mércores, 17 de xaneiro de 2024

HISTORIA DO C.D. GOLMAR (1ª parte)

  Na memoria de boa parte da veciñanza de Golmar, aínda resoan os berros de ánimo aos once valentes que cada domingo defendían a camiseta do equipo de fútbol da parroquia, o Club Deportivo Golmar, que estivo federado durante máis de vinte temporadas e que xa hai case un cuarto de século que desapareceu.

  Corrían os anos 70 cando un grupo de mozos, dos poucos que aínda non fixeran a maleta da emigración, decidiron crear na parroquia un equipo de fútbol para tratar de emular as filigranas dos astros que viran no Mundial de 1974, entre eles os lendarios Beckenbauer e Johan Cruyff, grandes protagonistas da memorable final que gañaron os teutóns por 2-1. Precisamente, nese Campionato do Mundo participou con Arxentina Quique Wolff, daquela futbolista do River Plate e que era xenro de Arturo Queijo Pose, veciño de Golmar que emigrara a Arxentina coa súa dona Amparo Rodríguez Cambón, natural de Vilaño, e coa súa cativa Mara, quen andando no tempo íase converter na muller do nomeado Quique Wolf. Mais esta historia xa vola contarei noutra ocasión.

    Aquel grupo de mozos de Golmar estaba capitaneado por Luciano Mallo García, verdadeira alma desta entidade que, sobre o ano 1975, empezou a xogar como peña os seus primeiros partidos nun campo que prepararan por aqueles días nas brañas de San Cristovo.

    Tras varias temporadas participando na liga de peñas empezouse a falar da posibilidade de dar un paso máis aló federando ao equipo. Inicialmente a idea tivera moi boa acollida na parroquia mais, para levala a cabo, quedaba por diante un arduo traballo na Beria, lugar onde a familia do C.D. Golmar ía levantar o seu “teatro dos soños” particular: o Campo do Pinar, que estaba na mesma zona que hoxe ocupan as instalacións do Club de Tiro Olímpico O Pinar.

    Foron moitas as horas (e cartos) que alí se investiron para cumprir o soño e, tamén,  os requisitos que esixía a Federación Galega. Como o campo era algo costento, houbo que sacar terra dun lado e botala no outro, achanzar, facer o cerrume, o peche perimetral do terreo de xogo e, naturalmente, os vestiarios e a cantina. Unha vez rematada a obra, o Club Deportivo Golmar solicitoulle á Federación que lle dese o visto e prace ao seu novo recinto deportivo. E así, pouco despois, tras a luz verde do ente federativo, o club larachés, que tivo en Luciano Mallo García ao seu primeiro presidente, botaba a andar como equipo federado integrando o grupo 1º da Terceira Rexional

 

Bandeirola co escudo do C.D. Golmar

    O debut producíase o 7 de xaneiro de 1979, data na que o acadaban un empate (2-2) no campo do Sueiro. Unha semana máis tarde o Golmar xogaba o seu primeiro partido como local, empatando 4-4 no Campo do Pinar diante do Sarandóns. Na crónica semanal de Víctor Castro, El Ideal Gallego publicaba o seguinte sobre ese histórico enfrontamento:

Inauguración del campo del Golmar y fotos para la posteridad. Hasta el minuto 40 ganaba el Sarandones por un gol a cero. A continuación aumentó la cuenta a dos de penalti, un minuto después otro penalti y el Golmar logra su gol. Otro penalti para el Sarandones y el 1-3 queda en el marcador. En la continuación puso el Golmar el 2-3, volviendo a despegarse el Sarandones con un 2-4, hasta que en una encomiable reacción, el once local, logró empatar el partido. Muy bien los dos equipos, en especial el Golmar, que supo crecerse ante un tanteador adverso. El señor Oís Rico magnífico, señaló en el plazo de cuatro minutos tres penaltis, sin que nadie protestase los mismos1.

    Logo dun novo empate (2-2) en Suevos na terceira xornada da competición, chegaría a primeira victoria diante dos seus seareiros tras impoñerse ao Ledoño por 3-2. O Golmar remataría aquela primeira temporada como equipo federado nunha meritoria quinta praza da táboa clasificatoria, gañando cinco partidos, empatando sete e perdendo seis.

    Unha reestruturación federativa levou ao equipo a competir na temporada 1979/80 no grupo II da Segunda Rexional A, que integraban clubs como o Bergantiños, Paiosaco, Campanal de Loureda (que sería o campión), Atlético Arteixo, Penouqueira, Laracha, Cerceda ou Club do Mar de Caión. O Golmar rematou a campaña no posto duodécimo con 13 puntos, dous máis que o Larín e seis máis que o Penouqueira, pechacancelas da competición con tan só 7 puntos.

    Na campaña 1980/81 o club ocupa unha meritoria novena praza no grupo II da Segunda Rexional A. Para o recordo queda un partido do que, despois de tantos anos, aínda se fala en Golmar de cando en vez: a histórica vitoria conseguida na xornada 21ª diante do todopoderoso Bergantiños por 3-1 con goles de Rodríguez, Cesáreo e Lito. 

 

El Ideal Gallego, 15 de abril de 1981

    Na tempada seguinte, a 81/82, o equipo descende de categoría logo de ocupar a antepenúltima praza do grupo II da Segunda Rexional A, na que nunca máis volvería a competir ao longo da súa historia. 

   Futbolistas de aqueles primeiros anos como equipo federado foron os porteiros Pedro e Maximino; os irmáns Antonio e Amador Fuentes; Mallo; Hipólito Rodríguez 'Lito'; Manuel Carnota; Cesáreo Souto; Hipólito González; os irmáns Antonio, Manolo e José Martínez; José Liñares; Ramiro Rodríguez; José Cambón; Antonio Arijón; Antonio Riveiro; os irmáns Jesús e José Dubra; os tamén irmáns Donatilo e José Rodríguez, Varela, José Manuel, Minocho, Germán, Verdía... 

 

Formación do C.D. Golmar no Campo do Pinar. Arriba, de esquerda a dereita: Pombo -vicepresidente-, Mallo -presidente-, Dubra, Cambón, Amador, Germán, Chucho Dubra, Ramiro O Rubio, Jaime, Emilia -a madriña do equipo-, Juan -delegado- e Antonio -directivo-. Abaixo: Tilo, Manolo, Minocho, Antonio, Rodríguez, Lito e Suárez (Cortesía de Hipólito Rodríguez 'Lito')

(...CONTINUARÁ)

 

_________

1 Vid. El Ideal Gallego, 18 de xaneiro de 1979, páx. 20.

Ningún comentario:

Publicar un comentario