Manuel e Ignacio, estableceuse en Sada, vila na que casaron os tres e na que cada un deles montou a súa propia telleira. Unha das nosas fontes orais, o señor Jesús Castro Vidal, nacido en Sada en 1927 e sogro do amigo bergantiñán (de Ponteceso) José Mato, recorda que “a telleira de José Temprano estaba nas Brañas, detrás do campo de fútbol da Chaburra.”
Supoñemos que sería na telleira de José Temprano onde o seu xenro Antonio Andrade adquiriu os coñecementos necesarios da fabricación da cerámica, un Andrade que non tardou en facer sociedade co seu amigo Florencio Brandariz. Malia as numerosas horas de investigación dedicadas a este particular, non fomos quen de desvelar o motivo polo que decidiron apostar pola Laracha (se alguén o sabe que nolo comunique por favor), mais o caso é que unha vez que foron coñecedores da excelencia bo barro deste concello, os dous socios alugaron un terreo no lugar da Barreira, na parroquia de Torás, que lindaba coa telleira de Ferreira e alí empezaron a construír a súa fábrica nos duros anos da posguerra.
O veciño de Estramil Antonio Fuentes Varela contounos que “os de Sada deberon vir no ano 1950. Eu creo que eles, ou a familia dalgún dos dous, xa tiñan telleiras aló nas que seguramente traballarían operarios de Pontevedra. Tanto Florencio Brandariz como Andrade eran homes que foran á escola. Naquela hora estaban moito mellor preparados que ninguén de aquí. Eles eran máis ben señores e iso notábase a leguas. Na Barreira estaban de aluguer. O terreo era dun tal Nogareda que era do lugar do Campo, cerca de Vilasuso, e que estivera en Cuba anos antes. Andrade era un tipo moi intelixente e redactara un contrato de aluguer por dez anos prorrogables. Os dous socios e Nogareda asinaran un acordo cunha renda anual que creo que era de 2.000 pesetas.”
Andrade e Brandariz ían implantar na Laracha un xeito de traballar innovador, moi diferente de como se facía no resto das telleiras artesanais que existían no municipio naquela hora. Pódese dicir que os alicerces do proceso industrial da zona asentáronse no seu negocio. Despois de solicitar e custear a oportuna liña, a compañía eléctrica (seguramente Hidroelectrica Laracha) púxolles alí un transformador e foron os primeiros empresarios da zona en ter corrente. Ademais, tamén foron os primeiros en montar uns raís para carrexar o barro nunha vagoneta. Con eles A Barreira e Estramil entraron noutra dimensión, abofé!
No marco do proceso de modernización, tamén ían cocer dun xeito diferente a como se facía na contorna ata aquel momento nos fornos cadrados, deseño maioritario na Laracha, ou nos de botella, chamados así por analoxía da súa forma cilíndrica rematada en cheminea. Os dous socios de Sada montaron nas súas instalacións un forno túnel continuo, un modelo disposto en sentido horizontal e con maior capacidade de cocción. Nos primeiros anos desta telleira chegaron a traballar alí unhas quince ou vinte persoas de Estramil, da Barreira e de Freón, entre elas algunha muller, caso de Maruja do Ferrador e a súa irmá Julia.
Segundo o testemuño de varias persoas da zona, parece ser que, despois de certo tempo de poñer en marcha a empresa, Antonio Andrade e Florencio Brandariz romperon a sociedade. A xente entrevistada comentounos que ultimamente soamente vían na telleira a Florencio, que naquela altura xa casara con Florentina Parga Suárez, matrimonio do que nacerían tres fillos. De Antonio Andrade sabemos que anos despois da súa etapa na Laracha foi secretario da Confraría de Pescadores de Sada e, posteriormente, director do Instituto Social da Marina desta localidade.
Antonio Fuentes recorda que seu pai Antonio 'Cachafeiro' traballou durante algún tempo con Florencio, cando Andrade xa pouco ou nada se vía pola Barreira. “Meu pai traballaba con Florencio a cambio dun tanto por cento da produción. Florencio facía vida aquí e vivía en Paiosaco. Alí, no Bico do Campo, onde hoxe está o almacén dos pensos, tiñan taberna o tío Manuel e a tía Aurelia. Era desas tabernas das de antes, na que podías comprar un pouco de todo, e tamén funcionaba como bar e como casa de comidas. Os domingos de Feira alí comían os tratantes de gando, os feirantes, os telleiros… Agora a feira acaba a unha ou ás dúas, pero naquel tempo acababa pola noite. A tía Aurelia, a muller do tío Manuel, facía moi ben a carne asada e os callos. Que recordos! Aquelas mesas… aquelas bandexas de carne… aquelas xerras de viño… Pola semana Florencio Brandariz comía e durmía alí. Tiña unha moto e algún día do fin de semana ía a Sada a ver a súa familia”.
