mércores, 15 de febreiro de 2023

LEMBRANZAS DA SEÑORA CELIA DE ESTRAMIL SOBRE A MATANZA DO PORCO


O que nunca tivo un porco,

e agora ten un porquiño,

anda sempre detrás del chamándolle

'Quino, Quino, Quino' ”

 

   Desde a punta do rabo ata o fociño, do porco aproveitase todo. O rendemento destos animais é enorme. Ata non hai moito, en cada casa da bisbarra había un ou dous cochos que se cebaban durante todo o ano, segundo as posibilidades de cada familia, ata a hora da matanza. De aqueles tempos falamos recentemente coa señora Celia de Estramil, nacida en Lendo en 1934, unha muller que nos atendeu no seu domicilio de Torás coa maior das amabilidades na compaña da súa familia.

   Antano, parte da carne deste animal comíase fresca, mentres que as pezas restantes curábanse ou almaceábanse conservadas en sal, nos chamados baños ou bañóns de sal, para consumir durante todo o ano.

   A señora Celia de Estramil recorda que no noso lugar o cocho matábase polo Antroido, porque claro, era a mellor época do ano para salar a carne xa que antes non había conxeladores nin neveiras… non había nada. O cocho se cadra xa se compraba pouco antes de matar o máis vello, e se non era así, comprábase ao domingo seguinte que houbera feira en Peisaco despois da matanza. O cocho criábase todo o ano, e cando se mataba pesaba dous centos quilos, ou dous centos e pico, e podía medir trece cuartas de largo. A matanza xa se organizaba días antes. Poñíase tal ou cal día, por exemplo o sábado do Antroido e na mesma semana mataban en todas as casas. E se podían matar todos nun día, pois xa aproveitaban”.

 

A señora Celia de Estramil ao carón da lareira (Cortesía da súa familia)

   Nos días máis fríos do ano, tal e como recorda a señora Celia, chegaba, pois, o tempo dunha das faenas máis agardadas do calendario agrícola: a matanza. Cun cento de tarefas asociadas, nenos e maiores participaban nese ritual extraordinariamente arraigado en toda a xeografía galega. Familiares, veciños e amigos xuntábanse para participar na labor, que se convertía prácticamente nunha festa.

  O día de San Martiño (11 de novembro) simboliza en certo modo a entrada do inverno, e marcaba o inicio da época de matanzas, xa que o frío favorecía a conservación da carne. Os nosos avós escollían a data de acordo cos influxos da Lúa. A tradición estimaba que no cuarto crecente, a carne aumentaba, mentres que no minguante disminuía. Tampouco se escollía un martes para a matanza, costume que recolle o noso refraneiro popular:

O martes non te cases, nin te embarques,

nin o teu porquiño mates”

   O encargado de dar morte ao animal era o matachín. Veciño experimentado no oficio, na aldea tiña case carácter de especialista, e en todas as parroquias alomenos había un. Os quefaceres comezaban coas primeiras horas do día, cando o grupo se xuntaba na casa para ultimar o dispositivo necesario e tomar o oportuno “tóspiro” de caña que permitía empezar con ímpeto a dura xornada. A señora Celia recorda que “se xuntaban catro homes para termar do cocho a máis o matachín, e habitualmente había unha muller para remexer o sangue no caldeiro. Para que non callara, había que remexelo ata que enfriara para facer despois as morcillas. Ese era un dos traballos das mulleres.”

   Morto o animal, queimábase a pelaxe (ao principio con palla e co andar dos anos cun soprete) e posteriomente botábase auga fervendo antes de que o matachín procedera a abrir o abdome do porco. Traballos posteriores eran o desentretiñado e o lavado de tripas, que acostumaban a realizar as mulleres no río. “As tripas gordas -recorda a señora Celia- eran para as morcillas. Había que lavalas ben, quitarlle ben toda a porquería de dentro e despois había que viralas do revés. Lavábanse nun río onde houbera boa corrente para encher as tripas de auga e limpalas ben. Nós iamos a un río que había aquí vindo para O Escurido, o río Bordel. Na nosa casa, se non se utilizaban para morcillas, facíase con elas un guiso de tripas. Coas outras, as delgadas, facíanse os chourizos. Habíaas que lavar tamén moi ben e logo viralas do revés. Despois collías a tripa envoltiña e cortábala en anacos para encher os chourizos. Antes disto, o que se facía era pasarlle unha variña de vime dobrada para limpar outra vez. Esto facíase porque se non quedaba como outra pelexa por dentro. E cando a pel de fora da tripa quedaba coma un papel de fumar, pois xa era cando enchiamos os chourizos”.

