xoves, 22 de agosto de 2024

"MOITO QUE CONTAR" DE MONCHO VIÑA

  O día 25 de xullo de 1971, coincidindo coa celebración do Ano Xacobeo, RTVE inauguraba a súa delegación en Galicia, que inicialmente estivo emprazada nun piso da compostelá rúa do Vilar ata que se trasladou, anos máis tarde, ao Pazo de Raxoi. En 1974 nacía o programa pioneiro dos informativos rexionais en España: Panorama de Galicia, marca histórica da casa creada por Luís Mariñas, o xornalista coruñés que adiantou a televisión democrática e con quen a lingua galega se usou por vez primeira en televisión. A ese espazo de desconexión autonómica seguirían pronto outros espazos informativos e de entretemento, como o ‘Telexornal’, que continúa hoxe en antena. O centro territorial de TVE en Galicia chegou a ter catro horas e media de programación, fronte aos trinta minutos actuais.

  Naquela altura non había a cantidade inxente de canles que existen hoxe e o que saía na pequena pantalla facíase moi moi grande. As catro horas e media de programación eran un mundo e daban para moito, abofé! ¿Lembrades as presentadoras e os presentadores de Panorama de Galicia? Se tedes máis de 50 anos de idade, de seguro que lle poñedes cara a algúns dos profesionais da comunicación que xa forman parte da historia da televisión. Falamos, por exemplo, de Tareixa Navaza (o que escribe recórdaa pola retransmisión da chegada dos restos de Castelao a Galicia), Cecilia Fernández, Juan Barro coas súas crónicas poético-deportivas ou, entre outros, do protagonista das Crónicas da Laracha desta semana, o prezado e admirado Moncho Viña.

 

Moncho Viña na primeira edición de "A radio conta"

   O noso homenaxeado nace en Golmar do Medio (Golmar, A Laracha) en 1955 e foi o único fillo que tiveron Jesús Viña Varela e Emilia Varela Esmorís, os dous naturais da freguesía de Golmar. Un irmán de Jesús, Ramón, era desde 1962 o crego de Santa María de Vilariño e de San Pedro de Présaras, parroquias pertencentes ao concello coruñés de Vilasantar. Posteriormente foi párroco de Santiago do Burgo (Culleredo, A Coruña), sendo testemuña de primeira man do período do gran crecemento demográfico e industrial desta localidade.

   Jesús, o pai de Moncho, empregouse na CAMPSA e destinárono a diversos puntos do estado, primeiramente a San Sebastián. Ao marcharen para a cidade donostiarra, Jesús e Emilia deixaron ao seu fillo con Ramón, o crego de Vilariño e de Présaras, e alí (en Présaras) viviu o futuro xornalista con seu tío ata que os seus proxenitores abandonaron Euskadi para instalarse con Moncho en Ferrol, novo destino laboral do cabeza de familia.

   Corren os primeiros anos setenta e a Jesús destínano á refinería da Coruña, onde os Viña Varela establecen o seu domicilio nun piso da Avenida das Conchiñas. Ao pouco, Jesús sofre unha doenza pola que tivo que operarse en Madrid. Por tal motivo, durante o tempo de hospitalización, Ramón, o crego de Vilariño e Présaras, volve a facerse cargo de seu sobriño Moncho. Desgraciadamente, a saúde de Jesús íase quebrantar ata tal punto que acabou os últimos anos da súa vida nunha cadeira de rodas.

   Despois da operación do pai, o noso protagonista retorna de novo á Coruña. Naquela época se querías ver fútbol de calidade tiñas que agardar ao Teresa Herrera. Aínda faltaba moito para que o Deportivo se convertera no “SuperDepor”. O mozo de Golmar, por aqueles días en época adolescente, adoecía de todo, de diñeiro, de vergoña... O que lle sobraba, a el e ao seu grupo de amigos, era imaxinación e facían o posible por coarse cada ano nos partidos do popular torneo. Co tempo, caeron na conta que o mellor que podían facer era botar unha man trasladando o material dos equipos participantes, sobre todo dos uruguaios, arxentinos ou brasileiros, porque sempre lles caía algunha entrada dalgún directivo ou algún xogador. Daquela non imaxinaba, nin por asomo, a cantidade de partidos do Teresa Herrera que retransmitiría no futuro.

