venres, 27 de setembro de 2024

A TELLEIRA DE ANSELMO ÁLVAREZ (O CANCELO, CABOVILAÑO)

 Hai máis de cincuenta anos que Anselmo Álvarez Vicente abandonou A Laracha, mais despois de tanto tempo o seu recordo segue estando moi presente neste municipio, especialmente en Cabovilaño, parroquia na que traballou e residiu durante aproximadamente dúas décadas.

Anselmo Álvarez -á esquerda- e seu irmán Manuel na telleira do Cancelo (Cortesía de Elena Cividanes)

    Anselmo, nacido en 1906, era o fillo maior de Generoso Álvarez e Florinda Vicente Portela, matrimonio que residía no lugar da Proba (Salcidos, A Guarda) e que, á parte do noso protagonista, tamén serían pais de Ramón, Rogelio, Manuel, Flora e Sara.

    Generoso, telleiro de profesión, estivera certo tempo no Brasil exercendo o seu oficio nos estados de São Paulo e Paraná. Segundo o testemuño do seu neto José Manuel, viña cada dous anos á terra para ver a familia e nunha destas continuas idas e voltas ao país suramericano, levou canda el a Anselmo e a Ramón, os dous fillos máis vellos. Á volta definitiva do Brasil, Generoso empeza a traballar na Laracha, onde moi probablemente estivera anos antes, e explota a telleira da Matosa, en Coiro, na que seguirían traballando os seus fillos unha vez que el se xubilou.

    Anselmo casa nesa época con Elena Lomba Portela, unha moza de Salcidos uns anos máis nova ca el e que era sobriña neta dos fundadores de Cerámica Lomba, máis coñecida pola Cerámica das Cachadas. Pouco despois, en 1935, nace Sara, a única filla do matrimonio á que deciden poñerlle o nome da irmá máis nova de Anselmo1. A cativa vén ao mundo en tempos difíciles nos que a sombra da guerra toca os seus primeiros tambores, tempos nos que ía morrer Rogelio, que logo de sufrir unha grave enfermidade en Melilla finou no seu domicilio da Guarda.

   Nos primeiros anos da posguerra, tras botar unha temporada na Matosa como buxa, Anselmo abandona Coiro e fai sociedade con Marcelino Esmorís no Cancelo, lugar onde o seu novo socio é propietario dunha telleira. Certas discrepancias entre os dous levan ao noso protagonista a romper esa sociedade, establecéndose acto seguido nun terreo dos de Marta de Sande situado xusto ao carón da telleira do seu antigo socio Marcelino Esmorís.

    O terreo dos de Marta probablemente fora o mesmo no que traballara nos anos trinta José Freire Caamaño e posteriormente, nos primeiros anos corenta, José Varela Iglesias, mais é unha sospeita que non podemos aseverar e, polo tanto, ímonos centrar soamente na época na que Anselmo Álvarez Vicente estivo alí,sempre arrendado, á fronte da súa telleira2.

    Así pois, rota a sociedade co tío Marcelo, o guardés establécese pola súa conta na segunda metade da década dos corenta e pouco a pouco vai edificando alí as dependencias necesarias para a telleira, cortes para os animais e unha casiña na que comía e durmía co resto da súa cuadrilla, que durante os primeiros anos era xente do Baixo Miño. Algúns dos operarios que traballaron con el nesta primeira época no Cancelo foron seus irmáns Ramón, compañeiro de batallas no Brasil, e Manuel, que era dez anos máis novo que Anselmo. José Manuel Álvarez Martínez, fillo de Manuel, contounos que “á parte de meu pai, na telleira que tiña meu tío no Cancelo tamén traballou un que era de aquí do Castro que se chamaba Juanito da Campá ou Campanas e un tal Adriano 'o Casano', que era irmán de Fernando o chofer. Adriano era oficial”.

    As cousas íanlle ben a Anselmo, que vendía o que lle daba a gana por toda a bisbarra. O único problema era a familia. A súa muller Elena e Sara, a filla do matrimonio, quedaban na Guarda durante os cinco meses da temporada que el botaba na Laracha. Pasaba moito tempo sen velas e para remediar esta situación decidiu traelas para O Cancelo. Nesa época súa irmá Flora, casada co industrial portugués José Manuel Ferreira, tamén se establecera definitivamente co seu home e cos seus fillos no lugar da Barreira.