 

Imaxe dunha matanza realizada nos anos 70 no domicilio do autor desta crónica

    Realizado o desentretiñado, o cocho permanecía colgado dunha viga do pendello durante toda unha noite. Ao día seguinte, na segunda xornada da matanza, pola mañán procedíase ao despece do animal para distribuír cada parte. As menos xa se consumían de forma inmediata, mentres que gran parte salgábase no bañón para ser provisión durante o resto do ano. Ese día, era tradición cociñar o fígado encebolado e os primeiros filetes de raxo.

   Pola tarde, chegaba o momento de salgar os xamóns, os lacóns, as soás ou espiñazo, as costelas e a cachola. Quilos e quilos de sal ocultaban na artesa a carne do porco, que se introducía adobado cun prebe de auga e allos. Vinte e un días máis tarde, parte das pezas retirábanse do bañón de sal para que se curaran ao aire.

   Mentres tanto, as mulleres encargábanse de elaborar a zorza (carne picada e adubada fundamentalmente con pemento doce e pemento picante, allo e sal), que se botaba nunha barreña para ir collendo o sabor dos condimentos. Este amoado constituía o primeiro paso para elaborar produtos de chacinaría como o chourizo, que as mulleres embutían nas tripas cando a zorza levaba un mínimo de catro días repousando.

   Despois, as restras colgábanse na lareira, onde se lles facía lume para que as secara e curara o fume. Outros embutidos caseiros eran a androlla, o butelo ou as morcillas. Durante ese día tamén se elaboraban os rixóns, ou roxóns, con distintas partes graxentas do porco.

   Da elaboración destos produtos a señora Celia recordaba que “as morcillas facíanse coa miga de barra ou pan duro; desfacíala ben e facíase unha masa coa sangue do porco e despois botabamos figos picados e uvas. A continuación enchíase a morcilla, pero claro, non a podías encher de todo porque a masa cocía e inchaba. Por iso había que encher unha pota grande con auga e poñíala a ferver cun pau enriba para colgar as morcillas. Ías mirando, e cando estaban cocidas, sacabas unhas e metías outras. E os chourizos… pois mira, cando desfacían o cocho, para salar quitábanselle os perniles, a pala, o raxo, os raxetes… os raxetes normalmente xa se picaban para a carne dos chourizos, os touciños… o touciño está por fora, pero despois por dentro teñen máis carne, que son as frebas dos rexóns; a mellor freba quitábase para os chourizos. Ademais, aínda se lle botaba algún touciño picado polo medio. E logo había que curalos na cheminea. Os chourizos daban moito moito choio. Primeiro facíase a masa coa carne ben picadiña, pemento picante, pemento doce, allo ben picado… e esa masa tíñase nove días nunha bañeira. Había que remexela e amasala todos os días. Despois dos nove días, enchíanse os chourizos e colgábanse en restras nuns paus nas chemineas. Cortábanse unhas pólas de loureiro e poñíanse enriba deles para que colleran bo olor. Eses chourizos sabían todo o ano, que os de agora non saben nada! Había que facerlles lume todos os días e mirar que non quentaran demais, que non pingaran, que se curaran por si sós. E cando xa estaban curados quitábanse da cheminea”.

 

Restras de chourizos nunha lareira ( https://margavp.files.wordpress.com/2011/01/p1030305.jpg?w=640&h=480 )

   A señora Celia de Estramil tamén recordaba que, canto máis gordo era o touciño máis contentas estaban as mulleres de aquela época. Se había moito touciño, había moita graxa, que era o aceite que utilizaban para facer de comer. “O aceite era moi caro e non se podía comprar. Cando se derretían os rexóns, a graxa botábase en olas de barro; en olas, que potas había poucas, e canta máis graxa se fixera máis contenta estaba a xente xa que con ela cociñábase todo o ano. Tamén se utilizaba o unto, pero ese era outra graxa diferente, era da parte de dentro da costilla, que se conservaba curada ou en sal, para facer o caldo. A graxa coa que se cociñaba era a que se gardaba nas olas de barro de cando se derretían os rexóns. Esta graxa utilizábase para fritir unhas patacas, para facer unha tortilla… era mellor esa graxa de antes que o aceite de agora porque os cochos mantíñanse todo o ano con verzas e fariña e faciasmolle un caldeiro de encaldada pola mañán, outro ao mediodía e outro á noite. Cando se collía o millo novo, empezabase a dar aos cochos millo, ao primeiro dábaselle menos, pero despois a cada paso dábaslle máis para que engordara… e así todos os días ata a matanza”.

