Se paseades pola praia e atopades unha pedra o máis probable é que efectivamente sexa… unha pedra. Mais tamén existe a remota, moi moi remota posibilidade, como lle pasou a unha moza de Caión no último terzo do século XVI, de que esteades parados fronte a un tesouro: un anaco de ámbar gris, o nome elegante co que se coñece a certo tipo de materia fecal dos cachalotes.
Praia das Salseiras de Caión |
O ámbar gris é unha secreción biliar dos intestinos do cachalote que podedes ver, case coas mesmas posibilidades de atopar unha agulla nun palleiro, flotando no mar ou na area da costa. Segundo nos contou Alfredo López, á voz máis coñecida da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños de Galicia (CEMMA), este material é unha egagropila, por así dicir, que producen os cachalotes dos restos de picos e pezas dos cefalópodos que comen estos grandes mamíferos oceánicos.
Algúns científicos propuxeron a teoría de que o intestino destos cetáceos produce esta sustancia como medio para facilitar o tránsito de obxectos duros e afiados que o animal come de xeito inadvertido. Christopher Kemp, autor do libro Floating Gold: A Natural (and Unnatural) History of Ambergris ("Ouro flotante: unha historia natural (e pouco natural) do ámbar gris"), conta en BBC Mundo que este material “é produto dun problema intestinal e a súa rareza débese a que en principio prodúceno soamente unha mínima fracción da poboación dos cachalotes -cerca do 1%- en circunstancias particulares”.
Trátase dunha especie de resina viscosa e cheirenta, de cor gris mate ou negra, con tonalidades variadas como o marmol, pero, co paso do tempo -anos, décadas- e a medida que as correntes a levan de aquí para alá, vai adquirindo un corpo ceroso e unha fragrancia particular, ata que finalmente as ondas a empurran cara a costa. Canto máis tempo pase no mar, máis refinado e complexo se torna o seu aroma, e máis elevado o seu valor.
Desde hai moitos séculos, o ámbar gris foi considerado un produto de verdadeiro luxo. Usado antigamente en cerimonias relixiosas, como afrodisíaco en Medio Oriente, delicatessen en China ou como ingrediente en pocións de mediciña tradicional, na actualidade este material utilízase maiormente na industria do perfume, principalmente, para fixar e exaltar fragrancias máis delicadas e moi volátiles. Cada vez é máis complicado atopalo e, dende a década de 1990, é moi difícil que se engada en algún perfume. Moitas veces utilízase ambroxan, un sustituto sintético, pero que non consegue igualar o seu poder. Para que me entendades, é como escoitar tocar a Luar na Lubre ou unha banda que interpreta un tema de Luar na Lubre. Soan dalgún xeito igual, pero definitivamente fáltalles unha certa cualidade imposible de definir.
Anaco de ámbar gris (Cristopher Kemp) |
Aínda que normalmente non supera uns centos de gramos, o bloque de maior tamaño de ámbar gris rexistrado pesaba 63 quilos e proviña dun cachalote cazado nas Indias Orientales Neerlandesas no que hoxe se coñece como Indonesia.
Como xa apuntamos, estímase que só un de cada 100 cachalotes é capaz de “fabricar” ámbar gris, o que lle confire a este produto un halo de extremada rareza e desorbita o seu valor no mercado. Por exemplo, un ámbar gris de nove quilos e medio de peso e 60 centímetros de diámetro localizado hai uns anos valorouse nuns 500.000 euros.
Nalgúns países, aínda se taxa con prezos máis elevados que o ouro, pero poucos saben de onde vén realmente. Por outra parte, e malia a que en moitas partes (como Europa) a comercialización é legal, en Estados Unidos, por exemplo, unha lei de 1972 para protexer aos mamíferos mariños prohibe a comercialización desta sustancia e mesmo penaliza o feito de recoller un anaco de ámbar gris na praia.
Na nosa contorna sabemos a historia, grazas ás investigacións de José Raimundo Núñez-Varela y Lendoiro, Cronista Oficial de Betanzos, Miño e Paderne, dunha caionesa que atopou no areal da súa vila un anaco deste raro residuo abdominal nun momento no que Caión era un dos grandes portos baleeiros galegos.