 

Foto tomada na telleira de Anselmo. Arriba, de esquerda a dereita: Maruja -unha muller da Laracha-, Sara -filla de Anselmo- e o propio Anselmo. Abaixo, na mesma orde: unha señora da Laracha, Elena Lomba Portela -muller de Anselmo- e a señora Florinda, nai de anselmo (Cortesía de Elena Cividanes)

   No seu novo domicilio, Sara, que estudara Corte e Confección, íase converter nunha modista de altura, como así o recorda unha das súas grandes amigas da Laracha, Julia Esmorís Rodríguez, 'Julia de Marcelo': Eu con Sara, que era máis nova ca min, seguín mantendo relación todos estes anos. Ela era modista, pero modista de alta costura. O meu fillo máis vello, José Manuel, que ten agora 63 anos, levábao para alí, para a casa deles, cando tiñamos que ir traballar á leira a esfollar ou a apañar nas patacas. Sara e súa nai Elena querían ao neno con locura”.

   Malia vivir na Laracha, Anselmo ía cada ano ao Baixo Miño contratar a súa cuadrilla de operarios. Un deles, José Álvarez Alonso, Pepe 'O Buraco', nacido en 1942 na Buraca, no lugar de Fornelos (parroquia e concello do Rosal) traballou con el en 1955 e en 1956, nunha época na que os cabaqueiros xa facían os desprazamento dun xeito ben diferente a como o facían os seus devanceiros. Pepe recorda que “cando fun ao Cancelo por primeira vez facíamos a viaxe en tren desde Vigo ata a Estación de San Cristóbal na Coruña e despois, desde alí collíamos o trolebús Coruña-Carballo, que creo que se inaugurara en 1950, e xa íamos ata A Laracha”.

  Aínda que en toda a bisbarra era coñecida como a telleira de Anselmo, o certo é que o buxa guardés puxéralle á súa pequena industria o nome da terra que o vira nacer: Cerámica La Guardia. Nunha ocasión ata compuxera unha copla moi ben artellada sobre o seu negocio, que utilizou como propaganda na revista das festas do San Xoán de Carballo do 55 ou do 56. A copla dicía así:

Para vinos el Ribeiro,

de Carballo el mejor pan,

para tejas y ladrillos

los de “La Guardia” en San Román.

 

Telleira de Anselmo (Cortesía de Elena Cividanes)

     Aquela promoción publicitaria moito dera que falar e mesmo teñen botado algunhas risas con ela no salón do Regado, o lugar no que paraban os domingos os telleiros que traballaban na de Anselmo. No 55 o oficial era Jesús Rodríguez Alonso, que era do Rosal. De tendedor estaba José Coello que era do lugar do Castro (Salcidos, A Guarda), mais por mor duns ataques epilépticos volveu para o Baixo Miño antes de rematar a temporada, ocupando o seu sitio de tendedor Pepe 'O Buraco', que ata aquel momento era o rapaz da cuadrilla, o que facía os recados e o que facía un pouco de todo. Domingo Rodríguez Lomba traballaba como carretilleiro e como pieiro, mais na metade da tempada abandonou a telleira e volveu para Pontevedra. Ao ano seguinte, en 1956, os únicos cabaqueiros baixomiñotos que traballaron na de Anselmo foron o oficial Jesús Rodríguez Alonso e Pepe 'O Buraco', que nesta temporada xa viñera axustado como tendedor. O resto da cuadrilla era da Laracha e entre eles estaba Floro Morales (o irmán de Machado) e Manuel Regueira Morgade, un mozo de Estramil coñecido polo alcume de 'Colón'. Anos antes tamén traballara algo Manolo, o fillo do ferrador do Regado, un rapaz ao que lle tiñan moita estima na telleira e que, segundo nos contaron diversas fontes, co andar do tempo rexentaría un restaurante en Marbella.

