venres, 15 de marzo de 2024

O PAZO E A CAPELA DO LUGAR DA CASANOVA (COIRO)

  Na descrición sobre a parroquia de Coiro publicada no tomo dedicado á provincia da Coruña da Geografía General del Reino de Galicia, Carré Aldao conta que, ademais da igrexa de San Xián, había nesta freguesía “tres capillas, las de San Marcos, San José y Santa Rita” que estaban situadas nos lugares da Casanova, Coirón e O Loureiro. Pois ben, nas Crónicas da Laracha desta semana viaxamos ata A Casanova para falar da casa señorial e da capela que podemos ver alí e que, parece ser, que antigamente formaban parte das propiedades que os García Varela tiñan en Coiro.

Panorámica actual da casa señorial da Casanova

   Para recordar o esplendoroso pasado deste lugar entrevistamos a Manuel Seijas López, actual propietario do vetusto pazo no que naceu en 1937. Mentres tomabamos un café con el en Arteixo, vila na que reside dende que se xubilou despois de botar corenta anos en Suíza (boa parte deles conducindo un taxi), Manuel contounos que “esa casa ten moita historia, era o pazo dunha familia podente de Santiago que eran donos de cinco lugares da parroquia de Coiro: A Ameixeira, A Ferraría, A Lourenceira, O Pereiro e A Casanova. O brasón que aínda se conserva na fachada era o escudo de armas desta familia, os García Varela, que disque eran avogados ou escribáns. A poucos metros da casa hai unha capela que se construiu no 1600. Chámase a capela de San Marcos e San José, aínda que se coñecía máis ben como a de San Marcos. Precisamente, diante dela, hai alí uns terreos, que son propiedade dun veciño noso, que figura nas escrituras co nome de “leira de San Marcos”. Nós tamén temos alí un terreo que se chama a “leira da capilla”.

 

Brasón que aínda se conserva na fachada do edificio

   Poucos días despois de entrevistar a Manuel Seijas desprazámonos ata A Casanova, onde comprobamos a grandeza e a importancia desta casa señorial, co seu brasón e as súas dependencias. Posteriormente, co temor inicial da música de fondo do voo das vespas velutinas, entramos no interior da capela, difícil de ver xa que estaba camuflada entre a espesa vexetación dominada polas hedras. No interior, onde aínda se conserva o altar e algunhas imaxes santorais, chamounos a atención unha placa de madeira que conmemora a fundación do modesto edificio:

Esta capilla fue fundada por D. Domingo Varela de Carracedo en 1609, y reedificada por D. Angel G. Varela, último varón de la línea directa del fundador, en el año de 1900 
Interior da capela
Vista exterior da  capela

    Andando no tempo e logo da oportuna compra, o pazo, a capela e unha extensión duns corenta ferrados de terreo situados na zona, acabaron sendo propiedade dos avós maternos de Manuel Seijas, José López Matos e María Capelán Domínguez, labradores fortes que se preocuparon de darlle estudos aos seus fillos. Manuel Seijas recordaba que “un de meus tíos maternos foi empregado do Banco Pastor en Pontevedra; outro era radiotelegrafista na Marina, que estaba no cruceiro “Cervantes”; e tamen tiña outros dous tíos, Ramón e Campio López Capelán, que eran freires franciscanos igual que o seu amigo Lino Gómez Canedo, un historiador franciscano que nacera en Coiro, na Tenda, e que ten rúa dedicada na Laracha1. Estos dous tíos estudaran en Herbón (Padrón). Un deles era comandante do exército e republicano acérrimo, co perigo que isto supoñía naqueles tempos. De feito, na nosa casa da Casanova conservouse durante moitos anos unha bandeira republicana que era del. Este tío meu era capelán castrense e estivo por África adiante. Cando viñan de vacacións, Ramón e Campio celebraban misa na capela”.

 

José López Matos e María Capelán Dominguez (Cortesía do seu neto Manuel Seijas López)

   Á parte das propiedades que posuían na Casanova, compradas todas elas á familia García Varela de Santiago, os avós maternos de Manuel, José López Matos e María Capelán Domínguez, tamén tiñan terreos na Matosa. Esas fincas están partidas na actualidade pola estrada DP-1913, vindo da Laracha á man esquerda, entre a perigosa rasante e os campos de fútbol que hai antes de chegar ao Cafe Bar Raio de Sol. Pois ben, sabemos que nos anos 20 ou nos primeiros 30 de século pasado o señor José, que contaba cun segundo apelido ben suxestivo á hora de pensar na orixe do lugar da Matosa, arrendáballe unha daquelas leiras que tiña alí, ao carón do río Anllóns, a Generoso Álvarez, telleiro do Baixo Miño que estivera algún tempo no Brasil fabricando cerámica cos dous fillos máis vellos, Anselmo e Ramón… mais a historia destos telleiros xa vola contarei noutra ocasión!

Ata a semana que vén!

____________________

1 Para máis información sobre Lino Gómez Canedo, consultar https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2022/12/lino-gomez-canedo-o-gran-historiador.html

Ningún comentario:

Publicar un comentario