   Moncho realiza os seus estudos de secundaria na Coruña, onde ía coñecer a María Menéndez, unha asturiana de Cangas del Narcea que residía cunha tía na Coruña. Ao tempo que estudaba, María coidaba ocasionalmente aos cativos Javier e a Alfonso, dous irmáns que eran fillos dun matrimonio veciño.

    A principios dos setenta o mozo da Laracha inicia a súa etapa universitaria, unha altura na que colaboraba habitualmente nos xornais El Ideal Gallego e El Orzán, onde facía o propio un rapaciño dous anos máis novo ca el que, andando no tempo, íase converter nunha das mellores plumas do país. Estamos a falar do grande Manolo Rivas. A relación de Moncho e Manolo era e é de confesada amizade. De feito foi Moncho Viña o que presentou na Coruña a primeira novela de Rivas, Todo ben, publicada por Xerais en 1985, unha novela relacionada co mundo do deporte que comeza coa noticia do asasinato de Andrés Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Janeiro.

    Na época na que se estudaba Filosofía e Psicoloxía, o noso protagonista dá os seus primeiros pasos no mundo radiofónico cun programa sobre antropoloxía que se emitía en Radio Juventud da Coruña, onde o seu primeiro soldo fora de 300 pesetas. Esta emisora, fundada en 1952, estaba integrada na Cadena Azul de Readiodifusión e dende 1956 ata 1981 estivo dirixida por José Couceiro Tovar1. Aínda hai quen recorda como as frecuencias de Radio Juventud interferían no sistema da megafonía do cine Avenida e nas grúas do porto. Á parte de Moncho Viña, nesta emisora tamén traballaron profesionais como Xosé Antonio Perozo, Antón Luaces, Jesús Mariñas, Alberte Suras, Francisco Gutiérrez Ríos, Carmen Deus, José María Comesaña, Manuel Torreiglesias, María Xosé Porteiro ou, entre outros, Nonito Pereira.

   Nunha ocasión, ante a ausencia en Radio Juventud do compañeiro de deportes, o locutor de Golmar viuse na obriga de cambiar rapidamente o “chip” da antropoloxía polo da información deportiva. Sen ser moi consciente, aquel día Moncho Viña iniciaba un camiño do que xa nunca máis sairía e, en pouco tempo, íase converter nun dos grandes xornalistas deportivos de Galicia.

    En 1974 Cadena Azul de Radiodifusión fusionouse con outras redes públicas de radiodifusión para dar lugar a Radio Cadena Española, unha cadea de titularidade pública, integrada no ente público RTVE que se centraba na radio local, dos municipios, sen perder o seu carácter estatal. En 1980, xa coa licenciatura en Filosofía e Psicoloxía, Moncho entra en Radio Cadena, emisora onde acabou sendo xefe de deportes.

    Naquela época, moitos afeccionados ao mundo do deporte da bisbarra, entre eles un servidor, íamos medrando escoitando a información deportiva que nos contaba Moncho Viña no magazine “La Terraza”.

    Nesa etapa en Radio Cadena, o xornalista larachés casa con María Menéndez e establecen o seu domicilio no piso da Avenida das Conchiñas. Alí ía nacer en 1980 Pachi, a filla maior da parella, que aumentaría a súa prole con Adrián (1983) e Ángela (1984). María tamén montaría na zona, na rúa Barcelona, o seu propio negocio, a tenda de roupa “Tarabela”, que actualmente está en Riego de Agua.

    Nos primeiros anos oitenta, o OAR de Ferrol de baloncesto, por ser terceiro na liga, gañara praza europea no 1983. Nese momento Moncho xa levaba tres anos en Radio Cadena Española e, desde o comezo viaxaba todas as semanas a Ferrol, a ese Ferrol no que pasara algún tempo da súa adolescencia, para informar en directo para a programación nacional dos partidos do OAR.