  Diversos autores sinalan que o carácter festivo da matanza ten probablemente raíces históricas. Así, no pasado, os cristiáns convivían na Península Ibérica con pobos que rexeitaban a carne de porco. Por este motivo hai quen apunta que participar na festa da matanza era o equivalente a unha manifestación pública de fe.


FONTES

Rey Insua, Lucía (2006): Labregos, gandeiros e feirantes. Reencuentro con la Galicia rural. Gran biblioteca temática de Galicia. Ea Editorial.

 

mércores, 8 de febreiro de 2023

JOSÉ IGLESIAS VARELA, O EMPRESARIO LARACHÉS QUE FOI PRESIDENTE DO DEPORTIVO NOS ANOS 50

  Nestos malos tempos que corren para o R.C. Deportivo, que xa leva tres tempadas na terceira categoría do fútbol español, queremos recordar a figura de José Iglesias Varela, o único larachés que presidiu a entidade branquiazul ao longo da súa dilatada historia.

José Iglesias Varela (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

   José, Pepe para os seus amigos, nace no Cancelo de Abaixo, parroquia de Cabovilaño, o 24 de abril de 1914. Era fillo de Pedro Iglesias Graña, importante empresario do sector madereiro, e de Carmen Varela Sotelo, matrimonio que ademais do noso protagonista tamén foron pais de Mercedes, Santiago, Miguel, Pedro, María e Leonor. O proxenitor da ampla prole tiña aserradoiro no mesmo espazo que hoxe ocupa a estación de servizo San Marcos, a gasolineira do Grupo Valcarce que hai en Cabovilaño á man esquerda dirección a Carballo, negocio fundado por Leonor1 e o seu home Manuel Rodríguez e que actualmente xestiona Marcos, neto deste matrimonio.

 

Pedro Iglesias Graña e Carmen Varela Sotelo (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Pepe abandona o niño familiar moi novo e, sendo un buscavidas como sempre foi, non tarda en montar a súa propia empresa. Casa con M.ª del Pilar Naya Fernández, unha moza do lugar de Rorís (Armentón, Arteixo) coa que ten dous fillos: José e Pedro Iglesias Naya, nacidos respectivamente en 1937 e 1939.

    Nos anos corenta o noso protagonista xa é un un exitoso empresario madereiro, ramo no que seguía traballando seu pai e no que seus irmáns Santiago e Miguel tamén se gañan a vida no aserradoiro que tiñan en Queo de Abaixo (Bértoa, Carballo). Nesa época, sempre coa viveza dun emprendedor e coa iniciativa que sempre o caracterizou, Pepe Iglesias diversifica a súa actividade empresarial e adéntrase no sector mineiro. Segundo nos contou o seu fillo Pedro “as instalacións mineiras e madereiras lindaban habitualmente unhas con outras; tivo minas de volframio, estaño e titanio en Arteixo, Buño e Santa Comba e tamén traballou algo en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). E máis tarde tivo mina de ferro en Cabreiros, cerca de Vilalba (Lugo)”.

    O volframio galego fora un mineral estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial: en aliaxe co aceiro, elevaba o punto de fusión deste, permitindo unha maior capacidade de perforación a todo tipo de proxectís. As minas deste mineral íanse reactivar grazas á escalada bélica que se inicia coa Guerra de Corea (1950-1953), unha época na que José Iglesias Varela entrou a formar parte da xunta directiva do Deportivo.

