Na Laracha os sindicatos agrarios continuarían desempeñando un papel fundamental na vida municipal durante a década dos anos vinte, ben enviando gando pola súa conta a Madrid (principalmente), participando na obra social das respectivas parroquias ou mesmo colaborando con movementos humanitarios como o realizado en 1921 pola Cruz Vermella cando fletou un cargamento de madeira destinada á mellor instalación e abrigo das tropas españolas en Melilla e Larache, que viñan de sufrir o chamado desastre de Annual1. Curiosamente, nunha conexión que non foi a primeira entre os dous lugares2, algunha madeira da Laracha bergantiñá ía viaxar ata a Larache africana:
Los sindicatos de Coiro y Laracha tienen un cargamento de tablas de pino que en unión de los ofrecidos por otros sindicatos en breve serán enviados a Melilla. Una vez más repetimos la excitación a todos los que puedan contribuir a esta empresa que tantos beneficios reportará a los soldados3.
Naqueles
anos vinte os sindicatos da Laracha tamén organizaban mitins con
certa frecuencia no municipio, como o
celebrado a comezos de 1923 en
Paiosaco, lugar onde por certo
tiñan
local os
gandeiros da
‘Junta comarcal del Reino de Bergantiños’ . Sobre
o devandito mitin daba
boa conta
A
Nosa Terra
informando
que asistiran “unha numerosa comisión de propagandistas cruñeses,
entr-os que podemos citar aos irmáns Peña Novo, Mosteiro, Casas e
Rodríguez Sabio, o noso querido amigo Joaquín Martín Martínez e
ademais
siñificados elementos da comarca bergantiñana, que eran portadores
de valiosas representacións, das que imos dar una pequena nota, pois
témol-a seguridade de non nos lembrar de todas. Pol-o
“Sindicato Agrícola e Gandeiro” de Vilaño, Generoso Cambón,
Antonio Lacip e José Rodríguez Cotelo; pol-o “Sindicato Agrícola”
de Lemozo (entendemos que se referían
ao
de Lemaio), Manuel Vidal e Generoso Varela; pol-o “Sindicato
Agrario” de Lendo, José Baldomir e José Arijón; pol-o
“Sindicato Agrícola” de Soandres, Antonio Mallo Landeira, Manuel
Gómez e José Queijo; pol-o “Sindicato Agrícola e Gandeiro” de
Montemayor, Antonio Río e Eduardo Canedo; pol-o
“Sindicato Agrario” de Golmar, Manuel Dubra e Generoso Queijo, e
pol-o “Sindicato Agrícola” de Coiro, Rogelio Suárez e Joaquín
Canedo. Tamén estaban presentes n-este grandioso acto, os siguintes
siñores: D. Manuel Sueiro Novo, cura párroco de Torás; D. Eliseo
Pet López, veterinario da Laracha; D. Ramiro Suárez Moreno e D.
Eladio González Cambón, que traían a representación dos agrarios
de Payosaco; D.
José Suárez Pais, coadjutor de Lestón; D. Manuel Iglesias
Silveira, de Soandres; D. Jesús Añón Canedo, coadjutor de
Pastoriza; D. Ricardo Vázquez Suárez, cura párroco de Lalín
(supoñemos que se referían a Larín), e D. Antonio Lancit Pet,
siñificado agrario de Vilaño (…) Moito denantes da hora siñalada
para o comezo do acto, xa se tiña xuntado unha numerosa e entusiasta
concurrencia, que subía de dúas mil persoas, e entre as que había
moitas mulleres (…) As
tres e media da tarde, da comezo o mitin, pornunciando unhas
elocuentes verbas en nome da comisión orgaizadora o Sr. Antonio
Lanci Pet, e coas que pregóu ao auditorio, que escoitase con
atención aos propagandistas chegados d-outras terras, para
esprical-o evanxelio liberador dos labregos de Bergantiños (…) Por
non poder asistir ao mitin arriba reseñado, enviou unha valente
adhesión, concebida en termos de gran patriotismo, o batallador
agrario e prestixioso médico da Laracha, Maximino Cacheiro Naveira,
que foi agarimosamente comentada por todol-os elementos que ocupaban
a
persidencia do mitin4.
Maximino Cacheiro Naveira (Foto do libro da súa autoría El tesoro del campesino. A Laracha, 1926)
Moitos destos sindicatos agrícolas tamén funcionaban como verdadeiras caixas rurais de cooperativas de crédito, con préstamos personais de responsabilidade solidaria e ilimitada de todos os seus socios. De feito, na segunda metade dos anos vinte o de Montemaior denominábase “Sindicato Agrícola y Caja Rural”, que probablemente cambiara a súa denominación tras ser expulsado da Federación Católico-Agraria da Coruña por “no haber satisfecho ni la cuota de 1924 ni la multa, ni haber siquiera contestado a las demandas que se le formularon5.”