 

Telleira de Anselmo (Cortesía de Elena Cividanes)

    E por suposto estaba Elena, a muller de Anselmo, que traballaba como un cuadrilleiro máis botando unha man de xeito habitual en diversas tarefas. Á parte de atender a casa e de facer o xantar para toda a cuadrilla, que non era pouco traballo, tamén estaba na “churrera” cortando co arame e sacando o ladrillo para a carretilla, axudaba a encañar, embrazaba a tella cando estaba seca e logo recollíaa en brazadas de a dez levándoa para o pendello que había ao carón do forno. Ou mesmo axudaba a cargar os camións de Ricardo Cambón (pai dos propietarios da canteira do Quinto Pino de Pastoriza) ou de Olegario ou Manolo, fillos da señora Lola e do señor Gómez do Estanco, que eran os tres transportistas que máis traballaban coa telleira levando material a Cerceda, a Carballo ou a onde lle cadrase. A Elena, e a todas as mulleres que traballaron naquel mundo de homes, é de xustiza recoñecerlles os camiños que abriron entre a espesura na loita pola igualdade. 

 

Anselmo coa súa familia e con algúns operarios cargando material no camión (Cortesía de Elena Cividanes)

    Botando a vista atrás ata aquela segunda metade dos anos cincuenta, Pepe 'O Buraco' describiunos con detalle como era a telleira de Anselmo: “A casiña blanca que se ve nas fotos era onde vivía o matrimonio e a súa filla Sara e, xusto ao carón, había outro local para os operarios da cuadrilla. Estaba todo moi ben organizado e tamén había un pozo, un hórreo e un pombal. Para situar esa casiña, ti entras pola pista que hai ao lado do Estanco cara o Polígono e colles o primeiro desvío á esquerda. Pois xusto aí, de frente, estaba a telleira e a 70 ou 80 metros estaba a casa. Na parte de arriba había unha nave pequena, que cando chovía poñíamos a tella aí, e logo estaba a eira no medio e o forno á esquerda. A telleira estaba cara a unhas brañas e no fondo había un regato, dende o camiño que vai á esquerda que sae da gasolineira. Anselmo tiña un forno cadrado e tiña outro redondo, pero ese non funcionaba nunca. Non sei se eses fornos os construíu el ou se xa estaban alí antes de que arrendara o terreo. O forno no que se cocía estaba á esquerda, porque entre a telleira de Anselmo e a telleira de Marcelo había un camiño de servidume por alí abaixo, que creo que ese camiño agora xa non existe”.

 

Casa e dependencias da telleira de Anselmo (Cortesía de Elena Cividanes)

    Rematada a temporada de verán, ao igual que fan as andoriñas, os operarios do Baixo Miño volvían para as súas casas. Durante os invernos, Anselmo ía vendendo o sobrante de material que vendía directamente nas feiras ou que depositaba nas tendas e ultramarinos da bisbarra, nesas tabernas ou baiucas de antes nas que tanto podías xogar unha partida, tomar unha cunca de viño, comprar unhas zapatillas, un pouco azucre ou mesmo unhas tellas ou uns ladrillos que Anselmo, e os outros telleiros da Laracha, ía repoñendo a medida que os taberneiros esgotaban o material.

    A Sara non lle faltaba traballo durante o inverno e o verán confeccionando roupa e mesmo dando clases de moda alí no seu domicilio, onde non foron poucas as mozas da contorna que aprenderon a coser con ela. E Elena, durante os longos invernos atendía a casa e un negocio que tamén lles daba un peso a ganar: a venda de ovos.

    A partir da segunda metade dos cincuenta os operarios de Anselmo xa eran na súa maioría da Laracha. Alí traballaron algúns dos irmáns Morales Cotelo e xente de Cabovilaño e da zona de Estramil. Con todo, seguían vindo algúns rapaces do Baixo Miño, caso de Rafael Dorado Senra, nacido no Rosal en 1945 e que traballou na telleira de Anselmo cando tiña 15 anos, é dicir en 1959 ou en 1960. “Na época na que eu estiven alí, á parte do señor Anselmo, tamén traballou un tendedor do Rosal que se chamaba Benjamín Flores e un rapaz da Laracha que non me acordo do seu nome. A señora Elena daquela xa pouco traballaba na telleira. Tiña moitas galiñas e víñanlle buscar os ovos. No tempo que estiven na Laracha case pasei máis tempo traballando no galiñeiro que na telleira”.