    O equipo herculino rematara a tempada 52/53 no décimo cuarto posto da táboa clasificatoria de Primeira División, posición que obrigaba aos coruñeses a disputar unha liguiña de permanencia. Rafael Salgado Torres, presidente deportivista desde o 8 de decembro de 1952, ten a feliz idea de fichar a un dos adestradores máis revolucionarios da historia do fútbol, o mago Helenio Herrera, que sería quen de manter ao equipo en Primeira logo de gañar por 1-3 na derradeira xornada da liguiña ao Celta, nun partido xogado en Balaídos o 12 de xullo de 1953. Aquel día os coruñeses formaran con Acuña; Clemente, Rodolfo, Carlos; Zubieta, Tito Blanco; Corcuera, Osvaldo, Arsenio Iglesias, Moll e Tino. Días antes do trascendental partido final contra o once olívico, o doutor Antonio Martínez Rumbo sustituira a Rafael Salgado Torres na presidencia do Deportivo. Na nova xunta directiva, o larachés José Iglesias Varela ocupa o cargo de vicepresidente.

 

José Iglesias Varela e a súa muller María Naya Fernández (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

    Na tempada seguinte, a 1953/54, Pahiño ficha no cadro deportivista procedente do Real Madrid e xurde a figura de Luís Suárez, que debuta na máxima categoría do fútbol español ante o F.C. Barcelona. Os coruñeses serían sétimos na Liga e ao remate da campaña emprenden unha xira a Sudamérica, a primeira da súa historia. O presidente Martínez Rumbo vai á fronte da expedición. Na Coruña queda ao mando da nave branquiazul Iglesias Varela, que o 11 de agosto de 1954 releva a Martínez na presidencia do Deportivo. Curiosamente, nesa época había dous veciños de Cabovilaño na entidade deportivista: o presidente Iglesias e o dianteiro Moncho Regueira, de quen xa temos falado nestas Crónicas da Laracha (https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2021/12/ramon-regueira-ramos-o-vecino-de.html).

    Coas baixas de Moll e Luís Suárez, que asinaran co F.C. Barcelona, o Deportivo inicia a competición ligueira 54/55 en Riazor vencendo ao Hércules por 2-1. Adestra ao equipo Ángel Zubieta, que simultanea o seu cargo co de xogador. Nesta primeira tempada de Pepe Iglesias Varela na presidencia deportivista, que fora ratificada nunha asamblea extraordinaria celebrada en abril de 1955 onde “los concurrentes respondieron con una cerrada y prolongadísima salva de aplausos, que durante largo rato obligaron al señor Iglesias Varela a permanecer de pie antes de poder hacer uso de la palabra”2, o equipo ocupa de novo a sétima praza da táboa clasificatoria, unha tempada na que que destacan Pahiño, Bazán e Arsenio na dianteira anotando 18, 14 e 7 goles respectivamente. Tamén son destacables as actuacións baixo paus de Juan Ignacio Otero, compadre de Pepe Iglesias:

Ayer, en la iglesia parroquial de Santo Tomás recibió las aguas bautismales la recién nacida hija del guardameta deportivista Juan Ignacio Otero. La neófita, a la que se le impusieron los nombres de Isabel María Josefa, fué apadrinada por el presidente del R. C. Deportivo, D. José Iglesias Varela, y señora, doña María Naya. Con tan grato motivo se celebró después de la ceremonia una simpática fiesta familiar, en la que se renovaron las felicitaciones que por el nacimiento de su primogénita habían recibido Otero y su joven esposa, Isabel Cerveró. Felicitaciones a las que unimos la nuestra, muy sincera y cordial”.3
La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

    O Deportivo comeza a tempada 1955/56 coa súa primeira participación no afamado Teresa Herrera, trofeo que leva para as súas vitrinas tras vencer ao Athletic Bilbao por 2-1. Dese bonito recordo da historia deportivista, que coincide co industrial larachés na presidencia da entidade, falounos Julio Mancebo, mestre e historiador nado en decembro de 1942. Eu fun a ese partido. Tería 13 ou 14 anos e vino na grada de “Especial Niños”. Nesa época o presidente do Deportivo era José Iglesias Varela, que recordo que tiña unha empresa que se chamaba “Maderas Iglesias”. Na carretera dos trolebuses Coruña-Carballo, antes de cambiar o percorrido como o cambiaron posteriormente, baixabas ao coto da Grela e ao chegar abaixo había unha curva. Alí, á man esquerda, estaba “Maderas Iglesias”, que sempre tiñan castelos de táboas apiladas. Este home tiña dous fillos. Eu coñecín a un deles no Balneario de Arteixo, a Pedro, que xogaba con nós no campo de fútbol cando eramos rapaces. Á parte da empresa das madeiras, creo que Iglesias tamén tivo minas porque o pai do 'Miaxo', René, se non recordo mal traballaba nas minas del. Un irmán de José Iglesias Varela, Miguel, casouse con Marica a de Amadeo, que debe andar polos 93 ou 94 anos e vive en Bértoa. Foron para alí cando se casaron”. 

