Cando circulamos co noso coche pola estrada AC-552 en dirección a Carballo, á altura de Cabovilaño, uns 300 metros máis adiante do acceso á AG-55 e do Polígono Industrial da Laracha, no lugar do Cancelo de Abaixo encontrámonos coa Estación de Servicio San Marcos. Esta gasolineira, que pertence ao Grupo Valcarce, fundárana nos anos setenta Leonor Iglesias Varela e o seu home Manuel Rodríguez Areosa, negocio que xestionou o seu neto Marcos García Rodríguez ata hai pouco. Pois ben, alí, a pouca distancia dos surtidores de combustible, aínda se mantén en pé a cheminea do serradoiro que montara antes da Guerra Civil Pedro Iglesias Graña, bisavó de Marcos.
![]() |
| Panorámica da Estación de Servicio San Marcos na que podemos observar a cheminea que formaba parte do serradoiro 'dos da tendeira' |
Símbolo dunha época e testemuña da historia da Laracha de antano e de hogano, a cheminea é o elemento que une o noso anterior traballo de investigación, As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, co que levamos preparando dende o 2024 sobre os serradoiros do municipio. Seguramente construída con ladrillo fabricado polos cabaqueiros da Guarda e do Rosal nas telleiras larachesas existentes na primeira metade do século XX, ao pé dela traballaron ducias de persoas con miles de soños ou, simplemente, para poder manter a súa familia no día a día. Cando se levantaron estas construcións, a lei obrigaba a contar cunha altura mínima de seis metros, establecendo unha distancia de dous entre a saída e a parte máis alta do edificio. A nosa especial protagonista ten, segundo nos apuntou Marcos, uns dez metros de altura.
Icona arquitectónica do municipio (alomenos para quen escribe), convidamos ao lector a facer unha viaxe no tempo con ela no noso subconsciente durante a lectura desta crónica. Abertos, logo, a este canto á memoria e á imaxinación, se pechamos os ollos uns intres podemos ver como o serradoiro xa ten a cheminea lista para poñer en funcionamento as máquinas de vapor, serras de cinta ou sen fin e outros aparatos da fábrica de Pedro Iglesias Graña, de quen sabemos que nos anos vinte do século pasado xa se dedicaba ao sector madeireiro.
Pedro Iglesias nacera en 1890 no Cancelo de Abaixo (Cabovilaño) e de moi novo casara con Carmen Varela Sotelo, veciña do lugar da Xesteira, na parroquia de Lendo. O matrimonio establece o seu domicilio na casa del, lugar onde virían ao mundo os sete fillos do matrimonio: Mercedes, José, Santiago, Miguel, Pedro, María e a máis nova da prole, Leonor, nacida en 1930.
Con tantas bocas que alimentar o proxenitor dedicouse a traballar duro, moi duro, para sacar adiante aos cativos. Ao tempo, a súa muller Carmen facía o propio vendendo teas nas feiras da bisbarra, actividade polo que era coñecida como Carmen ‘a Tendeira’. A forza matriarcal dese alcume ía perdurar no tempo, abofé. Dende aquela época todos e cada un dos membros da familia foron coñecidos ata o último dos seus días como ‘os da Tendeira’, e mesmo o serradoiro do seu home Pedro, Pedro ‘da Tendeira’, tamén era coñecido familiarmente así.
Temos noticias de que na primeira metade dos anos vinte do século pasado Pedro xa tiña serradoiro en Proame1, como así consta na prensa da época a raíz dun incendio producido nestas instalacións que, parece ser, provocara un veciño da zona:
En Laracha, en la noche del 19 al 20 del corriente, un incendio destruyó una caseta que había contigua a la fábrica de aserrar maderas que allí tiene D. Pedro Iglesias Graña.
Por creerse autor del hecho ha sido detenido Antonio R., de 57 años de edad, vecino de Cabo Vilaño2.
Outro medio da Coruña, El Orzán, tamén se facía eco deste incidente e do posible autor dos feitos:
LARACHA
Como presunto autor del incendio de una caseta de la fábrica de aserrar de D. Pedro Iglesias Graña, situada en el lugar de Proame, fue detenido por la guardia civil el vecino de la parroquia de Cabo Vilaño Antonio R. R. Calcúlanse las pérdidas en 225 pesetas3.
Posteriormente, tras aqueles inicios neste lugar da parroquia de Lemaio, Pedro constrúe no Cancelo de Abaixo, ao carón do domicilio familiar, un novo serradoiro onde as cousas iríanlle realmente ben dende o principio. Un día si e outro tamén, a cheminea non paraba de fumegar dando saída aos fumes procedentes da combustión das caldeiras de vapor que facían posible o funcionamento. Naquel momento, ao igual que no resto de serradoiros do municipio, as madeiras que máis se procesaban no negocio de Iglesias Graña eran as de piñeiro, para ser distribuídas posteriormente por doquier pola Coruña e pola bisbarra.
