xoves, 4 de xullo de 2024

EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (3ª parte)

  Na década dos sesenta a actividade extractiva promovida polo fundador de Cerámica Campo íase ampliar de novo, esta vez coa explotación a partir de 1965 dos xacementos mineiros comprados no val das Encrobas a labregos desta zona do municipio de Cerceda e, en gran medida, aos Riobóo, unha das grandes familias da nobreza galega, responsables do levantamento nos albores do século XVI das Torres do Allo (Zas)1. 

    A partir da segunda metade destes anos sesenta dos que estamos a falar, grazas á inxente xornada laboral nas instalacións, con tres quendas de traballo diarias e cunha numerosa flota de camións que transportaban material día e noite, traballaron en Lendo entre 250 e 300 persoas, moitas delas chegadas como antigamente, na época das telleiras tradicionais, dende o Baixo Miño. Pepe 'O Buraco' contounos que “ao principio Epifanio tivo algún problema cos operarios da zona da Laracha para desencañar o ladrillo porque, claro, o forno túnel cocía a dous fogos e a xente de aí non lle aguantaba polas altas temperaturas. Por iso tivo que botar man da xente de Pontevedra, que estaba máis afeita a ese tipo de traballos

 

Panorámica dos anos 60 da primeira fábrica de Cerámica Campo na Laracha. Obsérvese que aínda non se explotara o lugar que actualmente ocupa a siderúrxica Celsa Atlantic. Na imaxe podemos comprobar que a explotación mineira de Epifanio centrábase na zona onde se empezara a explotar inicialmente (FOAT, S.L., Delegación Asturias, Refª 9151/1)

    Segundo as informacións de 'Buraco', algúns dos obreiros baixomiñotos que traballaron en Cerámica Campo nesa época foron José Dorna Barbosa, natural de Fornelos (O Rosal) que estivo durante 1969 cargando ladrillo a destagho nos camións, José Álvarez Alfonso, veciño de Novás (O Rosal) que traballou en Lendo dende 1970 ata 1972, época na que tamén estaba Marcial González Rodríguez, natural de Pancenteo (O Rosal), José Rodríguez Rodríguez, veciño de Novás, José Álvarez Loureiro, de Marzán (O Rosal), Enrique Martínez Valladares, veciño tamén do lugar de Marzán, Modesto Flórez Rodríguez, de Novás, Vicente Correa Pereira, de Marzán, José Manuel Fernández Costas, operario de Novás que traballou na de Epifanio nos primeiros anos 70 -do cal aínda se acordan en Lendo cando, na compaña de Modesto Flórez Rodríguez, José Álvarez Loureiro e Vicente Correa Pereira, quixo entrar na igrexa parroquial de san Xián pola Pascua cun enorme ramo de loureiro ao que finalmente lle tiveron que cortar un bo anaco para acceder ao interior do templo-, Evaristo Fernández Martínez, veciño de Fornelos (O Rosal), Manuel Alonso González, tamén coñecido como 'Manolo de Milia’, operario natural de Novás que casou en Razo (Carballo) con María Castro Miréns, os irmáns Juan e Alfonso Vicente Armán, veciños do Rosal, Vicente Alonso Martínez, natural da Lomba (O Rosal), ou Benedicto Cardoso Martínez, veciño coma o anterior do lugar da Lomba que xa traballara de mozo nunha telleira de Malpica, onde deixara embarazada unha rapaza da zona. “De feito -contounos Pepe 'O Buraco'-, cando estivera na de Epifanio en Lendo, foi a Malpica e intentou localizar o fillo pero non dera con el porque seica andaba embarcado. Benedicto vivía nunha chabola con Vicente Alonso Martínez e cos irmáns Juan e Alfonso Vicente Armán. Un domingo pola tarde, cando durmían a sesta, petan na porta da caseta. Era o fillo de Benedicto, que ao vir do mar e ao saber que o andaba buscando desprazárase ata Lendo coa súa muller para coñecer a seu pai”. 