 

Os futbolistas do Deportivo e o presidente do club, Pepe Iglesias Varela -de traxe, ao carón do trofeo-, co Teresa Herrera conquistado en 1955 (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Neste curso 55/56 o Deportivo ía quedar nun discreto duodécimo posto, con 26 puntos e catro negativos. Ao longo da tempada os coruñeses tiveron tres adestradores: Rodrigo García Vizoso, que cesou a finais de xaneiro; Pahiño, que durou catro partidos e Ángel Zubieta. Destacar tamén que nesta época causa baixa difinitiva no club o lendario porteiro Juan Acuña.

   A tempada 56/57, na que o Deportivo cumpre o seu 50 aniversario, iniciase cunha severa derrota en Riazor frente ao Atlético de Madrid por 0-4. Xa non estaban os grandes “divos” Bazán, Pahiño, Acuña… e a xente nova como Polo, Anca ou Amador non acaba de carburar. O adestrador é Ángel Zubieta. O Deportivo vai de mal en peor e sufre seis derrotas en Riazor. A finais de novembro de 1956 Pepe Iglesias Varela abandona a presidencia e deixalle o posto Ángel Fernández Murga. Na súa despedida, o larachés contestaba con retranca unha pregunta dun xornalista coruñés:

-¿Que ha sido para usted el Deportivo?

-Mi única preocupación. Ninguna otra cosa me ha preocupado más, ni tampoco he sido más feliz que durante el tiempo en que he estado en el Club. Hasta resulta que lo poco que entiendo de fútbol se lo debo a la Prensa.4

La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956

    Da súa etapa á fronte da entidade deportivista, o seu fillo Pedro comentounos que “creo que é de xustiza recordalo coma un gran presidente. Ademais, non foron poucas as veces que lles fixo préstamos aos xogadores para que poideran chegar a final de mes. O Deportivo custoulle moitos cartos a meu pai, pero bueno, el era feliz e o amor ao club podía con todo. Era deses presidentes que xa non quedan. Tamén foi un gran patrón cos seus traballadores, quenes cariñosamente o alcumaban “O Xefe”. Meu pai tiña unha boa posición económica, certo, pero ante todo sempre foi unha persoa seria, honrada e moi boa coa xente, sempre disposto a axudar co que fixera falta. Ollo, tamén tiña a súa dose de humor xa que era moi retranqueiro e a cotío tiraba do refraneiro galego…

O que non ten cabeza, ten pés.

Falou Chacón, ben falado”.

    Tras o seu paso polo Deportivo, primeiro como vicepresidente e despois como máximo mandatario, Pepe Iglesias e a súa dona, María Naya, viven certo tempo dacabalo entre A Coruña e Valdeorras, onde finalmente establecen o seu domicilio na parroquia de Arnado en Vilamartín de Valdeorras (Ourense). O matrimonio comprara en 1956 un terreo de 37 hectáreas do que formaba parte o Pazo de Arnado, tamén chamado Castelo de Arnado ou castelo Torre Penela, unha edificación construida por puro romanticismo polo maxistrado e deputado Pedro Sanjurjo Flórez5 na década de 1890. 

 

Pazo de Arnado (La Región)

  Pedro Iglesias Naya, o fillo máis novo do noso protagonista lembra que “cando eu era neno a condesa Pilar Agudín Bolívar díxome que o conde era moi romántico e que construiu o castelo para ela. Meus pais compráranlle a dona Pilar, que xa levaba viúva moitos anos, todo o seu patrimonio, é dicir, o Pazo, todas as fincas do Conde de Torre Penela, e o edificio que tiña na Coruña, en Riego de Agua. A pobre muller estaba totalmente arruinada e meu pai fíxose cargo das súas hipotecas. Deixouna vivir nas súas antigas posesións, como se continuara sendo a propietaria, ata que dona Pilar Agudín Bolívar finou aos 105 anos”.

    José Iglesias Varela ía continuar coa súa actividade mineira ata 1985. Sempre ao pé do canón, traballou nos outros negocios ata que enfermou en 1992 por mor dun cancro de medula. Tras unha dura loita con esa terrible doenza, o noso homenaxeado finou en 1995 aos 81 anos. Os seus restos e os da súa muller María, falecida en 2011, descansan no cemiterio parroquial de Armentón (Arteixo).