Segundo nos contou a súa neta María del Carmen Rodríguez Iglesias, o noso homenaxeado tamén se dedicou á exportación de madeira durante algúns anos. “Meu avó relacionábase con empresarios da Coruña. Iso recórdoo ben porque ás veces levábame con el e xogaban as partidas no bar El Molino, que estaba en Santa Catalina. Nese local, e con esa xente, anos atrás xurdíralle a oportunidade de importar madeira. Meu avó era moi intelixente e sabía ben o que facía. Recordo que era moi querido e apreciado na Coruña. Polo que se contaba na casa, parece ser que quixo instalarse co negocio alá pero miña avoa non lle quixo marchar de San Román. El estivo un tempo así, indo e vindo da Laracha á Coruña polo tema da importación da madeira ata que, finalmente, deixou este negocio e seguiu traballando soamente no serradoiro do Cancelo”.
Naquela hora, nun momento da historia no que aínda non eran accesibles os motores a explosión, os sistemas de vapor cumprían o rol de poñer a industria en marcha. As caldeiras, que eran tanques de auga de máis de mil litros, funcionaban quentándose ata que a forza do vapor movía as serras de cinta, bombas e outros elementos como a afiadora “Antuñano” que había no serradoiro de Pedro ‘da Tendeira’, como así o comprabamos nun anuncio publicitario da época.
![]() |
| Publicidade da máquina afiadora de serras Antuñano na que figura o serradoiro de Pedro Iglesias Graña (La Voz de Galicia, 15 de setembro de 1932) |
Nos anos previos á Guerra Civil, época na que era o maior contribuinte por industrial da Laracha con domicilio no termo municipal, Pedro Iglesias Graña sufre o atentado dunha bomba na vivenda familiar no que, afortunadamente, non houbera que lamentar víctima algunha (Apéndice Documental n.º 1). Home de destacada rectitude e de ideais conservadores, uns meses despois de padecer aquel ataque, decide integrar o comité da CEDA4, creado no municipio a finais de 1934, ocupando o cargo de vicepresidente (Apéndice Documental n.º 2). Nese convulso contexto político e social, cando xa soaban os tambores da Guerra, polo que recorda a súa neta María, “miña avoa marchara para A Xesteira cos fillos pequenos e meu avó quedara resgardando a casa do Cancelo con algún dos seus fillos varóns”.
Naquela época o negocio familiar tamén sufriría un devastador incendio. Sobre este sinistro obtivemos información no sumario número 33 do ano 1937 instruido no xulgado de Carballo, causa que puidemos consultar no Arquivo do Reino de Galicia:
RESULTANDO: que en la madrugada del catorce de julio último y en una fábrica aserradero de maderas sita en el lugar del Cancelo, parroquia de Cabovilaño, propiedad de Pedro Iglesias Graña, se declaró un incendio que produjo daños tasados parcialmente en cuatro mil quinientas pesetas, resultando de las actuaciones sumariales que el hecho al parecer fué casual5.
Pedro ‘da Tendeira’ non ía tardar en levantar das cinzas o seu negocio. Pouco tempo despois, en base ás informacións da tese doutoral sobre a comarca de Bergantiños que Salvador Parga Pondal realizou por aqueles días, o seu serradoiro era o de maior productividade da Laracha, contando na segunda metade dos anos corenta cun total de 18 obreiros.6
Neses anos a maioría dos fillos de Pedro e Carmen xa saíran do niño familiar. A maior da prole, Mercedes, casara con José Zas Caamaño e establecera unha carnicería na Laracha (a primeira que houbo na capital municipal) que, polo que nos contou a súa sobriña María, seica vendía moita carne na Coruña.
José Iglesias Varela, Pepe para os seus amigos, era o maior dos fillos varóns. Nacera en 1914 e estaba casado coa arteixá María Naya Fernández, natural do lugar de Rodís, parroquia de Armentón. Nos anos duros da posguerra íase converter nun exitoso empresario madeireiro na Coruña da época. Melchor Freire Becerra, veciño de Larín (Arteixo) nacido en 1933, falounos do serradoiro que Pepe tiña na cidade herculina. “Na época de meu pai, e tamén na miña, vendímoslle algunha madeira a Pepe Iglesias, que tiña un aserradero entrando na rotonda da Grela, indo para A Coruña á esquerda, na zona onde está a Estrella Galicia pero un pouco máis para aquí”. Sobre a actividade madeireira do empresario do Cancelo, localizamos a seguinte información no Boletín Oficial do Estado do 15 de setembro de 1947:
DELEGACION DE INDUSTRIA DE LA CORUÑA
Nueva industria núm. 2.858
Peticionario: Don José Iglesias Varela.