 

Imaxe das instalacións da primeira fábrica de Cerámica Campo en Lendo. Obsérvese o secadoiro á esquerda do material e o forno á dereita (Cortesía da familia Campo Sáez)

      O Salnés2 foi outra das comarcas de Pontevedra dende a que chegara numerosa man de obra á Laracha para traballar nas instalacións de Cerámica Campo. Un daqueles operarios foi Jacinto Meniño Álvarez, que nos recibiu coa maior das amabilidades no seu domicilio de Lendo na compaña do seu fillo Jesús, tamén empregado da empresa dende hai case de 25 anos. Jacinto, nacido en Meaño en 1949, contounos que “antes de vir para aquí eu traballaba en Vilalonga na fábrica de Guisasola. Empezara alí con 11 ou con 12 anos metendo ladrillo no forno, que cando viñan os inspectores había que marchar para o monte para que non nos viran traballando (risas). Nós eramos doce irmáns, oito homes e catro mulleres. Os homes traballabamos todos na de Guisasola con papá, que tiña alí os fornos contratados. En 1967, cando estaba cumprindo os 18 anos, empecei con Epifanio Campo en Lendo, que eu penso que a primeira fábrica empezara a funcionar en 1960. Naquela época viñéramos moitos operarios de Meaño a traballar aquí. Non sei se me acordarei de todos, pero viñera meu irmán Celso, Minguillo, Luís 'da Ghandra', Doro (Teodoro), Eligio, Arturo, Nené, Tino, Isidoro, Manuel Meis 'Marabillas', Enrique, José de Adelina, que este era natural de Cambados… Estabamos todos na pensión que había no Cruceiro de Lendo, que naquela hora o bar do Cruceiro era taberna, salón de baile e pensión. Precisamente, eu coñecín alí a miña muller, Herminia Piñeiro, que traballaba no bar axudando coas comidas. Outros operarios do Salnés que acabaron casando na Laracha foron meu irmán Celso, Arturo, Marabillas, Doro, Luís da Ghandra e José de Adelina. Recordo que na de Epifanio tamén había moita xente da Laracha, que os de Montemaior non podía vir traballar cada vez que nevaba; había operarios de Razo, de Meirama, de Coristanco, da Agualada e tamén había xente do Baixo Miño, que eu desta zona soamente acordo a Manolo e a Celso. Nalgún momento chegamos a ser cerca de 300 persoas as que traballamos alí. Daquela fabricábase ladrillo, bovedilla, refractario… Facíanse tres turnos ao día e xente andaba a destagho. Cando viñemos para aquí os do Salnés, ao principio traballamos no forno porque, claro, non todo o mundo valía para soportar aquelas temperaturas de máis de 1.000º. Cocíase con serrín e despois xa se meteu fuel. Co tempo tamén se coceu con casca moída, con aceite, con carbón das minas… A ampliación do forno da fábrica vella fíxose cando eu xa levaba algún tempo aquí. Recordo que, ao pouco de empezar, a empresa comprara uns vinte camións todos xuntos. Os camións arrimábanse ás vagonetas e cargábase o ladrillo a man. Aquelo era un formigueiro de xente. Eu traballei sempre na fábrica vella e fun varios anos o encargado do turno de noite”.

 


 


Extracción de arxilas a principios dos anos 70 no barreiro de Lendo (Cortesía da familia Campo Sáez)

(CONTINUARÁ...)

_____________

1 Tras o falecemento de Francisca Riobóo Alvárez, acontecido en 1919, e debido ás mortes dos seus fillos Víctor López Riobóo, en 1903, e Luis López Riobóo, en 1920, os seus netos Luis López-Riobóo Tenreiro e Víctor López-Riobóo y Castro de Figueroa herdaron as súas propiedades en Cerceda, entre elas os pazos de Gontón e Soriga, respectivamente, ademais dos terreos que lle acabaron vendendo a Epifanio Campo Núñez.

2 A Illa de Arousa, Cambados, Meaño, Meis, O Grove, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa son os municipios que conforman a comarca do Salnés.

2 comentarios:

  1. Moi interesante. Un exemplo claro de como moitos cabaqueiros do Baixo Miño se van empregando nas fábricas mecanizadas á par que van desparecendo as artesanais pola competencia das primeiras o que provocará a extinción deste oficio itinerante. Descoñecía que fosen tantos na cerámica de Campo. Impresiona tamén a cantidade de operarios que empregaba de tan diversos lugares. Do Salnés ata me parece normal, no só por ser unha zona de longa tradición neste oficio (Sanxenxo, Meaño e Cambados sobre todo, onde se documentan os cabaqueiros do Baixo Miño desde o século XVIII) senón tamén por atoparse alí a outra factoría de Campo. O único que no me gustou desta parte é o curto que se me fixo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitísimas grazas cabaqueira... nuns días publicaremos a última parte!

      Eliminar