A tía Aurelia do Bico do Campo saíndo pola porta da cociña (Foto do libro Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta) |
Marisa, filla do tío Manuel e da tía Aurelia, saíndo do patio onde tiñan a lixivia, a sosa, e os almacéns para sal, viño, etc ( Foto do libro Paiosaco en imaxes: dos Corenta aos Setenta |
Sobre o ano 1960 Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro', que naquel momento tamén era propietario dunha pequena telleira na Barreira, xusto en fronte da taberna dos “Cuatro Vientos”, comprou a industria dos dous socios3 de Sada por 150.000 pesetas da época. O seu fillo Antonio lembra que “cando meu pai comprou alí xa había unha nave, que aínda era ben grande, construida con ladrillo fabricado alí polos de Sada e con tellado de madeira con tella feita tamén alí. Había un forno que era bastante longo. Eu daquela era un home feito e dereito con 11 ou 12 anos (risas) e quedábame cocendo toda a noite. Nesa época na de Ferreira, que sempre me levei moi ben con el e cos fillos, xa estaban máis mecanizados e nós dependiamos moito deles. Eu pasaba toda a noite cocendo na nosa e os de Ferreira xa tiñan cocedores a quendas de 12 horas”.
Imaxe
tomada nos anos 60-70 en Estramil na que vemos a Antonio Fuentes
Varela, fillo de Antonio 'Cachafeiro', con súa tía Aurelia (Cortesía de
Josito Fuentes) |
Con todo, 'Cachafeiro' tamén tiña maquinaria, e chegou un momento no que xa non fabricaban nada á man, unicamente un pouco ladrillo macizo que facía falta para a reparación do forno, que polo que nos contou Antonio Fuentes “tiña unha capacidade para cocer 40.000 ladrillos. Era un forno túnel, dous túneles, tizabas con serrín e con casca por arriba e viña en volta continua. Cada dez días ou así faciamos unha fornada.”
'Cachafeiro' tivo máis dunha ducia de empregados traballando con el nesta pequena industria, entre eles Eladio Sobrino Iglesias, un baixomiñoto do lugar do Castro, parroquia de Salcidos (A Guarda) que trouxera de Pontevedra o cuñado de Ferreira, Manuel Álvarez Vicente, para traballar con el na Barreira, na telleira que lle alugara 'Cachafeiro' diante da taberna dos “Cuatro Vientos”. Alí tamén traballaban homes da zona con algunha experiencia no oficio e mozas da bisbarra que tiñan a oportunidade de axudar na economía familiar co traballo desempeñado na telleira da que estamos a falar. Algunhas daquelas mozas foron Celia do Canteiro, Chucha do Peiluco e súa irmá Maruja, Fina de Aurelia, Oliva da Barreira, dúas curmás da Perillona (Armentón) que se chamaban Celia e Pilar, ou, entre outras Herminia e Clarisa, veciñas de Monteagudo.
Eladio Sobrino Iglesias (Cortesía da súa sobriña Amparo Sobrino) |
Sobre o ano 1965 Antonio 'Cachafeiro' véndelle as instalacións aos irmáns José e Manuel Alonso, que tiñan un almacén de materiais de construción en Carballo, na estrada de Santiago. Co cambio de propietarios, o guardés Eladio Sobrino Iglesias marchou para Cambre, a traballar cuns de Pontevedra que tiñan telleira alí. Antonio Fuentes recordaba con humor que “este Eladio vivía con nós. Era un home solteiro e tivera algún problema laboral con meu pai, que incluso foi a Maxistratura de Traballo, pero acabaron ben. Era moi traballador, moito, moito… todo o mundo lle chamaba Noi”.
Antonio Fuentes tamén nos contou que “cando os Alonso lle compraron a meus pais eu quedei alí unha temporada. O trato xa era que eu quedara con eles para ensinarlles como se facía a mestura de barro, o asunto da cocción e outros traballos. O caso é que, claro, a xente que sabía traballar e que valía xa estaba na de Ferreira e, por iso os Alonso tiveran que contratar man de obra pouco especializada, do que ían encontrando por aí. Eu tiña 16 anos e había empregados que pasaban dos 40. Xa podes imaxinar como era o conto… se na hora de comer había que reparar unha máquina para poder traballar despois de xantar, pois eu quedábame como facía con meu pai. Pero aquí a ignorancia era a que era. Non me tragaban. Dicían que era un “pelotas” e que a telleira agora non era nosa. Claro que non era nosa, pero eu quería que funcionara polo ben de todos. Aburrinme e marchei.”
Panorámica das instalacións nos anos 60-70 (Arquivo do Reino de Galicia) |
Os irmáns Alonso ían reformar a nave con muros de bloque e tellado de uralita. Rematada a obra algúns dos albaneis quedaron alí de empregados. Cos Alonso a man de obra feminina foi máis ben escasa. As mulleres que traballaran con 'Cachafeiro' gañaban agora o pan na de Ferreira ou mesmo en Cerámica Campo.