FONTES:

CRUZ, JOSÉ M.ª (2016): Los propietarios del castillo de Arnado lo ponen en venta, La Región, 12 de agosto.

FERNÁNDEZ, CARLOS & LEIRACHÁ, VICENTE (1991): Historia del Real Club Deportivo de La Coruña, La Voz de Galicia.

GARCÍA TATO, ISIDRO (2016): El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras), Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos «Padre Sarmiento», Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

________________

1 Leonor faleceu en decembro de 2022 aos 92 anos de idade.

2 Vid. La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955. Páx. 5.

3 Vid. La Voz de Galicia, 9 de novembro de 1954. Páx. 6.

4 Vid. La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956. Páx. 5.

5 Pedro Sanjurjo Flórez era fillo de Pedro Sanjurjo Pérez, Conde de Torre Penela, maxistrado da Audiencia e deputado ás cortes por Ourense e Bande.

xoves, 2 de febreiro de 2023

A LARACHA NO "ANUARIO DEL COMERCIO, DE LA INDUSTRIA, DE LA MAGISTRATURA Y DE LA ADMINISTRACIÓN" DO ANO 1881

   O Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración é unha continuación, a partir de 1881, do Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración que, en 1879, comezara a editar o libreiro madrileño Carlos Bailly-Baillière, e que máis tarde tamén farían os seus fillos, ao estilo dos que se publicaban nesa altura noutros países de Europa e en Estados Unidos, seguindo a estrutura do francés Annuaire-almanach, de Diderot-Bottin.

   É unha guía que contén centenares de miles de datos das persoas que integran as institucións do Estado e das provincias en todos os seus sectores (político, educativo, militar, relixioso, xudicial, etc.) e dos profesionais e oficios, comercios, negocios, fábricas e industrias, tanto relativos a España como dos países de Ultramar e de hispano-américa, e que incorpora a partir de 1881 tamén a Portugal.

   Comeza cos datos xerais das institucións estatais (Casa Real, Cortes, etc.), para a continuación ofrecelos por provincias, e nestas, por partidos xudiciais e municipios. Inicia o epígrafe de cada unha das provincias cun resumo de datos xerais sobre as mesmas (poboación, listaxe de deputados, estradas, agricultura, principais institucións, etc.). Máis adiante introduce tamén un mapa e o escudo da capital.

   Ofrece, ademais, datos correspondentes, por exemplo, sobre as principais disposicións oficiais, asociacións, entidades, organizacións, párrocos ou sobre os principais contribuíntes. Tamén dá información sobre os aranceis aduaneiros e as tarifas de telégrafos e de transportes.

   Para a elaboración do devandito Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración, o seu editor contou con corresponsais ou axentes propios en todas as capitais de provincia e nos diversos países, contando tamén cos datos facilitados polas propias institucións e os mesmos profesionais, comerciantes e industriais. E cada ano procede a revisar os datos erróneos que aparecen no anuario anterior. Inclúe tamén unha abundante publicidade comercial, xeralmente acompañada de gravados dos produtos comerciais e industriais, de maquinaria, das sedes dos negocios ou das fábricas das industrias. Esta publicidade é tanto provincial, estatal como estranxeira. Así mesmo, algúns profesionais, comercios e industrias son resaltados a través de alardes tipográficos nas relacións provinciais que se ofrecen.

   Esta publicación foi declarada oficialmente de utilidade pública e premiada en numerosas exposicións. Cada volume conta con diferentes índices. Un sectorial por oficios, profesionais ou tipo de comercios ou industrias, e outro xeográfico, comportándose este como un nomenclátor. Tamén confecciona un índice dos seus anunciantes. Ao final, introducirá un índice xeral. O anuario irá aumentando cada ano de paxinación, desde as 2.000 páxinas ata acadar volumes que superan as 6.000.

   Na colección da Biblioteca Nacional faltan os anuarios correspondentes aos anos 1889-1893 e 1907. Debido ao estado da colección e á inxente paxinación dos seus volumes, a dixitalización do ano 1886 está dividida en 64 entregas, e algúns anos posteriores en diversas partes. Algúns carecen de portada e primeiras páxinas.