 

Telleira de Anselmo (Cortesía de Elena Cividanes)

   Sempre que podían Anselmo, Elena e Sara ían á Barreira visitar a tía Florinda, que a pobre quedara cega nos últimos anos da súa vida. A nai de Anselmo vivía alí no domicilio da súa filla Flora e do seu xenro, o industrial José Manuel Ferreira. A tía Florinda ía morrer precisamente na Laracha e está enterrada no panteón que a familia Ferreira Álvarez ten no cemiterio parroquial de Santa María de Torás.

    Tras máis de dez anos vivindo coa súa familia no Cancelo, sobre a segunda metade da década dos sesenta (ou se cadra un pouco antes), Anselmo e os seus abandonaron o terreo dos de Marta nun abrir e pechar de ollos. A casa e as dependencias que el construíra alí non tardaron en derrubarse e, pouco a pouco, o lugar foi quedando a campo, resultando difícil de entender para as persoas que descoñecen o pasado deste lugar que alí houbera vida e movemento durante tanto tempo tempo.

   Julia Esmorís Rodríguez recorda que “ao deixar O Cancelo estiveron un tempo vivindo na Laracha e despois xa marcharon para Pontevedra”. Seu irmán Pedro Esmorís Rodríguez, veciño e competencia do noso protagonista nos 40 e nos 50, opina que Anselmo marchou de aquí porque estaba moi apretado, tiña moi pouco sitio. Pensa que de aí para alá, onde están as árbores, era de meu a tamén e el, claro, estaba encerrado nese curriño. O forno tíñano onde está a caseta, a casiña esa que hai no medio. O forno del tiña a espalda para a nosa finca e a entrada era para o lado de alá, que era onde lle quedaba a telleira. Ao marchar Anselmo, o alpendre que tiña ao carón do forno caeu e despois eso quedou abandonado e xa non se traballou máis. Anselmo naquela hora, se papá lle alquilara un cacho de terreo, penso que non marchaba. A finca deles xa non tiña barro porque xa estaba toda minada”.

 

Panorámica actual do lugar onde estaba a telleira de Anselmo

    Despois da súa longa etapa na Laracha, Anselmo e a súa familia volven para A Guarda para coidar a súa sogra María, que non tardou en falecer. Ao pouco apareceulle un choio no sector no que levaba toda a vida para traballar como encargado nunha fábrica de cerámica en Numancia de la Sagra, municipio da provincia de Toledo. Alí Anselmo fixo novas amizades e mesmo foi, segundo nos contou a súa neta Elena, padriño dun cativo da vila. Nesa fábrica3 ía traballar ata que se xubilou. O noso homenaxeado pasou os últimos anos da súa vida na Guarda recordando os tempos vividos no Brasil, en Toledo e por suposto na Laracha, municipio que sempre estivo presente na súa mente ata o último dos seus días. Anselmo faleceu en 1993 aos 87 anos de idade. O seu espíritu estará moi presente no acto de presentación do libro “As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño” que o Concello da Laracha organiza mañán, sábado 28 de setembro, nas inmediacións do lugar onde este telleiro do Baixo Miño tiña a súa telleira.

 


________________

1 Sara, a irmá máis nova de Anselmo, andando no tempo emigrou ao Brasil e xa nunca máis regresaría á súa terra de nacemento.

2 Tamén temos informacións que indican que entre finais dos anos 20 e principios dos anos 30, Manuel Oliveira e Juan Martínez Caamaño estiveron á fronte dalgunha telleira en Cabovilaño. Mais os documentos consultados non concretan o lugar exacto no que estaban esas “fábricas de ladrillo y teja”.

3 Esa fábrica tivo, tristemente, moita repercusión mediática na década dos 90 (cando xa levaba anos abandonada) por ser o lugar no que apareceu o cadáver de Anabel Segura, secuestrada uns días antes do seu asasinato.

venres, 20 de setembro de 2024

A TELLEIRA DOS DE MARCELO (O CANCELO, CABOVILAÑO)

  Nas Crónicas da Laracha da semana pasada contamos que o guardés Anselmo Álvarez Vicente estivera traballando durante varios anos con seu pai e seus irmáns Manuel e Ramón na Matosa e que, tras a xubilación do proxenitor, pasou a ser el o patrón desta telleira. Mais as cousas alí non lle saíron excesivamente ben, se cadra pola súa inexperiencia como buxa, e decidiu probar fortuna no lugar do Cancelo, onde se asociou con Marcelino Esmorís Cambre. 