    O programa de Televisión Española en Galicia que dirixía Juan Barro e presentaban Tereixa Navaza e Moncho Viña emitíase os luns ao mediodía con resumos de toda a actividade do deporte galego que xenerara a fin de semana. Panorama de Galicia, edición deportes dos luns, xa viña de atrás e continuou, pero ao de Golmar déronlle a responsabilidade de presentalo desde 1984 ata comezos de 1999.

    Paralelamente, Moncho seguía traballando en Radio Cadena, onde Alfonso, un dos irmáns que coidara María Menéndez cando era un cativiño, deu os seus primeiros pasos no xornalismo na redacción de deportes desta emisora. Si, falamos de Alfonso Hermida, que daquela tiña 17 anos e posteriormente tamén pasaría polas redaccións de deportes de RNE, TVE G, Antena 3 e Radio Coruña antes de presentar desde 1994 na TVG En Xogo, A xornada en xogo e o Telexornal, que tamén editou.

 

Alfonso Hermida e Moncho Viña na redacción de RNE

    O Consello de Ministros celebrado o 20 de xullo de 1988 aprobaba a fusión das dúas sociedades de radio públicas dependentes do ente público RTVE -naquela hora dirixido por Pilar Miró-, Radio Nacional de España e Radio Cadena Española. Con esta medida, a nova Radio Nacional de España pasaba a converterse na principal empresa radiofónica española en número de emisoras, persoal e presuposto económico. Xa podedes imaxinar quen se ía converter no xefe de deportes de RNE na Coruña.

    Precisamente nese ano 1988 disputouse na Coruña o Campionato do Mundo de hóckey a patíns, un exitazo deportivo e de organización por parte do comité que dirixía Augusto César Lendoiro, naquela hora presidente do Liceo. Nesa altura, a redacción de deportes de TVE en Galicia estaba formada por Juan Barro a tempo completo e mais Moncho Viña a tempo parcial, porque o da Laracha era empregado por oposición en RNE pero, ao pertencer á mesma corporación podían simultanear. Ás previas dese mundial dedicáronlles moito tempo de gravación, moitas cámaras e pezas para programas especiais e moitas horas de emisión. “E moita imaxinación. Innovamos todo o que puidemos”, recordaba Moncho.

    Por aqueles días o tándem Augusto César Lendoiro-Arsenio Iglesias empezaba a escribir as primeiras páxinas da mellor época da historia do Deportivo, moitas delas narradas polo xornalista larachés, a quen vimos na televisión durante case quince anos. Os programas en RNE e en TVE permitíronlle a Moncho medrar, gozar e vivir dignamente do xornalismo. Desgraciadamente non existe rastro do arquivo sonoro da redacción de deportes de RNE en Galicia de todo este tempo, uns anos nos que o locutor de Golmar narrou hóckey a patins, ciclismo e sobre todo as alegrías e as penas do Deportivo ao que acompañou nas súas viaxes dentro e fóra de España, sendo un dos seus cronistas máis relevantes.

 

Moncho Viña entrevistando a López Rekarte

    Unha das grandes alegrías foi o ascenso do cadro deportivista contra o Murcia no último partido da tempada 1990/91. Moncho pasara toda a noite entrando en directo desde a radio para todos os programas nacionais nos que querían que contara a festa. O caso é que ao día seguinte quedara sen voz. Estaba tan afónico que non puido presentar o programa de deportes do circuito galego de Televisión Española das 16.00 horas. Entón, entre el e o director do programa, Juan Barro, decidiron chamar de urxencia a Alfonso Hermida, que estaba na Coruña, para que presentase o programa. “Alfonso con 21 anos nunca fixera televisión. Chegou sobre as 15.00 h, démoslle unha escaleta cos datos básicos dos vídeos aos que debía dar paso, Juan prestoulle unha gravata e mandámolo a maquillaxe. Entrou no estudio co tempo xusto. Era a súa primeira vez e en condicións totalmente adversas. E bordouno. Juan Barro e mais eu estabamos no control e mirabámonos asombrados. Asistimos ao nacemento dunha estrela da televisión. E por riba, como persoa e como amigo é mellor aínda”2.

    Naqueles 90 o número da revista Bravú de Selección Galega Xa! púxose á venda cun discazo editado por Xerais no que mesmo participaron os irmáns Fran e José Ramón González, Michel Salgado, Nacho o ex do Compostela... e si, tamén participou Moncho Viña, que aparece no disco narrando unha final soñada dun Mundial entre Galicia e Brasil.

 

Moncho Viña entrevistando a Arsenio Iglesias no día no que o míster de Arteixo inaugurou a avenida que leva o seu nome na súa vila de nacemento

    Moncho e a súa familia fixeron todo o que estaba nas súas mans por mellorar a saúde de seu pai e ofrecerlle, dentro da gravidade, a mellor calidade de vida posible. Xa paralítico, levábao de xeito habitual a “osixenarse” a Caión. Tamén o levaba ao 'Bruxo' Torrado, que logrou con el avances milagreiros. Torrado viaxaba cada semana a Santiago para darlle fregas lumbares a Manuel Fraga cando era presidente da Xunta. Jesús, o proxenitor do noso homenaxeado, ía falecer no ano 2000.

    Tras certo tempo no que o día a día en RNE xa non era o de antano, a principios de 2008, despois de ser un referente no mundo da comunicación durante máis de tres décadas, Moncho Viña acolleuse á prexubilación. En RNE chegara a traballar co seu fillo Adrián, con Xabier Fortes, Nacho Carretero, Xosé Antón Fraga, Carlos Alberto Sánchez, Xosé Manuel Mallo, Óscar Losada ou, entre outros, con Fernando González 'Gonzo' , o do programa Salvados.

    Cu inquieto, ao pouco de prexubilarse abriu en Caión o restaurante A Furna Atlántica, que rexentou durante varios anos.

    Na actualidade Moncho e María residen nas Lagoas, en Monte Alto, a onde se mudaron en 2013. Domicilio oceánico no que respiran aires atlánticos e dende o cal disfrutan da bravura do Orzán mirando para Riazor… sempre Riazor!

    Coa radio no corazón no seu día a día, na actualidade segue ligado a este medio grazas a "A radio conta", proxecto que reúne con fins solidarios a tódalas emisoras de radio da cidade da Coruña e que coordina o propio Moncho. “A radio conta” xa vai camiño da duodécima edición.

    Ademais tamén é colaborador do Foro Comunicación y Escuela (IES Elisa e Luis Villamil, en Vegadeo), da Radio Galega, Radio Marca, Radio Coruña e DXT.

 

Arsenio Iglesias, Moncho Viña, Fernando Vázquez e Alfonso Hermida na primeira edición de "A radio conta"

Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias.

    Sabemos de boa tinta que Moncho Viña escribiu dúas novelas que agardamos que se publiquen algún día. O que si vén de publicar é Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias, libro editado neste 2024 por Baía Edicións.

   Sobre o traballo metódico e vivencial do de Golmar, Moito que contar ábrese tamén ás achegas que realizaron o xornalista Alfonso Hermida (tantas veces nomeado nesta crónica), o escritor e mestre de Filoloxía Galega Henrique Rabuñal e o seu fillo Adrián Viña Menéndez, licenciado en Socioloxía e en Ciencias Políticas que desde o 2007 é o responsable de comunicación do Concello da Laracha.

   Dende que saíu do prelo, o libro presentouse na Feira do Libro da Coruña e, o pasado 16 de agosto, no salón de actos do Centro Socio Comunitario da súa querida vila de Caión. Decimos querida porque é unha certeza que Moncho é caionés de corazón. Se cadra, unha definición máis axustada a realidade sería...

xornalista larachés

coruñés de adopción,

natural de Golmar

e caionés de corazón.

