Ao final da campaña 1982/83, na que o equipo é 10º no grupo 1º da Terceira Rexional, Luciano Mallo García, abandonaba a presidencia da entidade, pasando a ocupar o seu lugar Jesús Cabeza. Nun artigo publicado en xuño de 1983, El Ideal Gallego informaba o seguinte:
El C.D. Golmar, equipo representativo de esta parroquia larachesa, ya tiene definitivamente compuesta la junta directiva, formada por los siguientes señores: presidente, Jesús Cabeza Bolón; vicepresidente, Cesáreo Vieites Juncal; tesorero, José Castro Puente; secretario, José Cameán Pérez; delegado, José Fernández Bello; y vocales, Donatilo Rodríguez Vázquez, Belarmino Esperante, José Iglesias Loureiro y José Barreiro Prego. La junta directiva incorporó a su cuadro técnico, como preparador físico, a David García Suárez y como entrenador ocupará estas funciones Belarmino Esperante1.”
Nesa mesma época, en xullo de 1983, tamén botaba a andar o Trofeo Concello da Laracha cos cinco equipos federados que naquela hora había no municipio: Club do Mar de Caión, Laracha C.F, U.D. Paiosaco, o propio C.D. Golmar e o San Román C.F., que se federada nese ano e que participaría durante tres tempadas na segunda categoría da Liga da Costa. Precisamente, San Román C.F. e C.D. Golmar foron os equipos que xogaron o primeiro partido da historia do devandito Trofeo Concello da Laracha, nunha eliminatoria previa na que o once de Cabovilaño venceu por 2-1.
Un décimo terceiro posto na táboa clasificatoria (nun campionato de 14 equipos) na tempada 1983/84 e un honroso sétimo na 84/85, participando sempre no grupo 1º da Terceira Rexional, ían poñer fin á etapa do C.D. Golmar no Campo do Pinar e comezar unha nova noutro recinto deportivo, o Campo do Igrexario, tamén chamado Campo da Feira.
Ese cambio dun campo ao outro foi o motivo polo que o equipo non competiu durante a tempada 1985/86, volvéndose a federar na seguinte. Nesta campaña 1986/87 Luciano Mallo retorna á presidencia da entidade e o ex xogador José Liñares é o adestrador dun Golmar que ocupa a sétima praza do grupo 1º da Terceira Rexional que estaba integrado por oito equipos.
Estamos nunha época na que o club era coñecido como o Boca Juniors da bisbarra por gastar indumentaria semellante a do popular equipo arxentino, con camiseta azul e franxa horizontal amarela. O Golmar é quinto na tempada 87/88; sétimo na 88/89; quinto na 89/90 e quinto na 90/91, participando en todas estas campañas no grupo 1º da Terceira Rexional.
Formación do C.D. Golmar (El Ideal Gallego, 16 de agosto de 1991) |
Nos noventa a entidade tamén crea o equipo xuvenil e non son poucos os rapaces da Laracha que optan por defender a camiseta do Golmar. Se cadra os bocadillos dos adestramentos e o bo ambiente que alí existía tiñan algo que ver no asunto.
O Golmar era un exemplo de subsistencia no que a clubs deportivos se refire, e o medio millar de habitantes da parroquia abofé que se sentía ben orgulloso de que o seu equipo de fútbol enarborara o nome da freguesía pola provincia.
A principios da década dos noventa seguía na presidencia Luciano Mallo García, que desde 1975, cando aínda era peña, soamente permanecera un ano desligado da directiva. O resto do cadro de dirixentes completábase naquela hora con José Dubra Fernández, José Cameán Pérez, Antonio Arijón e os irmáns Germán e Antonio Ribeiro. Ningún deles dubidou en poñer todo o seu esforzo persoal á hora de conseguir nivelar o capítulo orzamentario que naqueles tempos cifrábase nunhas 400.000 pesetas (uns 2.400 €) que eran afrontadas a base das cotas sociais, algunha subvención municipal e mesmo con diñeiro dos dirixentes, da veciñanza e dos propios xogadores. No que a competición ligueira se refire, o C.D. Golmar ocupa o posto 11º da táboa ao final da campaña 1991/92 (nunha liga de 14 equipos) e é o pechacancelas (posto 16º) na 92/93, ambas disputadas no grupo 1º da Terceira Rexional. Hipólito González era o adestrador do equipo nesta época e contaba con xogadores (se nos esquecemos de alguén avisade por favor) como o porteiro Suso; os defensas Pepe, Lito, José María, Caamaño e Siso; os centrocampistas Suso I, Carlos, Suso II e David; e os dianteiros Martín (xuvenil), O Rubio e Sande.
A entidade inicia a tempada 1993/94 cun notable incremento orzamentario: 1.200.000 pesetas. Segue, un ano máis, Luciano na presidencia e José Gómez 'Coiro' está á fronte da parte técnica contando con futbolistas como o porteiro Juan; os defensas, Lito, Sande, Bolita, Chema, Rivas, Ramón e Luís; os medios Carlos, Agustín (que viñera do Club do Mar), Paco, Carlos Alberto, Roberto I e Roberto II (ambos procedentes dos xuvenís do Paiosaco); e os dianteiros Siño, Alberto Varela, Álex e Diego (que viña de xogar no Marte). O equipo volve a ser o pechacancelas (posto 15º) da competición, neste caso do grupo 3º da Terceira Rexional.
Nese grupo 3º da Terceira Rexional o Golmar é 14º (penúltimo) na campaña 94/95 e unha vez máis pechacancelas (liga de 16 equipos) na 95/96. Na tempada seguinte Ramiro Rodríguez, un vello coñecido da casa, que naquel momento levaba cinco anos sen adestrar, faise cargo do equipo que seguía presidindo Luciano Mallo. Un ano máis, o Golmar ocupa ás últimas posicións da táboa, quedando no posto 11º da competición ligueira (liga de 13 equipos).
La Voz de Galicia (Edición Bergantiños), 13 de setembro de 1996 |
Os últimos anos da década dos 90 o equipo xoga encadrado no grupo 4º da Terceira Rexional, onde é penúltimo na campaña 97/98 (liga de 10 equipos); outra vez penúltimo na 98/99 (liga de 10 equipos) e pechacancelas na 1999/2000 (liga de 16 equipos), que foi a última tempada que o C.D. Golmar disputou como equipo federado.
Formación do C.D. Golmar na segunda metade dos anos 90 |
Nesa última tempada da historia do club xa non estaba na presidencia o incansable Luciano Mallo, merecedor dun monumento na parroquia polo esforzo e traballo de tantos anos. Gelasio da Laracha foi o último presidente desta entidade que xa hai case un cuarto de século que desapareceu mais que continua a estar moi presente na memoria de toda a veciñanza e de todos os futbolistas que vestiron nalgunha ocasión a súa camiseta!
(FIN)
____________
1 Vid. El Ideal Gallego, 26 de xunio de 1983, páx. 21.
Ningún comentario:
Publicar un comentario