Setenta e cinco anos despois de efectuarse o interrogatorio do Catastro de Ensenada do que xa falamos hai varias semanas, publicábase o Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal, unha magna obra composta por once volumes na que se fai referencia das telleiras que había na Laracha nos primeiros anos do século XIX.
O autor deste dicionario foi o relixioso e escritor afrancesado español Sebastián de Miñano y Bedoya (Becerril de Campos, Palencia, 1779-Baiona, Francia, 1845), nun principio defensor dos ideais liberais, aínda que máis tarde pasou a simpatizar co bando dos absolutistas moderados. Aio do infante Luis de Borbón (1795), cando este accedeu ao arcebispado de Sevilla pasou a desempeñar o cargo de primeiro oficial da súa secretaría (1799) e, entre 1801 e 1804, íase ocupar dos asuntos do cardeal de Borbón na corte.
No momento no que as tropas francesas invadiron España, Miñano acompañou ao xeneral Castaños na súa entrada en Madrid (agosto de 1808), mais posteriormente non só ía recoñecer a José I Bonaparte, senón que se converteu nun dos conselleiros íntimos do novo monarca. Coa caída deste tivo que emigrar a Francia, onde permaneceu ata 1816, que foi cando puido regresar a Madrid xunto con outros afrancesados.
Durante a época constitucional colabora en El Censor. A súa visión sobre a problemática política do seu tempo aparece reflexada en Lamentos políticos de un pobrecito holgazán (1820), que, xunto con Historia de la revolución de España de 1820-1823 por un testigo ocular (1824), escrita en francés, e o seu Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal (1826-1829), constituen o máis sobresainte da súa obra.
A edición do seu monumental dicionario, no que recolle datos sobre as diferentes divisións relixiosas ou administrativas do estado, así como dos núcleos de poboación, serviríalle para gañar un sillón na Academia de Historia en 1825. Con todo, este éxitoso traballo tivo as súas luces e as súas sombras xa que polemizou sobre as insuficiencias da obra co xeógrafo Fermín Caballero, quen lle reprochaba a Miñano que as principais fontes de información seguían sendo, como en tempos de Felipe II, os cregos. Ante as recriminacións de Caballero, Miñano defendeuse dicindo, en alusión aos curas párrocos, que… “á cada uno de los cuales he escrito separadamente, pidiéndoles nociones ciertas y positivas de sus respectivos pueblos y de los inmediatos”, cregos aos que Miñano agradeceu a súa axuda, o mesmo que ao director da Real Academia da Historia, Martín Fernández de Navarrete, e ao censor Juan Agustín Ceán Bermúdez.
O Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal ten unha importancia extraordinaria para a investigación que nos ocupa xa que ofrece unha completa visión de como era o país naquela época. Ao describir as parroquias do que hoxe é o municipio da Laracha, Miñano fai mención de seis telleiras, catro en Vilaño, unha en Cabovilaño e outra en Coiro.
Con relación á parroquia de Vilaño, cando o noso protagonista describe a industria existente alí conta que había “(…) 4 telares de lienzo, 2 batanes para lana del país y 4 hornos de teja que fabrican 20.000 al año”1. No Catastro de Ensenada de 1752 eran dúas as telleiras nomeadas nesta freguesía e agora, setenta e cinco anos despois, Miñano informa dun total de catro no seu dicionario, que, con certeza estarían entre o lugar da Telleira, na parroquia de Cabovilaño, a actual rúa José Añón Canedo, e os lugares de Bos Aires, Vilaño Vello e A Telleira, os tres na parroquia de Vilaño.
En
Cabovilaño,
no apartado industrial, Miñano menciona
“(...)
4
molinos de agua; 4 telares; 1 horno de teja que hace 14.000 tejas al
año, y en el que hay empleados 6 trabajadores”2.
Ao
non aportar ningún tipo de información sobre a localización desta
telleira, non
sabemos se está
a falar do
forno de Oldán, o
mesmo que aparece
nomeado no Catastro de Ensenada, ou se sería
algún dos que se traballaron no lugar do Cancelo durante décadas,
telleiras das que daremos boa conta no
futuro nestas Crónicas da Laracha.
E finalmente, con relación a Coiro, ao informar sobre a industria desta parroquia, Sebastián de Miñano y Bedoya conta que hai “(...) 1 fábrica de teja y ladrillo, 18 molinos de agua para hacer harina, 2 batanes de lana del país, y bastante grangería en ganado vacuno, que en todo este país es muy bueno”3.
Nun primeiro momento, dado o evidente significado do topónimo Fornos, pensamos que era obvio que os fornos desa “fábrica de teja y ladrillo” estarían neste lugar da freguesía de Coiro situado nas proximidades de Merelle. Con todo, para confirmar as nosas sospeitas, recorremos unha vez máis ao buscador de inmobles da páxina web da Sede Electrónica do Catastro4, onde localizamos varias leiras co nome de “A Telleira” nas proximidades dos lugares de As Meneiroas e Merelle.
Panorámica actual do lugar de Fornos (Xabier Maceiras) |
Na estrada DP-1913, en dirección a Soandres, xusto na entrada da vía que conduce ao lugar do Cruceiro e á igrexa de San Xián de Coiro, á man dereita hai un camiño que nos leva ata As Meneiroas. Pois ben, nos lindes deste camiño hai catro leiras denominadas “Tilleiro”, as que aparecen na imaxe que acompañamos nesta crónica cos números 41, 42, 43 e 174, e dúas co nome de “Telleira”, a número 40 e a 47. Tamén son significativas as parcelas números 20 e 21 que aparecen no catastro co nome de “Fornos”, microtopónimos todos eles esclarecedores da máis que probable situación da “fábrica de teja y ladrillo” de Coiro da que informaba Miñano nos primeiros anos do século XIX no seu popular Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal.
No interior dos círculos están as parcelas denominadas "Tilleiro", "Telleira" e "Fornos" (https://www1.sedecatastro.gob.es/cycbieninmueble/ovcbusqueda.aspx) |
Á
esquerda da imaxe, tomada dende O Cruceiro, vemos o lugar de As
Meneiroas. Na braña é onde están as leiras denominadas "Tilleiro" e
"Telleira" (Xabier Maceiras) |
_______________
1 Vid. Sebastián de Miñano (1828): Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. Tomo IX Imprenta de Pierart Peralta, Madrid, p. 327.
2 Vid. Sebastián de Miñano (1826): Suplemento al diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal. Tomo XI, Imprenta de Moreno, Madrid. p. 151.
3 Ibídem, p. 229.
Ningún comentario:
Publicar un comentario