   Despois de trinta e tres anos publicándose baixo este título, en 1912 fúndese coa guía catalá Anuario-Riera (Barcelona: 1896-1911), para seguir editándose, iniciando a súa segunda época e numeración, baixo o título Anuario general de España (1912-1978), o cal non está incluido na Hemeroteca Dixital ao estar suxeito a dereitos de propiedade intelectual.

   Deseguido transcribimos os datos que aparecen sobre o concello da Laracha no nomeado Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración do ano 1881.


ANO 1881


LARACHA.— Ayunt. de 7.591 habitantes, compuesto de las parroquias siguientes:


LARACHA (Torás. P.). — L. donde reside el Ayunt., sit. a 8 kilómetros de Carballo.

Secretario del Juzgado municipal.— Carballo Pondal (Luciano).

Instrucción pública.— Profesor, Rivas (José María).— Profesora, Barrera (Genoveva).

Cantero.— Merejo Expósito (Juan).

Curtidos (Fábrica de). — Diz do Bal (Juan); Pérez Gómez (Juan).

Ganados (Tratantes de).— Becerra López (Antonio); Corgo (Manuel); Esmorís (Pedro); López Regueiro (Pedro); Puentes (Baltasar); Ramilo Rodríguez (Domingo).

Harinas (Molinos de).— Areoza García (Bonifacio); Bardanca (Roque); Castro (Antonio); García (Antonio); Méndez López (Ramón); Piñeiro Morales (Jacobo); Ríos (Manuel); Rodríguez BIanco (Pedro); Varela (Manuel); Vegueira (Vicente).

Herreros.— Tuci Varela (Casimiro); Vilas (José).

Jabón (Fábrica de).— Astray López (Juan) .

Médico.— González (Manuel).

Panaderos.— Queijo Carracedo (María); Vilas Sueiro (José).

Pirotécnico.— Pardiñas (Manuel).

Posadero.— Cotelo Varela (José).

Tejas (Fábrica de).—Varela (Antonio).

Tejedores.— Álvarez (Francisca); Baldomir (Manuel); Bello Bolón (José); Dubra ( Antonio); Gómez (Agustín); Pérez Varela (José); Trigo Mariño (Gregorio).

Trasportes (Caballerías de).— Becerra Fuentes (Manuel); Muñíz (Juan); Ponte Rodríguez (José); Rey de la Iglesia (Antonio); Rey López (Felipe).

Zapatero.— Morales (Francisco).


CABOVILAÑO.— P. sit. a 2,1 kilómetros de Laracha.

Párroco.— Barciela (José).


CAYÓN.— P. sit. a 5,9 kilóm. de Laracha.

Párroco.— García (Manuel).

Instrucciónblica (Profesor de).— Fuente (Ramón de la).


COIRO.— P. sit. a 2,6 kilóm. de Laracha.

Párroco.— Caneda (Jacobo).

Instrucciónblica (Profesor de).— Regueira (Ángel).


ERBOEDO.— P. sit. a 5,7 kilóm. de Laracha.

Párroco.— Caneda (Jacobo)


GOLMAR.— P. sit. a 1,5 kilóm. de Laracha.

Párroco.— García (Manuel).


LEMAYO.— P. sit. a 5.9 kilóm. de Laracha.

Párroco.— Fraga (Pedro).


LENDO.— P. sit. A 2,6 kilóm. de Laracha.

Párroco.— García (Antonio).


LESTÓN.— P. sit a 1,1 kilóm. de Laracha.

Párroco.— Pazos (Celestino).


MONTEMAYOR.— P. sit. á 5,6 kilómetros de Laracha.

Párroco.— Ramos (Rafael).

Instrucciónblica (Profesor de).— Fernández (Silvestre).

Igrexa de Santa María Madalena de Montemaior

S. ROMÁN.— P. sit. a ... kilóm. de Laracha.

Instrucciónblica ( Profesor de).— López (Andrés)


SOANDRES.— P. sit. a 6 kilóm. de Laracha.

Párroco.— Allen (Manuel).


SOUTULLO.— P. sit. a 5,4 kilóm. de Laracha.

rroco—. Andrade (Manuel).

Instrucción pública (Profesor de).— López (Manuel).


TORÁS.— P. sit. á... kilóm. de Laracha.

Párroco.— Orellán (José).


VILAÑO.P. sit. a 1.1 kilóm. de Laracha.

Párroco.—Barciela (José).