Gerardo Machado y Morales (Camajuani, Las Villas, 1869-Miami Beach, Florida, 1939) foi un militar e político cubano que participou como xeneral a favor do seu país na guerra de independencia contra España e, posteriormente, foi o quinto presidente da República de Cuba (1925-1933).
Esa época presidencial de Gerardo Machado coincidiu coa estadía durante certo tempo na illa caribeña de Manuel Morales Mesejo, larachés nacido en Cabovilaño en 1886 que no momento de emigrar a Cuba xa levaba varios anos casado con Gumersinda Cotelo Abeleira.
O matrimonio residía nunha casa do Cancelo situada en fronte do que hoxe é Foto Manolo, no grupo de vivendas existentes entre o aserradoiro de Pedro Ramos e o Bar O Estanco, propiedade durante moitos anos do señor Gómez e da señora Lola, irmá precisamente de Manuel Morales. Nesa casa virían ao mundo os oito fillos de Manuel e Gumersinda: Francisco, María, Gelasio, José, Manuel, Florentino, Pilar e Mercedes Morales Cotelo. Da numerosa prole, uns naceron antes da partida do proxenitor a América e outros á volta.
Casa da familia Morales Cotelo (Arquivo do Reino de Galicia) |
Ao regresar de Cuba, a onde tamén emigrara seu irmán Floro, Manuel Morales Mesejo, home elegante que vestía habitualmente traxe, garavata e sombreiro, estivo vencellado á administración local ocupando cargos no Concello da Laracha como o de xuíz de paz ou o de fiscal en tempos dos alcaldes Remigio Astray, Ramiro Suárez e José Astray. Nesta etapa da súa vida houbo quen o alcumou “Machado”, seguramente por facer Manuel algún que outro comentario sobre o presidente cubano, ou mesmo por bromear con que o dirixente caribeño apelidábase Morales coma el. Fora dun xeito ou doutro, o caso é que a persoa que herdou ese apelativo foi o seu fillo Pepe. Nacido en 1923, seica de cativo era un pouco retorcido e algo rebelde. Segundo nos contou a súa filla Pila, despois de facer as habituais trasnadas, recibía un día si e outro tamén a oportuna reprimenda de seu pai. “Papá disque era terrible, era un demo de rapaz. Meu avó non facía bo del, e cando o comía o xenio recordábase sempre do presidente de Cuba e berraba con el dicíndolle…
-Es coma Machado! Es coma Machado!
E así, con aqueles berros cotiáns de seu pai, os veciños empezáronlle a chamar “Machado” a papá, alcume que mantivo ata o último dos seus días. A nós quen nos contaba esa historia era a avoa Gumersinda, que estivo moito tempo encamada antes de morrer1”.
Montaxe fotográfico de Manuel Morales Mesejo e de Gumersinda Cotelo Abeleira (Cortesía da súa neta Pila Morales) |
Manuel Morales Mesejo, ademais das súas ocupacións no Concello, tamén traballaba ocasionalmente de zapateiro e explotaba unha telleira nuns terreos existentes na parte traseira do actual bar O Estanco. Home de pisar máis as dependencias municipias que a barreira, Manuel era o patrón desta telleira e contrataba habitualmente cuadrillas do Baixo Miño para fabricar tella e ladrillo que logo se encargaba el de vender.
Grazas ao testemuño de José Álvarez Alonso 'Buraco', telleiro baixomiñoto que traballou na Laracha nos anos 50, sabemos que uns veciños seus do Rosal (Pontevedra) estiveron durante os anos 20 ou 30 do século pasado na telleira de Manuel Morales. “O oficial da cuadrilla era Manuel Álvarez 'O Caniñas', que estaba casado cunha curmá de meu pai. De tendedor traballaba Enrique Dorado Otero, que anos despois o pobre estivera nun dos campos de concentración de Francia onde as autoridades francesas encerraron a miles de españois que fuxiran da represión franquista tras a Guerra Civil. Enrique vivía a poucos metros da miña casa. En 1955, cando lle dixen que ía traballar a Cabovilaño, á telleira de Anselmo, contoume que el tamén estivera alí cando era mozo traballando na telleira de Machado”.
