Grazas á numerosa man de obra das telleiras existentes na zona, houbo un tempo no que chegaron a funcionar dúas tabernas na Barreira e outras dúas en Estramil. Catro tabernas que estiveron abertas aproximadamente ata mediados dos anos oitenta, época na que (falando de bares) os Gabinete Caligari cantaban o seu popular tema “Al calor del amor en un bar” ¿Lembrades?
“Los bares, que lugares
Tan gratos para conversar.
No hay como el calor
Del amor en un bar”
A primeira taberna que abriu na Barreira foi a “Pachanga”, un establecemento do que nos falou Antonio Fuentes Varela 'Cachafeiro'. “Na Braña de Estramil, vivían Francisco e Lucinda nunha casiña moi humilde. El, que fora panadeiro, era moi traballador pero tiña problemas de saúde. Ela andaba as piñas e nos anos 50 conseguiu traballo na telleira de Ferreira. Nesa época os bancos non che daban créditos facilmente e Francisco, como malamente puido, comprou un pequeno terreo que estaba xusto en fronte da telleira de Patiño. Sobre 1959 ou 1960 construiu alí un pequeno local que tiña un forno pequerrecho no que cocía, todo máis, media ducia de moletes. Cando abriu o negocio a canción “La Pachanga”, de Luis Aguilé, tiña moito éxito e púxolle ese nome á tenda, que foi reformando pouco a pouco”. Curiosamente, naquel tempo había outra “Pachanga” na Laracha: o salón de baile e taberna que rexentaba Gerardo Amor no lugar da Veiga, na parroquia de Soandres.
As cousas empezáronlle a ir ben a Francisco. Ás dez da mañá o que máis e o que menos íalle buscar un bocadillo e unha cervexa. E despois da xornada laboral os empregados das telleiras da zona tamén lle paraban alí. “Francisco quitaba pan do forno e comías un anaco de 2 pesetas de bola, 3 pesetas de sardiñas e un vaso de viño clarete e ías coma un Pepe”, recordaba Antonio 'Cachafeiro'.
Entre a xente que traballaba na de Ferreira e na de Sada, a telleira da que vos falamos hai unhas semanas nestas Crónicas da Laracha (tedes a historia aquí: http://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2024/02/a-telleira-dos-de-sada.html), pois se cadra paraban alí unhas 25 ou 30 persoas todos os días e Francisco xa facía uns pesiños no seu pequeno establecemento. Co tempo, quitou a muller de traballar en “La Perfección”, a cerámica de Ferreira. Posteriormente, sobre 1967 ou 1968, vendéronlle a “Pachanga” a Manuel Ponte Muñiz e abriron en Paiosaco a “Panadería Santa Teresa”. Francisco e Lucinda son os pais de Cristina, a da “Panadería A Balsa” da Laracha.
Manuel Ponte Muñiz, o novo propietario da 'Pachanga', era natural do Val de Loureda, onde segundo as informacións de Paco 'O Cubano' traballara durante algún tempo de zapateiro. Na época na que ía mocear a Estramil e á Barreira seica lle chamaba “Tabú” a esa zona.
-Vou a Tabú-, dicía.
Cando Manuel, que casou en Estramil con Obdulia Veiga, lle comprou a Francisco e a Lucinda, a taberna deixou de ser a “Pachanga” para converterse, dende aquel momento no “Tabú”, onde moitos dos empregados de Ferreira seguían parando despois da súa xornada de traballo. E mesmo había a posibilidade de facer fonda alí, como así nolo confirmou no verán do 2023 Remedios 'do Porto', veciña da Barreira. “O meu marido chámase Álvaro Evangelista e traballou con Ferreira moitos anos. Álvaro é portugués, de Chaves, antes de vir para aquí xa traballara nunha telleira que había na entrada de Chaves. Veu de mozo para aquí e estaba de pensión no Tabú, que foi onde nos coñecemos e casamos xa hai 55 anos. Na de Ferreira formáronse moitos matrimonios.”
Grazas ás oportunidades de traballo que a veciñanza tiña na de Ferreira e tamén aos aforros na emigración, principalmente en Suíza, a contorna foi modificando pouco a pouco a súa fisionomía. Mesmo abriron novos negocios como o “Chiquito”, unha taberna que empezou a funcionar sobre 1973 e que estaba un pouco máis abaixo do “Tabú”, ou “O Coitelo”, que abrira a finais dos anos 60 María Varela (nai de Antonio 'Cachafeiro') na mesma casa na que residía a familia Fuentes Varela en Estramil. Abriuna cando o seu home e o seu fillo maior facían un peso en Suíza. “O Coitelo” era desas tabernas de antes na que tanto podías tomar un chanqueiro como comprar ou saco de penso ou de sal. En Estramil tamén estaba a taberna da señora Cotela, da que agardamos que nos contedes algunha anécdota.
A mediados dos 70, un dos establecementos da zona no que paraban os empregados da Cerámica “La Perfección”, o “Tabú”, cambia de propietarios. Nesta nova etapa a persoa que estaba á fronte do negocio era Carmiña López, a muller de Rogelio 'do Ferrador', un matrimonio que estiveran moitos anos emigrados en Suíza e que compraran a taberna pouco antes de regresar do país helvético.
Fotografía tomada no Tabú nos anos 70-80 (Cortesía de Diana Regueira López) |
Festa no Tabú (Cortesía de Diana Regueira López) |
Ata a súa volta definitiva, atendeulles o establecemento Tomás Fuentes, antigo telleiro fillo de Daniel 'O Xastre'. Logo, ao viren da emigración, Carmiña despachaba no “Tabú”, que á parte de taberna tamén era tenda de ultramarinos, e Rogelio empregouse na de Ferreira, onde xa traballara de mozo.
Fotografía tomada diante do Tabú (Cortesía de Diana Regueira López) |
As catro tabernas destes dous lugares da parroquia de Torás ían pechar pouco despois de que o fixera “La Perfección”, a cerámica de José Manuel Ferreira sobre a cal prometemos falar proximamente.
Ata a semana que vén!
Ningún comentario:
Publicar un comentario