xoves, 18 de xullo de 2024

EPIFANIO CAMPO FERNÁNDEZ, O EMPRESARIO TOTAL (1ª parte)

   Epifanio Campo Fernández, Nené ou Epi para os amigos da infancia, nace o 16 de setembro de 1952 en Puente de Domingo Flórez (León). Era o fillo maior de Antonio Campo e Remedios Fernández, matrimonio que á parte do primoxénito serían pais doutros nove rapaces: Demetrio, Antonio, Amalia, Remedios, José María, Pablo, María, Isabel e Inés.

   Con tan só catro abandona o seu Puente de Domingo Flórez natal e múdase a Vilalonga, ao domicilio de seus tíos Epifanio Campo Núñez e Amalia Méndez Tacón, unha parella sen fillos biolóxicos e con moito cariño que ofrecer que criaron o cativo xunto a Mary e a Loly, irmás adoptivas de Nené.

     O futuro empresario pasa a súa infancia e adolescencia en Vilalonga, parroquia que abandona temporalmente ao finalizar os estudos secundarios para estudar en Oviedo unha enxeñería de minas. Epifanio ía deixar esta carreira a metade de camiño para facer, finalmente, Económicas. Moi apegado á súa terra e grande amante do deporte, nos primeiros anos 70 defende a camiseta do equipo de fútbol da súa querida vila, o Vilalonga F.C., unha entidade que mesmo chegaría a presidir co transcurso do tempo.

     Corría xuño de 1975 cando, ao acabar a carreira e coa licenciatura en Económicas na man, o noso protagonista empeza a traballar na empresa ao carón do seu mentor, que naquela hora xa non gozaba de boa saúde. Nestes primeiros pasos no mundo empresarial, coñecería de primeira man con seu tío as principais marcas da casa: o valor da palabra e da seriedade no mundo dos negocios e a empatía e capacidade para comprender os problemas dos empregados. A clave de todo era estar... estar, en todas as dimensións do significado deste vocábulo.Para dirixir unha empresa hai que estar”, dicíalle o veterano mestre ao seu discípulo. Os dous Epifanios soamente coincidirían durante un breve período de seis meses. 

 

Panorámica da Laracha a principios dos anos 70. Ao fondo, as instalacións de Cerámica Campo (Concello da Laracha)

    Con apenas 22 anos, Campo Fernández faise cargo da xestión do conglomerado fundado por Campo Núñez, que falecería en xaneiro de 1976. Unha das primeiras determinacións que lle tocou tomar como máximo responsable do grupo empresarial foi a de cumprir coa tarefa encomendada polo seu antecesor: a ampliación da planta de Lendo cunha nova fábrica que empezaría a funcionar entre 1976 e 1977.

 

Fase de construción da fábrica nova. Na imaxe vese a cheminea do forno túnel da fábrica vella (Cortesía da familia Campo Sáez)

Fase de construción da fábrica nova. Ao fondo vemos o castro de San Román e detrás, á dereita, o picoto do castro da Condesa (Cortesía da familia Campo Sáez)

Fase de construción da fábrica nova. Ao fondo distínguense algúns puntos da parroquia de Cabovilaño (Cortesía da familia Campo Sáez)

    Na fábrica nova, obviamente todos os equipos ían ser de maior capacidade que os da vella. As principais innovacións foron o grao de automatización, pasando, por exemplo, do encañe e desencañe manual que se facía nas instalacións antigas a un formato moderno realizado cun sistema de pinzas. A fábrica vella contaba soamente cunha liña de moenda e a fábrica nova xa tiña dúas. A moenda incorpora silos de gran capacidade, o que permite evitar unha alimentación continua do barro e introdúcense laminadores máis modernos que permiten unha maior homoxeneidade da mestura de arxilas que entran na galleteira. Precisamente, outro dos avances foi a galleteira, agora de maior capacidade e con sistemas de control máis avanzados, así como a mesa de corte, totalmente automatizada. Así mesmo, a capacidade do pudrideiro (onde se almacena a arxila moída) é moito maior, polo que se incrementa o tempo de residencia antes de ser procesada para fabricación, feito que incrementa notablemente a cantidade da materia prima. No que se refire a secuencia do secado, pásase dun secadoiro de rodillos tipo Moccia, de moi pouca capacidade, a un secadoiro continuo de bandexas que permitía incrementar a cantidade produtiva. A saída do secadoiro cara ao apilado faise por cinta e mediante pinzas, que xa van formando os paquetes que se colocan sobre as vagonetas para a súa cocción. Nas novas instalacións, o desapilado (cando o material xa está cocido sobre as vagonetas) tamén se realiza mediante un sistema de pinzas automatizado, co cal se evita o traballo manual. Grazas á súa avanzada tecnoloxía e a súa capacidade de produción de 600 toneladas ao día, a nova fábrica de Lendo converteríase nunha das factorías de ladrillo oco máis modernas e importantes de España.

    Durante certo tempo as dúas fábricas produciron o mesmo material, ata que finalmente as instalacións vellas dedicáronse, xa cunha actividade moito menor, a fabricar chamota e produtos como bovedilla. A estrutura orixinal da parte superior da nave antiga era de madeira e así se conservou ata o 2007. A fábrica vella ía manter a actividade ata o ano 2012. Ao cesar a produción, demoleuse o secadoiro e soamente se conservaron os dous fornos túneles.

 

Imaxe dos primeiros anos setenta do interior das instalacións da  fábrica vella de Lendo na que podemos observar a estrutura de madeira da parte superior (Cortesía da familia Campo Sáez)

    Durante eses anos setenta nos que empeza a funcionar a planta nova de Lendo, Cerámica Campo tamén amplía a súa capacidade de produción de ladrillo ao modernizar a fábrica de Cerámica de Dena, que desde 1910 se encontraba instalada no lugar da Fianteira, na parroquia de Vilalonga. Ademais, moderniza a veciña fábrica de produtos de arxila cocida da Arnosa, na que se instala un moderno forno-túnel dotado de tecnoloxía punta para esta época. Ao igual que xa fixera Campo Núñez, Campo Fernández implementou nas súas empresas todas as medidas necesarias encamiñadas a modernizar as instalacións coa última tecnoloxía dispoñible. No caso das cerámicas, a maior parte dos avances tecnolóxicos derivaban de empresas de Cataluña (caso, por exemplo, de Verdés ou Equipceramic), o que supuxo, sen ningún xénero de dúbidas, unha das claves da pervivencia das empresas cerámicas.

     En 1977, só dous anos despois de facerse cargo da xestión do grupo, Epifanio casa con Marianela Sáez Silva, Neli, a quen sempre puxo en valor tanto polo seu saber como médica pediatra como pola súa dedicación como nai dos catro fillos que tivo o matrimonio: María Amalia, Blanca, Jacobo Nicolás e Irene. Persoa moi familiar, nunca agochou a especial devoción que sentía pola súa prole e sentíase moi orgulloso dos seus avances, que comentaba cordialmente cos obreiros das súas fábricas aos que trataba coma verdadeiros membros da súa familia. Empresario comprometido e sen deixar nunca de lado aos seus traballadores, a súa figura non distaba moito da de Epifanio Campo Núñez. Coas lóxicas diferenzas dos dous, e independentemente dos progresos a nivel empresa que fixeron ambos os dous (que darían para varios capítulos doutro libro), esa relación cos empregados é, seguramente, unha das principais claves para que Cerámica Campo vaia xa polos 80 anos de vida.

(CONTINUARÁ...)

2 comentarios:

  1. Historias, desde logo apaixonante o destes dous grandes empresarios. As fotografías espectaculares. Parabéns Xabier.

    ResponderEliminar