Transcorrido certo tempo, José Alonso íase quedar coa industria da Barreira e seu irmán Manuel continou co almacén de materiais de construcción de Carballo. O veciño de Estramil Pepe López Caamaño, 'O Labrador', recorda que “cando José Alonso lle comprou a parte da telleira a seu irmán Manuel empezou a meter aí maquinaria. Tiña unha paleadora, unha de oruga. Con José traballou Chucho 'O Pistón' e, entre outros, Che de Rabuñal”.
Naquela altura a competencia con Cerámica Campo e con Cerámica “La Perfección”, as fábricas de Epifanio e de Ferreira, era moi grande. Competir con eles non era tarefa doada e a produción foi minguando ata que, finalmente, a mediados dos anos 70 José Alonso decidiu poñer o punto e final da actividade.
As instalacións ían permanecer abandonadas durante algo máis de dúas décadas, ata que a empresa madereira “Añón y Esmorís S.L”, que se dedica á venda de produtos serrados e a preparación industrial da madeira, lle comprou a fábrica á viúva de José Alonso e ao seu fillo José Antonio 'Josecho', o empresario carballés propietario, xunto a súa familia, do Grupo San Juan4. Nunha fría mañán de febreiro de 2024 visitamos as instalacións para charlar con José Esmorís, larachés natural de Vilaño que nos recordaba que “eu montei sociedade con meu cuñado Francisco Añón, que era o que tiña a parrillada da Pedra do Sal, en Baldaio (negocio que agora leva o fillo). Nós empezamos aquí fará vinte anos, ou se cadra algún máis. Cando viñemos estaba todo abandonado e ata había salgueiros medrando no interior da nave. Aínda se podían ver restos da actividade anterior. Desa época hoxe soamente quedan un par de entradas nun dos muros, que eu penso que eran do forno. Nós comprámoslle a nave e a parcela a Josecho Alonso, que daquela era taxista e despois creou un pequeno imperio, pero quen firmara a venda fora súa nai. E aquí seguimos dende aquela”.
Imaxe dunha das entradas das que nos fixo referencia José Esmorís |
Antonio Andrade e Florencio Brandariz nos 50; Antonio Fuentes 'Cachafeiro' nos 60; os irmáns José e Manuel Alonso, nos 60-70; e Francisco Añón e José Esmorís no século XXI son os principais protagonistas desta historia de barro e madeira sobre “a telleira dos de Sada”, que é como os maiores da Barreira e de Estramil seguen chamando, despois de tanto tempo, a estas instalacións que xa superan os 70 anos de vida.
Panorámica actual das instalacións |
____________
1 Vid. https://memoriadesada.com
2 Lina é filla de Pepe Andrade Verdía, 'Pepe O Inglés'.
3 Florencio Brandariz Canle morreu o 22 de maio de 1993 aos 70 anos de idade. Antonio Andrade Verdía finou o 12 de outubro de 2013 aos 89 anos de idade,
4 José Antonio Alonso, Josecho, era un dos empresarios máis destacados de Carballo e da comarca. Propietario, coa súa muller e o seu fillo, do grupo 'San Juan', criouse nun ambiente comercial, foi taxista en Suíza e a finais dos anos 90 montou, xunto a tres socios, 'San Juan Aislamientos y Embalajes', a gran fábrica de poliestireno expandido que non parou de medrar nas súas instalacións de Bértoa, con produtos vinculados á construción e ás caixas de pescado. Posteriormente diversificaría a súa actividade empresarial coa compra da histórica canteira Lista de Arteixo, a planta de Inosa tamén no municipio arteixán, en Sabón (tamén dedicada ao poliestireno), ou a construción do edificio comercial das rúas carballesas Vázquez de Parga, Concepción Arenal e Colón, con aparcamentos subterráneos, gran supermercado e unha terraza xa ampliada para futuros negocios comerciais. Ademais tiña en marcha importantes proxectos inmobiliarios na rúa Perú e sobre todo na Praza de Galicia que, por razón dunha grave enfermidade houbo que paralizar. Josecho faleceu en outubro de 2022 aos 64 anos (“Falleció a los 64 años el empresario carballés José Antonio Alonso”, La Voz de Galicia, Edición Bergantiños, 5 de outubro de 2022).
Ben documentado por certo. Ese Brandariz que citas como socio, terá algo que ver coa cerámica Brandariz de Sada? Aínda existen restos desa telleira a carón das Brañas. Mesmo se pescudas de novo na "Memoria de Sada" que tamén citas, podes ver varias fotografías deste antigo establecemento. Parabéns Xavier.
ResponderEliminarEfectivamente, si que vin fotos da cerámica da familia Brandariz en "Memorias de Sada", pero non atopei ningunha vinculación con Florencio (que non quere dicir que non a teña). A ver se recompilo algún dato máis e algunha fotografía dos dous socios antes de publicar o libro!
ResponderEliminar