venres, 20 de decembro de 2024

A ESCOLA DE ERBOEDO

  Nas Crónicas da Laracha desta semana recordamos a antiga escola de Erboedo, un edificio que se edificou nos anos corenta do século pasado e que estivo en pé ata finais da década de 1980.

Panorámica dos anos anos 80 da escola de Erboedo (La Voz de Galicia)

   Antes da edificación deste centro educativo, segundo nos contou don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e doutras parroquias) nacido en 1934 en Paredes (Erboedo), a escola nesta freguesía impartíase na chamada casa grande do Igrexario, lugar no que deron clase Fidelina Seco Filgueiras, Manuel Barbeito Ramos ou, entre outras e outros, Perfecto Collazo Amado, mestre nacido no lugar da Pereira (Erboedo) en 1913 sobre o que falaremos máis polo miúdo ao longo das próximas semanas.

   Unha vez construído o edificio, o colexio de Erboedo dividiuse en dúas escolas separando aos nenos das nenas, tal e como marcaba o sistema educativo franquista. Anos despois pasou a ser unha escola unitaria mixta.

    A finais dos anos oitenta, catro décadas despois da súa construción, o local íase derrubar tras considerar os técnicos que era máis rendible construír un novo centro que reparar o xa existente, tal e como estaba previsto inicialmente.

   A Deputación da Coruña, dentro do plan de mellora das instalacións de ensino preescolar, ía destinar a este inmoble unha subvención de 958.051 pesetas, aportando o Concello da Laracha a cantidade restante ata completar o presuposto inicial de 1.965.000 pesetas.

   Na súa edición do 5 de outubro de 1988, La Voz de Galicia publicaba a seguinte información:

Hasta el momento no está estipulada la cuantía exacta de la inversión a realizar en esta escuela, a la que asisten una veintena de niños, puesto que el proyecto inicial era sólo de reforma. Estos días dichos alumnos están recibiendo las clases en un local cedido por un vecino de la localidad.1
La Voz de Galicia, 5 de outubro de 1988, páx. 27.

    O novo centro educativo, construído nas proximidades do antigo, poucos cursos ía funcionar como tal. O declive demográfico ía ser a causa do seu peche definitivo converténdose posteriormente no Centro Sociocultural da parroquia. Neste ano 2024 o edificio foi obxecto dunha rehabilitación integral, interior e exterior, executada polo obradoiro de emprego A Laracha VIII.

 

Panorámica actual do Centro Sociocultural de Erboedo

_______

1 Vid. La Voz de Galicia, 5 de outubro de 1988, Bergantiños, páx. 27.

Ningún comentario:

Publicar un comentario