Toca agora falar das organizacións obreiras, que na Galicia dos primeiros decenios do século XX son bastante máis débiles que as sociedades agrarias. Pero a súa presenza en centros industriais, como a ría de Vigo, ou en industrias de enclave, como a Fábrica de Tabacos e o Arsenal de Ferrol, é cada vez máis significativa. Nunha apreciación xeral das estruturas organizativas do obreirismo galaico, habería que destacar tres características. En primeiro lugar, o enorme peso que aínda teñen os sectores artesanais en moitas vilas e mesmo en cidades como Santiago de Compostela, o que confire gran protagonismo a organizacións de tradición gremial (canteiros, carpinteiros, etc.) en forma de “sindicatos de oficios”. En segundo lugar, a importante presencia que se detecta do traballador “simbiótico”, de aquel que é “obreiro” no campo e “campesiño” na cidade, unha condición que é moi perceptible xustamente na comarca de Vigo, sede de unha moderna industria pero de pequeno tamaño e con elevadas cotas de forza laboral feminina. E, en terceiro lugar, a enorme diferencia que en materia organizativa e ideolóxica se produce entre os grupos asalariados das zonas do norte da nosa xeografía (A Coruña, sobre todo), donde predominan os núcleos de inspiración anarquista, fronte á zona viguesa donde o arraigamento do socialismo da UGT é moito máis forte. Diversidade sindical que, certamente, esconde modelos diferentes de incorporación a unha sociedade industrial6.
Os anos de maior expansión das organizacións sindicais obreiras corresponden coa etapa que vai desde o comezo da I Guerra Mundial ata a Guerra Civil. É naquel entón cando se perfilan as bases da CNT e da UGT e cando se producen importantes mobilizacións obreiras, con folgas como a de 1917. O número de afiliados foi, porén, relativamente baixo, e débil a presenza social e política do proletariado industrial, ante a hexemonía que os problemas agrarios seguían tendo na sociedade galega de aquela época.
A conflictividade obreira dos anos 1916 e 1917 permitiría ir superando o localismo gremial e o asentamento dos grandes sindicatos. Das sociedades de oficios pásase a unha organización de carácter industrialista que aglutinaba os oficios segundo o ramo produtivo ao que estaban adscritos. Fundada en 1888 polo ferrolán Pablo Iglesias (que en 1879 xa intervira na fundación do PSOE), a Unión General de Trabajadores (UGT) foi unha desas grandes centrais sindicais, que agrupaba aos traballadores de tendencia socialista. Foi precisamente na cidade de Ferrol onde a UGT tivo máis fortes comezos. En efecto, en xaneiro de 1892 a ‘Sociedad de Hierros y Metales’ de Ferrol ingresa na UGT, nun proceso paralelo á creación da agrupación socialista local. Nestes momentos iniciais debemos resaltar a figura de Francisco Fernández García, sindicalista coñecido polo alcume de Pedrosa que en 1891 participara na creación da agrupación do PSOE en Ferrol. Decidido defensor dos dereitos dos traballadores e animador da prensa obreira local, na que destacaban cabeceiras como El Obrero (1891), La Voz del Obrero (1894) ou El Bien del Obrero (1900), as críticas efectuadas á patronal do sector naval no primeiro destes medios íano levar ao despedimento como mecánico do Arsenal. Desde aquel entón Pedrosa subsistiría como mestre de clases particulares, levando adiante entre 1890 e 1904 unha intensa obra asociativa e política coa creación de varias sociedades de resistencia. Pero a actividade de Francisco Fernández irá máis alá de Ferrol. En 1892 acompañará a Pablo Iglesias nunha xira por Galicia. Nas eleccións municipais de 1895 será electo concelleiro do Concello de Ferrol, converténdose no primeiro edil socialista galego e un dos primeiros de España. A labor deste pioneiro do sindicalismo socialista en España íase ver interrompida pola súa emigración a Arxentina en 19067.
Pola súa banda, a Confederación Nacional del Trabajo (CNT) nacera no ano 1910, entre os días 30 de outubro e 1 de novembro, en Barcelona. Este nacemento foi froito do segundo congreso do sindicato catalán Solidaridad Obrera co obxectivo de constituir unha forza alternativa ao sindicato maioritario por aquel entón, a socialista UGT. No noso territorio en 1911 houbo un intento de organizar unha Federación “Solidaridad Obrera de Galicia”, como expresión do sindicalismo anarquista, mais a tentativa, que seguía o modelo organizativo deseñado en Cataluña, base da propia CNT, non chegaría a consolidarse.
Deste xeito, habería que agardar ao desenvolvemento industrial xerado na Primeira Guerra Mundial en España, ao conseguinte protagonismo do proletariado fabril en Vigo, Ferrol e A Coruña e, sobre todo, ás mobilizacións obreiras dos anos 1916 e 1917, para que resurxira o desexo de organizar o anarquismo galego. Así, o 21 de agosto de 1922 crease a Confederación Regional Galaica (CRG) da CNT, nun congreso celebrado no salón Ideal de Vigo. Ao escoller a cidade olívica, os anarquistas facían patente o seu desexo de competir coa UGT, que tiña en Vigo un dos centros máis fortes de toda Galicia. A este primeiro congreso asisten 52 sociedades obreiras en representación de 25.256 afiliados da Coruña, Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa, Tui, Ferrol, Ourense, Vigo e Marín, entre outros lugares. Con este éxito de partida, aquí estarían xa as principais figuras do anarquismo galego: José Suárez Duque, Jesús Arenas (A Coruña), José Villaverde, Luis Holgado (Vigo), Manuel Fandiño, Ezequiel Rey (Santiago).