   Nacido en Arén (Cabovilaño) en decembro de 1900, Marcelino, máis coñecido entre as súas amizades polo nome de Marcelo, emigrara aos 15 anos a Cuba, onde permaneceu case un lustro cortando cana de azucre. Tempo despois volve ao país para realizar o servizo militar e, cumpridas as obrigas castrenses, casa en 1926 con Jesusa Rodríguez Cambón, natural da Panela (Vilaño). Tras darse o “si quero”, o matrimonio monta unha taberna na mesma casa na que virían ao mundo os seus nove fillos (oito homes: Pepe, Pedro, Manolo, Eliseo 'Liso', Marcelino 'Maíno', Moncho, Paco e Chucho, e unha muller: Julia). E así foron tirando durante oito longos anos.

 

Jesusa Rodríguez e Marcelino Esmorís (Cortesía da familia)

    Marcelo desfíxose máis tarde da taberna e comprou dous bois para transportar madeira de piñeiro para a fábrica de Pedro Iglesias, adquirindo posteriormente, xusto detrás do seu domicilio, un forno de cocción de ladrillo e tella por 150 pesetas do cal tivemos coñecemento grazas a unha entrevista que lle realizou o xornalista Guillermo Pardo ao noso protagonista, entrevista publicada en La Voz de Galicia o 26 de febreiro de 1984 (Podes ver a entrevista aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2023/11/charla-con-marcelino-esmoris-nun-dia-do.html)

     Para obter máis información sobre o devandito forno e da telleira en cuestión, contactamos cun dos nove fillos de Marcelo e de Jesusa, con Pedro Esmorís Rodríguez. Nacido no Cancelo en 1929, Pedro apuntaba que “cando papá emigrou a Cuba seus pais, que tiveran tres fillos (unha muller e dous homes), estaban de caseiros en Arén e el mandaba cartos desde aló para ir comprando o lugar. Ao mellor, aí detrás da casa, xa había algunha telleira antes de que el comprara, pero eu eso non o sei. O que si che podo dicir é que na nosa telleira, antes de fabricar nós nela, traballaron uns que eran da Guarda ou desa parte. O terreo era de papá a mais do abuelo e os de Pontevedra viñan contratados. Papá ía alá a contratar ao oficial e este home encargábase despois de buscar ao resto da cuadrilla. Durante os cinco meses que botaban aquí vivían nunha chaboliña que tiñamos nós aí na telleira. Papá estivo traballando con eses telleiros varios anos. Levábase moi ben con eles, pero despois, non sei moi ben o motivo, deixaron de vir. Esto creo que foi na época da Guerra porque aínda se decía que, algúns dos operarios que traballaran aquí, andaban escapados e disque marcharan para Portugal para non ir á Guerra. Eran as lerias que se falaban naquel tempo”.

   Debeu ser nos primeiros anos da posguerra cando Marcelino Esmorís Cambre se asociou con Anselmo Álvarez Vicente. O primeiro posuía a materia prima e o segundo a experiencia para fabricar tella e ladrillo macizo. A sociedade ía durar varios anos e mesmo traballara con eles durante algún tempo Ramón Álvarez, irmán de Anselmo que seica era moi bo tendedor.

    Mais un día, logo de haber certas discrepancias, cada unha das partes colleu o seu propio camiño, iso si, non moi lonxe o un do outro, xa que Anselmo montou a súa propia telleira xusto ao carón da de Marcelo, que continuou fabricando tella e ladrillo coa súa numerosa prole.

 

Fotografía do voo americano do ano 1956 do lugar do Cancelo. O nº 1 corresponde á telleira de Machado; nº 2, telleira dos irmáns García Marta; nº 3, telleira de Anselmo; e nº 4, telleira dos de Marcelo (https://mapas.xunta.gal)

    Foi nesa mesma época cando Marcelo soubo, por un anuncio, que se vendía en Xaén unha máquina de fabricar ladrillo oco, que entre as xentes do sector da cerámica eran coñecidas como churreras” por ter un proceso de fabricación semellante ao empregado para facer churros. Marcelo pensou que era unha boa oportunidade para incrementar a produtividade do seu negocio. Julia Esmorís Rodríguez recorda que “a churrera era moi cara e os cartos pedírallos prestados ao banco do Castro, que era unha casa bastante podente de aí do Castro na que nunca faltaba papel. Se non o tiñan no momento mandábanche ir aos dous días”. E así, cos cartos no peto alá foi Marcelo a Xaén comprar a devandita churrera”, que, polo que recorda o baixomiñoto Pepe 'O Buraco', “era moi moderna para aqueles tempos porque tiña dúas bocas e podías traballar mellor e fabricar o doble. Metías barro por un lado e, cando se acababa nese lado, xa podías ir metendo polo outro. A que tiña Anselmo era dunha soa boca”.

