xoves, 8 de agosto de 2024

MARA QUEIJO, UNHA LARACHESA NA ARXENTINA

  Hai unhas semanas que rematou a Eurocopa 2024 celebrada en Alemaña na que España venceu na final a Inglaterra por 2-1. Mais iso é presente e, como ben sabedes, nestas Crónicas da Laracha préstanos máis contar historias do pasado. E precisamente hoxe queremos contar unha anécdota futboleira acontecida tamén en Alemaña, neste caso no Mundial de 1974, hai exactamente 50 anos.

  Pechade os ollos uns segundos por favor. Ímonos teletransportar ata a tempada 1973/74, que quedou reflectida nos anais da historia deportiva polo infortunio do Atlético de Madrid dos Luís Aragonés, Javier Irureta, Gárate e compañía na final da Copa de Europa, na que o cadro colchoeiro se enfrontou no estadio Heysel de Bruxelas ao Bayern de Múnic, daquela comandado polo lendario Franz Beckenbauer e adestrado por Udo Lattek, un técnico que non tardaría en levar as rendas do F.C. Barcelona.

    Dado que ao remate dos noventa minutos regulamentarios se chegou con empate a cero no marcador, houbo que xogar unha prórroga na que o electrónico seguía sinalando 0-0 no descanso. Cando tan só faltaban seis minutos para o remate, Luís Aragonés anotaba o 0-1, gol co que os atléticos se vían gañadores e xa case acariciaban o título. Mais, ao pouco, cos da camiseta branca e vermella saboreando xa o triunfo, o Bayern empatou o partido na última xogada do último minuto daquela maldita prórroga: 1-1. Neses tempos e nestes casos, os títulos non se decidían na quenda de penaltis, había que xogar un partido de desempate, encontro que se disputou dous días máis tarde no mesmo escenario e no que os alemáns se impuxeron por un contundente 4-0 ao equipo madrileño.

    Ás poucas semanas, o 7 de xullo de 1974, Maier, Schwarzenbeck, Beckenbauer, Breitner, Hoeness e Müller, é dicir, a columna vertebral do Bayern de Múnic, volvía levantar outro título: o da Copa do Mundo de Alemaña, que os teutóns conquistaron tras vencer, nunha memorable final, á sensacional Laranxa Mecánica de Johan Cruyff por 2-1.

    Mais naquel Mundial do 74, no que non estivera presente España, se houbo unha selección que moitos veciños da contorna seguiron con especial interese, particularmente os da Laracha, esa foi Arxentina, xa que o seu capitán, o defensa Quique Wolff, non había moito tempo que casara coa larachesa Mara Queijo, unha muller que a principios da década dos 50, sendo unha cativiña de 3 anos, emigrara con seus pais Arturo e Amparo ao continente americano. 

  Mara Queijo nacera na Laracha, na parroquia de Vilaño. Seu pai, Arturo Queijo Posse era de Golmar e era fillo de Rafael Queijo Pérez e de María Posse Varela. Súa nai, Amparo Rodríguez Cambón era natural da Panela (Vilaño) e era filla de José Rodríguez Cotelo e Modesta Cambón Ramos. Unha irmá de Amparo, Jesusa Rodríguez Cambón, casara en 1926 con Marcelino Esmorís Cambre, matrimonio que tras darse o “si quero” montou unha taberna na súa casa do Cancelo (Cabovilaño), vivenda na que actualmente vive o seu neto Marcelino e a súa nora Josefa. Xa vos adianto que Jesusa é unha das grandes protagonistas do libro As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, no que levamos dous anos traballando en colaboración co Concello da Laracha e que presentaremos a finais de setembro.

   Mara coñece ao seu futuro marido aos 18 anos, cando os dous cursaban en Buenos Aires estudos de secundaria, e casarían en 1971, sendo el futbolista do Racing Club, o seu primeiro equipo. Curiosamente, ao mesmo tempo que Wolff estaba concentrado coa albiceleste para disputar o Mundial de Alemaña, nacía a primeira filla do matrimonio, Carolina, un bebé que seu pai non vería ata tres meses despois do seu nacemento.

    Quique Wolff, que xogou o Mundial de 1974 sendo futbolista do River Plate, tras a cita mundialista asina un contrato de tres tempadas coa U.D. Las Palmas e posteriormente, en 1977, ficha no Real Madrid, onde consegue dúas Ligas e unha Copa do Rei xunto a grandes futbolistas como Camacho, Del Bosque, Juanito, Pirri ou Santillana.

    Tras dúas campañas no cadro madridista xogando a un altísimo nivel, en 1979 regresa ao seu país natal e ficha no Argentinos Juniors, club no que comparte vestiario durante un par de anos cun rapaz que xa empezaba a asombrar ao mundo: Diego Armando Maradona.

  Wolff asina en 1981 co Club Atlético Tigre para xogar na Primeira B, sendo este o último equipo da súa carreira profesional. Retirouse cando só tiña 31 anos. Posteriormente ía ser recoñecido por conducir o exitoso programa “Simplemente fútbol” que gañou varios premios e por comentar partidos para ESPN.

   Mara e Quique tiveron catro fillos máis (Valeria -nacida en Canarias-, Juan Cruz, Pedro e Wendy) e hoxe son avós de sete netos, unha familia á que agardamos ver algún día pola Laracha coñecendo a terra de nacemento de Mara. 

 

Á esquerda Mara Queijo e Quique Wolff, que aparecen na imaxe xunto aos lendarios Alfredo Di Stéfano e César Luis Menotti (Foto de Mara Queijo)

Quique Wolff na súa etapa no Real Madrid

Ningún comentario:

Publicar un comentario