Domicilio: Laracha.
Objeto: Instalación de una serrería mecánica.
Producción: Cuatro metros cúbicos diarios.
Esta industria empleará maquinaría y materias primas nacionales. Se hace pública esta petición para que los industriales que se consideren afectados por la misma presenten los escritos que estimen oportunos, debidamente reintegrados y por duplicado, dentro del plazo de diez días, en las oficinas de esta Delegación, calle Ramón de la Sagra, número 1, primero.
La Coruña, 19 de agosto de 1947.—
El Ingeniero Jefe, M. Pérez Alcalde.7
Uns anos despois, sempre coa viveza dun emprendedor e coa iniciativa que sempre o caracterizou, Pepe Iglesias diversifica a súa actividade empresarial e adéntrase no sector mineiro. Segundo nos contou o seu fillo Pedro “as instalacións mineiras e madeireiras lindaban habitualmente unhas con outras; tivo minas de volframio, estaño e titanio en Arteixo, Buño e Santa Comba e tamén traballou algo en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). E máis tarde tivo mina de ferro en Cabreiros, cerca de Vilalba (Lugo)”.
![]() |
| José Iglesias Varela coa súa dona María Naya Fernández (Cortesía de María Rodríguez Iglesias) |
O volframio galego fora un mineral estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial debido ás súas propiedades. En aliaxe co aceiro, aumentaba a súa temperatura de fusión, o que permitía fabricar proxectís con maior capacidade de perforación. Este mineral era crucial para a industria bélica, especialmente para a fabricación de blindaxes e armas. As minas de volframio íanse reactivar grazas á escalada bélica que se inicia coa Guerra de Corea (1950-1953), tempos nos que José Iglesias Varela entra a formar parte da xunta directiva do R.C. Deportivo da Coruña, entidade que presidiría dende agosto de 1954 ata novembro de 1956.
(...CONTINUARÁ)
____________________
APÉNDICE DOCUMENTAL
Documento n.º 1
Artigo publicado en El Pueblo Gallego o 9 de setembro de 1934, p. 10:
En la parroquia de Cabo Vilaño, de Laracha, fueron detenidos por la guardia civil Andrés M. L. y Perfecto M.R., como presuntos autores de la colocación de una bomba hace unos días en el domicilio de su convecino Pedro Iglesias Graña.
Documento n.º 2
Artigo publicado en El Ideal Gallego o 7 de decembro de 1934, p. 6:
Nuevo comité de la CEDA
HA SIDO CREADO EN LARACHA
La U.R.D. de La Coruña continúa su intensa labor de organización en la provincia, con las restricciones que el Estado de guerra impone, y hace unos días varios directivos de esta entidad se trasladaron a Laracha donde se fundó un nuevo comité adherido a la Ceda, integrado por destacados elementos de aquella localidad.
En medio del mayor entusiasmo y con el total beneplácito de las fuerzas derechistas de Laracha ha quedado constituído el Comité del siguiente modo: Presidente: D. Juan Mato Toja; vice: D. Pedro Iglesias Graña; secretario: D. Eladio Lamela Reino; vice: D. Eladio Suárez Canedo; D. Francisco Verdín Perira; contador: D. Francisco Areosa Castro; bibliotecario: D. Antonio Pacín Sánchez; vocales: D. Edelmiro González, D. José Caamaño, D. Constantino Iglesias Morales, D. Ramón Varela Iglesias, D. José Cambón Suárez y don Manuel Rey.
También los directivos de la JAP coruñesa realizaron interesantes gestiones y en vista del formidable elemento juvenil de Laracha, uno de estos días será presentado el reglamento al señor gobernador y será constituída definitivamente la directiva de la JAP.
__________________
1 Descoñecemos o lugar de Proame no que estaba ese serradoiro. Tamén cabe a posibilidade que fora o serradoiro de Caamaño ou o de Díaz e que estivera alugado durante certo tempo nalgún deles.
2 La Voz de Galicia, 4 de xuño de 1924, páx. 5.
3 El Orzán, 31 de maio de 1924, páx. 2.
4 Confederación Española de Derechas Autónomas.
5 Causa Audiencia Provincial. Signatura 52167 26. Arquivo do Reino de Galicia.
6 Vid. Salvador Parga Pondal (2010): Comarca natural de Bergantiños, Asociación de Desenvolvemento da comarca de Bergantiños, Buño, Malpica de Bergantiños, páx. 365.
7 Boletín Oficial del Estado nº 258, 15 de setembro de 1947.