Precisamente, cos telleiros do Baixo Miño ían aprender o oficio os fillos de Manuel Morales e Gumersinda Cotelo e, andando no tempo, algúns dos rapaces faríanse cargo da telleira familiar, deixando seu pai de contratar aos cabaqueiros pontevedreses. Pedro Esmorís Rodríguez recorda que antes de que el empezara a fabricar cerámica na telleira da súa familia, a telleira dos de Marcelo, da cal falaremos noutra ocasión, foi algunha vez de neno a de Manuel Morales. “Eso foi antes da Guerra. Eu nacín en 1929 e era do tempo de algún dos seus fillos. De rapaces había veces que o tío Manuel deixábanos xogar a facer tellas. Acórdome de ver traballar alí ao irmáns máis vellos... a Pancho, a Gelasio, a Pepe e a Maruja, que facía na tella que daba gusto vela”.
Efectivamente, como así nolo contaron outras fontes orais, Maruja disque era mellor oficial que algún dos experimentados oficiais baixomiñotos que traballaban na Laracha naquela época. Nacida en 1917, Maruja era, despois de Francisco (Pancho), a segunda da ampla prole de Manuel Morales e Gumersinda Cotelo. De mociña, vendo como fabricaban material os telleiros de Pontevedra, empezou a adquirir os coñecementos do oficio botándolles unha man de cando en vez aos operarios contratados por seu pai e pouco a pouco, seguramente xa nos tempos nos que o cabeza de familia emigrara a Cuba, empezou a amasar no barro, a tender o material e, finalmente, a fabricar tella e ladrillo contribuíndo, deste xeito, á subsistencia familiar naqueles difíciles tempos.
José Álvarez Alonso 'Buraco', rosalés que xa dixemos que traballara no Cancelo, durante os veráns de 1955 e de 1956, recorda que na época na que el estivo alí, formando parte da cuadrilla de Anselmo Álvarez Vicente, na telleira de Machado “traballaban dous fillos do tío Manuel Morales, Pepe e Floro, e unha filla, Maruja. Esta muller era unha verdadeira artista, era unha máquina facendo tellas no banco. Esa, coidado, eh! Eu nunca vira traballar unha muller así, dese xeito, nunha telleira. Penso que era máis vella que Floro e que Pepe. Alí soamente fabricaban ladrillo macizo e tella, e creo que ían buscar o barro a unha barreira que había indo para Lendo porque eles non o tiñan na súa telleira. Maruja era a que fabricaba o material e ollo, facía máis tellas no día que un oficial que tiña Anselmo. Floro era o tendedor e Pepe facía de carretilleiro e de pieiro. Se non recordo mal, Maruja xa estaba casada naquela época e que creo que o seu home axudáballes cando cocían, porque cando se cocía nunha telleira eran necesarias todas as mans posibles. O forno deles era pequeno e cadrado, coma a maioría dos que había na Laracha naquel tempo. Tería unha capacidade para unhas 25.000 pezas, e non facían máis de un par de fornadas cada temporada. Eu daquela tiña 13 anos e Maruja xa debía pasar ben dos 30”.
Maruja, Pepe e Floro Morales Cotelo traballaron xuntos na telleira familiar ata mediados dos anos cincuenta, década na que seu irmán Gelasio emigrou a Venezuela. Outra das irmáns, Pilar, tamén tiña previsto emigrar a este país mais, uns días antes da partida, a pobre faleceu atropellada na Coruña, salvando dunha morte segura ao meniño que coidaba e que tiña no colo no momento do accidente
Ao deixar de fabricar na telleira da súa propiedade, Maruja e Floro estiveron algún tempo na telleira de Anselmo antes de establecer definitivamente os seus respectivos domicilios na Coruña, cidade na que morreron en 2005 e 2002, Maruja aos 88 anos de idade e Floro aos 72.
Seu irmán Pepe, Pepe “Machado”, que tamén traballara algo na telleira dos de Marcelo e probablemente na de Anselmo, ao deixar a cerámica dedicouse ao gando porcino. A súa filla Pila, que nos recibiu coa maior das amabilidades no seu domicilio do Cancelo, recordaba que “despois do das telleiras papá gañaba a vida vendendo cochos. Primeiro compraba, logo tiña os animais na corte durante un tempo e despois matábaos, despezábaos e vendíaos. Cada semana mataba un ou dous cochos. Despois de despezar, collía o trolebús e ía a Coruña vender a carne e os chourizos nas prazas, nas carnizarías e a algún particular, coma aos donos dunha tenda de roupa que había en San Andrés. Meu pai tamén era o capador da zona”.