 

De esquerda a dereita, Adrián V. Menéndez, Alfonso Hermida, Moncho Viña e Henrique Rabuñal (Basilio Bello, La Voz de Galicia, Carballo)

    Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias é unha conversa que percorre os anos dourados do deporte na cidade da Coruña; cargada de anécdotas, de nostalxia, e da lembranza dunha figura única e irrepetible: o seu gran amigo Arsenio Iglesias. De feito, Moito que contar é unha frase que inevitablemente trae ao recordo ao míster de Arteixo.

    O libro, que é o colofón a unha etapa exemplar no mundo da comunicación, está inspirado na experiencia de Moncho como xornalista deportivo, sobre todo no ámbito radiofónico. Nel podemos ler historias descoñecidas, curtas, que che arrincan un sorriso, contadas dende o lugar onde se cociñaron, dende a óptica de quen as viviu e narrou.

    Moito que contar é un verdadeiro exercicio de xornalismo. A carón dos grandes nomes do deporte agroman tamén persoeiros e feitos menos visibles. A historia e a intrahistoria. No libro fálase do Deportivo de onte, de hoxe e de sempre. Das súas xestas en España, das internacionais e das súas lendas: Amancio, Arsenio, Luís Suárez, Vicente, Fran, Djukic, Bebeto, Mauro Silva ou Djalminha. O foco ábrese para inserir historias do Celta ou do Compostela e doutros deportes como o baloncesto, o ciclismo ou o hóckey a patíns. En total son cento dez historias e unha galería fotográfica que nutre boa parte delas. A obra contén grandes recordos que permitirá ás novas xeracións descubrir os detalles da marabillosa historia que envolve ao Deportivo. 

 

Moncho Viña con Amancio Amaro no consistorio coruñés no día que nomearon a Arsenio Iglesias Fillo Adoptivo da Coruña

    Moito que contar tamén ten a súa vertente larachesa xa que non son poucas as anécdotas relacionadas con este municipio. Non imos fusilar ningunha delas pero si que lle adiantamos á veciñanza da Laracha que Moncho Viña narra varias historias nas que Caión ten moito protagonismo, por exemplo de cando Djukic e a súa muller Çeça veraneaban na vila mariñeira; a anécdota duns centolos que lle encargou a Nión, peixeiro de Caión, para levarllas a Madrid a Vicente del Bosque; da Peña Royal e da colección de camisolas reunidas por Suso Martínez, encargado de material do Deportivo; a visita que o xornalista xaponés Shigeki Sugiyama realizou á vila acompañado con Moncho Viña e con Arsenio Iglesias (comeron no Beiramar nunha mesa fronte ao mar) para a revista Sports Graphic Number, que naquel tempo tiña unha tiraxe de 700.000 exemplares. Ademais, tamén podemos ver fotografías de Liaño e Djukic nunha cea en Caión; de Nacho Carretero, Alfonso Hermida, Fernando Vázquez e Arturo Lezcano na compaña de Moncho e o seu fillo Adrián no paseo marítimo da vila mariñeira. Ou mesmo podemos ler algunha que outra anécdota do alcalde José Manuel López Varela facendo de “escolta” a un futbolista do Deportivo na previa do “Centenariazo”; duns camareiros de Golmar que traballaban no “Don Pepe”, un restaurante que está en Victoria Street e que Moncho coñeceu cando o Deportivo foi xogar a Liverpool na Champions League; ou algunha pincelada de como Vaca Films, a produtora de Emma Lustres, rodou varias secuencias de algunha longametraxe no campo de fútbol municipal da Laracha.

 

Moncho Viña con Mauro Silva e con membros da Peña Royal en Caión

   Moito que ler en Moito que contar, abofé!

  Moitos moitos parabéns, Moncho!

____________

1 O primeiro director da emisora foi Joaquín Antonio Tabernero Balsa (1952-1956),

2 Vid. Moncho Viña (2024): Moito que contar. Dépor e radio: dúas paixóns e un cento de historias, Baía Edicións, A Coruña, páx. 76.

Ningún comentario:

Publicar un comentario