    A familia Esmorís Rodríguez facía ladrillos a moreas coa “churrera” e mesmo pensaron na posibilidade de seguir modernizando a súa pequena industria con outros inventos como estaba facendo nese momento José Manuel Ferreira na súa telleira. O empresario portugués ía visitar con frecuencia o seu amigo Marcelo Esmorís e seica lle dicía:

- Marcelo, pon uns motores, ho! Cos fillos que tes ti, man de obra xa a tes!

    Pero Marcelo non quixo poñer máis modernidades na telleira, xa lle parecía dabondo a churrera, e seguiu traballando de xeito tradicional. Era un home de prestixio social, adquirido en gran medida polo feito de estar en Cuba e tamén na guerra de Marrocos. Nos duros anos da posguerra Marcelo, que tiña moito peso naquela sociedade, era o que se encargaba do racionamento en Cabovilaño, feito que seguramente axudaba a colocar ou vender a cerámica que se fabricaba na súa telleira. Ademais, no seu domicilio cargábanse acotío camións de patacas e fabas para os cuarteis da Coruña, cidade na que tamén vendían algún material, como así nolo recordou Pedro Esmorís. “Naqueles tempos na Coruña aínda se retellaba moito con tella. Había un señor que tiña un almacén de materiais de construción e todos os anos nos levaba un camión de tella”.

    Home de gran temperamento e moi forte fisicamente, o traballo duro da telleira era cousa de Marcelo. Cavaba no barreiro, pisaba o barro na pía… e tamén facía de oficial, sen chegar a ter nunca a man e a rapidez dos oficiais de Pontevedra que contratara anos antes. A súa muller Jesusa, traballadora como poucas, disque tendía na tella que daba gusto vela.

    A medida que cada un dos nove fillos ían tendo idade suficiente para botar unha man na telleira, non lles quedaba outra que traballar alí para contribuír á subsistencia da familia. Os máis novos realizaban as tarefas máis liviás e os maiores extraían a arxila do barreiro, amasaban o barro na pía ou traballaban con seus pais na churrera fabricando ladrillo oco. Julia, a única muller dos nove irmáns, era a que atendía a casa e a que coidaba dos irmáns máis pequenos para que súa nai Jesusa puidese ir á telleira. Nunha conversa mantida con ela no verán do 2023 recordaba que “ás veces ía axudar a virar o serrín que se utilizaba para cocer o material no forno. Había que viralo para que secara ben. Tamén axudaba cando se nublaba o tempo e empezaba a chover e había que recoller a tella tendida ou o ladrillo, aí si que teño botado unha man. Se cadra chovía e veña, todos a correr, todos a avisar os uns aos outros, como fora, que daquela non había teléfonos, e correndo para alí. Cantas veces se ten perdido a produción pola choiva… e claro, Marcelo botaba pestes! Eu era a única muller de todos os irmáns e a min tocábame facer o traballo da casa porque miña nai traballaba coma un home na telleira. Mamá prefería traballar nas leiras e na telleira que nas labores da casa e por iso eu, desde que tiña 4 ou 5 anos, tiven que facer as tarefas domésticas e encargábame de cociñar. A telleira estaba xusto detrás da casa e cando tiña o xantar listo saía por aí, pola horta, e berráballes:

- Vide comer!”.

 

Imaxe dos anos 70 da casa dos de Marcelo (Arquivo do Reino de Galicia)

    O tempo vai pasando e, lei de vida, algún dos paxariños foron abandonando o niño familiar, caso de Pepe, que casou de moi novo na Teixoeira (Cabovilaño) e xa non quixo saber nada da telleira dende que empezou a traballar no serradoiro do Regado, na de Pallas.

    Os que non abandonaron o niño continuaron traballando na telleira baixo o mando de seu pai Marcelo, xenio e figura, como así o recorda o seu fillo Pedro con certa retranca: Papá dirixindo non había outro coma el. E sabía mandar de marabilla. O día que había festa dicíame:

- Pedro, queres ir á festa, non?

- Home claro! A todas, papá!

- Pois mira, cando fagades 3.000 tellas, marchades!

Me cago en… e facíamolas, eh… e ás seis da tarde xa estabamos camiño da festa”.

    Acabada a temporada de verán na telleira, os de Marcelo tiñan sempre unha pilastra de material feito que ían vendendo durante o inverno polas casas adiante e nas feiras da bisbarra. Volvendo a vista atrás, Pedro contounos que naquela época vendíase o que quixeras. Ao acabar a Guerra, vendíanse ata cachos de ladrillo porque se construían moitas casas. Eu ía á feira de Meirama a mais á de Vista Alegre cunha tella e un ladrillo de mostra. Os albaneis xa me coñecían e, claro, convidábalos a un vaso para que che compraran. Á feira de Carballo pouco íamos. Non era necesario porque eramos coñecidos por meu pai. O seu nome era largo na comarca porque era un tipo que estaba metido en todo tipo de historias. Papá tamén vendía material en Cerceda e ocasionalmente ten ido ata a Agualada”.

    E así foron pasando os duros anos da posguerra. Durante os invernos traballaban as terras, atendían o gando, vendían algún cuxo, fabas, patacas... Todos ían sachar nas leiras; ou a dicir verdade, uns ían máis que outros porque o tío Marcelo, grande afeccionado á caza, era raro o día que non tivese algunha ocupación na Laracha, onde era concelleiro da corporación municipal. E nos veráns os Esmorís Rodríguez volvían facer tella, ladrillo macizo e ladrillo oco na churrera”. Marcelo fabricaba no banco, os fillos tendían e facían un pouco de todo e Jesusa tanto traballaba na cortadora da churrera” como de carretilleira para levar os ladrillos feitos para secar nos regales, e mesmo tamén facía de oficial no banco, como así nolo contou súa filla Julia: “Mamá facía na tella que daba gusto vela, dáballe que facer aos que poñían a tella a secar. Era a número un”.

   Sobre o ano 1946 Pedro dille a seu pai que se quere poñer el á fronte da telleira, pagándolle unha retribución ao proxenitor polo arrendamento do terreo. Nesa altura Anselmo Álvarez, que lle compraba o barro a Marcelo malia as diferenzas existentes entrambos os dous, quería que Pedro traballase para el. “A min -recordaba Pedro- naquela época empezárame a picar moito o verme do barro e díxenlle a Anselmo que non, porque eu xa tiña na mente poñerme pola miña conta. E faleille desta idea a meu pai:

- Papá, quero levar eu a telleira.

- Pero Pedro, ti es un rapaz e es moi novo.

- Bueno, ti déixame, papá!

    E deixoume. O primeiro ano que collín eu a telleira traballei cun rapaz que era de aquí do Cancelo e que lle chamabamos 'O Coxo'. Era moi amigo meu. Pagáballe o que me ía parecendo. Este 'Coxo' era primo de Machado e era moi bo traballador. Empezamos aí os dous dándolle duro, que eu daquela facía no banco 3.500 ou 4.000 tellas e ao ano seguinte xa traballamos con cinco ou seis personas... e xa lle facíamos competencia a Anselmo”.

     Pedro era naquela hora o encargado, o que mandaba, e se había que botarlles un berro aos máis novos pois tamén se lles botaba. Ás veces nin era necesario berrar, un simple xesto abondaba. O da telleira era un traballo bastante duro. Eramos unha pila deles na casa e había que estar a todo. Unha vez estabamos na festa de Vilaño, caeron dúas pingueiras e xa non tiña falta de berrarlles aos obreiros e a meus irmáns. Corríamos todos para a a telleira a recoller”.

