O veciño do Ramallal Celso Sande, nacido neste lugar en 1932, leva ligado ao seu apelido un dos oficios tradicionais máis característicos da parroquia de Golmar. Na súa casa vella, situada a poucos metros da nova vivenda e á esquerda da estrada que une A Laracha con Cerceda, elaboráronse cada ano centos de zocos que logo vendían polas feiras da contorna.
O señor Celso en novembro de 2023 |
O señor Celso fora adquirindo de moi novo os coñecementos do oficio ao carón de seu avó materno Mariano Sande Rodríguez, zapateiro e zoqueiro que vivira os bos tempos da feira de Golmar que se celebrou, o primeiro e o terceiro mércores de cada mes, nuns terreos existentes entre os lugares de Lamas e O Igrexario dende 1916 ata 1927 ou 1928.
Zoqueiro nunha feira (Ruth Matilda Anderson) |
Mariano estaba casado con Generosa Fraga Queijo, matrimonio do que naceron cinco fillos: Manuel, Evaristo, Antonio, Carmela e Jesusa, a nai de Celso. Os varóns ían aprender o oficio co pai e, ao abandonar o niño familiar, traballaron como zoqueiros nos lugares nos que casaron: Manuel no Igrexario de Golmar, Evaristo en Lañas (Arteixo) e Antonio en Requesende (Golmar).
Cunha xovialidade envexable Celso Sande, que vai camiño dos noventa e dous anos, lembraba hai uns días no seu domicilio que na súa parroquia houbo moitos máis zoqueiros que, coma eles, intentaban vender o produto elaborado nas feiras que se celebraban na bisbarra. “Que eu recorde, aquí no Ramallal á parte de nós, tamén facían zocos Jesús Queijo e Jesusa Juncal; na Tabeira facíaos José Pazos; no Igrexario meu tío Manolo e alí tamén era zoqueiro Sabino Vieites; en Folgueiros, Antonio Vieites; en San Cristovo, Manuel Regueiro; e en Requesende estaba meu tío Antonio”.
O zoco, feito habitualmente con madeira de abeneiro ou bidueiro, é o calzado tradicional de Galicia. Noutras zonas da nosa xeografía coñécese por abarcas, chancas, galocha ou chamancas. A pigoteira é a punteira do zoco, e o reforzo que pode levar no interior é a biqueira ou bigoteira. As puntadas de fío que leva ese reforzo chámase coirel. A superficie de coiro empregada nun zoco denomínase peza, becerro ou empeña. Un zoco pódese facer dunha peza de coiro ou de dúas. Os de dúas tiñan, e teñen, a pigoteira adobiada porque era un calzado para mulleres e rapaces. A pigoteira pode ser recta ou coa forma do empeine do pé. A tireta, veiril, veirón, bira ou cerco é unha tira delgada de coiro que rodea a parte da peza onde se cravan as puntas que fixan o coiro nun reborde na base de madeira chamado releixó, gargalo ou xabre. A parte inferior do zoco, a parte de madeira, é coñecida como cerraxe, sola, sol ou xostra. Así mesmo, cerraxe= tireta+puntas+sola. A lingüeta é a zomba. Os cordóns pasan polos agulletos, para axustar o zoco aos pés. Cando o cordón é de coiro faise dunha peza chamada correal, e o cordón coñécese como courel, mallolo ou amalló1.
Partes dun zoco (www.geocities.ws/coirogalicia/coirogalicia/zocos.html) |
Antes era un calzado que se empregaba por necesidade, mais actualmente varios artesáns de Galicia como Elena Ferro (Premio Nacional de Artesanía 2019), Alberto Geada, Sole Morais ou, entre outros, Zoclos Artesanía conseguiron poñer de moda eleborando zocos de calidade e deseño.
Na casa do señor Celso o primeiro que se facía para elaborar os zocos “era buscar paus axeitados e despois, aí diante da casa vella, cortabamos as medidas da sola. Nós utilizabamos madeira de abeneiro e, ás veces, tamén de salgueiro. Despois, eu dáballe forma ao pau coa macheta e afinaba coa trencha. Meu avó organizaba ben a xornada. Un día, por exemplo, era para coser e outro día para outra cousa. El sabía cortar as pezas de coiro, sabía coser… Normalmente el cortaba e eu cosía, moitos días ata a noite, porque había luz de carbón, aínda non había luz eléctrica. Se cadra cosía trinta pares no día e de xeito diferente xa que os zocos que ían para a feira da Adina, no Mesón do Vento, cosíanse dunha forma, os que ían para Cerceda doutra… Faciamos un debuxo con fío, un biqueiro picado por diante… había que vestir os zocos doutra maneira porque así o demandaba a xente de cada zona”.
Neno zoqueiro (Ruth Matilda Anderson) |
A compra do coiro realizábana nos curtidoiros da bisbarra, especialmente “en Rus (Carballo), nos tres que había en Montemaior: o de Cumiáns, o do Viso e o do Sopé, e nos dous de Golmar: o do Regueiro, que era dun veciño noso, de Antonio Fuentes Pérez, e o de San Cristovo que, se non recordo mal, era propiedade de Antonio Queijo”.
Con relación ás feiras nas que vendían o seu produto, o noso protagonista comentounos que “os zocos vendíanse en moitos sitios; miña avoa Generosa ía a da Adina e eu ía a da Silva porque as dúas feiras celebrábanse no mesmo día e había que repartirse. Despois tamén íamos ás feiras de Carballo, a de Paiosaco, a de Vista Alegre, onde xa encargaban doutra forma e non lle facíamos ese debuxo darredor aos zocos”.
O señor Celso traballou uns dez anos de zoqueiro, oficio de moito esforzo e pouco carto, ata que coñeceu a Alicia Súarez Balbís, unha moza de Sofán coa que casou en 1961. A medida que a familia ía aumentando, primeiro foron pais de Felisa e logo de Asunción, José Manuel e Nieves, o antigo zoqueiro empezou a gañar a vida na construción, onde traballou na edificación de obras como a refinería de Meicende ou nalgunha nave do Polígono Industrial de Sabón.
Alicia e Celso no seu casamento (Cortesía da familia) |
En 1967, ao igual que ducias de veciños da Laracha, emigrou a Suíza para traballar por temporada na construción. Estivo así, indo e vindo cada 6 ou 7 meses, ata 1984, que foi o ano no que voltou definitivamente do país helvético para dedicarse á terra e a unha pequena explotación gandeira na que traballou ata que lle chegou a xubilación.
O señor Celso agora vive tranquilamente na súa casa do Ramallal onde, na compaña da súa familia, que o trata a corpo de rei, recibiron a un servidor coa maior das amabilidades para recordar os tempos nos que os zoqueiros de Golmar tiñan sona en toda a bisbarra!
O
señor Celso Sande e Xabier Maceiras no Ramallal, diante da casa na que o
noso protagonista aprendeu con seu avó Mariano o oficio de zoqueiro
(Nieves Sande) |
________
1 Vid. www.geocities.ws/coirogalicia/coirogalicia/zocos.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario