xoves, 11 de xullo de 2024

EPIFANIO CAMPO NÚÑEZ, O FUNDADOR DE CERÁMICA CAMPO (4ª parte e fin)

  Na década dos 70 Cerámica Campo ía reforzar a súa capacidade de abastecemento de arxilas de primeira calidade coa adquisición, na costa de Vilalonga, dos barreiros de Guisasola e de Viqueira, que cesaran anos antes a súa explotación e a fabricación de materiais de construción. Á parte destes xacementos, Epifanio Campo Núñez adquire, ademais, as fábricas asociadas a eles, “Cerámica de Dena” de Guisasola y Cía (1910) eA Sequiña” de Viqueira Cores (1929). Por aqueles días tamén compra a fábrica de “Cerámica San José”, situada no lugar das Lagoas, no termo municipal de Narón (A Coruña). Nesta localización construirá unha moderna fábrica de ladrillos e tellas que estaría operativa ata a década de 1990.

Epifanio Campo Núñez no seu despacho da fábrica vella de Lendo (Cortesía da familia Campo Sáez)

    Naquela época, en Cerceda seguíanse extraendo as arxilas refractarias na mina de Meirama, onde o noso homenaxeado tiña contratados a unha decena de traballadores da zona, entre eles a Javier Fuentes1, quen andando no tempo sería encargado da fábrica nova. Durante varios anos, as arxilas que se extraían nesta mina transportáronse en camións ata A Laracha para ser procesadas na fábrica de Lendo, ata que un día se soubo que en Meirama había algo máis que o caolín que Epifanio descubrira nos anos 60. A riqueza mineral do subsolo que alí explotaba Cerámica Campo agochaba, quen o ía dicir, un tesouro de enorme magnitude. Posteriormente sóubose que era, despois do das Pontes de García Rodríguez, o segundo xacemento de lignito de toda a xeografía galega.

 

Publicidade dos anos 70 (El Pueblo Gallego, 14 de agosto de 1971, p. 17)

    Tras o achado da veta, o Instituto Geológico y Minero de España investiga durante certo tempo a potencialidade do lignito pardo localizado en Meirama. Ao pouco, a principios de 1974, Unión Fenosa mercáballe a Epifanio Campo Núñez os dereitos de explotación da mina por 900 millóns de pesetas, unha partida de xadrez que rematou co xaque mate do empresario ceramista nunha operación só ao alcance dos grandes arquitectos financeiros. Practicamente ao mesmo tempo, Fenosa creaba a sociedade Lignitos de Meirama S.A. (Limeisa) co fin de explotar o xacemento e uns meses despois, no verán do mesmo 1974, o consello de ministros presidido por Franco aprobaba un decreto de utilidade pública no que se declaraba de interese preferente o enclave da mina, autorizándolle á empresa a expropiación forzosa pola vía de urxencia. A historia posterior das Encrobas e da loita veciñal é sobradamente coñecida2.

   A raíz daquela grande operación financeira íase abrir unha transcendental etapa na historia da empresa, xa que foi aí cando Epifanio Campo Núñez decide construír unha nova fábrica en Lendo e dotala coa tecnoloxía máis avanzada da época. Mais o popular industrial, que en 1975 delegaba a xestión das súas empresas no seu sobriño e afillado, Epifanio Campo Fernández, non chegaría a ver a nova fábrica funcionando. Cando aínda cabía esperar del unha amplísima tarefa, falecía o día 5 de xaneiro de 1976, aos 61 anos de idade.

    Home de negocios de espírito infatigable, conseguira facer medrar as súas empresas de xeito admirable e exemplar, mais iso si, sen esquecer nunca unha dedicación xenerosa aos máis necesitados como gran benfeitor que foi durante toda a súa vida, unha faceta que sempre procurou ocultar porque así llo esixía a súa natural modestia e discreción. Como empresario estaba ao tanto de cada un dos seus traballadores, sempre atento a calquera necesidade ou problema e cun trato exquisito digno de eloxio. “Á parte dun gran empresario, era un home moi humano, moi involucrado cos seus traballadores e con moita dedicación a todo”, recordaba Jacinto Meniño Álvarez.

  No momento da súa perda, o fundador do grupo Cerámica Campo, que soubera crear con esforzo e tesón o seu grupo de empresas, deixaba en funcionamento industrias cerámicas en Vilalonga, A Caeira (Pontevedra), Narón e Lendo cunha cuantiosa produción que naquel momento era a de maior volume de fabricación de ladrillos de toda Galicia. O seu éxito empresarial non se debera á improvisación nin á fortuna. Era un segredo a voces que fora grazas a unha vida entregada ao traballo, a unha vocación decidida que salvou todas as dificultades e a un afán de dotar a súa terra de adopción da industria que en todos os aspectos necesitaba. Coa súa desaparición íase un gran galego, un dos bos e xenerosos que deixaba un gran baleiro nas persoas que o coñeceron, pois quen o trataba transformábase inmediatamente no seu amigo.

  Nunha decisión plenamente xustificada, o Concello da Laracha, ao igual que tamén fixeron no seu momento os municipios de Puente de Domingo Flores (León) e o de Sanxenxo (Pontevedra), tivo a ben dedicarlle unha rúa na capital municipal, situada nas proximidades do Centro de Saúde e paralela á rúa José Manuel Ferreira Penedo, industrial sobre o que prometemos falar no futuro nestas Crónicas da Laracha.

 


Rúa Epifanio Campo Núñez da Laracha

________

1 Pai de Javi Fuentes, exfutbolista que xogou en 2ª División co Elxe e tamén en numerosos equipos de 2ª División B. Para máis información consulta http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/07/javi-fuentes-o-garrincha-da-laracha.html

2 Fenosa investiría alí máis de 18.500 millóns de pesetas para pór en marcha a mina e mais a Central Térmica de Meirama co forte rexeitamento da poboación. Os problemas comezaron cando a eléctrica lles ofreceu aos veciños uns prezos moi baixos polas súas terras. A maioría dos encrobeses rexeitaron a oferta da empresa e esixiron un traslado de poboación a outras terras similares. A empresa pechouse ás peticións veciñais e comezou o conflito. Unha loita de David contra Goliat que mesmo tivo o seu eco en televisións e xornais de toda Europa. Para máis información ver o documental do realizador Xosé Bocixa “Encrobas: A ceo aberto”: https://www.youtube.com/watch?v=LJqJA2inpko

2 comentarios:

  1. De novo sóubome a pouco, polo curto e interesante do teu escrito. Pero como dicía un afamado arquitecto, "menos es más". Habrá que agardar, con paciencia, ata o próximo xoves, para seguir desfrutando de novos relatos. Parabéns Xabier.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moitas grazas Cabaqueira! A vindeira semana comezaremos nova xeira, neste caso sobre Epifanio Campo Fernández. Saúdos!

      Eliminar