Neste primeiro momento, no seo da Confederación Regional Galaica (CRG) desenvólvese o mesmo debate que a CNT tiña a nivel xeral en canto ao seu modelo organizativo. Por un lado, a tendencia anarquista proclive a unha intervención revolucionaria inmediata, razón pola que propugnaban como base os “Sindicatos Generales de Trabajadores”. Por outra parte, a tendencia anarcosindicalista, preocupada por conseguir melloras para os obreiros e o desenvolvemento organizativo da CRG, polo que a base serían os sindicatos de industria ou ramo. A decisión final inclinouse polos “Sindicatos Generales de Trabajadores”, aínda que non excluía a creación de sindicatos de ramo alí onde houbera unha importante afiliación. A intervención da CRG sería inmediata. Así, podemos aprecialo nos sucesos de Sobredo8 de 1922, que se cobraría os primeiros mártires do anarcosindicalismos de Galicia 9.
Asunto máis difícl de rastrexar é a expresión corporativa de intereses sectoriais, desde a perpectiva dos propietarios agrarios, os comerciantes ou os industriais. Ámbitos de organización como as Cámaras de Comercio ou as ‘Ligas de Contribuyentes’ tiveron en Galicia continuidade coa tradición asociativa aparecida a finais do século XIX. Outras organizacións de ámbito estatal, como a ‘Asociación de Ganaderos del Reino’, actuaron en Galicia no comercio de exportación de reses de gando cara o interior peninsular, a través dos seus representantes en algunhas cidades galegas. Pero a patronal máis importante do período foi, sen dúbida, a ‘Unión de Fabricantes de Conservas de la Ría de Vigo’, constituída en 1905, que reflexa cabalmente a madurez deste sector industrial. Outras manifestacións desta capacidade asociativa floreceron de xeito especial na cidade viguesa, como foron a ‘Asociación de Industrias Pesqueras y Derivadas’ (que alentou a aparición da revista Industrias Pesqueras) ou a Liga Marítima de Bouzas 10.
Noutros sectores de actividade económica, como o traballo de oficios ou o sector comercial, tamén foron frecuentes as agrupacións do estilo de sociedades gremiais ou centros de dependentes de comercio, aínda que nunha dimensión menor do que foi, na España do momento, a organización corporativa máis emblemática, como foi o Centre Autonomista de Dependents del Comerç i de la Indústria (CADCI) de Barcelona, un dos grandes viveiros de cadros medios da política de Cataluña.
(CONTINUARÁ...)
____________________________________
1 O desastre de Annual foi unha grave derrota militar española na Guerra do Rif e unha importante vitoria para os rebeldes rifeños comandados por Abd el-Krim. Produciuse entre o 22 de xullo e o 9 de agosto de 1921, cerca da localidade marroquí de Annual, situada entre Melilla e a baía de Alhucemas. A batalla ocasionou a morte duns 11.500 membros do exército español, 8.500 españois e 2.500 rifeños leais ao Goberno encadrados en unidades indíxenas, máis da metade executados tras renderse.
2 Xabier Maceiras (2024); A Laracha e a cidade marroquí de Larache, https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2024/05/a-laracha-e-cidade-marroqui-de-larache.html
3 El Ideal Gallego, 18 de novembro de 1921, páx. 2.
4 A Nosa Terra, boletín quincenal, 1 de febreiro de 1923, pp. 4-5.
5 El Ideal Gallego, 27 de marzo de 1925, páx. 1.
6 Ramón Villares (2004): Galicia siglo XX, Dirección: Ramón Villares. Redacción: Ramón Villares, Prudencio Viveiro, Emilia García, Xosé Ramón Fandiño. La Voz de Galicia,, pp. 64-65.
7 Ibidem páx. 62.
8 Os Sucesos de Sobredo ocorreron o 28 de novembro de 1922 nese lugar da parroquia de Guillarei (Tui, Pontevedra), cando a Garda Civil disparou contra campesiños que protestaban contra o pagamento de impostos forais medievais, resultando co asasinato dos labradores Cándida Rodríguez González, Joaquín Besada e Venancio González Romero, coñecidos como os Mártires de Sobredo. A protesta formaba parte do movemento agrario contra os últimos vestixios do réxime da Restauración.
9 Ramón Villares (2004): Galicia siglo XX, Dirección: Ramón Villares. Redacción: Ramón Villares, Prudencio Viveiro, Emilia García, Xosé Ramón Fandiño. La Voz de Galicia,, páx. 63.
10 Ibídem, páx. 65.
Ningún comentario:
Publicar un comentario