    Con el á fronte, seu pai Marcelo pisaba pouco a telleira (excepto no tempo que Pedro realizou o servizo militar), ao contrario de súa nai Jesusa, que laboralmente estaba á altura dos experimentados telleiros do Baixo Miño. E por suposto tamén contaba coa axuda dos irmáns que aínda non abandonaran o niño familiar. Ademais, ocasionalmente, algúns rapaces da parroquia ían gañar unha peseta arando no serrín para que estivese ben seco antes de utilizalo no forno no que cocían dúas ou tres veces durante todo o verán. Pedro Esmorís díxonos que “primeiro cocíase con leña de toxo e despois pasouse ao serrín, que estaba tirando dous días para cocer. Nós tiñamos un forno grande que levaba 40.000 pezas e outro máis pequeno con capacidade para 25.000. No grande botabas dous días e unha noite cocendo. O material íase recollendo cando estaba seco e logo almacenábase. Cando tiñamos material dabondo encañabamos e despois… lume! O forno había que tapalo por riba”.

 

Pedro Esmorís Rodríguez na época na que realizou o servizo militar. Na parte superior da imaxe vemos a seus pais Marcelo e Jesusa (Cortesía da familia)

    As cousas íanlle ben a Pedro, e ata houbo un momento no que estivo a piques de acometer unha innovación poñendo dous motores na telleira como tiña Ferreira na súa. “Menos mal que non o fixen porque ao pouco veu Epifanio e daquela iso sería a ruína”. Pedro estivo á fronte da telleira ata 1954, ano no que emigrou a Venezuela. “Cando marchei, Virxe do Carme, deixei tella e ladrillo aí para facer non sei cantas casas. Ese material quedoulle a papá e despois el foino vendendo”.

    Precisamente, na época na que Pedro marchou a Venezuela foi cando pisou A Laracha por vez primeira un dos grandes protagonistas do libro "As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño", o rosalés Pepe 'O Buraco', que nos contou que “non cheguei a ver a Pedro no Cancelo porque el marchou no 54 e eu estiven alí no 55 e no 56. Recordo que o que facía de oficial na telleira deles era o señor Marcelo, que era algo lento facendo na tella, e quen lle tendía era un dos fillos. A súa muller, a señora Jesusa, era quen lle cortaba o ladrillo na churrera. Pepe Machado tamén traballou con eles cando eu estaba alí, non recordo se no 55 ou no 56”.

    Pouco despois Marcelino Esmorís Rodríguez 'Maíno', asociouse con Pepe Machado durante un verán, posiblemente en 1957, sendo esta a última ocasión na que se fabricou nesta telleira. O lugar non ía tardar en ser escenario de grandes partidos de fútbol do Cabovilaño, que precisamente xogou durante algún tempo no chamado Campo da Telleira cun once integrado por algúns rapaces que primeiro foran telleiros e agora soñaban con seren futbolistas.

 

Equipo do Cabovilaño a finais dos anos 50 no Campo da Telleira. Segundo diversos testemuños, as instalacións que se ven ao fondo corresponden á telleira dos de Marcelo (Cortesía de Manolo López)

    O Campo da Telleira, a antiga telleira dos de Marcelo, tamén foi o lugar no que se celebraron as festas parroquiais ata mediados dos anos 70, ata que se empezaron a facer detrás do Estanco, nos terreos da antiga telleira de Machado.

    O terreo dos de Marcelo foi quedando a campo. Nalgunhas zonas da leira, nos buratos dos barreiros feitos durante décadas, as ras puxeron durante as noites de verán a banda sonora a varias xeracións de veciños do lugar, entre eles Marcelino Esmorís Rey, neto e afillado do tío Marcelo, que moito nos axudou na procura de información sobre o pasado da súa familia e que aínda se acordados buratos que había de cando fora a telleira de meu avó e que tivemos que tapar nós”.

   Na actualidade na casa dos de Marcelo aínda queda algunha ferramenta daqueles tempos de fabricación de cerámica e abofé que manteñen ben vivos os recordos da telleira e da lendaria “churrera”. Josefa Rey Añón, viúva dun dos fillos de Marcelo e Jesusa, de Paco Esmorís Rodríguez, recordaba que “a churrera botou moitos anos na casa e acabou na chatarra. Miña sogra Jesusa dicía sempre que criaran aos fillos a conta da telleira. O barro de aquí do Cancelo seica era moi bo, eso dicíamo a min o meu home Paco, que na telleira traballaba como tendedor. Na casa aínda se conservan tellas feitas por eles na súa telleira e un molde para fabricalas”.

 

Gradilla que se utilizou durante moitos anos na telleira dos de Marcelo e que conserva no seu domicilio Marcelino Esmorís Rey