Pepe Morales 'Machado' nunha comuñón celebrada nos anos 60 (Cortesía da súa filla Pila) |
Pepe “Machado” conxugou durante case seis décadas os seus oficios de telleiro e de matachín coa nobre profesión de capador. Da arte que tiña para deixar sen armas reproductoras aos porcos da bisbarra poden dar testemuña numerosas casas de labranza larachesas, ás que chegaba na súa moto e nas que deu boa mostra do seu probado pulso coa coitela. Nos oitenta, a competencia dos veterinarios e doutros capadores non impediron que os apuros de traballo de “Machado” foran a menos. Nesa época soubo que existía unha práctica chamada vasectomía e pensou que se cadra había que deixar o oficio ou renovarse. Xa lle tocara vivir a reconversión da cerámica artesanal en industrial, coa chegada á Laracha de Epifanio Campo, e agora intuía que podía acontecer algo semellante. As autoridades sanitarias non convalidaban a longa experiencia cos porcos e poder entrar logo no novo negocio das vasectomías. Houbo capadores que nunca comprenderon que non se contara coa súa dilatada experiencia. Como di o admirado escritor cercedense Moncho Vilar Landeira2, na reconversión industrial non entrou o gremio dos capadores, mais a Pepe “Machado” nunca lle faltou traballo. Foise en 2003, mais o seu espíritu continua moi vivo na Laracha, especialmente na parroquia de Cabovilaño.
Na nebulosa da memoria pérdense outros contos sobre a telleira da que estamos a falar nesta crónica, entre eles o que nos contou o amigo Santi Ríos, porteiro do Laracha C.F. durante moitos anos, que nos dixo que seu avó materno, Ricardo Cotelo Cambón, explotou durante algún tempo a telleira que había detrás do bar O Estanco do Cancelo. Unha telleira que, obviamente, vén sendo a de Manuel Morales Mesejo, e que supoñemos que lle arrendou a Ricardo Cotelo cando Maruja, Pepe “Machado” e Floro abandonaron o mundo da cerámica.
Ricardo, que ao igual que o seu arrendador e outros numerosos veciños de Cabovilaño tamén emigrara a Cuba, estaba casado con Hermelinda Varela Becerra, matrimonio que tivo catro fillos: Ricardo, José, Mercedes e Asunción Cotelo Varela. A única que aínda vive é Mercedes, a nai de Santi Ríos. Nacida en 1939, a súa memoria poucos recordos garda sobre esta telleira mais, con todo, aínda se acorda de ver traballar alí cando era unha mociña a seus irmáns Ricardo e José, que eran algo maiores ca ela. “Meu pai e meus irmáns foron os últimos desa telleira. Despois deles xa non houbo ninguén máis. Alí traballaron durante algúns anos con xente de Pontevedra, que eran os que sabían o oficio”, recordaba Mercedes, que pensa que estiveron alí arrendados sobre a década dos cincuenta. Despois da curta experiencia na telleira, Ricardo Cotelo Cambón dedicouse á cría e venda de gando porcino, ocupación na que traballou ata que se xubilou. Morreu en xuño de 1978 aos 76 anos de idade.
Co paso do tempo, a zona onde estaba a telleira de Machado íase converter no lugar no que se celebraron as festas parroquias de San Román durante varios anos. Non foron poucas as parellas que se prometeron amor eterno alí, seguramente bailando sobre algún cascallo de tella ou ladrillo que aínda se podían ver polo chan dos tempos da cerámica ao tempo que a orquestra cantaba aquilo de:
“Así fue que empezaron papá y mamá
tirándose besitos y una guiñá.
Así fue que empezaron papá y mamá
y ya somos catorce… y ya vienen más”
______________
1 Gumersinda deixou viúvo ao seu home Manuel Morales Mesejo, que faleceu en Cabovilaño en novembro de 1962 aos 76 anos de idade.
2 Vid. Ramón M. Vilar Landeira (2004): “Un capador reconvertido”, La Voz de Galicia, Carballo, 14 de agosto, p. L11.
Encantoume Xabier. Se as historias que restan do libro que vai nacer no outono son tan amenas como estas, mágoa que haxa que agardar tanto. Mil parabéns!!!
ResponderEliminarMoitas grazas polos teus folgos, cabaqueira... farei todo o posible para que todas as historias resulten o máis amenas posible!
Eliminar