Viaxamos, pois, ata o último terzo do século XVI, época na que unha moza, solteira e menor de idade, por non cumprir os vintecinco anos, de nome María Pereira de Toxo e filla de Pedro Toxo, veciños desta vila mariñeira, encontrou «… en la costa de la mar dela dha Villa de cayon…» nada menos que catorce libras de ámbar gris, cunha valoración de trescentos ducados de ouro cada libra.
Panorámica aérea de Caión (www.turismo.gal) |
Unha libra equivale a 0,45 quilogramos, polo tanto, 14 libras son 6,350 quilogramos. O ducado do século XVI e de comezos do século XVII tería unha equivalencia actual a uns 196 euros (segundo o prezo do ouro en peso en 2023 de 54.54 € por gramo de 22 K), así que aquelas catorce libras de ámbar gris localizadas en Caión eran todo un fortunón, abofé!
Informado o comerciante Agustín Garrido de semellante achado, púxose dacordo co pai da rapaza para adquirir o tesouro, e compartilo con Fernando de Cancelo, Juan Catoira e Miguel Rajo, todos veciños da vila mariñeira.
Anaco de ámbar gris (Cristopher Kemp) |
Entrementres, no transcurso daqueles días, ten lugar o matrimonio do comerciante Antonio López de Hiebra, veciño así mesmo de Caión, coa afortunada María Pereira, quen entende que se tratou dunha transacción enganosa e en prexuízo da súa muller, polo que procede a reclamar ao nomeado Agustín Garrido, á súa muller Beatriz de Castro e a Claudia, a súa filla, unha compensación pola diferenza que considera se lle pagou de menos, baixo a intimidación de que en caso de non efectualo recorrerá aos tribunais.
Esta enfastiada situación resolvérona mediante escritura de compromiso formalizada no lugar de Crendes (Abegondo), o 19 de xaneiro de 1587, ante o escribán Juan Pérez Álvarez do número de Betanzos, na que fan constar «…E por que los fines de los Pleitos son dudosos e peligrosos e muy costososos (sic) por nos quitar y ebitar dellos somos convenidos e concertados de nos conprometer con la dhas dudas deferencia En manos E poder de Jueces arbitros…».
Por parte do reclamante nomease a Gómez Fernández Catoira, Rexedor da Coruña, como o seu mediador, e por parte do comerciante Agustín Garrido ao bacharel Jácome Cortés, Tenente de Corrixidor de Betanzos.
Segundo nos conta José Raimundo Núñez-Varela, enténdese que os xuíces xa estaban ao tanto do problema existente entre ambos comerciantes, de aternos ao feito de que o mesmo día emiten a sentenza arbitral, na que determinan que o adquirente Agustín Garrido lle aboe ao reclamante Antonio López cento setenta ducados de ouro en dous prazos, e que este último poida demandar «…qualquier quantidad que del dho anbar ayan tomado y llebado quales quier vecinos de la dha Villa de callon…», en clara referencia aos outros tres veciños que negociaran con Pedro Toxo1.
Acto seguido Antonio López de Hiebra fai saber, dando o seu testemuño e expresando o da súa muller María Pereira ausente ante o mesmo escribán, data e lugar, de que non irá nin demandará cousa algunha ao comerciante Agustín Garrido, a súa muller e filla en razón do ámbar que «…ayan tomado y llevado…» como así consta na escritura coa que se da por finalizado o proceso.
Para maior concreción e coñecemento documental, presentamos seguidamente tres apéndices coa transcrición realizada por José Raimundo Núñez-Varela das partes máis relevantes das escrituras públicas formalizadas:
FONTES:
Núñez-Varela y Lendoiro, José Raimundo (2018): Arbitraje de La Coruña y Betanzos para el ámbar gris hallado en Cayón en 1587, Sitio web del Cronista Oficial de Betanzos, 15 de agosto.
Plitt, Laura (2015): ¿Por qué la caca de cachalote se cotiza en miles de dólares?, BBC Mundo, 1 de outubro.
____________
1 Arquivo Notarial da Coruña. Protocolo 11, folio 3, do escribán Juan Pérez Álvarez, do número de Betanzos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario